Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Martes, 2 de outubro de 2012 Páx. 37870

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 27 de setembro de 2012 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego, a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro, para a prórroga da subvención para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio e se procede á convocatoria para o ano 2012.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación, e a través do Decreto 1/2012, do 3 de xaneiro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e polo Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 109/2012, do 22 de marzo, polo que se establece a súa estrutura orgánica, a Consellería de Traballo e Benestar asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Corresponde pois á Consellería de Traballo e Benestar, para o exercicio orzamentario 2012, a xestión das subvencións e axudas públicas das políticas activas de emprego, entre as cales están as medidas dirixidas, por unha banda, a fomentar a creación de emprego de calidade e, por outra, a incrementar a empregabilidade dos desempregados, mellorando as condicións do mercado de traballo, no marco da Estratexia Europea para o Emprego, o Programa Nacional de Reformas, a recentemente aprobada Estratexia Española de Emprego, no Plan Estratéxico de Galicia 2010-2014 Horizonte 2020 (PEG) e no eido da colaboración institucional e o diálogo social en curso entre o Goberno galego e os axentes económicos e sociais de Galicia.

A publicación da Lei 2/2012, do 29 de xuño, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2012, supón a plasmación dun importante esforzo no control do gasto co fin de reducir o déficit público e acadar o obxectivo de estabilidade orzamentaria, cun axuste de 27.300 millóns de euros.

Este importante axuste supón unha redución media de case o 17 % na capacidade de gasto dos ministerios e, no caso das políticas activas de emprego, implica a redución de 1.557 millóns de euros para este exercicio no conxunto do Estado, tanto para o Servizo Público de Emprego Estatal como para os autonómicos.

Tendo en conta o anterior e coa finalidade de poder cumprir cos obxectivos de estabilidade orzamentaria da Facenda da Comunidade Autónoma, ao tempo de proseguir na senda iniciada na regulación dos programas de cooperación coas entidades sen ánimo de lucro, nun marco de axuste económico, esta consellería vese obrigada a adoptar medidas de apoio a aqueles colectivos con maiores dificultades de inserción, especialmente a persoas con discapacidade e, en consecuencia, na presente convocatoria recóllense de maneira única e exclusiva aquelas liñas de axuda que teñen por obxecto a dinamización do emprego no ámbito de toda a Comunidade Autónoma de Galicia, a través da prórroga da subvención para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio por parte das entidades sen ánimo de lucro de carácter social que, en execución das políticas activas de emprego, establezan accións específicas de conformidade cos seus estatutos para a inserción das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social, persoas con especiais dificultades de inserción sociolaboral.

Como principal novidade, para o exercicio de 2012 esta orde prevé a opción do uso e a aplicación de medios electrónicos para tramitar e presentar a solicitude a través da sede electrónica da Xunta de Galicia creada polo Decreto 198/2010, do 2 de decembro, que establece o marco de desenvolvemento da Administración electrónica na Administración pública galega, como canle principal de relación do cidadán coa Administración e co obxectivo de avanzar na mellora da calidade e da eficacia dos servizos ofrecidos. Esta posibilidade implica a necesaria obtención por parte dos representantes legais das entidades, cando non dispoñan delas, do DNI electrónico ou certificado electrónico.

As subvencións contidas nesta orde financiaranse con cargo á aplicación 12.04.322A.481 polo importe global de 950.000 euros, contidas na Lei 11/2011, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012.

En consecuencia, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Fondos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Intervención Delegada, e tendo en conta as regras establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, no que resulte de aplicación, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, en virtude das atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

Dispoño:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e das condicións polas cales se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública en réxime de concorrencia competitiva, das axudas e subvencións que, baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación institucionais, están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración con entidades sen ánimo de lucro prestadoras de servizos sociais a través da prórroga da subvención para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio (procedemento TR352B) que colaborarán na implantación das políticas activas de emprego e na realización de funcións relacionadas coa dinamización e coa creación de emprego no ámbito das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social.

2. Para o adecuado exercicio das súas funcións e actividades, os e as axentes de emprego poderán contar coa axuda e asistencia de unidades de apoio de carácter administrativo, que serán coordinadas por aqueles.

3. A concesión e desfrute destas axudas para a contratación de axentes de emprego ou unidades de apoio non suporá, en ningún caso, relación contractual ou laboral coa Xunta de Galicia.

Artigo 2. Financiamento

1. O financiamento destas axudas efectuarase con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2012 a través dos créditos consignados na aplicación 12.04.322A.481 (códigos de proxecto 2010 00753, 2011 00596 e 2012 00672) polo importe global de 950.000 euros.

2. Os ditos créditos estimados poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que establezan a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Entidades beneficiarias. Requisitos

1. Poderán ser beneficiarias das axudas e subvencións previstas na presente orde as entidades sen ánimo de lucro que, sendo subvencionadas ao abeiro da Orde do 30 de decembro de 2010, sexan de carácter social e que, en execución das políticas activas de emprego, establezan accións específicas de conformidade cos seus estatutos para a inserción das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social, sempre que non estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter personalidade xurídica e capacidade de obrar e, se é o caso, estar debidamente inscritas no correspondente rexistro público.

b) Dispoñer de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución dos correspondentes proxectos.

2. Para os efectos do disposto na letra b) do parágrafo anterior e, sen prexuízo do inicio das actuacións administrativas que correspondan de conformidade co disposto na orde de convocatoria que en cada momento resulte de aplicación e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, presumirase que as entidades non dispoñen de capacidade técnica e de xestión suficiente cando concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Que por mor de denuncias ou reclamacións escritas, se teña constancia do incumprimento por parte da entidade solicitante da obriga de satisfacer, no momento do seu vencemento, as obrigas económicas derivadas do funcionamento dos servizos subvencionados en exercicios anteriores, especialmente as de carácter salarial.

b) Que non tivesen presentado a documentación xustificativa prevista no artigo 15.2.II.c), correspondente a subvención de exercicios anteriores, unha vez transcorrido o prazo para o efecto.

Artigo 4. Definición e funcións dos axentes de emprego

Os e as axentes de emprego, na súa colaboración na implantación das políticas activas de emprego, realizarán, entre outras, as seguintes funcións:

a) Prospección de recursos ociosos ou infrautilizados de proxectos empresariais de promoción económica local e iniciativas innovadoras para a xeración de emprego no ámbito local, identificando novas actividades económicas e posibles emprendedores.

b) Difusión e estímulo de potenciais oportunidades de creación de actividade entre os desempregados con especiais dificultades de inserción laboral e, en especial, os desempregados discapacitados e en risco de exclusión social, co fin de mellorar a súa empregabilidade.

c) Desenvolvemento, avaliación e execución de programas de acción encamiñados a favorecer a igualdade de oportunidades e a discriminación positiva dos colectivos de discapacitados e en risco de exclusión social.

d) Acompañamento técnico no inicio de proxectos empresariais, asesorando e informando sobre a súa viabilidade técnica, económica e financeira.

e) Apoio aos promotores de empresas, unha vez constituídas estas, acompañándoos tecnicamente durante as primeiras etapas de funcionamento, mediante a aplicación de técnicas de consultoría en xestión empresarial e asistencia nos procesos formativos adecuados para contribuír á boa marcha das empresas creadas.

f) Calquera outra que contribúa á promoción e implantación de políticas activas de emprego, relacionadas fundamentalmente coa creación de emprego, coa actividade empresarial e coa inserción laboral dos colectivos de discapacitados e en risco de exclusión social.

Artigo 5. Subvención: contía

1. A subvención que percibirán as entidades beneficiarias consistirá nunha contía por cada unha delas, calculada tomando como referencia os custos salariais e de Seguridade Social dos axentes de emprego e unidades de apoio que se van contratar nos termos previstos no parágrafo seguinte.

2. A contía máxima da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será igual ao resultado de multiplicar o número de persoas contratadas polo número de meses e polo importe do módulo C no caso dos axentes de emprego e do módulo B para as unidades de apoio, conforme a seguinte escala:

Módulo C: os custos salariais totais que se van subvencionar ascenderán a tres veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM), vixente en cada ano, máis a parte proporcional das pagas extraordinarias –por importe, cada unha delas, dunha mensualidade do dito IPREM– e a correspondente cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos por cada persoa traballadora contratada dentro do grupo de cotización da Seguridade Social 4 ao 1, ambos inclusive.A contía máxima da subvención reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, cando os contratos sexan a tempo parcial.

Módulo B: os custos salariais totais que se van subvencionar ascenderán a dúas veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM), vixente en cada ano, mais a parte proporcional das pagas extraordinarias –por importe, cada unha delas, dunha mensualidade do dito IPREM– e a correspondente cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos por cada persoa traballadora contratada dentro do grupo de cotización da Seguridade Social 9 ao 5, ambos inclusive.

Para calcular a contía correspondente aos custos de Seguridade Social, o tipo de cotización aplicable será o que se corresponda coa ocupación A.

3. O salario que percibirán as persoas contratadas como axentes de emprego ou unidades de apoio será aquel que corresponda legal ou convencionalmente e será acorde coa súa categoría profesional e titulación.

4. As subvencións previstas nesta orde en ningún caso poderán ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, supere os custos totais da contratación.

As entidades beneficiarias deberán comunicarlle á Consellería de Traballo e Benestar a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional.

5. Para efectos destas subvencións, non se consideran custos salariais elixibles o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1.c) do Estatuto dos traballadores, así como os incentivos e complementos extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

Artigo 6. Presentación de solicitudes

1. Para poder ser beneficiario das axudas reguladas nesta orde, deberá presentarse unha solicitude axustada aos modelos normalizados que figuran como anexos desta orde, que irán acompañados da documentación a que se fai referencia no artigo 7, que poderá anexarse en formato electrónico. Para isto, no proceso de presentación electrónica permitirase anexar á solicitude os arquivos informáticos necesarios (en formato: pdf, odt, ods, doc, xls, docx, xlsx, jpg, png, tiff e bmp).

2. No caso de presentación de solicitudes por vía electrónica, de acordo co disposto no artigo 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, os formularios da solicitude de axuda deberaos obter, cubrir, validar e presentar necesariamente o solicitante a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.es. Estes formularios só terán validez se están debidamente asinados polo representante legal da entidade correspondente.

3. O interesado deberá presentar a documentación que corresponda no Rexistro Electrónico da Xunta co emprego do DNI electrónico ou certificado electrónico de persoa física e/ou xurídica.

4. As solicitudes tamén se poderán presentar na Oficina de Rexistro Único e Información da Xunta de Galicia ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, os modelos de solicitude, independentemente da súa publicación como anexos a esta convocatoria, atópanse tamén á disposición dos interesados na páxina web institucional da Xunta de Galicia (http://traballo.xunta.es/axudas).

5. Para os efectos do disposto na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, no artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e nos artigos 14 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, mediante a presentación da solicitude asinada a entidade interesada presta expresamente o seu consentimento á Consellería de Traballo e Benestar para incluír e facer públicos nos referidos rexistros e páxina web, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, poderán exercerse os dereitos de acceso, rectificación, consulta, cancelación e oposición, mediante escrito dirixido á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar.

6. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houbese día equivalente, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

7. O feito de non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 7. Documentación

1. Xunto co formulario de solicitude, deberá anexarse en papel ou en formato electrónico a seguinte documentación que, nos casos recollidos no número 3 deste artigo, poderaa identificar o solicitante como información accesible, de xeito que a Dirección Xeral de Promoción do Emprego poderá acceder á dita documentación sen que sexa presentada polo solicitante:

a) Copia compulsada ou cotexada da tarxeta de identificación fiscal da entidade solicitante en vigor.

b) Copia compulsada ou cotexada do NIF da persoa que, en nome e representación da entidade, solicita a concesión da subvención (se se autoriza a consulta a través do Sistema de Verificación de Datos de Identidade (SVDI) no formulario de solicitude non será necesaria a súa presentación).

c) Acreditación da persoa que, en nome e representación da entidade, asina a solicitude, mediante a correspondente documentación de apoderamento, resolución, mandato, certificado expedido polo secretario, ou acta, onde se determine tal representación.

d) Copia compulsada ou cotexada da escritura pública e/ou dos estatutos de constitución vixentes da entidade solicitante en que resulte acreditada a ausencia de ánimo de lucro e os fins sociais segundo o disposto no artigo 3.1.

e) Memoria que fundamente a solicitude, incluíndo unha descrición dos obxectivos perseguidos coa contratación, as accións e actividades que teña que desempeñar o axente de emprego e as unidades de apoio administrativas, de ser o caso, así como un breve resumo comprensivo dos obxectivos acadados polos axentes con cargo ás axudas do exercicio anterior.

2. Forma parte da solicitude a declaración responsable que se contén nela e que fai constar os aspectos seguintes:

a) O cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) A ausencia de ánimo de lucro.

c) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

d) O cumprimento dos requisitos previstos para obter a condición de beneficiario da subvención a que se refire o artigo 3 da convocatoria, relativos á súa capacidade técnica e de xestión.

e) Que a entidade solicitante se obriga a presentar ante a Dirección Xeral de Promoción do Emprego, logo de petición desta, a documentación acreditativa dos aspectos a que se refire a presente declaración responsable.

3. Cando os documentos exixidos nos puntos 1.a), c) e d) deste artigo xa estivesen en poder da Dirección Xeral de Promoción do Emprego e non se producisen modificacións no seu contido, a entidade solicitante poderá identificala como información accesible e acollerse ao establecido na epígrafe f) do artigo 35 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar esta circunstancia especificando o ano en que se remitira esa documentación e o número de expediente correspondente, e non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que corresponda.

4. Se do exame do expediente se comproba que a documentación non reúne os requisitos necesarios, é insuficiente ou non se achega na súa totalidade, faráselle un único requirimento á entidade solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fai, de acordo co disposto no artigo 71.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, se considerará que desiste da súa petición, logo da correspondente resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 42 da citada lei.

Artigo 8. Procedemento

1. O procedemento de concesión de axudas será o de concorrencia competitiva.

2. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Programas de Cooperación da Dirección Xeral de Promoción do Emprego.

3. Revisados os expedientes e completados, de ser o caso, remitiranse á Comisión de Valoración para que esta, nun acto único, proceda á súa avaliación e informe, en que se concretará o resultado da avaliación efectuada á totalidade dos expedientes, tendo en conta que as propostas de resolucións se poderán tramitar en diversas fases, en función das dispoñibilidades orzamentarias.

Aqueles expedientes dos que nas primeiras fases non se formule proposta de resolución favorable á súa aprobación, non se considerarán desestimados e serán considerados polo órgano instrutor en futuras propostas de concesión, de conformidade co informe da comisión de valoración.

Para estes efectos a comisión de valoración estará composta pola persoa responsable da Subdirección Xeral de Escolas Obradoiro e Programas de Cooperación, que a presidirá e, como vogais, polas persoas responsables da xefatura de Servizo de Programas de Cooperación e unha persoa adscrita ao dito servizo, que realizará as funcións de secretaría.

Se, por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non pode asistir, será substituída pola persoa que para o efecto designe o órgano competente para resolver.

4. Dos proxectos presentados polas entidades de atención de colectivos de discapacidade e en risco de exclusión social que cumpran os requisitos sinalados no artigo 3 farase unha avaliación para o outorgamento da correspondente subvención, tendo en conta os seguintes criterios de valoración específicos:

a) Os proxectos que acrediten un maior nivel de inserción laboral, mediante a súa contratación indefinida. Ata 10 puntos.

b) Os proxectos que teñan un ámbito de actuación superior ao municipal e impliquen, no seu deseño e execución, outros organismos ou entidades do contorno, así como os axentes sociais presentes no territorio. Ata 10 puntos.

c) A valoración das actuacións levadas a cabo por estas entidades, ao abeiro das axudas e subvencións para o fomento do emprego, en anos anteriores. Ata 20 puntos.

d) Os proxectos que, na súa realización, permitan e apoien a creación de proxectos empresariais para a súa consolidación en empresas, sempre que dean resposta ao establecido nas letras a) e b) deste artigo. Ata 10 puntos.

e) Emprego da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos: Ata 5 puntos.

5. Para a comparación das solicitudes presentadas, establécese unha puntuación máxima de 55 puntos, co fin de establecer unha prelación entre elas de acordo cos criterios de valoración anteriores e adxudicar, co límite fixado na disposición adicional primeira, dentro do crédito dispoñible sinalado no parágrafo primeiro do artigo 2, aquelas que obteñan maior valoración en aplicación dos citados criterios.

Artigo 9. Resolución

1. O órgano instrutor elevará o informe da comisión de valoración xunto coa proposta de resolución á persoa responsable da Dirección Xeral de Promoción do Emprego, que resolverá a concesión ou denegación da axuda mediante resolución motivada e individualizada por delegación da conselleira de Traballo e Benestar.

2. O prazo de resolución e notificación será de seis meses contados a partir da presentación da solicitude. Se no prazo indicado non existe resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. A resolución pola que se conceda a subvención determinará, entre outras cuestións, a denominación do proxecto aprobado, a data de inicio, a duración, a contía da subvención que se vai outorgar, e demais requisitos exixibles para a súa percepción e seguimento.

4. A resolución que, se é o caso, aprobe a concesión da prórroga terá efectos retroactivos, sempre que non se interrompa a contratación, así como a prestación de servizos.

5. As resolucións dos expedientes instruídos ao abeiro do disposto nesta orde esgotan a vía administrativa, polo que, de conformidade co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar, no prazo dun mes computado desde o día seguinte ao da súa notificación, ou presentar directamente recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación.

6. As subvencións concedidas ao abeiro desta orde publicaranse, con expresión da entidade beneficiaria, a contía e a finalidade no Diario Oficial de Galicia, na páxina web oficial da Consellería de Traballo e Benestar e no Rexistro de Subvencións, de acordo co disposto na Lei xeral de subvencións, na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006 e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 10. Réxime da aceptación e renuncia da subvención

Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, nos termos establecidos no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, axustándose ao modelo que se inclúe como anexo II.

Artigo 11. Revogación e reintegro

Procederá a revogación das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

A obriga do reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 12. Substitución de traballadores

1. Con carácter xeral, cando se produza a extinción do contrato antes de que remate o período de tempo tomado como referencia para o cálculo da subvención, a entidade beneficiaria poderá contratar outra persoa en substitución daquela que causou baixa durante o tempo restante, sempre que a contratación se produza dentro dos 30 días seguintes ao da baixa na Seguridade Social da persoa inicialmente contratada.

2. No suposto de baixas temporais por maternidade ou por outras causas que se prevexa que sexan de longa duración, a substitución só será posible logo de autorización expresa da Dirección Xeral de Promoción do Emprego, logo de solicitude fundamentada da entidade contratante.

3. A nova contratación deberá cumprir os requisitos exixidos na orde de convocatoria para as contratacións iniciais subvencionadas e deberá ser notificada á Dirección Xeral de Promoción do Emprego, indicando a causa da baixa, nun prazo máximo de 15 días desde a correspondente contratación, e achegando a seguinte documentación orixinal ou copia cotexada:

• Parte de baixa na Seguridade Social do traballador substituído.

• Parte de alta na Seguridade Social do traballador substituto.

• Contrato de traballo mediante a modalidade contractual máis adecuada, de acordo coa normativa vixente.

• Certificado de selección do traballador substituto, no modelo publicado na web institucional da Xunta de Galicia.

4. Tanto no caso de extinción como de substitución por suspensión do contrato, a selección do novo traballador deberá levarse a cabo logo de solicitude á correspondente oficina de emprego do Servizo Público de Emprego de Galicia, e cumprindo a condición de demandante de emprego, desempregado ou coa tarxeta de mellora de emprego, inscritos como tales no Servizo Público de Emprego de Galicia. No caso dos e das axentes de emprego deberán, necesariamente, ter superado con éxito os estudos de segundo ou primeiro ciclo universitario. Valorarase a experiencia profesional, así como os coñecementos extraacadémicos adquiridos en cursos monográficos ou proxectos de emprego.

5. Se ao tramitar esa oferta non se atopan candidatos idóneos, a entidade beneficiaria, coa autorización expresa da Dirección Xeral de Promoción do Emprego, poderá acudir a outros procedementos de selección de conformidade coa normativa vixente na materia, sempre que se garanta a idoneidade e o cumprimento dos requisitos dos candidatos mencionados no parágrafo anterior, sen que sexa necesario, neste caso, a inscrición das persoas que se pretenda contratar como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia.

Artigo 13. Actualización permanente da súa formación

1. As entidades beneficiarias garantirán a adaptación dos técnicos contratados aos seus postos de traballo, facilitándolles o acceso á metodoloxía e cantas técnicas sexan necesarias para o mellor desenvolvemento das súas funcións, así como o acceso á formación que se estableza.

2. Co fin de garantir a adecuada coordinación, formación e actualización permanente deste persoal técnico, a Consellería de Traballo e Benestar, en colaboración con outros departamentos e/ou entidades públicas da Xunta de Galicia, organizará, con medios propios ou alleos, cantas actuacións coide conveniente, a través de reunións de coordinación, cursos ou xornadas de traballo, facilitándolle regularmente información sobre normativa, desenvolvemento de plans e outras cuestións que se consideren de interese.

3. A asistencia e participación nestas actividades de formación, coordinación, divulgación e actualización será obrigatoria, polo que as entidades beneficiarias da subvención deberán facilitar a participación dos técnicos nas citadas actuacións durante o horario de traballo.

Artigo 14. Dotación de medios informáticos

As entidades beneficiarias, co obxecto de garantir o adecuado desenvolvemento das funcións que deben desempeñar os axentes de emprego, deberán poñer á disposición dos axentes de emprego todos os medios materiais necesarios para o correcto desenvolvemento das súas funcións e, en particular, os equipamentos informáticos precisos, así como acceso á internet e correo electrónico.

Artigo 15. Avaliación das actividades levadas a cabo polos axentes de emprego

1. Co obxecto de ofrecer unha información detallada sobre a xestión e os resultados acadados para cada unha das actuacións e servizos promovidos polos técnicos subvencionados, estableceuse un sistema electrónico de elaboración e xestión da memoria de actividades que permita avaliar, en tempo real, as actuacións que están levando a cabo.

2. Os datos e a información sobre os servizos e actuacións en que os axentes tomen parte deberán ser subministrados en tempo real, de xeito que a Consellería de Traballo e Benestar poida, en calquera momento, ter coñecemento das distintas actuacións que están a levar cabo as/os axentes.

Artigo 16. Publicidade

1. Para os efectos de difusión pública, no lugar onde se realice o servizo deberá figurar, de forma visible, cartel informativo, no modelo normalizado establecido no manual de identidade corporativa da Rede de técnicos de emprego de Galicia, publicado na web institucional da Xunta de Galicia http://traballo.xunta.es/carteis_informativos, en que constará o cofinanciamento pola Consellería de Traballo e Benestar.

2. Para os efectos de ofrecer unha imaxe unificada e global da Rede de técnicos de emprego de Galicia, cara aos usuarios e ás usuarias dos seus servizos en toda a comunidade autónoma, que permita unha mellor e máis rápida identificación destes, deberá utilizarse o conxunto de normas gráficas recollidas no manual de identidade corporativa da Rede de técnicos de emprego de Galicia, para a utilización do logotipo da rede nos distintos elementos de comunicación, o que redundará nunha maior calidade das prestacións desenvolvidas polos e polas axentes.

Artigo 17. Xustificación e pagamento

1. O aboamento da subvención para a contratación de axentes de emprego e/ou unidades de apoio farase efectivo unha vez cumprido o obxecto para que foi concedida, o que se xustificará mediante a presentación da seguinte documentación na data límite establecida na resolución de concesión:

a) Certificado ou declaración responsable onde conste que foi aprobada a prórroga do contrato do axente de emprego e/ou unidade de apoio para que se solicita subvención.

b) Certificado do órgano competente da entidade beneficiaria, segundo o modelo que se publica na web institucional da Xunta de Galicia no enlace (http://traballo.xunta.es/programas_cooperacion), en que consten as retribucións salariais brutas dos traballadores e traballadoras, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e mais as cotizacións empresariais á Seguridade Social, indicando, se é o caso, as cantidades achegadas pola entidade.

c) Certificado expedido pola entidade bancaria de titularidade da conta do beneficiario onde se deba efectuar o pagamento.

d) Unha declaración complementaria do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes e de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade de Galicia.

e) Unha fotografía do cartel informativo en que se reflicta a súa localización, nos termos sinalados no artigo 16.

f) O documento de consentimento de cesión de datos do axente de emprego contratado, segundo o modelo que estableza a Dirección Xeral de Promoción do Emprego.

2. A comprobación da permanencia en alta na Seguridade Social realizaraa o Servizo de Programas de Cooperación a través das correspondentes aplicacións informáticas.

3. Os certificados, declaracións, documentos e carteis informativos sinalados neste parágrafo deberán realizarse segundo os respectivos modelos que se publican na web institucional da Xunta de Galicia no enlace http://traballo.xunta.es/programas-de-cooperacion.

4. Unha vez recibidos os fondos, a entidade beneficiaria deberá remitir á Dirección Xeral de Promoción do Emprego unha certificación acreditativa da súa recepción.

Artigo 18. Obrigas das entidades beneficiarias

1. As entidades beneficiarias, ademais das establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberán cumprir as seguintes obrigas:

a) Comunicar a aceptación ou rexeitamento da subvención concedida nos termos establecidos no artigo 10.

b) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

c) Aboar ás persoas contratadas os salarios que legal ou convencionalmente lles correspondan e sexan acordes coa súa categoría profesional e titulación e asumir a diferenza entre a cantidade subvencionada e os custos salariais e de Seguridade Social totais.

d) Con independencia do cobramento ou non da subvención, deberán satisfacer, no momento do vencemento e mediante transferencia bancaria, as obrigas económicas que deriven do funcionamento dos servizos subvencionados, especialmente as de carácter salarial.

e) Someterse ás actuacións de comprobación e control que poida efectuar a Consellería de Traballo e Benestar e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas.

f) Comunicarlle á Consellería de Traballo e Benestar aquelas modificacións substantivas que afecten a realización da actividade que vaian desenvolver as traballadoras e traballadores contratados, co obxecto de que poida valorar se o seu carácter produce unha alteración substancial das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

g) Comunicarlle á Consellería de Traballo e Benestar a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional.

h) As entidades beneficiarias deberán proporcionarlles aos axentes de emprego e unidades de apoio as correspondentes tarxetas identificativas que deberán levar consigo en todo momento, no modelo que estableza a Dirección Xeral de Promoción do Emprego e que se publicará na web institucional da Xunta de Galicia no enlace:

http://traballo.xunta.es/carteis-informativos-programas-de-cooperacion, en que constará a colaboración da consellería.

2. Co fin de que a Consellería de Traballo e Benestar efectúe un seguimento adecuado da execución dos proxectos, a entidade beneficiaria deberá someterse ao cumprimento das seguintes obrigas:

a) Darlle publicidade á actuación, así como a utilización do logotipo da Rede de técnicos de emprego de Galicia, nos distintos elementos de comunicación, segundo establece o artigo 16.

b) As entidades beneficiarias das axudas deberán manter un sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable adecuada de todas as transaccións realizadas con cargo aos proxectos subvencionados, referidos a operacións da afectación da subvención á finalidade da súa concesión.

c) Manter unha pista de auditoría suficiente e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, ata a anualidade de 2021 mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

d) Presentar ante a Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo e Benestar, no prazo de dous meses, unha vez que teña finalizado a súa execución, a seguinte documentación:

• Un certificado de fin de servizo segundo o modelo que se publica na web institucional da Xunta de Galicia (http://traballo.xunta.es/programas_cooperacion). Non será necesario remitir a memoria de actividades, pero terán a obriga de utilizar os aplicativos postos á súa disposición, que permitirán a obtención e xestión da memoria de actividades mediante un sistema electrónico, en prol de avaliar as actuacións levadas a cabo por aqueles.

• Copias compulsadas das nóminas aboadas aos traballadores e traballadoras que se contraten e dos boletíns de cotización á Seguridade Social (modelos TC-1 e TC-2), así como os documentos bancarios correspondentes que acrediten o seu pagamento (transferencias bancarias necesariamente no caso das nóminas) e mais o modelo 190 (Retencións e ingresos á conta do IRPF) e xustificantes do seu pagamento (modelo 110, correspondentes aos trimestres en que se desenvolveu o proxecto) unha vez dispoñan deles.

e) Someterse ás actuacións de comprobación sobre o terreo que, con base na mostra seleccionada ao abeiro do procedemento descrito no modelo dos sistemas de xestión e control da Comunidade Autónoma de Galicia e/ou segundo criterios baseados no risco, realice persoal técnico da Dirección Xeral de Promoción do Emprego.

f) Comunicar, no prazo de 10 días, á Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo e Benestar:

• As subvencións ou axudas solicitadas e/ou obtidas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional.

• Aquelas modificacións substantivas que afecten a realización da actividade que van desenvolver os técnicos contratados, co obxecto de que poida valorar se o seu carácter produce unha alteración substancial das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

g) Cumprir as demais obrigas que poidan derivar desta orde ou das resolucións e instrucións que, se é o caso, se diten para o seu desenvolvemento e execución.

3. Polo que respecta á protección de datos de carácter persoal:

a) As entidades beneficiarias obríganse a dar cumprimento ao contido do artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, así como cantos outros artigos sexan de aplicación ao tratamento de datos das persoas beneficiarias que leven a cabo como responsables do ficheiro.

b) A entidade beneficiaria deberá tratar os datos coa finalidade exclusiva da xestión da subvención. En ningún caso os datos poderán ser obxecto dun tratamento distinto ao previsto na convocatoria. Calquera tratamento dos datos que non se axuste ao disposto na presente orde será responsabilidade exclusiva da entidade beneficiaria, que responderá fronte a terceiros das infraccións en que incorrese, e fronte á Consellería de Traballo e Benestar polos danos e perdas que lle poida causar.

c) A entidade beneficiaria manifesta cumprir coa normativa vixente en materia de protección de datos de carácter persoal e, en particular, coas medidas de seguridade correspondentes aos seus ficheiros.

Disposición adicional primeira

A concesión das axudas e subvencións reguladas nesta orde estará supeditada á existencia de crédito orzamentario na aplicación 12.04.322A.481 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012.

Disposición adicional segunda

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar na persoa titular da Dirección Xeral de Promoción do Emprego para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como as relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En caso de ausencia, vacante ou enfermidade da persoa titular da Dirección Xeral de Promoción do Emprego, as atribucións citadas no parágrafo anterior serán exercidas temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, de conformidade co réxime disposto na disposición adicional primeira do Decreto 109/2012, do 22 de marzo, polo que se establece a súa estrutura orgánica.

Disposición adicional terceira

As entidades beneficiarias destas axudas están suxeitas ao réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional cuarta

Para o adecuado desenvolvemento das súas funcións, os datos de carácter identificativo (DNI, nome e apelidos, sinatura.) así coma os académicos e profesionais dos axentes de emprego contratados, serán públicos e deberán estar á disposición de quen requira dos seus servizos como tales, polo que deberán prestar o seu consentimento por escrito segundo o modelo que se estableza a Dirección Xeral de Promoción do Emprego, que serán tratados só e exclusivamente para o correcto desenvolvemento das finalidades previstas nesta orde e en ningún caso se utilizarán para outro fin.

Para os efectos do disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e no Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, que a desenvolve, as entidades beneficiarias das axudas para a contratación de axentes de emprego incorporarán os datos de carácter persoal nun ficheiro propio, declarado previamente no Rexistro da Axencia Española de Protección de Datos.

A entidade beneficiaria comunicará á Consellería de Traballo e Benestar os datos necesarios para o seguimento, control e supervisión das accións citadas, e solicitará previamente ao interesado o seu consentimento sobre a cesión dos datos de carácter identificativo (DNI, nome e apelidos, sinatura) así como os académicos e profesionais. A consellería comprométese a utilizar os devanditos datos exclusivamente para a finalidade mencionada.

En todo caso aplicaranse, sobre os datos de carácter persoal obxecto de tratamento, as medidas de seguridade establecidas no artigo 18.3 desta orde, así como na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e no Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, que a desenvolve.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Promoción do Emprego para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2012

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file