Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Martes, 4 de decembro de 2012 Páx. 45671

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 30 de novembro de 2012 pola que se convocan cursos de linguaxe xurídica galega para persoal ao servizo da Administración de xustiza que preste servizos fóra da comunidade autónoma.

A Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, establece entre os seus fins a difusión e normalización do idioma galego na Administración autonómica, a capacitación lingüística do persoal e a participación na fixación da linguaxe técnica, administrativa e xurídica galega. Polo que, en cumprimento do devandito fin, se prevé a realización de cursos de linguaxe xurídica galega, dirixidas ao persoal ao servizo da Administración de xustiza que presten os seus servizos fóra da comunidade autónoma de Galicia.

Nas previsións anuais de accións formativas da Administración pública autonómica en materia de formación en lingua galega, a Escola Galega de Administración Pública e a Secretaría Xeral de Política Lingüística establecen a súa colaboración co obxecto de normalizar o uso do galego na Administración de xustiza.

Por todo isto,

RESOLVO:

Convocar os cursos de formación de linguaxe xurídica galega para o ano 2013 cuxas bases, características e contido son os detallados no anexo desta resolución.

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2012

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

Anexo

Primeira. Destinatarios

Maxistrados, xuíces, fiscais, secretarios xudiciais, médicos forenses, funcionarios dos corpos de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa e de auxilio xudicial que na data desta resolución estean a prestar servizos efectivos fóra da comunidade autónoma de Galicia.

Segunda. Modalidade e datas de realización

Convócase unha edición do Curso de linguaxe xurídica galega de nivel medio, e dúas edicións do Curso de linguaxe xurídica galega de nivel superior. Todos eles se impartirán na modalidade de teleformación, sendo 30 o número de prazas por curso.

A organización e execución dos cursos levarase en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Os cursos impartiranse segundo se indica a continuación:

FX13001 Curso de linguaxe xurídica galega de nivel medio

Localidade da proba presencial

Datas

Horario

Horas

Santiago de Compostela

7.1.2013 ao 9.3.2013

Teleformación

75

FX 13002 Curso de linguaxe xurídica galega de nivel superior

Localidade da proba presencial

Datas

Horario

Horas

Santiago de Compostela

7.1.2013 ao 9.3.2013

Teleformación

75

Santiago de Compostela

7.1.2013 ao 9.3.2013

Teleformación

75

Terceira. Contido e avaliación dos cursos

a) A duración dos cursos de linguaxe xurídica medio e superior será de 75 horas.

b) Os contidos docentes serán os sinalados na Orde do 13 de xuño de 2011 (DOG nº 121, do 24 de xuño).

c) A avaliación será un proceso progresivo e continuo.

Para poder superar os cursos de linguaxe xurídica de nivel medio ou superior na modalidade de teleformación é necesario cumprir unha serie de requisitos obrigatorios na súa totalidade:

– Axeitada realización das actividades que o titor ou a titora propoña. Estas deben constar debidamente presentadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso. A non presentación das actividades obrigatorias supoñerá a perda automática do dereito a participar no exame final presencial.

– Lectura detallada dos contidos do curso. Cada curso ten uns contidos teóricos que deben ser revisados na plataforma.

– O alumnado deberá superar unha proba escrita e outra oral final, de carácter presencial, que terán lugar nas dependencias da EGAP. Para poder obter o diploma é necesario obter un aprobado en ambas as dúas probas e cumprir os demais requisitos sinalados con anterioridade.

– Datas de realización dos exames: as probas de carácter presencial que se desenvolverán ao final dos cursos de teleformación serán os seguintes días:

Para o curso de linguaxe xurídica nivel medio: o 9 de marzo de 2013.

Para os cursos de linguaxe xurídica nivel superior: o 9 de marzo de 2013.

Cuarta. Requisitos que deben reunir os solicitantes

– Curso de linguaxe xurídica de nivel medio: para poder acceder ao curso é necesario ter superado ou validado algún destes cursos: o Celga 4, os cursos de iniciación e perfeccionamento de lingua galega, o curso básico de linguaxe administrativa galega, o curso básico de linguaxe xurídica ou o curso básico de linguaxe administrativa sanitaria.

– Curso de linguaxe xurídica de nivel superior: para poder acceder ao curso é necesario ter superado un destes cursos: o curso medio de linguaxe xurídica galega, ou curso medio de linguaxe administrativa galega ou calquera dos cursos equivalentes a estes que se establecen no punto 2 do artigo 5 da Orde do 13 de xuño de 2011 pola que se regulan os cursos de linguaxe administrativa e xurídica galegas (DOG nº 121, do 24 de xuño).

Quinta. Solicitudes

a) O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da EGAP <http://egap.xunta.es>. Non se admitirán outros modelos de solicitude.

Só se poderá solicitar unha edición por persoa.

b) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

c) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, non se axusten ao formulario de solicitude ou sexan presentadas fóra de prazo.

d) As persoas solicitantes deberán dispoñer dun equipo informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

– Ordenador con conexión á internet.

– Calquera navegador web co plugin de flash.

– Conta de correo electrónico especificada na solicitude.

– Micrófono.

e) As solicitudes cubertas axeitadamente entenderanse presentadas na EGAP no enderezo da internet http://egap.xunta.es/matrícula unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

Xunto co formulario de solicitude presentarase a seguinte documentación:

– Validación ou certificación acreditativa de ter superado o nivel de coñecemento do idioma galego para poder ser admitido no curso que se solicita (de acordo co especificado no número 4).

– Documento que acredite a antigüidade no corpo.

Os interesados deben presentar a documentación complementaria que acredite circunstancias específicas de acordo cos criterios de selección. Remitirán á EGAP a devandita documentación por fax ao número 981 54 63 39 ou correo electrónico ao enderezo <xestion.egap@xunta.es>, sen prexuízo do dereito á presentación de acordo co disposto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. A mencionada documentación deberá presentarse dentro do prazo a que fai referencia o número 6 da presente base.

Sexta. Prazo para presentar as solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 17 de decembro de 2012 ás 14.00 horas.

Sétima. Publicación das relacións de alumnos seleccionados

a) A EGAP publicará na páxina web da EGAP <www.egap.xunta.es > unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número axeitado de reservas. Ademais, para unha maior difusión serán informados da súa selección a través do correo electrónico e mensaxaría telefónica a aqueles que faciliten os seus datos na solicitude. As persoas que non figuren na relación, ou ben non foi seleccionado, polo que ocupan un posto máis afastado na lista de reservas, ou ben foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, todo isto de acordo co disposto no artigo 59.6.b) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

b) O persoal seleccionado só poderá renunciar ao curso por causa de forza maior suficientemente xustificada, necesidade do servizo ou outras causas xustificadas sempre que así se acrediten documentalmente.

Oitava. Criterios de selección

– Antigüidade nos distintos corpos da Administración de xustiza.

De haber empate, desfarase de acordo co resultado do sorteo a que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo. Para o ano 2012, segundo a resolución do 7 de febreiro de 2012 (DOG nº 31, do 14 de febreiro) empezarase pola letra «Z».

Novena. Incidencias

a) A EGAP e a Secretaría Xeral de Política Lingüística resolverán aquelas incidencias que poidan producirse no desenvolvemento e a xestión dos cursos, e poderán suprimir algún, ampliar novas edicións da programación ou programar outros cursos diferentes cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia. Correspóndelle á EGAP en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística prover canto sexa necesario para a execución e cumprimento desta resolución.

b) A EGAP e a Secretaría Xeral de Política Lingüística poderán modificar o desenvolvemento e os contidos dos cursos, as datas e os lugares, así como todas as continxencias que poidan xurdir.

c) No suposto de que o número de admitidos sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP reserva para si o dereito a suspender, cancelar ou agrupar varias edicións das actividades, caso en que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

d) A execución material das accións queda condicionada á existencia de crédito orzamentario axeitado e dispoñible e a autorización correspondente do gasto, tramitándose como expediente anticipado de gasto segundo o disposto na Orde do 11 de febreiro de 1998 (DOG nº 34, do 19 de febreiro).