No Diario Oficial de Galicia número 13, do xoves 19 de xaneiro de 2012, publicouse a Orde do 31 de decembro de 2011 pola que se procede á convocatoria de axudas dos programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción do cooperativismo para o ano 2012.
No artigo 4, parágrafo segundo, establécese que «A data máxima de xustificación das accións subvencionadas será o 31 de outubro de 2012 para a primeira anualidade e o 31 de maio de 2013 para a segunda».
Diversas dificultades de carácter técnico, así como o atraso producido pola ampliación da dotación orzamentaria efectuada mediante a Orde do 18 de setembro de 2012, pola que se modifica a Orde da Consellería de Traballo e Benestar do 31 de decembro de 2011, pola que se procede á convocatoria de axudas dos programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción do cooperativismo para o ano 2012 e se procede ao incremento da dotación orzamentaria, provocaron que a fase de instrución se prolongase máis alá das datas inicialmente previstas, o que afecta os prazos de resolución das solicitudes.
Por tal motivo, co fin de garantir a maior eficacia posible da convocatoria das referidas axudas, cómpre adaptar o prazo de xustificación das axudas do programa IV: fomento do acceso á condición de socio/a traballador/a, xa que por causas sobrevidas resulta de difícil cumprimento.
De acordo co anterior, vista a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento,
DISPOÑO:
Artigo único
Modifícase o artigo 4, parágrafo segundo, da Orde do 31 de decembro de 2011 pola que se procede á convocatoria de axudas dos programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción do cooperativismo para o ano 2012, que queda redactado como segue:
«A data máxima de xustificación das accións subvencionadas será, para os programas I, II, III e V, o 31 de outubro de 2012 para a primeira anualidade e o 31 de maio de 2013 para a segunda e, para o programa IV, o 15 de novembro de 2012 para a primeira anualidade e o 31 de maio de 2013 para a segunda».
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2012
Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar