Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Venres, 21 de setembro de 2012 Páx. 36896

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

RESOLUCIÓN do 10 de setembro de 2012, da Dirección Xeral de Formación e Colocación, pola que se convocan probas de avaliación en competencias clave para acceder ás accións formativas dos novos certificados de profesionalidade de nivel 2 de cualificación dentro da formación profesional para o emprego na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, regula os certificados de profesionalidade e establece, como un dos elementos esenciais para incrementar a calidade da formación para o emprego, que en todos e cada un dos módulos formativos que conforman cada certificado de profesionalidade se determinen os criterios de acceso do alumnado, que asegurarían que estes contan coas competencias clave suficientes para cursar con aproveitamento a formación.

Estas competencias clave pódense demostrar ou acreditar, basicamente, estando en posesión de determinadas titulacións ou acreditacións oficiais de formación básica ou superando as probas específicas que demostren o seu dominio.

O Real decreto 1675/2010, do 10 de decembro, polo que se modifica o Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade e os reais decretos polos que se establecen certificados de profesionalidade ditados na súa aplicación, no punto un do artigo primeiro e segundo modifica os requisitos de acceso á formación dos certificados de profesionalidade substituíndo o concepto de «competencias clave» por «requisitos formativos e profesionais» e atribuíndolle á Administración laboral competente a determinación de cales serán eses coñecementos formativos ou profesionais suficientes que permitan cursar con aproveitamento a formación ao alumnado que queira acceder á formación dos certificados de profesionalidade dos niveis de cualificación profesional 2 e 3.

Para establecer e desenvolver na Comunidade Autónoma de Galicia estes requisitos formativos e profesionais aprobouse a Orde do 12 de xullo de 2011 (DOG nº 149, do 4 de agosto) pola que se establecen os requisitos formativos e se regulan as probas de avaliación en competencias clave.

A través desta orde, de cara a seguir fomentando a calidade e a integración da formación profesional, mantéñense como requisito de acceso as «competencias clave», como combinación de coñecementos, capacidades e aptitudes idóneas ao contexto, que lles permitirán ás persoas progresar no mundo do emprego e na formación, e para a súa realización e desenvolvemento profesional e persoal.

Nesta orde establécese tamén que a Dirección Xeral de Formación e Colocación, a través do Instituto Galego das Cualificacións, convocará, polo menos unha vez ao ano, probas de avaliación en competencias clave.

De conformidade co exposto, a través da presente disposición, procede agora convocar un novo proceso de probas de avaliación, para facilitar que as persoas poidan acreditar as competencias clave que se requiren para acceder ás accións formativas dos novos certificados de profesionalidade.

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta resolución é convocar probas de avaliación en competencias clave para o acceso ás accións formativas dos novos certificados de profesionalidade de nivel 2 de cualificación profesional da formación profesional para o emprego no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Competencias clave que se convocan

1. Convócanse probas no nivel 2, nas seguintes competencias clave:

Comunicación en lingua galega.

Comunicación en lingua castelá.

Comunicación en lingua estranxeira (inglés).

Competencia matemática.

Competencia en ciencia.

Competencia en tecnoloxía.

Competencia dixital.

Artigo 3. Solicitude para participar nas probas de avaliación en competencias clave

1. A participación nestas probas deberá formalizarse presentando solicitude dirixida ao Instituto Galego das Cualificacións debidamente cuberta.

2. A dita solicitude presentarase xuntando o modelo que figura no anexo I desta resolución. Este modelo de solicitude tamén se poderá obter na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar http://traballoebenestar.xunta.es/. A dita solicitude poderá ser impresa e presentada no rexistro segundo o especificado no seguinte parágrafo. Así mesmo, tamén poderán presentarse electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo: https://sede.xunta.es

3. A solicitude poderá presentarse a partir do día seguinte á publicación desta resolución no DOG ata o 10 de outubro de 2012, no Rexistro da Consellería de Traballo e Benestar, no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia en San Caetano (ambos en Santiago de Compostela), así como por calquera das formas establecidas polo artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4. Documentación

As persoas aspirantes deberán xuntar á súa solicitude de inscrición:

a) Fotocopia do documento nacional de identidade, ou número de identificación de estranxeiro ou do pasaporte. A presentación da fotocopia do DNI ou NIE non será precisa se a persoa solicitante dá o seu consentimento para que se consulten os datos relativos aos citados documentos, hai na solicitude un recadro onde hai que marcalo especificamente, de conformidade co previsto na Orde do 7 de xullo de 2009, pola que se desenvolve o Decreto 255/2008, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, no que respecta á verificación de datos de identidade e residencia.

b) De ser o caso, ter recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %; os aspirantes que soliciten algún tipo de adaptación (ampliación de tempo e medios para a realización da proba), en ambos os casos, non será necesario nin achegar o certificado do grao de discapacidade nin o informe da procedencia das adaptacións solicitadas, se foi recoñecido polo órgano competente da Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso de ter recoñecida a discapacidade por outra comunidade autónoma, deberá achegar o certificado de grao de discapacidade e o informe da procedencia das adaptacións solicitadas pola dita comunidade, agás que solicitase o traslado do seu expediente a esta comunidade autónoma.

Na solicitude de inscrición hai que indicar a adaptación que se solicita nos recadros do bloque de persoas aspirantes con discapacidade.

Artigo 5. Relación provisional e definitiva de persoas inscritas admitidas e excluídas

1. A relación provisional das persoas inscritas nas probas que fosen admitidas e, se é o caso, as excluídas, con indicación das causas de exclusión, será publicada polo Instituto Galego das Cualificacións na páxina web http://traballoebenestar.xunta.es/ e nos taboleiros de anuncios dos Servizos Centrais e das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, segundo o establecido no calendario previsto que figura no anexo II desta resolución.

2. As persoas inscritas poderán formular contra esta relación provisional de admitidos e excluídos as oportunas reclamacións, que se dirixirán ao Instituto Galego das Cualificacións no prazo de 4 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación da lista provisional de admitidos.

3. A relación definitiva de persoas solicitantes admitidas e excluídas será publicada na páxina web http://traballoebenestar.xunta.es/ e nos taboleiros de anuncios dos servizos centrais e das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, segundo o establecido no calendario previsto que figura no anexo II desta resolución.

4. A publicación tanto das listas provisionais como das definitivas de admitidos e excluídos ao proceso terán aos efectos de comunicación ás persoas solicitantes e reclamantes, de conformidade co disposto no artigo 14 da Orde do 12 de xullo de 2011, pola que se establecen os requisitos para o acceso á formación dos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación profesional.

5. Contra a relación definitiva de persoas solicitantes admitidas e excluídas poderase interpor recurso de alzada, de conformidade co disposto no artigo 14 da Orde do 12 de xullo de 2011.

Artigo 6. Realización das probas de avaliación en competencias clave

1. As probas terán lugar no Recinto Feiral de Silleda, en Silleda (Pontevedra).

2. As probas de avaliación en competencias clave terán lugar nas datas indicadas no calendario da convocatoria que se inclúe no anexo II, que será exposto na páxina web http://traballoebenestar.xunta.es/ e nos taboleiros de anuncios dos servizos centrais e das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar.

3. O candidato realizará unha proba por cada unha das competencias clave convocadas en que se inscribise. A duración da proba en cada competencia clave é dunha hora. A realización de cada unha das probas de avaliación seguirá o horario que se indica no anexo II da presente resolución.

4. Para a realización das probas de avaliación nas distintas competencias claves poderanse ditar instrucións específicas na orde de chamada das persoas inscritas nelas; as ditas instrucións serán publicadas na páxina web http://traballoebenestar.xunta.es/ e nos taboleiros de anuncios dos servizos centrais e das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar como mínimo tres días antes da data da realización das probas. Todos os candidatos se deberán presentar unha hora antes do inicio das probas para seren chamados por orde alfabética.

5. Para a realización das probas as persoas aspirantes deberán ir provistas do documento nacional de identidade, do número de identificación de estranxeiros ou do pasaporte. Tamén deberán levar bolígrafo de tinta de cor azul ou negra.

Nas probas de competencia matemática, de competencia en ciencia e de competencia en tecnoloxía poderase acudir con calculadora.

6. As persoas participantes nas probas terán cuberto o risco de accidente derivado da asistencia a estas.

7. O exame de cada unha das competencias clave está redactado en galego e castelán, agás os exames de lingua galega, castelá e inglés.

Artigo 7. Comisións de avaliación

1. A directora xeral de Formación e Colocación, por proposta da directora do Instituto Galego das Cualificacións, nomeará unha comisión de avaliación para as probas de competencia clave de nivel 2, que terá como sede o Instituto Galego das Cualificacións (rúa San Lázaro s/n, 15781 Santiago de Compostela).

2. Á vista do número de persoas aspirantes poderase ampliar o número de comisións de avaliación. Así mesmo, poderase incorporar ás comisións de avaliación o número de vixilantes e correctores que se considere necesario.

3. No caso de nomear correctores/as, estes formarán parte das comisións de avaliación para a realización das probas.

Artigo 8. Resultados da avaliación das probas

1. Os resultados da avaliación das probas estarán accesibles para as persoas que as realizaron nos listaxes provisionais que se poderán consultar na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar, segundo o calendario previsto que figura no anexo II desta resolución. Estes resultados provisionais terán efectos de comunicación para todas as persoas participantes.

2. O resultado de apto suporá a superación da proba na correspondente competencia clave e o dereito do interesado a que lle sexa expedido un documento acreditativo que certificará o resultado obtido segundo establece o artigo trece da Orde do 12 de xullo de 2011, pola que se establecen os requisitos para o acceso á formación dos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación profesional.

Artigo 9. Reclamación contra as cualificacións

1. Contra a cualificación obtida poderá presentarse reclamación por escrito dirixida ao presidente ou presidenta da Comisión, no prazo de 3 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación das cualificacións, no Rexistro da Consellería de Traballo e Benestar, no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia en San Caetano (ambos en Santiago de Compostela), así como por calquera das formas establecidas polo artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A publicación das listas definitivas de cualificacións terán efectos de comunicación ás persoas reclamantes, de conformidade co disposto no artigo 14 da Orde do 12 de xullo de 2011, pola que se establecen os requisitos para o acceso á formación dos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación profesional.

3. Contra a cualificación definitiva poderase interpor recurso de alzada, de conformidade co disposto no artigo 14 da Orde do 12 de xullo de 2011.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a directora do Instituto Galego das Cualificacións para ditar as instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta resolución.

Disposición derradeira segunda

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2012

Ana Mª Díaz López
Directora xeral de Formación e Colocación

ANEXO II

Calendario do procedemento

Datas

Prazo de presentación de solicitudes

Desde o día seguinte da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 10 outubro

Publicación da lista provisional de admitidos

2 de novembro

Presentación de alegacións

Do 3 ao 7 de novembro (ambos incluídos)

Publicación da lista definitiva de admitidos

16 de novembro

Realización das probas

Competencias clave de nivel 2

24 de novembro

Publicación dos resultados provisionais das probas

5 decembro

Presentación de reclamacións

Ata o 11 de decembro

Publicación dos resultados definitivos das probas

21 decembro

Horarios das probas

Todos os candidatos deberán presentarse unha hora antes do inicio de todas as probas para seren chamados por orde alfabética.

A distribución das portas de entrada dependerá do número de competencias clave en que fosen admitidos.

As listaxes de acceso para cada porta estarán dispoñibles na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar e nos paneis informativos situados para tal efecto no Recinto Feiral de Silleda.

Todas as probas se iniciarán ao mesmo tempo nun único chamamento.

Competencia clave

Día

Horarios

Nivel 2

Día 24 de novembro

Matemáticas

Sesión de mañá

Inicio de todas as probas ás 10.00

Lingua castelá

Lingua galega

Lingua estranxeira (inglés)

Ciencia

Sesión de tarde

Inicio de todas as probas ás 16.30

Tecnoloxía

Dixital

missing image file