Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Venres, 5 de outubro de 2012 Páx. 38365

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 25 de setembro de 2012 pola que se convocan as actividades que forman parte do Plan de formación permanente para o persoal das escolas infantís 0-3 de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23, asígnalle á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais, inclúe, no seu artigo 3.e), como un dos obxectivos do sistema galego de servizos sociais, proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral, e no artigo 3.i) inclúe garantir o apoio ás familias como marco de referencia no que se desenvolven as persoas.

Así mesmo, a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia establece, no seu artigo 1, como o seu obxecto o recoñecemento da familia como estrutura básica da sociedade e ámbito natural de desenvolvemento da persoa, regulando a obriga que os poderes públicos da Comunidade Autónoma de Galicia teñen de apoiar e protexer as familias e os seus membros e, en especial, os nenos e as nenas e os/as adolescentes.

O Decreto 109/2012, do 22 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, atribúe á Secretaría Xeral de Política Social, entre outras competencias, as de exercer as políticas autonómicas en materia de acción social de apoio á familia e á infancia.

Neste marco competencial, a Consellería de Traballo e Benestar xestiona a Rede de escolas infantís 0-3 da Xunta de Galicia, así como a ordenación do ciclo de educación infantil 0-3 de Galicia.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece, no seu artigo 102, que a formación permanente constitúe un dereito e unha obriga de todo o profesorado e unha responsabilidade das administracións e dos propios centros.

Neste contexto convócase o Plan de formación 2012 para o persoal das escolas infantís 0-3 de Galicia, orientado á actualización e adaptación da formación das e dos profesionais aos requirimentos de carácter socio-educativo que deben recoller os centros de educación infantil no presente e no futuro inmediato. A incidencia directa da formación na calidade do servizo que prestan as escolas infantís 0-3, lévanos a apostar pola formación permanente do activo máis importante que as integra: as persoas que conforman os equipos de traballo.

Para a elaboración deste novo Plan de formación permanente para o ano 2012, tivéronse en conta as demandas presentadas polos/as profesionais das escolas infantís 0-3 que participaron no Plan do ano 2011. Con base nestes resultados foi elaborada a nova proposta que, ao igual que o pasado ano, recolle dúas modalidades de formación, os cursos de actualización científica e didáctica e a formación en centros.

En virtude do exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é convocar as actividades formativas que integran o Plan de formación permanente para o persoal das escolas infantís 0-3, correspondente ao ano 2012, tanto da modalidade de cursos de actualización científica e didáctica como de formación en centros.

Artigo 2. Modalidades de formación

As modalidades de formación que ofrece este Plan son as seguintes:

1. Cursos de actualización científica e didáctica.

Nesta modalidade inclúense todas as actividades formativas recollidas no anexo I desta orde.

As datas de cada curso, así como o lugar e as datas de celebración, publicaranse coa antelación suficiente na páxina web www.escolasinfantis.net

2. Formación en centros.

Esta modalidade formativa está dirixida aos equipos educativos das escolas infantís 0-3 dependentes da Consellería de Traballo e Benestar e do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar que desexen iniciar unha dinámica de traballo conxunto, afondar nalgún aspecto considerado nuclear para o deseño e desenvolvemento da planificación didáctica ou buscar fórmulas de sensibilización dos/as integrantes do equipo ou equipos con determinadas metodoloxías de traballo.

Artigo 3. Requisitos dos/as participantes e preferencia no acceso aos cursos de actualización científica e didáctica

Poderán solicitar a súa participación nos cursos de actualización científica e didáctica convocados, os/as profesionais que, reunindo os requisitos establecidos para cada un dos cursos relacionados no anexo I, presten os seus servizos nas escolas que forman parte da Rede de escolas infantís de Galicia da Consellería de Traballo e Benestar e do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e se atopen en situación de servizo activo ou excedencia por coidado de fillo/a ou de familiar. Poderán solicitar, así mesmo, a súa participación aquelas persoas que, no momento da convocatoria, estean gozando dos permisos por maternidade/paternidade ou por adopción ou acollemento, tanto preadoptivo como permanente ou simple.

Toda persoa solicitante que, no momento do inicio do curso correspondente, se atope en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluída da relación de admitidos/as.

Artigo 4. Presentación de solicitudes, prazo e documentación

1. As persoas que, cumprindo os requisitos establecidos no anexo I para cada un dos cursos, desexen participar en calquera das actividades formativas, presentarán a súa solicitude de acordo co modelo establecido no anexo II, que poderán descargar na sección de formación da páxina web da Rede galega de escolas infantís (www.escolasinfantis.net).

Xunto co anuncio das actividades formativas no portal educativo concretarase o lugar e as datas de celebración de cada unha delas.

2. Con carácter xeral, o prazo de inscrición para cada unha das actividades formativas abrirase cunha antelación de 15 días hábiles antes da data de inicio da acción formativa correspondente. Desde a apertura do prazo de inscrición, a persoa interesada disporá de 5 días hábiles para formalizar a súa solicitude.

Non obstante e co fin de desenvolver todas as actividades formativas previstas no Plan de formación 2012, a apertura do prazo de inscrición en cada procedemento de admisión poderá variar dunha actividade a outra, establecéndose unha antelación mínima de sete días hábiles antes da data de inicio da acción formativa correspondente.

A inscrición poderá realizarse mediante calquera das seguintes vías:

Fax: 981 56 87 13.

Vía telemática: www.escolasinfantis.net

Artigo 5. Cursos de convocatoria directa

O órgano convocante poderá designar directamente como destinatarios/as dalgún dos cursos que integran este Plan de formación determinados/as profesionais que carezan da formación considerada prioritaria para o desenvolvemento do seu traballo diario.

Ao igual que os/as solicitantes seleccionados/as, as persoas designadas directamente para algún dos cursos consumirán a súa opción preferente.

Artigo 6. Criterios de selección para os cursos de actualización científica e didáctica

1. Os criterios de selección aplicables no acceso ás actividades formativas serán os seguintes:

a) Pertenza á categoría profesional a que se dirixe a convocatoria do curso.

b) Non ter realizado o mesmo curso en edicións anteriores.

As persoas que, tendo participado nalgún dos cursos de convocatorias anteriores do Plan de formación, no caso de presentar solicitude de participación para a mesma actividade formativa convocada no presente Plan, quedarán automaticamente excluídas de tal actividade.

c) Orde de presentación das solicitudes por calquera das vías establecidas no artigo 4 desta norma.

d) En cada curso reservarase unha praza para solicitantes que presenten o certificado de recoñecemento do grao de discapacidade.

2. Cando o número de solicitantes sexa superior ao número de prazas ofertadas elaborarase unha lista de agarda. De quedaren prazas vacantes para calquera dos cursos, procederase ao chamamento telefónico das persoas que figuren na dita lista.

Para a elaboración das listas tanto de admitidos/as como de agarda teranse en conta os seguintes criterios:

– Todas as persoas solicitantes terán preferencia para participar nunha (1) acción formativa, establecéndose a prioridade, de acordo coa orde de presentación da solicitude.

– Unha vez consumida a opción preferente aplicarase o criterio do número de cursos realizados do presente Plan de formación. Neste sentido, a orde da listaxe establecerase dando prioridade a aquelas persoas que teñan menos cursos realizados. No caso de que dúas persoas teñan o mesmo número de cursos realizados, a listaxe establecerase en relación á orde de presentación das solicitudes.

3. A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección dos/as aspirantes dará lugar á súa exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso do Plan de formación do presente ano.

4. As persoas solicitantes ou designadas para participar nunha actividade formativa deberán estar dadas de alta laboral no momento do inicio do curso. A situación de baixa laboral por incapacidade temporal implicará a exclusión destas persoas da relación de admitidos e, de non comunicar a dita circunstancia, aínda tendo cumprido cos requisitos de asistencia á actividade, non se procederá á súa certificación.

Artigo 7. Publicación das listas de admitidos/as

As listas de admitidos/as para cada curso serán publicadas na páxina web www.escolasinfantis.net o venres da semana anterior á celebración do curso.

As persoas seleccionadas recibirán unha notificación automática da súa admisión.

Artigo 8. Requisitos de asistencia aos cursos de actualización científica e didáctica

1. É obrigatoria a asistencia con puntualidade a todas as sesións dos cursos. Para a obtención da correspondente certificación da actividade, a ausencia, por causas xustificadas, non poderá exceder do 25 % das horas presenciais de cada curso. Esta ausencia xustificada deberá ser acreditada documentalmente, enviando o dito documento á seguinte conta de correo: formacion.ei@igualdadebenestar.org nun prazo máximo de 10 días naturais despois de que este finalice. A ausencia, aínda xustificada, superior ao 25 % das horas presenciais determinará a perda do dereito á obtención da correspondente certificación.

A falta de acreditación documental da causa ou causas alegadas, poderá determinar non só a perda do dereito de obtención da certificación, senón que poderá ser causa de exclusión das convocatorias dos restantes cursos do Plan de formación permanente 2012.

2. Durante a celebración das actividades formativas levarase un control permanente de asistencia a través dos sistemas que se establezan para o efecto e, así mesmo, constarán como incidencia as ausencias dentro de cada sesión. Isto implica que o persoal que participe nos cursos terá que anotar a hora de chegada ou saída, no caso de facelo durante a duración oficial do curso, para poder acreditar o tempo que faltou. De non facelo así e realizarse un control de asistencia extraordinario, perderá o dereito a recibir o certificado.

3. A parte non presencial dos cursos será acreditada mediante o traballo práctico fixado polo relator ou relatora de cada curso e seralle remitido, por parte do/a alumno/a, no prazo establecido por este/a. A non remisión do dito traballo nos prazos fixados, implicará a perda do dereito á certificación da actividade formativa correspondente.

Artigo 9. Avaliación e certificados

A avaliación dos coñecementos adquiridos polo alumnado realizarase segundo criterios establecidos no deseño de cada un dos cursos.

O certificado acreditativo do curso expedirase unicamente a aquelas persoas que o superen con avaliación positiva.

Artigo 10. Anulación da reserva

Cando unha persoa seleccionada non poida asistir ao curso para o que está admitido/a, deberá comunicar a súa renuncia por calquera das vías sinaladas no artigo 4 desta norma, cunha antelación mínima de tres (3) días hábiles á data de inicio do curso de que se trate.

De non facelo así, agás causa xustificada, non poderá ser admitida a ningunha das actividades formativas integradas neste Plan de formación.

As prazas vacantes por baixas cubriranse segundo a orde da lista de agarda.

Artigo 11. Suspensión ou modificación das actividades formativas

No suposto de que o número de solicitantes a unha actividade formativa sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a Administración resérvase o dereito a suspender, modificar as datas ou agrupar varias edicións da mesma actividade. Neste suposto a comunicación ás/aos interesadas/os farase a través da páxina web www.escolasinfantis.net

Así mesmo, o órgano convocante poderá acordar a suspensión ou substitución dalgunha das actividades formativas recollidas no anexo I, cando, por causas alleas a este, concorran circunstancias que fagan inviable a súa celebración.

Artigo 12. Requisitos, prazo e documentación para participar na formación en centros

Poderán solicitar a súa participación nesta modalidade, os equipos educativos das escolas infantís da Rede de escolas infantís de Galicia xestionadas pola Secretaría Xeral de Política Social e polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Para participar nesta modalidade de formación será preciso presentar unha solicitude debidamente cuberta e asinada pola persoa ou persoas que vaian coordinar a actividade formativa, de acordo co modelo establecido no anexo III desta orde, dirixida á Comisión Técnica de Valoración da Formación en Centros integrada por dous membros do Equipo de Atención Educativa do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e por un técnico/a da área de familia da Secretaría Xeral de Política Social para o ciclo de educación infantil 0-3.

As solicitudes presentaranse cunha antelación mínima dun mes antes da data prevista para o inicio da actividade formativa. Unha vez presentada a solicitude, a comisión deberá reunirse nun prazo máximo de 15 días naturais a partir do día seguinte á data na que se presentou a solicitude.

O proxecto deberá contar co informe favorable da comisión.

A presentación das solicitudes será telemática descargando a solicitude da páxina web de formación en centros do Plan de formación 2012 e enviándoa ao correo electrónico: formacion.ei@igualdadebenestar.org

Xunto coa solicitude presentarase unha proposta na que se concretará o plan de traballo, as actividades que se desenvolverán e a planificación destas (espazos, tempos, recursos) así como os criterios de avaliación do proceso.

Unha vez finalizada a acción formativa, a persoa ou equipo de coordinación presentará ante a comisión unha memoria xustificativa desta, seguindo os puntos establecidos no modelo do anexo IV desta orde, debendo achegar ademais os documentos acreditativos necesarios para a valoración da actividade formativa por parte da Comisión Técnica de Valoración da Formación en Centros. O prazo de presentación desta memoria terá como límite o ano natural ao que corresponde o Plan.

Artigo 13. Características da modalidade de formación en centros

Ao ser esta unha modalidade dirixida a equipos de escolas infantís, é condición recomendable para a súa realización que participe a maior parte do persoal do centro. Esta acción formativa poderá ser ofertada a outras escolas infantís próximas ou formulada conxuntamente con outros centros próximos coa finalidade de afondar nunha temática común, permitindo o intercambio e enriquecemento de experiencias entre os/as profesionais.

Cada grupo de traballo estará integrado por un mínimo de 3 e un máximo de 30 persoas das cales unha asumirá a coordinación da actividade. No caso de tratarse dun grupo de traballo amplo, as funcións de coordinación poderán ser asumidas por un equipo de coordinación.

O desenvolvemento da formación en centros distribuirase en torno a dous eixes principais:

– Horas de docencia: do número total de horas totais do proxecto de formación en centros dedicaranse un 80 % destas ao desenvolvemento da súa parte teórica mediante horas de docencia.

– Horas de reflexión conxunta e elaboración da memoria: do número total das horas formativas dedicaranse un 20 % das mesmas á reflexión conxunta por parte de todos/as os/as asistentes e á elaboración da memoria de avaliación do proxecto ademais das aplicacións prácticas realizadas a partir deste e coas propostas de mellora.

Corresponderalle o/a coordinador/a do proxecto de formación en centros dinamizar e coordinar o traballo desta memoria.

O número total de horas formativas das propostas de formación en centros poderán ser de 10 horas, de 20 horas ou dun máximo de 30 horas.

Artigo 14. Asistencia ás actividades de formación en centros. Criterios de exclusión

1. É obrigatoria a asistencia con puntualidade a todas as sesións da actividade formativa. Para a obtención da correspondente certificación, a ausencia por causas xustificadas non poderá exceder do 15 % das horas totais da acción formativa. Esta ausencia xustificada deberá ser acreditada documentalmente ante a persoa ou persoas responsables da actividade nun prazo máximo de 10 días naturais logo do remate da actividade formativa.

A falta de acreditación documental da causa ou causas alegadas poderá determinar non só a perda do dereito de obtención da certificación, senón que poderá ser causa de exclusión das convocatorias das restantes accións formativas do Plan de formación permanente 2012.

Ao longo das diferentes xornadas que dura a acción formativa levarase un control de asistencia a través dos sistemas que se establezan para tal efecto.

2. A falta de asistencia, aínda xustificada documentalmente, dun número de horas superior ás establecidas no punto anterior, determinará, así mesmo, a perda do dereito á certificación da actividade.

Artigo 15. Avaliación e certificados da formación en centros

A Comisión Técnica de Valoración da Formación en Centros realizará a avaliación final da formación en centros, tendo en conta a memoria de avaliación e a documentación presentada, no prazo de 20 días naturais contados a partir do día seguinte ao remate do prazo de entrega das devanditas memorias.

A acta de avaliación reflectirá o número de horas recoñecido a cada grupo de traballo para os efectos de certificación, atendendo ás actas de reunións de traballo, aos materiais entregados e á coherencia e calidade da memoria presentada.

Ás persoas participantes no grupo de traballo expediráselles a certificación acreditativa da coordinación ou participación, unha vez presentada e avaliada positivamente a memoria final.

A certificación das horas non poderá superar, en ningún caso, o límite do cómputo global de horas pola que foi aprobado o proxecto.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2012

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

ANEXO I
Actividades formativas

Curso

Edicións

Horas

Prazas/curso

Destinatarios/as

A música na escola infantil 0-3 anos

2

25

30

Todo o persoal das escolas infantís 0-3

As artes na escola infantil 0-3: liberdade e creación

1

25

120

Todo o persoal das escolas infantís 0-3

Atención á diversidade: situacións de risco social

2

25

30

Todo o persoal das escolas infantís 0-3

Un baúl cheo de historias: a maxia das palabras na educación infantil 0-3

2

25

30

Todo o persoal das escolas infantís 0-3

Educación psicomotriz na escola infantil 0-3

2

25

30

Todo o persoal das escolas infantís 0-3

O valor da educación: a educación en valores nunha escola infantil 0-3

1

25

30

Todo o persoal das escolas infantís 0-3

Tacto consciente: aprendizaxe para a súa proxección na comunidade educativa dunha escola infantil 0-3

2

25

30

Todo o persoal das escolas infantís 0-3

Aproveitamento de recursos: estratexias e destrezas para a construción de material didáctico para o 0-3

1

25

30

Todo o persoal das escolas infantís 0-3

A linguaxe oral e corporal na escola infantil 0-3: novos ámbitos de comunicación

2

25

30

Todo o persoal das escolas infantís 0-3

O pensamento simbólico na escola infantil 0-3: da imitación á representación; O mundo da heurística na escola infantil 0-3

1

25

120

Todo o persoal das escolas infantís 0-3

A dirección: ferramentas para a xestión educativa eficaz dos recursos da escola infantil 0-3

1

25

30

Direccións das escolas infantís 0-3

Habilidades sociais na escola infantil 0-3

1

25

30

Todo o persoal das escolas infantís 0-3

A planificación do cotiá na escola infantil 0-3

2

25

30

Todo o persoal das escolas infantís 0-3

Introdución ás tecnoloxías da información e da comunicación na escola infantil 0-3

2

25

30

Todo o persoal das escolas infantís 0-3

Unha mirada á escola infantil 0-3 a través do blog

2

25

30

Todo o persoal das escolas infantís 0-3

Ámbitos de experiencias cos nenos e coas nenas na escola infantil 0-3

1

25

30

Todo o persoal das escolas infantís 0-3

Todas/os iguais, todas/os diferentes na escola infantil 0-3

1

25

120

Mestras/es e educadoras/es das escolas infantís 0-3

Un mundo de cores na escola infantil 0-3

1

25

30

Todo o persoal das escolas infantís 0-3

A ergonomía na escola infantil 0-3

2

25

30

Todo o persoal das escolas infantís 0-3

As familias e a comunidade na vida diaria da escola infantil 0-3

2

25

30

Todo o persoal das escolas infantís 0-3

A dirección: obradoiro para xerar un bo traballo en equipo na escola infantil 0-3

1

20

102

Direccións actuais das escolas infantís do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar

TÍTULO

1º apelido

2º apelido

Nome

NIF

Correo electrónico

Tel. particular

Tel. móbil

Enderezo

Localidade

Concello

Provincia

Cód. postal

Datos profesionais

Centro de destino

Teléfono

Enderezo

Localidade

Concello

Provincia

Cód. postal

Titularidade do centro (marcar cun X)

□ Xunta de Galicia □ Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar

Anos de servizo

Categoría profesional (marcar cun X)

□ Dirección □ Mestra/e □ Educador/a □ Cociñeiro/a □ Camareiro/a Limpador/a □ PSX □ Outro persoal: ___________________________

No caso de ser persoal da Xunta de Galicia (marcar cun X)

□ Fixo □ Temporal

En

,

de

de

Asdo. O/A interesado/a

ANEXO III
Solicitude de formación en centros

ESCOLA INFANTIL

TÍTULO DO PROXECTO DE FORMACIÓN

XUSTIFICACIÓN E BREVE DESCRICIÓN

DESTINATARIOS/AS

COORDINADOR/A OU EQUIPO DE COORDINACIÓN:

Nome e apelidos NIF Escola infantil Correo electrónico

1.

2.

3.

RELATOR/A OU RELATORES/AS:

TITULACIÓN E EXPERIENCIA PROFESIONAL DOS/AS RELATORES/AS:

NÚMERO DE HORAS

MODALIDADE: presencial

ESTRUTURA DA ACCIÓN FORMATIVA

OBXECTIVOS

CONTIDOS

METODOLOXÍA

RECURSOS (materiais, humanos...):

REXISTRO DOCUMENTAL

AVALIACIÓN

DATAS DE REALIZACIÓN

DATAS DE REALIZACIÓN

En , ... de de 2012

Asdo.

Comisión Técnica de Valoración da Formación en Centros

ANEXO II
Solicitude de curso de actualización científica e didáctica