Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Venres, 16 de novembro de 2012 Páx. 43194

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 7 de novembro de 2012 sobre os horarios e o calendario laboral das oficinas da Administración de xustiza en Galicia para 2012.

A Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, na redacción dada pola Lei orgánica 19/2003, do 23 de decembro, establece no seu artigo 500, punto 1, que a duración da xornada xeral de traballo efectivo en cómputo anual e daquelas xornadas que teñan que ser realizadas en réxime de dedicación especial, así como as súas especificidades, será fixada por resolución do órgano competente do Ministerio de Xustiza, logo de informe das comunidades autónomas con competencias asumidas e de negociación coas organizacións sindicais máis representativas.

O punto 2 do citado artigo 500 establece que a duración da xornada xeral semanal será igual á establecida para a Administración xeral do Estado. Así mesmo, no seu punto 4 disponse que a distribución da xornada e a fixación dos horarios se determinarán a través do calendario laboral que, con carácter anual, aprobará o órgano competente do Ministerio de Xustiza e das comunidades autónomas con competencias asumidas, nos seus respectivos ámbitos, tras informe favorable do Consello Xeral do Poder Xudicial e negociación coas organizacións sindicais. O calendario laboral determinarase en función do número de horas anuais de traballo efectivo.

Mediante a Orde JUS/615/2012, do 1 de marzo, o Ministerio de Xustiza procedeu a regular a duración da xornada xeral de traballo en cómputo anual e as xornadas en réxime de dedicación especial para o persoal ao servizo da Administración de xustiza.

Coa publicación do Decreto 128/2011, do 30 de xuño, aprobouse o calendario laboral para o ano 2012 na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 4 de xullo).

En virtude do establecido no artigo 20.1 do Estatuto de autonomía de Galicia e da transferencia de funcións á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de medios persoais ao servizo da Administración de xustiza, realizada a través do Real decreto 2397/1996, do 22 de novembro, e asumida pola Xunta de Galicia a través do Decreto 438/1995, os funcionarios dos corpos de médicos forenses e mais dos corpos de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa e de auxilio xudicial dependen organicamente da Comunidade Autónoma.

En aplicación da normativa mencionada, logo de negociación coas organizacións sindicais máis representativas no sector e co informe favorable do Consello Xeral do Poder Xudicial, aprobado o 20 de setembro de 2012,

DISPOÑO:

Artigo 1. Ámbito de aplicación

Esta orde será de aplicación aos médicos forenses e ao persoal funcionario dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia que presten servizos nos órganos xudiciais e fiscais, rexistros civís, oficinas xudiciais, Instituto de Medicina Legal, xulgados de paz e outras oficinas e servizos da Administración de xustiza de Galicia.

Artigo 2. Xornada e horario de traballo na Administración de xustiza

1. A duración da xornada xeral de traballo na Administración de xustiza será a que determine, en cómputo anual, o órgano competente do Ministerio de Xustiza.

2. Os horarios de traballo das oficinas xudiciais, sen prexuízo de respectar sempre o horario de audiencia pública, serán os que se determinan nesta orde. Non obstante, a prestación do servizo de garda farase efectiva nos réximes de presenza e dispoñibilidade e nos horarios previstos na súa normativa específica.

Artigo 3. Horario de atención directa ao cidadán

1. Fixado o horario de audiencia pública na forma establecida polo artigo 188 da Lei orgánica do poder xudicial, o horario de atención ao público e aos profesionais nas oficinas xudiciais e nos demais servizos da Administración de xustiza será, con carácter xeral, das 9.00 ás 14.00 horas, respectando en todo caso o horario fixado de audiencia pública, e darase a coñecer de forma ostensible na parte exterior das distintas oficinas xudiciais.

2. No caso das oficinas de rexistro e repartición, decanatos e oficinas dos xulgados e tribunais que conserven a función de recepción e rexistro de escritos, o horario ampliarase ata as 15.00 horas de luns a venres, para respectar o disposto no artigo 135.1 da Lei 1/2000, do 7 de xaneiro, de axuizamento civil.

3. No caso das oficinas de Rexistro Civil da Coruña, Vigo, Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra, o horario de apertura destas unidades será ininterrompido das 9.00 ás 18.00 horas de luns a venres, e das 10.00 as 13.00 horas os sábados. A atención directa ao cidadán durante esta faixa horaria organizarase a través de quendas voluntarias e incentivadas conforme o previsto no artigo 6 desta orde.

Artigo 4. Xornada e horarios xerais

1. Con carácter xeral, nas oficinas e servizos da Administración de xustiza en Galicia a xeira de traballo prestarase en xornada continua, cunha duración mínima de trinta e sete horas e media semanais de traballo efectivo de media en cómputo mensual. A duración da xornada xeral en cómputo anual será de 1.625 horas anuais.

2. Polas mañás, de luns a venres, realizarase a parte fixa de horario, que consistirá en 6 horas diarias continuadas de obrigada presenza, e que se deberá realizar entre as 8.00 e as 15.00 horas.

3. Para respectar o disposto no artigo 135.1 da Lei 1/2000, do 7 de xaneiro, de axuizamento civil, respecto da presentación de escritos, nas unidades previstas no artigo 3.2 desta orde organizaranse quendas que garantirán a permanencia ata as 15.00 horas dos funcionarios precisos para realizar as funcións de recepción e rexistro de escritos.

4. A parte flexible do horario distribuirase, á elección do empregado público, ata alcanzar o tempo de traballo mensual previsto no anexo desta orde, e poderase cumprir, de luns a venres, entre as 7.30 e as 9.00 horas e entre as 14.00 e as 18.30 horas.

Artigo 5. Xornadas e horario de verán

1. Durante o período comprendido entre o 16 de xuño e o 15 de setembro, ambos inclusive, establécese unha xornada intensiva de trinta e dúas horas e media semanais, con tempo fixo continuado de obrigada presenza, de luns a venres, entre as 9.00 e as 14.30 horas; e o resto, ata cumprir o total do tempo de traballo mensual que figura no anexo desta orde, en horario flexible que se poderá realizar, de luns a venres, entre as 8.00 e as 9.00 horas e entre as 14.30 e as 17.30 horas.

2. Durante o dito período será de aplicación o previsto no artigo 4.3 desta orde para garantir, ata as 15.00 horas, a presentación de escritos prevista no artigo 135.1 da Lei 1/2000, do 7 de xaneiro, de axuizamento civil.

Artigo 6. Horario especial das oficinas de Rexistro Civil das cidades

1. O persoal que preste servizos nas unidades previstas no artigo 3.3 desta orde poderá optar voluntariamente por unha xornada de mañá e tarde incentivada economicamente.

2. Esta xornada cumprirase mediante a presenza obrigada do persoal entre as 9.00 e as 14.30 horas de luns a venres, e realizando, ademais, sete horas e media semanais que se prestarán, en quendas, de luns a venres das 14.30 ás 18.00 horas, e os sábados das 10.00 ás 13.00 horas.

3. Os funcionarios que, en función da distribución da quenda, realicen unha xornada das 9.00 ás 18.00 horas interromperán obrigatoriamente o seu traballo durante unha hora, entre as 14.30 e as 16.30 horas, para a comida. Este descanso, que non se computará como tempo de traballo, organizarase tamén en quendas, de modo que se garanta a apertura ininterrompida da oficina das 9.00 ás 18.00 horas.

4. As relacións de postos de traballo recollerán os postos de traballo en que resulte aplicable este réxime horario.

Artigo 7. Horario incentivado de mañá e tarde

1. Nos servizos comúns procesuais, nas unidades técnico-administrativas e mais nas unidades de apoio aos presidentes de tribunais e xuíces decanos poderán existir postos con xornada de mañá e tarde, voluntaria e incentivada economicamente. As relacións de postos de traballo recollerán os postos de traballo en que resulte aplicable este réxime horario.

2. Esta xornada determinará a presenza obrigada do persoal entre as 9.00 e as 15.00 horas, de luns a venres, e a realización, ademais, de sete horas e media semanais de traballo en xornada vespertina, que se prestarán nas franxas horarias que se determinarán para cada posto de traballo.

Artigo 8. Xornadas reducidas de ámbito autonómico e local

1. Os cinco días de xornada reducida por festividades tradicionais determinaranse tras negociación coas organizacións sindicais. Durante estes días realizarase un horario das 9.00 ás 14.00 horas.

2. Será aplicable durante os días de xornada reducida o previsto no artigo 4.3 desta orde, co obxecto de atender o disposto no artigo 135.1 da Lei 1/2000, do 7 de xaneiro, de axuizamento civil. O persoal que no seu cumprimento non poida gozar dun ou varios días de xornada reducida por estar integrado na quenda que debe garantir a apertura da oficina ata as 15.00 horas poderá gozar da xornada reducida das 9.00 ás 14.00 horas os días que correspondan durante a semana seguinte.

Artigo 9. Pausa diaria

Durante a xornada de mañá gozarase dunha única pausa por un período de 30 minutos, que computará como traballo efectivo. Esta interrupción non poderá afectar a prestación dos servizos.

Artigo 10. Días 24 e 31 de decembro

Os días 24 e 31 de decembro permanecerán pechadas as oficinas xudiciais, con excepción dos servizos de garda.

Artigo 11. Dilixencias de carácter urxente e asistencia en sábados

1. No caso de que haxa que atender dilixencias de carácter urxente e inaprazable, os fiscais xefes, os directores e subdirectores do Instituto de Medicina Legal ou os secretarios xudiciais, segundo o caso, impartirán as ordes e instrucións que consideren pertinentes, por escrito e motivadamente para cada caso concreto, co fin de garantir que estas sexan realizadas polos funcionarios, con cargo ao horario flexible e coas compensacións que se establezan por resolución do órgano competente do Ministerio de Xustiza.

2. As ordes e instrucións previstas no punto anterior serán comunicadas á xefatura do departamento territorial competente en materia de xustiza para os efectos da incorporación das compensacións horarias correspondentes no sistema de control horario. Con carácter mensual o departamento territorial remitiralle á Xunta de Persoal unha relación das dilixencias urxentes atendidas.

3. O previsto nos dous puntos anteriores non será de aplicación ao persoal en servizo de garda, que, segundo o indicado no artigo 2.2 desta orde, se rexerá pola normativa reguladora do dito servizo.

Artigo 12. Compensacións horarias

1. O cumprimento do horario establecido non xustificará a suspensión ou interrupción de dilixencias ou actuacións procesuais urxentes e inaprazables, e estas horas de prolongación de xornada máis alá do horario fixado computaranse do xeito seguinte:

a) Cada hora traballada entre as 17.00 e as 22.00 horas, de luns a venres, como dúas horas efectivas, ou a parte proporcional correspondente.

b) Cada hora traballada a partir das 22.00 horas ata as 7.30 horas do día seguinte, sábados, domingos e festivos, como dúas horas e media efectivas, ou a parte proporcional correspondente.

2. As anteriores compensacións horarias non serán de aplicación durante a prestación do servizo de garda. Tampouco serán aplicables nos supostos en que a prestación de servizos nas franxas horarias mencionadas sexa consecuencia do cumprimento das xornadas especiais que teñan establecidas determinados postos, de acordos de prolongación de xornada retribuída ou, se é o caso, da realización voluntaria da parte flexible do horario.

3. No caso de que as anteriores circunstancias supoñan un exceso de horas traballadas sobre a xornada mensual que hai que realizar, estas poderanse compensar dentro do horario flexible do mes seguinte a aquel en que se producise o exceso e, de non ser posible, compensaranse con días de permiso.

4. O cómputo das horas efectivamente traballadas realizarase por meses naturais.

5. O exceso de horas traballadas voluntariamente no horario flexible durante un mes, e ata un máximo do 10 % do dito horario flexible, compensarase, a pedimento do interesado, no horario flexible do mes seguinte.

Artigo 13. Xustificación de ausencias

1. As ausencias e faltas de puntualidade e de permanencia do persoal para as cales se aleguen causas de enfermidade, de incapacidade temporal ou outras de forza maior requirirán o aviso inmediato ao responsable da oficina xudicial, da oficina fiscal ou do servizo da Administración de xustiza onde se presten servizos. As xefaturas dos departamentos territoriais competentes en materia de xustiza poderán solicitar que se presente o xustificante correspondente.

2. En todo caso, a partir do cuarto día consecutivo a aquel en que se produciu a ausencia do posto de traballo será obrigatoria a presentación do parte de baixa e dos sucesivos de confirmación, coa periodicidade que regulamentariamente proceda segundo se trate de persoal incluído na Mutualidade Xeral Xudicial ou no réxime da Seguridade Social.

3. As ausencias e faltas de puntualidade e de permanencia que non queden debidamente xustificadas, unha vez que se lle requira ao afectado que as compense no mes seguinte e este non o faga, darán lugar á dedución proporcional de haberes, de acordo co disposto no artigo 500.6 da Lei orgánica do poder xudicial e calculada na forma establecida no artigo 36 da Lei 31/1991, do 30 de decembro, modificada polo artigo 102.2 da Lei 13/1996, do 30 de decembro, despois da correspondente notificación ao dito afectado.

4. As ausencias ou faltas de puntualidade no traballo motivadas pola situación física ou psicolóxica derivada da violencia de xénero consideraranse xustificadas cando así o determinen os servizos sociais de atención ou os servizos de saúde, segundo proceda, sen prexuízo de que as devanditas ausencias sexan comunicadas pola funcionaria aos órganos de control establecidos no artigo seguinte.

Artigo 14. Control do cumprimento

A Dirección Xeral de Xustiza e das xefaturas territoriais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza velarán, no seu ámbito de competencia, polo cumprimento por parte do persoal ao servizo da Administración de xustiza das xornadas e horarios de traballo establecidos na presente orde, mediante o sistema de control que se estableza tras negociación coas organizacións sindicais.

Artigo 15. Tempos para a formación

1. A asistencia aos cursos de carácter obrigatorio como consecuencia da implantación de novas aplicacións informáticas ou doutros medios tecnolóxicos, así como por mor da entrada en vigor de reformas legais, organizarase durante a parte fixa do horario, en xornada de mañá.

2. O tempo de asistencia aos cursos de formación continua para o persoal ao servizo da Administración de xustiza, así como aos organizados polos sindicatos máis representativos neste ámbito, sempre que fosen previamente homologados, considerarase tempo de traballo para todos os efectos. Tamén se considerará tempo de traballo para todos os efectos o dos funcionarios que participen como profesores nos devanditos cursos.

3. Establécese unha bolsa de formación de 88 horas anuais, que se realizará en todo caso na parte flexible do horario.

Artigo 16. Publicidade do horario de apertura e de traballo

A Dirección Xeral de Xustiza e as xefaturas territoriais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza daranlles a publicidade necesaria aos horarios de apertura das oficinas xudiciais e aos horarios de traballo, de tal forma que se asegure o seu coñecemento tanto por parte dos empregados públicos coma por parte dos cidadáns.

Disposición transitoria única. Réxime provisional do horario especial das oficinas de Rexistro Civil das cidades

Mentres non se aproben as respectivas relacións de postos de traballo continuará en vigor a Resolución do 7 de marzo de 2008, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se regula o horario especial e as condicións de traballo nas oficinas do Rexistro Civil da Coruña, Vigo, Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra (DOG do 17 de marzo).

Disposición derradeira. Vigencia

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2012

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

Mes

Xornadas 2012

Núm. horas efectivas de traballo

Xaneiro

Días laborables:

21

6 Día de Reis

157,5

Xornada ordinaria:

157,5

Parte correspondente ao horario fixo:

126

Parte correspondente ao horario flexible:

31,5

Febreiro

Días laborables:

21

157,5

Xornada ordinaria:

157,5

Parte correspondente ao horario fixo:

126

Parte correspondente ao horario flexible:

31,5

Marzo

Días laborables:

22

165

Xornada ordinaria:

165

Parte correspondente ao horario fixo:

132

Parte correspondente ao horario flexible:

33

Abril

Días laborables:

19

5 Xoves Santo

6 Venres Santo

142,5

Xornada ordinaria:

142,5

Parte correspondente ao horario fixo:

114

Parte correspondente ao horario flexible:

28,5

Maio

Días laborables:

21

1 Festa do Traballo

17 Día das Letras Galegas

157,5

Xornada ordinaria:

157,5

Parte correspondente ao horario fixo:

126

Parte correspondente ao horario flexible:

31,5

Xuño*

Días laborables:

21

147,5

Xornada ordinaria:

147,5

Parte correspondente ao horario fixo:

121

Parte correspondente ao horario flexible:

26,5

Xullo*

Días laborables:

21

25 Día Nacional de Galicia

136,5

Xornada ordinaria:

136,5

Parte correspondente ao horario fixo:

115,5

Parte correspondente ao horario flexible:

21

Agosto*

Días laborables:

22

15 A Asunción

143

Xornada ordinaria:

143

Parte correspondente ao horario fixo:

121

Parte correspondente ao horario flexible:

22

Setembro*

Días laborables:

20

140

Xornada ordinaria:

140

Parte correspondente ao horario fixo:

115

Parte correspondente ao horario flexible:

25

Outubro

Días laborables:

22

12 Día da Hispanidade

165

Xornada ordinaria:

165

Parte correspondente ao horario fixo:

132

Parte correspondente ao horario flexible:

33

Novembro

Días laborables:

21

1 Todos os Santos

157,5

Xornada ordinaria:

157,5

Parte correspondente ao horario fixo:

126

Parte correspondente ao horario flexible:

31,5

Decembro

Días laborables:

17

6 Día da Constitución

8 A Inmaculada

25 Nadal

127,5

Xornada ordinaria:

127,5

Parte correspondente ao horario fixo:

102

Parte correspondente ao horario flexible:

25,5

As festas locais que teñan lugar en sábado ou domingo descontarán deste calendario laboral unha xornada diaria.