Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Mércores, 26 de setembro de 2012 Páx. 37335

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 18 de setembro de 2012 pola que se modifica a Orde da Consellería de Traballo e Benestar do 31 de decembro de 2011, pola que se procede á convocatoria de axudas dos programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción do cooperativismo para o ano 2012 (DOG número 13, do 19 de xaneiro) e se procede ao incremento da dotación orzamentaria.

O obxecto da Orde do 31 de decembro de 2011 é a convocatoria de axudas dos programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción do cooperativismo para o ano 2012, coa finalidade de promover a incorporación de persoas desempregadas ás entidades de economía social, apoiar o desenvolvemento de proxectos de creación e modernización deste tipo de empresas mediante unha mellora da súa competitividade, así como a promoción do cooperativismo a través de diferentes programas.

A Orde do 31 de decembro de 2010 (DOG nº 14, do 21 de xaneiro de 2011) establece no seu artigo 3 a posibilidade de incrementar o crédito existente con fondos comunitarios, da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En consecuencia, como existe un incremento nos fondos dispoñibles, cómpre ampliar o importe do crédito destinado ás axudas que poderán ser concedidas ao abeiro da Orde do 31 de decembro de 2011, coa finalidade de facer chegar estas ao maior número de beneficiarios posibles.

Así pois, de acordo co exposto e co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, así como nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións, e en virtude das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Incremento de financiamento

Increméntase en 185.000 euros o importe total das axudas que se van conceder ao abeiro do Programa IV: Fomento do acceso á condición de socio/a traballador/a da Orde da Consellería de Traballo e Benestar do 31 de decembro de 2011 pola que se procede á convocatoria de axudas dos programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción do cooperativismo para o ano 2012 (DOG núm. 13, do 19 de xaneiro de 2012), quedando este programa cun importe total de 535.000 €.

Este incremento da dotación aténdese por importe de 148.000 euros co Fondo Social Europeo (ao 80 %) e de 37.000 euros de fondos finalistas que cofinancian (ao 20 %) por tratarse de accións elixibles no eixe I, tema prioritario 62, de acordo co Programa operativo FSE de Galicia 2007-2013.

A dita ampliación afecta a seguinte aplicación orzamentaria, que figura dotada nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012,

Aplicación Proxecto Importe (€)

12.03.324A.471.0 2012 00650 185.000

Artigo 2. Prazo de solicitude

Esta modificación non afecta os prazos establecidos para a presentación de solicitudes na Orde do 31 de decembro de 2011, pola que se procede á convocatoria de axudas dos programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción do cooperativismo para o ano 2012.

Disposición adicional

Coa finalidade de garantir que non se produza un dobre cofinanciamento na resolución de concesión, establecerase que o pagamento final da subvención concedida quedará condicionado á presentación por parte da entidade beneficiaria das facturas e demais xustificantes do gasto subvencionado, nos cales deberá constar mediante un estampillado ou marca indeleble o financiamento do Programa operativo FSE de Galicia 2007-2013 cunha expresión tal: «Axuda cofinanciada polo Fondo Social Europeo nunha porcentaxe do 80 %, a través do Programa operativo FSE de Galicia 2007-2013».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2012

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar