Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Venres, 14 de decembro de 2012 Páx. 46710

I. Disposicións xerais

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 12 de decembro de 2012 pola que se establece a adscrición provisional e atribución de competencias nos órganos da Consellería de Traballo e Benestar.

En virtude do Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, modifícase, entre outras, a estrutura da Consellería de Traballo e Benestar co obxectivo de acadar unha mellor adaptación ás necesidades sociais e laborais derivadas do actual escenario económico.

Os cambios na estrutura, coa creación da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, da Dirección Xeral de Emprego e Formación e da Dirección Xeral de Familia e Inclusión, en substitución das anteriores Dirección Xeral de Relacións Laborais, Dirección Xeral de Promoción do Emprego e Dirección Xeral de Formación e Colocación, obrigan a adoptar as medidas inmediatas que aseguren o correcto funcionamento dos servizos e dos asuntos encomendados á Consellería de Traballo e Benestar mentres non se aprobe o decreto polo que se estableza a nova estrutura orgánica.

Polo exposto, de conformidade coa disposición transitoria primeira do Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e de conformidade co disposto no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e 37 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Adscrición provisional e atribución de competencias na Dirección Xeral de Traballo e Economía Social

A Dirección Xeral de Traballo e Economía Social asumirá, mentres non se aprobe o decreto polo que se estableza a nova estrutura da Consellería, as competencias conforme o Decreto 109/2012, do 22 de marzo, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, e as competencias en materia de apoio á contratación, ás persoas emprendedoras e ao traballo autónomo da Dirección Xeral de Promoción do Emprego, e adscribiránselle provisionalmente os órganos e unidades dependentes delas, que subsistirán coa mesma estrutura e funcións como a continuación se indica:

a) A Subdirección Xeral de Apoio á Contratación, ás Persoas Emprendedoras e ao Traballo Autónomo, así como os órganos e unidades dependentes dela.

b) A Subdirección Xeral de Traballo, así como os órganos e unidades dependentes dela.

c) A Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social, así como os órganos e unidades dependentes dela.

d) O Servizo de Seguridade e Saúde Laboral e as unidades dependentes del.

Artigo 2. Adscrición provisional e atribución de competencias na Dirección Xeral de Emprego e Formación

1. A Dirección Xeral de Emprego e Formación asumirá, mentres non se aprobe o decreto polo que se estableza a nova estrutura da Consellería, as competencias de escolas obradoiro e programas de cooperación da Dirección Xeral de Promoción do Emprego, así como as competencias da Dirección Xeral de Formación e Colocación, conforme o Decreto 109/2012, do 22 de marzo, e adscribiránselle provisionalmente os órganos e unidades dependentes delas, que subsistirán coa mesma estrutura e funcións como a continuación se indica:

a) Subdirección Xeral de Escolas Obradoiro e Programas de Cooperación, así como os órganos e unidades dependentes dela.

b) Subdirección Xeral de Formación para o Emprego, así como os órganos e unidades dependentes dela.

c) Subdirección Xeral de Colocación, así como os órganos e unidades dependentes dela.

d) Subdirección Xeral das Cualificacións, así como os órganos e unidades dependentes dela.

e) Centro de Novas Tecnoloxías e unidades dependentes del.

2. Así mesmo, a Dirección Xeral de Emprego e Formación asumirá, mentres non se aprobe o decreto polo que se estableza a nova estrutura da Consellería, as competencias do Servizo de Coordinación dos Plans de Verificación da Dirección Xeral de Promoción do Emprego, conforme o Decreto 109/2012, do 22 de marzo, e adscribiránselle provisionalmente as unidades del dependentes.

Artigo 3. Adscrición provisional e atribución de competencias na Dirección Xeral de Familia e Inclusión

A Dirección Xeral de Familia e Inclusión asumirá, mentres non se aprobe o decreto polo que se estableza a nova estrutura da Consellería, as competencias conforme o Decreto 109/2012, do 22 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, en materia de familia, menores, inclusión social, prestacións e cooperación coas corporacións locais da Secretaría Xeral de Política Social, e adscribiránselle provisionalmente os órganos e unidades dependentes dela, que subsistirán coa mesma estrutura e funcións como a continuación se indica:

a) Subdirección Xeral de Familia e Menores, órganos e unidades dependentes dela.

b) Subdirección Xeral de Inclusión Social e Cooperación coas Corporacións Locais, órganos e unidades dependentes dela.

Disposición adicional única. Servizos periféricos

1. Os servizos de Promoción do Emprego adscritos ás xefaturas territoriais da Consellería desenvolverán, no seu ámbito territorial, as funcións propias da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social e da Dirección Xeral de Emprego e Formación en materia de apoio á contratación, ás persoas emprendedoras e ao traballo autónomo e de escolas obradoiro e programas de cooperación.

2. Os servizos de Formación e Colocación adscritos ás xefaturas territoriais da Consellería desenvolverán, no seu ámbito territorial, as funcións propias da Dirección Xeral de Emprego e Formación en materia de formación para o emprego, colocación e cualificacións.

3. Os servizos de Relacións Laborais adscritos ás xefaturas territoriais da Consellería desenvolverán, no seu ámbito territorial, as funcións propias da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social en materia de traballo, cooperativas, economía social e seguridade e saúde laboral, e demais establecidas no Decreto 109/2012, do 22 de marzo.

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2012

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar