Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 175 Xoves, 13 de setembro de 2012 Páx. 35874

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

RESOLUCIÓN do 8 de agosto de 2012 pola que se encomendan ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar as xestións para a construción de escolas infantís 0-3 nos concellos de Boiro, Burela, O Carballiño, Fene, A Laracha, Malpica, Marín, Moaña, Oza-Cesuras, Porto do Son, Redondela, Ribadeo, Verín, Tomiño e Vilagarcía de Arousa.

Antecedentes de feito:

Primeiro. Na data do 16 de decembro de 2011 o Ministerio de Educación e a Comunidade Autónoma de Galicia subscribiron un convenio de colaboración para a creación de prazas de primeiro ciclo de educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia dentro do Plan Educa3 no ano 2011.

A posta en marcha de Educa3 levou consigo a sinatura de convenios de colaboración entre o Ministerio de Educación e a Comunidade Autónoma de Galicia para o financiamento de prazas públicas do primeiro ciclo de educación infantil nos anos 2008 e 2009 e unha addenda en 2010. Aínda así a cobertura de prazas resulta insuficiente para responder ás demandas da sociedade galega.

Porén, ambas as dúas partes consideraron necesario continuar coa extensión do Plan de financiamento de prazas públicas do primeiro ciclo de educación infantil no marco do Plan Educa3, mantendo o obxectivo común de incrementar a oferta de prazas públicas do primeiro ciclo de educación infantil. Educa3 fará posible o obxectivo previsto de modo que se atenda á demanda crecente das familias de ter acceso a unha educación de calidade que compatibilice a atención aos nenos coas necesidades de conciliación da vida familiar e laboral.

Con base no citado convenio, o Ministerio de Educación achega á Comunidade Autónoma de Galicia a cantidade de 5.286.521 euros para a creación e posta en funcionamento das escolas infantís na Comunidade Autónoma de Galicia, con cargo á aplicación 18.04.322A.450.02 dos orzamentos xerais do Estado para 2012.

Segundo. O instrumento previsto para a xestión integral das escolas infantís da Comunidade Autónoma de Galicia, nos concellos que o teñan solicitado é o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, integrado pola Xunta de Galicia, 272 concellos galegos e 4 mancomunidades, que é a fórmula xurídica escollida para unha xestión moderna e innovadora dos servizos sociais.

Algunha das vantaxes deste modelo é a de poder garantir a prestación de servizos de calidade con niveis suficientes de cobertura, a flexibilización do acceso e do uso dos recursos sociais e a mellora dos dispositivos de coordinación. Igualmente, redundará en beneficio da eficiencia e da eficacia no desenvolvemento das competencias propias da Xunta, tanto na planificación coma na programación, na ordenación e na coordinación do Sistema Galego de Benestar. Trátase dun sistema de servizos que ten por obxectivo cohesionar e artellar socialmente o país, con intervencións dirixidas a consolidar o noso tecido sociocomunitario, reforzando os vencellos sociais e combatendo os procesos de desestruturación territorial e social que os debilitan.

Os estatutos do Consorcio establecen con carácter singular a atención na xestión integral das escolas infantís en Galicia. As escolas infantís son aqueles equipamentos que, calquera que sexa a súa denominación, organizan o coidado dos nenos/as no seo dun grupo co fin de contribuír ao seu benestar e ao seu proceso evolutivo, facilitando a conciliación da vida laboral e familiar das familias mediante a súa garda e custodia.

O Consorcio conta para iso cun proxecto educativo asistencial de calidade para a atención á infancia con idades comprendidas entre os 3 meses e os 3 anos, que busca adaptarse ao concepto de familia do século XXI e permitir a conciliación da vida laboral e persoal da cidadanía galega ao tempo que facilita a súa inserción no mercado laboral.

Este é un ambicioso proxecto que busca superar as desigualdades territoriais e diminuír as diferenzas entre a Galicia urbana e a rural, con presenza en calquera punto do territorio independentemente do tamaño do concello e sen que dependa da disposición política do goberno municipal ou da capacidade orzamentaria daquel. Desta maneira, garántese que se impartirá o mesmo proxecto educativo en todas as escolas infantís.

Quérese así mellorar a oferta educativa e pedagóxica, cun proxecto de calidade vertebrado pola identidade e que terá como valores fundamentais a tolerancia, o respecto e a imaxinación á hora de educar os nenos e as nenas que son o presente e o futuro do século XXI.

A todo isto contribuirá a creación das novas escolas infantís de Galicia, co obxecto de integrar e potenciar a moi feble oferta existente, insuficiente para cubrir a demanda e as necesidades galegas.

Terceiro. Consonte o anteriormente exposto os concellos de Boiro, Burela, O Carballiño, Fene, A Laracha, Malpica, Marín, Moaña, Oza-Cesuras, Porto do Son, Redondela, Ribadeo, Verín, Tomiño e Vilagarcía de Arousa solicitaron a dotación deste equipamento ao abeiro do Plan Educa3.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Consellería de Traballo e Benestar é o departamento da Administración autonómica a que corresponden, entre outras, as competencias en materia de familia, de conformidade co Decreto 109/2012, do 22 de marzo (DOG número 73, do 17 de abril), polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar. En consecuencia, corresponden a este departamento, as funcións correspondentes á xestión das políticas autonómicas en materia de acción social de apoio á familia, segundo o disposto na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, e na Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia.

Segundo. O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (CGSIB), segundo dispón o artigo 3.1 dos seus estatutos de creación, aprobados pola Resolución do 4 de xullo de 2006 da Secretaría Xeral e de Relacións Institucionais, é unha entidade de dereito público, de carácter interadministrativo, con personalidade xurídica propia diferente da dos entes consorciados, dotado de plena capacidade de obrar para o cumprimento dous seus fins. Exercerá, de acordo co artigo 7, a competencia para a determinación e/ou execución, en colaboración cos concellos, se é o caso, das obras de construción, mellora reforma ou adaptación de instalacións que poidan ser necesarias para a prestación dos servizos sociais, con especial atención á xestión integral das escolas infantís e na atención educativa e asistencial aos menores de 3 anos.

Terceiro. O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (CGSIB) adscríbese ao órgano competente en materia de servizos sociais consonte o disposto nas cláusulas primeira e quinta da Resolución do 4 de xullo de 2006, tendo en conta que a súa misión principal é a participación na dirección, avaliación e control da xestión dos servizos sociais de ámbito local, resulta a súa adscrición actual, por razón da materia, á Consellería de Traballo e Benestar, para os efectos do disposto polo artigo 56 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico.

Os órganos reitores do CGSIB atópanse baixo o poder de decisión da Administración xeral da Comunidade Autónoma segundo o establecido no capítulo III dos estatutos (artigos 9 a 15).

Así mesmo, na Resolución do 4 de xullo de 2006, a Xunta de Galicia realiza a achega maioritaria para sufragar os medios necesarios para a súa constitución e primeiro establecemento, recolléndose desde entón nas leis de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia de cada ano, dentro das aplicacións da Consellería de Traballo e Benestar, os créditos necesarios para financiar maioritariamente o funcionamento deste ente instrumental.

Esta adscrición determina que, segundo os artigos 47 e 95 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico, e para os efectos previstos nos artigos 4.1.n) e 24.6 do Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de outubro, polo que se aproba o texto refundido la Lei de contratos do sector público, o CGSIB poderá ser considerado medio propio e servizo técnico da Consellería de Traballo e Benestar.

Cuarto. O artigo 8 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico prevé a realización de encomendas de xestión a outros órganos da mesma Administración ou entidade que a encomendante por razóns de eficacia.

O CGSIB resulta que é o instrumento máis axeitado para a realización dunha encomenda intrasubxectiva, mediante resolución da consellería de adscrición da entidade.

A encomenda de execución non supón unha cesión da titularidade das competencias nin dos elementos substantivos do seu exercicio e resultará de obrigado cumprimento para o CGSIB, debendo executarse de acordo coas instrucións que para o efecto lle formule a Consellería de Traballo e Benestar, quen tamén desempeñará as máis amplas facultades de supervisión respecto das actividades que vaia desenvolver o ente encomendado.

De conformidade co previsto no artigo 4.1 do Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, a relación existente entre a Consellería de Traballo e Benestar e o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, consonte a presente encomenda de xestión, é unha relación xurídica excluída do ámbito da citada lei. Sen prexuízo do anterior, o CGSIB como poder adxudicador deberá observar o estrito cumprimento das prescricións establecidas no Real decreto lexislativo 3/2011, na execución das actuacións obxecto desta encomenda.

Finalmente, segundo prevé o artigo 8.4 da Lei 16/2010, para a efectividade da encomenda, o instrumento en que se formalice deberá ser publicado no Diario Oficial de Galicia, así mesmo, para os efectos do artigo 8.5 desta norma, deberá ser publicado na web institucional da Consellería de Traballo e Benestar e do CGSIB.

En consideración ao anteriormente exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Encomendar ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar a realización das actuacións necesarias para a construción e posta en funcionamento das escolas infantís incluídas no marco do plan Educa3. Ano 2011, nos municipios e co número de prazas que a continuación se relacionan:

Concello

Nº de prazas da escola infantil

Boiro

41

Burela

41

O Carballiño

41

Fene

41

A Laracha

41

Malpica

41

Marín

41

Moaña

41

Oza-Cesuras

41

Porto do Son

41

Redondela

61

Ribadeo

41

Verín

74

Tomiño

61

Vilagarcía de Arousa

61

Segundo. As funcións encomendadas, de acordo coas condición establecidas no convenio de colaboración entre o Ministerio de Educación e a Comunidade Autónoma de Galicia para o financiamento de prazas públicas de primeiro ciclo de educación infantil no marco do Plan Educa3. Ano 2011, son as seguintes:

a) Desenvolver os convenios de colaboración cos entes locais consorciados en que se van crear as infraestruturas, nos cales se establezan as condicións necesarias para a execución e posterior xestión do equipamento. Con carácter previo á formalización de cada convenio deberá obter o testemuño do acordo adoptado polo órgano municipal competente sobre os seguintes aspectos:

1. O compromiso da posta á disposición, libres de cargas e gravames, de todos os terreos necesarios, con usos urbanísticos, para a normal execución das obras, así como os correspondentes permisos e autorizacións necesarios para levala a cabo, sen prexuízo de que a efectiva dispoñibilidade destes deberá acreditarse con anterioridade á adxudicación da obra.

2. Certificación da inclusión nos orzamentos do concello do importe correspondente ao 40 % do custo da actuación.

Sen prexuízo do anterior, para o suposto de que a actuación sexa obxecto de execución en varias anualidades, a certificación incluirá, polo menos, o importe correspondente ao 40 % do custo da primeira anualidade; así mesmo, co obxecto de garantir o importe correspondente ás anualidades futuras, presentará compromiso de incluír as devanditas consignacións nos orzamentos correspondentes.

3. O compromiso expreso do concello de asumir os gastos de funcionamento do equipamento unha vez construído.

b) Solicitar de calquera Administración pública, organismo ou institución, cantas autorizacións e permisos administrativos sexan precisos para a execución da encomenda.

c) Licitar as obras de construción das escolas infantís relacionadas nesta encomenda, así como a dirección destas e ocuparse de todas as actuacións relativas á súa tramitación.

d) Promover a remoción dos obstáculos e dificultades tanto técnicas como administrativas e instar o cumprimento das obrigas das empresas, contratistas e terceiros, en xeral, cuxa actividade sexa necesaria para a execución da encomenda.

e) Informar por iniciativa propia ou por petición da Consellería de Traballo e Benestar sobre o estado de execución da encomenda, dificultades existentes, modificacións que sexan precisas e calquera outra circunstancia que resulte pertinente.

Terceiro. A xestión que realizará o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar comprenderá as actuacións materiais e xurídicas necesarias, dentro dos límites contidos nos seus estatutos, podendo contratar con terceiros as actuacións encomendadas. Neste último caso, a actuación axustarase ao disposto no texto refundido da Lei de contratos do sector público.

Cuarto. O importe destinado pola Consellería de Traballo e Benestar para a realización das actividades encomendadas será de 4.866.628 euros (IVE incluído) con cargo á aplicación orzamentaria 12.08.312B.742.08.

Ademais da achega da Consellería de Traballo e Benestar a execución da encomenda estará cofinanciada polas entidades locais ata acadar unha tarifa máxima, de 10.000 euros por praza creada, que é o límite que se estableceu pola comisión de seguimento dos convenios de colaboración asinados entre o Ministerio de Educación e a Comunidade Autónoma de Galicia en anteriores Plan Educa3.

Quinto. O aboamento dos importes incluídos nesta encomenda efectuarase, na parte proporcional que corresponda ás dotacións da Consellería de Traballo e Benestar en relación co gasto total executado, contra xustificación do gasto efectivamente realizado que será formalizada mediante certificación do gasto do órgano que teña atribuídas, no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, as correspondentes facultades de control e acompañarase das certificacións de obra e facturas orixinais debidamente conformadas, así como os xustificantes dos pagamentos efectuados.

Sexto. Esta encomenda estará vixente desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia ata o 31 de decembro de 2012, podendo ser prorrogada sempre que a súa finalidade non estea cumprida na data de finalización desta e o Ministerio de Educación autorice a prorroga do prazo para a execución do convenio asinado coa Xunta de Galicia para o programa Educa3.2011.

Sétimo. Esta encomenda resolverase anticipadamente nos seguintes casos:

a) Cumprimento do seu obxecto antes da data establecida para a súa finalización.

b) Imposibilidade de realización das actividades encomendadas.

c) Incumprimento dalgunha das obrigas ou actividades encomendadas ou dos prazos previstos.

d) Revogación por resolución motivada do órgano encomendante.

As demais previstas na lexislación vixente.

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2012

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar