Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Mércores, 5 de decembro de 2012 Páx. 45794

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 30 de novembro de 2012 pola que se regula o procedemento de adxudicación de prazas de novo ingreso na escola infantil 0-3 As Mariñas, dependente desta consellería, para o curso 2012/13.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva en materia de asistencia social, segundo o disposto no artigo 27.23 do seu Estatuto de autonomía.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, inclúe, no seu artigo 3.e), como un dos obxectivos do sistema galego de servizos sociais, proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral e, no artigo 3.i), garantir o apoio ás familias como marco de referencia no cal se desenvolven as persoas.

Así mesmo, a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, establece, no seu artigo 6.2.c.1º, que se atenderán, se apoiarán e se protexerán as familias como núcleo fundamental da sociedade no cumprimento das súas funcións.

A escola infantil As Mariñas, pertencente á rede de centros infantís da Consellería de Traballo e Benestar, que permaneceu pechada durante o primeiro trimestre do curso 2012/13 debido ás obras de remodelación levadas a cabo nas súas instalacións, ten previsto iniciar proximamente as súas actividades.

O Decreto 109/2012, do 22 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, atribúe á Secretaría Xeral de Política Social, entre outras competencias, a de exercer as políticas autonómicas en materia de acción social de apoio á familia e á infancia.

Conforme o exposto e facendo uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, de acordo co Decreto 1/2012, do 3 de xaneiro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e co Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto regular o procedemento de adxudicación de prazas de novo ingreso na escola infantil 0-3 As Mariñas da Coruña, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, para o segundo e terceiro trimestres do curso 2012/13.

Artigo 2. Requisitos para ser adxudicataria/o

1. Serán requisitos imprescindibles para ser adxudicataria/o de praza na escola infantil 0-3 As Mariñas dependente da Consellería de Traballo e Benestar:

a) Que a/o nena/o teña a súa residencia en Galicia.

b) Que a súa data de nacemento estea comprendida entre o 1 de xaneiro de 2010 e o 31 de decembro de 2011.

Non obstante, poderán eximirse do límite de idade dos 3 anos as nenas e os nenos con necesidades específicas de apoio educativo, logo da emisión do ditame do equipo de orientación específica da Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria correspondente, por petición das/dos nais/pais, titoras/es legais ou acolledores/as e a través do centro.

c) Todos os nenos e nenas con dereito a reserva de praza nesta escola infantil, escolarizados temporalmente na escola infantil O Ventorrillo, serán trasladados/as á escola infantil As Mariñas.

Os nenos e as nenas de 0-1 anos, de novo ingreso, solicitantes de praza para a escola infantil As Mariñas e escolarizados temporalmente na escola infantil O Ventorrillo serán, así mesmo, trasladados/as á escola infantil As Mariñas.

Igualmente, aqueles/as nenos e nenas de reserva de praza desta escola infantil que optaron por non asistir á escola infantil O Ventorrillo durante o tempo de duración das obras de remodelación terán renovada a súa praza na escola infantil As Mariñas sempre que solicitasen a súa renovación dentro do prazo establecido para o efecto.

2. No caso de integrarse nenas/os con necesidades específicas de apoio educativo, en ningún caso poderá haber máis dunha nena ou dun neno con estas necesidades por aula. Para os efectos de ratio, estas prazas contabilizaranse como dúas.

Artigo 3. Criterios de prioridade para a adxudicación das prazas

1. Procedemento ordinario.

As prazas adxudicaranse pola seguinte orde:

1.a) Reserva de praza.

Os nenos e as nenas escolarizados/as durante o curso 2011/12 na escola infantil As Mariñas que renovasen a súa praza dentro do prazo de convocatoria para o curso 2012/13 terán acceso automático á súa praza.

1.b) Novo ingreso.

As prazas adxudicaranse pola seguinte orde:

1º. Os/as fillos/as do persoal da escola infantil As Mariñas, sempre que nela preste servizo a nai, o pai, o/a acolledor/a, a titora ou o titor legal.

2º. As/os solicitantes con irmá/án con praza (renovada ou de novo ingreso) nesta escola infantil.

3º. Menores con medidas administrativas de tutela ou garda en situación de acollemento familiar.

4º. As prazas que queden vacantes adxudicaranse ás/aos solicitantes segundo a puntuación obtida por aplicación do baremo que figura no anexo II. Esta puntuación determinará a orde de prelación na adxudicación das prazas.

2. Procedemento extraordinario.

2.a) Ingresos urxentes.

Para os ingresos de máxima urxencia reservarase un 5 % das prazas do centro.

Terán a consideración de ingresos urxentes os seguintes casos:

– As/os menores tuteladas/os pola Consellería de Traballo e Benestar.

– As/os fillas/os das mulleres que se atopen nunha casa de acollida e/ou sexan vítimas de violencia de xénero.

– Aqueloutros nos cales concorran circunstancias socioeconómicas e familiares que requiran unha intervención inmediata.

A adxudicación ou denegación de praza nestes supostos será resolta pola secretaria xeral de Política Social, por proposta do/a xefe/a territorial da Consellería de Traballo e Benestar da Coruña, nun prazo de 5 días desde a data de presentación da solicitude. Transcorrido este prazo sen recaer resolución expresa a solicitude terase por desestimada. Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada perante a persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar, no prazo dun mes, no caso de resolución expresa, que comezará a contar o día seguinte ao da notificación da resolución. No caso de desestimación presunta, o prazo para interpoñer o recurso será de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo.

2.b) Solicitudes fóra de prazo.

Con carácter excepcional poderanse presentar solicitudes fóra do prazo establecido no punto 2 do artigo 9 nos seguintes casos:

a) Acollemento ou adopción da/o nena/o con posterioridade ao prazo de presentación de solicitudes.

b) Cambio de concello de residencia da unidade familiar.

c) Outras circunstancias que, motivadamente, aprecie a Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar na Coruña.

As solicitudes presentadas fóra de prazo deberán ir xunto coa xustificación acreditativa da circunstancia que as motiva. Así mesmo, estarán condicionadas á existencia de prazas dispoñibles para o grupo de idade da/o nena/o no centro.

Artigo 4. Horario e calendario da escola infantil

1. Horario.

O centro permanecerá aberto das 8.00 ás 17.00 horas.

As/os usuarias/os, dentro do horario de apertura do centro, poderán optar por xornada completa, partida ou continuada, ou por media xornada de mañá.

A permanencia das/dos nenas/os no centro non poderá superar as 8 horas diarias dentro da xornada pola que opte, agás cando en circunstancias excepcionais e debidamente xustificadas a/o nena/o teña que permanecer un tempo superior, que será autorizado pola Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar da Coruña.

2. Calendario.

Para os efectos desta orde, a escola infantil iniciará as súas actividades o día 1 de febreiro de 2013.

O centro permanecerá aberto de luns a venres, excluídos os días considerados festivos no calendario laboral.

Durante o mes de agosto e durante o período comprendido entre o 25 e o 29 de marzo, abrirá un só centro por localidade, sempre e cando exista unha demanda igual ou superior a 15 nenas/os e, de ser o caso, o seu peche diario efectuarase ás 17.00 horas.

Artigo 5. Prestacións

As/os usuarias/os poderán optar por unha das seguintes modalidades de servizo:

a) Atención educativa con comedor.

b) Atención educativa sen comedor. O horario para as/os usuarias/os que opten por esta modalidade de servizo será o establecido polo centro con base nos seus criterios organizativos de funcionamento.

Aquelas/es solicitantes que teñan concedida praza sen servizo de comedor poderán facer uso deste servizo en días soltos solicitándoo con antelación suficiente, sempre que xustifiquen a súa necesidade e aboen o prezo estipulado.

A opción dos servizos elixidos farase constar na solicitude e manterase durante todo o curso, salvo circunstancias sobrevidas, debidamente acreditadas, que xustifiquen a necesidade de modificación da opción elixida inicialmente.

Artigo 6. Prezos

1. Os prezos que deberán pagar as/os usuarias/os serán os establecidos no Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes da Consellería de Traballo e Benestar.

2. A inasistencia da/o usuaria/o durante un período determinado non supón ningunha redución nin exención do pagamento da cota, agás nos casos establecidos no artigo 5 do dito decreto de prezos.

Artigo 7. Regras e definicións para a determinación do importe que cómpre pagar

Para a determinación do importe mensual que deberán pagar as persoas obrigadas ao pagamento dos prezos públicos para as escolas infantís dependentes da Consellería de Traballo e Benestar teranse en conta as especificacións recollidas no anexo do Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro. Para estes efectos, a renda per cápita mensual da unidade familiar computarase segundo as seguintes regras:

a) Entenderase por unidade familiar a formada polos/as cónxuxes non separados/as legalmente e:

i. Os/as fillos/as menores, con excepción dos/as que, con consentimento dos/as pais/nais, vivan independentes destes/as.

ii. Os/as fillos/as maiores de idade incapacitados/as xudicialmente suxeitos/as á patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

iii. Os/as fillos/as maiores de dezaoito anos cun grao de discapacidade superior ao 33 %.

A determinación dos/das membros da unidade familiar realizarase atendendo á situación existente en 31 de decembro do ano 2010.

b) Tomarase o importe dos ingresos totais da unidade familiar, que será o resultado da agregación das rendas do exercicio anterior a aquel en que dea comezo o curso escolar no cal se pretenda que produza efectos, de cada un dos membros da unidade familiar, calculadas por agregación da base impoñible xeral coa base impoñible do aforro, segundo os criterios establecidos na normativa do imposto sobre a renda das persoa físicas.

c) O importe anterior dividirase polo número de membros computables da unidade familiar. No caso de familias monoparentais, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar. Entenderase por familia monoparental a unidade familiar á que se refire a letra a) cando forme parte dela un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa que manteña unha relación análoga á conxugal e sempre que o outro proxenitor ou proxenitora non contribúa economicamente ao seu sustento.

d) A renda per cápita mensual será o resultado de dividir o importe anterior por doce.

Non obstante, cando as circunstancias na data da devindicación da declaración do IRPF non coincidan coas circunstancias concorrentes no momento de presentación da solicitude de praza na escola infantil 0-3, teranse en conta estas últimas, logo de xustificación documental, tanto para o cálculo da renda per cápita como para a aplicación do baremo e dos distintos descontos.

Artigo 8. Solicitudes e documentación

1. As/os interesadas/os poderán solicitar praza a través do modelo normalizado recollido no anexo I desta orde.

2. Todas/os as/os solicitantes achegarán xunto coa solicitude a xustificación dos seus ingresos da seguinte maneira:

a) A presentación da solicitude comportará a autorización á Consellería de Traballo e Benestar para obter da Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) e da Consellería de Facenda os datos de carácter tributario necesarios para a determinación da renda da unidade familiar, para o que deberán asinar a epígrafe correspondente da solicitude. Para estes efectos, o/a cónxuxe ou parella do/da solicitante/a deberá asinar o anexo III. No caso de non prestar autorización, o/a interesado/a achegará, xunto coa solicitude, copia cotexada da declaración do IRPF ou, de ser o caso, certificado emitido pola AEAT relativos ao ano 2010.

b) Cando se produzan causas sobrevidas que afecten os recursos da unidade familiar, poderán presentarse outros documentos que acrediten oficialmente a situación económica, sempre e cando as variacións de ingresos supoñan unha diminución ou incremento de máis do 20 % no cómputo anual fronte aos declarados na solicitude de praza, variacións que deberán ter unha duración mínima de 4 meses para ser tomadas en consideración.

3. Ademais, achegarán a seguinte documentación :

a) Autorización á Consellería de Traballo e Benestar para solicitar do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas a verificación dos seus datos de identidade conforme o disposto no artigo 2.2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, ou presentar fotocopia simple do documento nacional de identidade ou doutro documento acreditativo da identidade das/os nais/pais, titores/as legais ou acolledores/as, segundo proceda.

b) Unha fotocopia cotexada ou dixitalizada do libro de familia ou, no seu defecto, outro documento que acredite oficialmente a situación familiar.

c) No caso de nenas/os con necesidades específicas de apoio educativo, declaración responsable do/a solicitante ou, no caso de dispor del, informe do Equipo de Valoración e Orientación das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, servizos especializados de atención temperá da Administración local ou autonómica ou órganos competentes na materia da Administración do Estado ou das correspondentes comunidades autónomas, sobre a súa necesidade de integración.

d) Certificado de discapacidade ou do grao e nivel de dependencia, se é o caso, só cando non sexa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

e) No caso de familias acolledoras, estas deberán presentar aquela documentación que non conste en poder da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Outros documentos, se procede, nos que consten incidencias familiares, económicas e sociais puntuables no baremo:

– As responsabilidades familiares, no caso de que existan membros que, non formando parte da unidade familiar, estean a cargo dela, acreditaranse mediante informe dos servizos sociais do concello correspondente.

– Certificado de discapacidade ou do grao e nivel de dependencia da/o nai/pai, acolledor/a ou titor/a legal e/ou outros membros da unidade familiar, só no caso de certificados que non sexan expedidos pola Comunidade Autónoma de Galicia.

– As enfermidades crónicas ou outras afeccións alegadas polos membros da unidade familiar acreditaranse mediante informe médico expedido polos servizos públicos de saúde.

– Xustificación de ocupación actualizada (fotocopia das últimas nóminas, certificación de empresa ou vida laboral, no caso de traballadores/as por conta allea, ou do último recibo do pagamento da cota á Seguridade Social no réxime especial de traballadores por conta propia, no caso de traballadoras/es autónomas/os).

– Certificación de ser demandante de emprego (con efectos desde o día anterior ao comezo do prazo de presentación de solicitudes) da nai, pai, titor/a legal ou acolledor/a.

– A condición de familia monoparental, entendida como unidade familiar formada por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa que manteña unha relación análoga á conxugal, e sempre que o outro proxenitor ou proxenitora non contribúa economicamente ao seu sustento, acreditarase mediante fotocopia compulsada do libro de familia, certificado de convivencia e sentenza de separación/divorcio, convenio regulador ou resolución de medidas paterno-filiais.

– A ausencia do fogar familiar de ambos os dous membros parentais acreditarase mediante informe dos servizos sociais do concello correspondente.

– O título de familia numerosa, só no caso de que non sexa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

g) No caso de mulleres vítimas de violencia de xénero, acreditarase por medio de calquera dos seguintes documentos:

– Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, ou testemuño ou copia autenticada pola/o secretaria/o xudicial da propia orde de protección ou da medida cautelar.

– Sentenza de calquera orde xurisdicional que declare que a muller sufriu violencia en calquera das modalidades definidas na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero (DOG nº 152, do 7 de agosto).

– Certificación e/ou informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local.

– Certificación dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local.

– Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia.

– Informe da Inspección de Traballo e da Seguridade Social.

De carecer de acreditación documental dalgunha das incidencias alegadas nesta epígrafe, poderase presentar informe dos servizos sociais do concello correspondente. A falta de presentación dalgún destes documentos dentro do prazo de solicitude establecido suporá a renuncia implícita a ser valorado na epígrafe correspondente do baremo que se recolle no anexo II.

4. O impreso de solicitude –anexo I– facilitarase na Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar da Coruña e nos enderezos electrónicos http://benestar.xunta.es, http://www.escolasinfatis.net e http://www.xunta.es/resultados-da-guia-de-procedementos

5. A información relativa ao procedemento poderase consultar, así mesmo, na páxina web http://www.xunta.es/resultados-da-guia-de-procedementos así como nos teléfonos: 012, 981 18 57 41, 981 95 70 29 e 981 54 56 66.

Artigo 9. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes coa documentación requirida presentaranse no Rexistro Único da Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar da Coruña, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE nº 285, do 27 de novembro), modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE nº 16, do 19 de xaneiro e BOE nº 30, do 4 de febreiro), en diante, LRX-PAC. Así mesmo, tamén poderán presentala en formato electrónico a través da sede da Xunta de Galicia no enderezo: https://sede.xunta.es

2. O prazo para a presentación das solicitudes de novo ingreso será do 10 ao 21 de decembro, ambos os dous incluídos.

Artigo 10. Tramitación dos expedientes

A Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar na Coruña, como órgano responsable da tramitación dos expedientes, comprobará que estes reúnen os requisitos recollidos nesta orde. De non ser así, requirirase a/o interesada/o para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixer así, de acordo co artigo 71.1 da LRX-PAC, se considerará desistido da súa petición, logo da resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 42 da mesma lei.

A Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar na Coruña e a Secretaría Xeral de Política Social poderán reclamar en calquera momento todos aqueles datos, e a súa debida acreditación documental, que coiden precisos para a máis eficaz realización do seu haber.

Artigo 11. Avaliación das solicitudes

1. A selección das solicitudes efectuarase en función da puntuación acadada segundo o baremo establecido no anexo II. No caso de obter igual puntuación, terán preferencia, en primeiro lugar as solicitudes de xornada completa con servizo de comedor e, en segundo lugar, as solicitudes de xornada partida sobre as solicitudes de media xornada, e despois da aplicación deste criterio daráselle prioridade á renda per cápita máis baixa.

2. Aplicaráselles a todas as solicitudes recibidas un procedemento de valoración. Con tal fin constituirase, na Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar na Coruña, unha comisión provincial de baremación e selección coa seguinte composición:

– Presidencia: a/o xefa/e do Servizo de Familia e Menores.

– Vogais: a directora da escola infantil, dous/dúas funcionarios/as da Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar designados/as pola/o xefa/e territorial, un/unha dos/as cales actuará como secretario/a.

Os acordos tomaranse por maioría simple, e resolverá, en caso de empate, a presidencia.

3. Unha vez baremadas as solicitudes, a comisión elevará a proposta de selección á/ao xefa/e territorial.

A relación provisional de admitidas/os e a lista de espera, coa puntuación obtida, farase pública o día 11 de xaneiro de 2013 e poderase consultar na Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar da Coruña, así como nas páxinas web: http://benestar.xunta.es
ou http://www.escolasinfantis.net

Artigo 12. Reclamacións

As/os solicitantes poderán efectuar as reclamacións que consideren oportunas no prazo dos dez días naturais posteriores á data da exposición pública da relación provisional.

Estas reclamacións entenderanse resoltas coa publicación da lista definitiva.

Artigo 13. Relación definitiva de adxudicatarias/os das prazas

1. Unha vez comprobadas as reclamacións presentadas contra a relación provisional, a/o xefa/e territorial aprobará a relación definitiva de admitidas/os e a lista de espera coa puntuación obtida, así como a cota mensual que corresponda aboar en cada caso.

A relación coa puntuación poderase consultar desde o día 25 de xaneiro na Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar na Coruña, así como nas páxinas web: http://benestar.xunta.es ou http://www.escolasinfantis.net

Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse un recurso de alzada perante a persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As/os solicitantes admitidas/os disporán desde o día 25 ao 30 de xaneiro de 2013, ambos os dous incluídos, para matricularse, presentando no centro o impreso de matrícula debidamente cuberto acompañado do certificado médico da/do nena/o. O impreso de matrícula facilitarase no propio centro, así como nas páxinas web: http://benestar.xunta.es
e http://www.escolasinfantis.net. Para os ingresos fóra de prazo disporase de 10 días naturais contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución da concesión da praza.

3. A formalización da matrícula no prazo sinalado é imprescindible para confirmar a praza. Se non se realiza a matrícula da/o nena/o no prazo sinalado, considérase decaída/o na súa solicitude.

4. Con carácter xeral, o prazo máximo para resolver o procedemento previsto nesta convocatoria será de seis (6) meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes teranse por desestimadas.

5. Na relación definitiva de admitidos/as estarán incluídas as solicitudes presentadas fóra de prazo con xustificación que teñan entrada con anterioridade á data de aprobación da antedita relación pola/o xefa/e territorial.

Artigo 14. Lista de espera

1. A lista de espera estará constituída polas/os solicitantes que non obteñan praza, ordenadas/os segundo a puntuación acadada no baremo de admisión.

2. As prazas vacantes que se vaian producindo ao longo do curso serán cubertas por rigorosa orde de puntuación entre as/os solicitantes en lista de espera.

3. As solicitudes que, por circunstancias sobrevidas debidamente xustificadas, referidas no punto 2.b) do artigo 3, non se presenten nos prazos fixados nesta convocatoria, serán tramitadas e baremadas pola comisión provincial de selección e baremación que, no caso de non adxudicarlles unha praza, as incluirá na lista de espera, segundo a puntuación obtida.

4. Na relación definitiva da lista de espera estarán incluídas as solicitudes presentadas fóra de prazo, con xustificación, que teñan entrada con anterioridade á data de aprobación da citada relación pola/o xefa/e territorial.

Artigo 15. Revisión do prezo

Ao longo do curso poderase proceder á revisión do prezo fixado inicialmente, cando concorran e se xustifiquen variacións socioeconómicas na unidade familiar referidas aos seguintes casos:

a) A modificación das circunstancias que determinan os descontos recollidos na normativa vixente en materia de prezos públicos.

b) As variacións nos seus ingresos, que impliquen unha modificación substancial na súa capacidade económica actual. Soamente se terán en conta as variacións que supoñan unha diminución ou incremento de máis do 20 % no cómputo anual fronte aos ingresos declarados na solicitude de praza ou, de ser o caso, nunha variación posterior. Estas variacións deberán ter unha duración dun mínimo de 4 meses para ser tomadas en consideración e xustificaranse por medio da declaración do IRPF, dun certificado emitido pola Axencia Estatal de Administración Tributaria ou por calquera outra documentación que, a xuízo da Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar na Coruña, xustifique e permita un novo cálculo da renda per cápita da unidade familiar.

c) A variación no número de membros da unidade familiar, se for o caso.

Neste sentido, a/o beneficiaria/o queda obrigada/o a comunicar calquera variación que se produza ao respecto.

A modificación do prezo, se é o caso, será resolta pola/o xefa/e territorial e aplicarase a partir do primeiro día do mes natural seguinte ao da data da correspondente resolución.

Artigo 16. Baixas

1. Causarase baixa na escola infantil por algunha das circunstancias seguintes:

a) Polo cumprimento da idade máxima regulamentaria de permanencia no centro.

b) Pola solicitude das/os nais/pais, titores/as legais ou acolledores/as.

c) Polo impagamento do prezo establecido durante dous meses consecutivos ou tres alternos, sen prexuízo da reclamación da débeda polo procedemento administrativo de constrinximento.

d) Pola comprobación de falsidade nos documentos ou datos achegados.

e) Pola incompatibilidade ou inadaptación absoluta para permanecer no centro.

f) Pola falta de asistencia continuada durante quince días sen causa xustificada.

2. Naqueles casos en que a baixa sexa xustificada e se prolongue máis dun mes haberá que presentar xustificación con carácter mensual. O incumprimento desta obriga será causa de baixa.

3. As baixas motivadas polo establecido na alínea e) serán resoltas pola secretaria xeral de Política Social, por proposta da/o xefa/e territorial da Consellería de Traballo e Benestar na Coruña, unha vez escoitada a dirección do centro. Nos demais supostos aprobarase a baixa por resolución da/do xefa/e territorial.

4. As baixas producidas ao longo do curso escolar, por calquera dos motivos anteriormente expostos, serán cubertas polas/os solicitantes que figuren nese momento en lista de espera en cada grupo de idade, por rigorosa orde de puntuación.

Disposición adicional única

Os aspectos non recollidos nesta orde rexerase polo disposto na Orde do 24 de febreiro de 2012 pola que se regula o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís 0-3 dependentes desta consellería para o curso 2012/13.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a secretaria xeral de Política Social para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento do establecido nesta orde.

Disposición derradeira segunda

A presente orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2012

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file