Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Martes, 30 de outubro de 2012 Páx. 40867

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 19 de outubro de 2012 pola que se modifica a Orde do 14 de outubro de 2011 pola que se regulan os ficheiros de datos de carácter persoal existentes no organismo autónomo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

A Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (BOE nº 298, do 14 de decembro) regula o tratamento de datos de carácter persoal rexistrados en soportes físicos, que os faga susceptibles de tratamento, así como toda modalidade de uso posterior destes datos polos sectores público e privado. A finalidade desta regulación é garantir e protexer as liberdades públicas e os dereitos fundamentais das persoas físicas, e especialmente a súa honra e intimidade persoal e familiar.

No artigo 20 da dita lei disponse que a creación, modificación ou supresión dos ficheiros das administracións públicas só poderá facerse por medio de disposición xeral publicada no BOE ou diario oficial correspondente, e establécense no seu punto segundo as indicacións concretas que deben constar nas disposicións de creación e modificación daqueles.

Pola súa banda, o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, como organismo autónomo adscrito á Consellería de Traballo e Benestar, de conformidade co disposto no Decreto 109/2012, do 22 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da consellería, regúlase pola Lei 14/2007, do 30 de outubro, pola que se crea e se regula, e o Decreto 130/2008, do 19 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica e funcional do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

En consecuencia, e en virtude das facultades que me confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Mediante esta orde da Consellería de Traballo e Benestar modifícase o ficheiro de datos de carácter persoal que se especifica no anexo, pertencente ao Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga).

Artigo 2. Contido

A información exixida no artigo 20.2 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e no artigo 54 do seu regulamento asociado, o Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, para as disposicións de creación de ficheiros, está contida no anexo desta orde.

Artigo 3. Finalidade e uso dos ficheiros

Os datos de carácter persoal, incluídos no ficheiro do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral modificado por esta orde, só serán utilizados para os fins expresamente previstos e declarados no anexo e polo persoal debidamente autorizado.

Artigo 4. Cesión de datos

Os datos só serán cedidos nos supostos expresamente previstos pola lei e os declarados no anexo. No suposto de cesión de datos ás administracións públicas haberá que aterse ao disposto na normativa vixente respecto a esta materia.

Artigo 5. Órgano responsable dos ficheiros

A responsabilidade sobre o ficheiro modificado por esta orde correspóndelle ao Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

Artigo 6. Nivel de protección e medidas de seguridade

O ficheiro modificado por esta orde está clasificado atendendo ao disposto no artigo 80 e seguintes do Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro. No anexo I aparece a clasificación (nivel básico, medio ou alto) do ficheiro modificado baixo esta orde.

A persoa titular do órgano responsable deste ficheiro adoptará as medidas técnicas, de xestión e organización que sexan necesarias para asegurar a confidencialidade e integridade dos datos, así como as conducentes a facer efectivas as garantías, obrigas e dereitos recoñecidos na Lei orgánica 15/1999 e nas súas normas de desenvolvemento.

Artigo 7. Dereito de acceso, rectificación, oposición e cancelación de datos

As persoas poderán exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, oposición e cancelación de datos, cando proceda, mediante escrito dirixido ao enderezo especificado no ficheiro.

Disposición adicional única

No caso de cesións dos datos aos servizos de estatística das administracións públicas haberá que aterse, ademais, ao disposto na normativa vixente sobre materia estatística.

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2012

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

ANEXO
Ficheiro modificado

Denominación do ficheiro

Recursos humanos.

Descrición da súa finalidade e usos previstos

Ordenación da xestión do persoal do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

Colectivos sobre os que se pretenden obter datos ou que resulten obrigados a subministralos

Persoal do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

Procedemento de recollida de datos

Declaración e formularios en papel e electrónicos.

Procedencia dos datos

O/a propio/a interesado/a ou o/a seu/súa representante legal.

Administracións públicas.

De entidades privadas: mutua de prevención de riscos laborais concesionaria do servizo de vixilancia da saúde.

Estrutura básica do ficheiro

Tipos de datos de carácter persoal (categorías de datos)

Datos de carácter identificativo: DNI/NIF, n. de S.S./mutualidade, nome e apelidos, enderezo, teléfono, nº de rexistro persoal.

Datos de características persoais: datos de estado civil, datos de familia, data de nacemento, sexo.

Datos académicos e profesionais: formación/titulacións, centro de traballo, tipo de posto de traballo.

Datos de emprego e de carreira administrativa: corpo/escala, categoría/grao, posto de traballo, datos non económicos de nómina, historial do traballador, compatibilidades.

Datos económico-financeiros e de seguros: datos bancarios, datos de axudas de acción social.

Datos relativos a infraccións administrativas.

Sistema de tratamento

Mixto.

Comunicacións ou cesións de datos

A mutua concesionaria do servizo de vixilancia da saúde para o persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Transferencias internacionais de datos a países terceiros

Non están previstas.

Órgano responsable do ficheiro

Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

Servizos ou unidades ante os cales poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición

Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

Casa da Parra. Praza da Quintana, s/n, 15704 Santiago de Compostela.

Nivel do ficheiro

Medio.