Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Xoves, 18 de outubro de 2012 Páx. 39606

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 10 de outubro de 2012 pola que se convoca a segunda práctica do Plan anual de adestramento regulamentario para a seguridade no manexo das armas.

Dentro das actividades programadas para o ano 2012, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, de creación da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria da segunda práctica do Plan anual de adestramento regulamentario para a seguridade no manexo das armas, dos/as policías locais de Galicia, que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

Obxectivos:

– Facilitar o cumprimento do disposto no artigo 11.4 da Lei 4/2007, de coordinación de policías locais.

– Dispoñer de persoal actualizado nas prácticas de armamento e tiro policial de defensa.

– Controlar a práctica anual e regulamentaria do cadro de persoal, mediante un control e unha cartilla de tiro individual.

– Establecer distintos niveis para categorías de tirador, segundo a seguridade e habilidade que demostren no manexo das armas.

Destinatarios/as:

A actividade vai dirixida aos/as funcionarios/as dos corpos da policía local dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que teñan interese en cumprir co disposto no artigo 11.4 da Lei 4/2007, relativo a garantir unha adecuada preparación no uso da arma regulamentaria para o persoal dos corpos de policía local.

Solicitudes:

Os concellos interesados deberán remitir o formulario que se atopa na páxina web http://agasp.xunta.es/es á Academia Galega de Seguridade Pública, avenida da Cultura, s/n, A Estrada (Pontevedra), antes do día 24 de outubro de 2012.

As solicitudes poderán presentarse a través do fax da Agasp, núm. 886 20 61 22, ou de acordo co previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As solicitudes deberán estar autorizadas pola alcaldía, concellaría ou xefe de persoal, segundo proceda.

Todos aqueles concellos que adquirisen recentemente armas regulamentarias para a policía local terán preferencia para efectuar as prácticas regulamentarias, indispensables para un mellor coñecemento da nova arma e a adquisición da destreza suficiente para o seu manexo coa seguridade e habilidade necesarias.

Medios:

Para o desenvolvemento da actividade, o alumnado deberá traer a súa arma regulamentaria da dotación e a munición correspondente para as prácticas. A Academia Galega de Seguridade Pública nomeará os profesores e instrutores necesarios.

Determinación da data das prácticas:

A segunda práctica do plan terá lugar entre os días 5 e 29 de novembro de 2012, cun horario das 9.30 ás 21.00 h.

Configurado o calendario segundo as solicitudes recibidas comunicarase aos concellos coa finalidade de que, pola súa vez, informen con antelación suficiente da relación nominal do persoal participante na práctica.

Control e cartilla de tiro:

O control das prácticas do persoal xestionarano conxuntamente a Academia Galega de Seguridade Pública e a persoa designada polo concello.

Estableceranse niveis segundo a categoría e habilidade que cada tirador/a amose nos aspectos tanto de seguridade como de manexo coas armas, niveis a que irá accedendo paulatinamente cada policía, se é o caso. Estes niveis constarán na cartilla ou documento de control que se dispoña para as prácticas de tiro, tal e como se indicaba no punto anterior.

Lugar:

As prácticas desenvolveranse na galería de tiro da Academia Galega de Seguridade Pública.

Modificacións:

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento do plan anual de actualización para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 10 de outubro de 2012

José Carlos García Bouzas
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública