Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Mércores, 16 de xaneiro de 2013 Páx. 1254

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 10 de xaneiro de 2013 pola que se autoriza un proxecto experimental de formación profesional dual do ciclo formativo de grao superior de Sistemas de Telecomunicacións e Informáticos no CIFP Politécnico de Santiago, en colaboración coa empresa Coremain, S.L.U.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pretende fomentar a colaboración das empresas no desenvolvemento da formación profesional do sistema educativo co obxecto de adecuar as ensinanzas dos ciclos formativos ás necesidades específicas de formación que demandan as empresas.

O Real decreto 1529/2012, do 8 de novembro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e a aprendizaxe e se establecen as bases da formación profesional dual, regula, entre outras cuestións, determinados aspectos da formación profesional dual, que combina os procesos de ensino e aprendizaxe na empresa e no centro de formación.

A disposición adicional segunda do Decreto 114/2010, do 1 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo, determina que a consellería con competencias en materia de educación promoverá a colaboración coas empresas e as entidades empresarias e, en particular, coas máis implicadas en sectores clave da economía galega e as relacionadas cos sectores emerxentes. Esta colaboración ten como finalidade, entre outras, a posibilidade de impartir módulos profesionais incluídos en títulos de formación profesional ou módulos formativos incluídos en certificados de profesionalidade nas instalacións das empresas, co fin de garantir que a formación se realice cos equipamentos propios da actividade, así como a actualización profesional.

O Decreto 210/2012, do 4 de outubro, establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Sistemas de Telecomunicacións e Informáticos.

Na súa virtude, co fin de pór en funcionamento proxectos de formación profesional dual de carácter experimental en colaboración con empresas, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, facendo uso das competencias que lle confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto a implantación no Centro Integrado de Formación Profesional Politécnico de Santiago, de Santiago de Compostela, en convenio coa empresa Coremain, S.L.U., con domicilio social no parque empresarial Costa Vella, rúa de Amio, 128, 15707 Santiago de Compostela, no curso 2012/13, dun proxecto experimental de formación profesional dual, que combina os procesos de ensino e aprendizaxe na empresa e no centro de formación, do ciclo formativo de grao superior de Sistemas de Telecomunicacións e Informáticos, polo réxime de persoas adultas.

Artigo 2. Definición e modalidade de desenvolvemento da formación profesional dual

1. O proxecto experimental de formación profesional dual obxecto desta orde realízase como actividade formativa inherente aos contratos para a formación e a aprendizaxe consonte o establecido no Real decreto 1529/2012, do 8 de novembro, e ten por obxecto a cualificación profesional dos traballadores e das traballadoras nun réxime de alternancia da actividade laboral retribuída nunha empresa coa actividade formativa recibida no marco do sistema educativo.

2. A actividade formativa inherente ao contrato para a formación e a aprendizaxe a que se refire o punto anterior será a necesaria para a obtención do título de técnico superior en Sistemas de Telecomunicacións e Informáticos, sen prexuízo de poder incluír formación complementaria para dar resposta tanto ás necesidades das persoas traballadoras como ás necesidades das empresas.

3. Este proxecto de formación profesional dual desenvolverase, consonte o establecido no artigo 3 do Real decreto 1529/2012, do 8 de novembro, a través da modalidade de formación compartida entre o centro educativo e a empresa, que consiste en que a empresa lle facilite ao centro de formación os espazos, as instalacións e/ou as persoas expertas para impartir parcialmente determinados módulos profesionais, e será impartida no centro educativo polo profesorado do corpo de catedráticos e catedráticas de ensino secundario, do corpo de profesorado de ensino secundario e do corpo de profesorado técnico de formación profesional, segundo proceda, das especialidades establecidas no anexo III A) do Decreto 210/2012, do 4 de outubro.

Artigo 3. Plan de formación e aprendizaxe

1. Este proxecto de formación profesional dual terá unha duración como máximo de tres anos e impartirase co plan de estudos que se recolle no anexo desta orde, coa especificación das horas de formación para realizar no centro educativo e na empresa para cada módulo profesional.

2. Os acordos subscritos entre a empresa e o centro educativo, que se anexarán aos contratos de formación e aprendizaxe que se celebren co alumnado seleccionado, consignarán, entre outros aspectos, a programación para cada un dos módulos profesionais consonte o establecido no artigo 23 da citada Orde do 12 de xullo de 2011, que recollerá as actividades que cumpra realizar no centro educativo e na empresa, así como o calendario, a xornada e os horarios en que se realizará a actividade laboral na empresa e a correspondente actividade formativa.

Artigo 4. Requisitos das persoas solicitantes

Para poderen acceder a este proxecto de formación profesional dual, as persoas aspirantes deberán cumprir o seguinte:

a) Cumprir os requisitos de acceso ao réxime para as persoas adultas establecidos no artigo 43 do Decreto 114/2010, do 1 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo de Galicia, para poder matricularse en todos os módulos profesionais do ciclo formativo de grao superior de Sistemas de Telecomunicacións e Informáticos.

b) Non ter realizado con anterioridade un contrato de formación e aprendizaxe, e cumprir os requisitos establecidos na normativa laboral vixente para poder efectualo.

c) Ter entre dezaseis e trinta anos, e carecer da cualificación profesional obtida e recoñecida polo sistema de formación para o emprego ou do sistema educativo requirida para concertar un contrato en prácticas para o posto de traballo ou ocupación obxecto do contrato de formación e aprendizaxe.

d) Non ter superado ningún módulo profesional do ciclo formativo de grao superior de Sistemas de Telecomunicacións e Informáticos.

e) Con carácter xeral, non estar nin ter estado matriculado/a en ningunha ensinanza do sistema educativo no presente curso académico. De xeito excepcional, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa poderá autorizar a matrícula no proxecto experimental de formación profesional dual ás persoas aspirantes matriculadas en ciclos formativos de formación profesional polo réxime de persoas adultas.

Artigo 5. Lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes de inscrición para participar neste proxecto experimental de formación profesional dual presentaranse na secretaría do Centro Integrado de Formación Profesional Politécnico de Santiago, de Santiago de Compostela.

2. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día 21 de xaneiro ata as 13.00 horas do día 25 de xaneiro de 2013.

3. A instancia de solicitude axustarase ao modelo establecido no anexo VI da Orde do 5 de xuño de 2007 pola que se regula o procedemento de admisión do alumnado nos centros docentes sostidos con fondos públicos para impartir ciclos formativos de formación profesional de graos medio e superior en réxime ordinario e para as persoas adultas, e deberá incorporar a totalidade dos módulos ofrecidos para o curso académico 2012/13 segundo o plan de formación que se establece no anexo desta orde. A documentación que cumprirá presentar será a establecida no artigo 13 da mesma orde, xunto cun currículo co formato Europass.

Artigo 6. Procedemento de admisión e matrícula

1. A selección do alumnado admitido será realizada pola empresa a partir das solicitudes presentadas polas persoas que cumpran os requisitos que se establecen no artigo 4 desta orde. O procedemento de admisión realizarase en dúas fases: a primeira, de recollida de documentación e verificación dos requisitos, que será realizada polo centro educativo; e a segunda, de selección das persoas admitidas, que será realizada pola empresa.

2. Na primeira fase, o centro educativo, logo de analizar a documentación presentada, fará pública no taboleiro de anuncios, no prazo máximo de dous días hábiles desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes, a relación provisional de persoas solicitantes, ordenada alfabeticamente, con indicación do requisito de acceso ao ciclo formativo.

Esta publicación realizarase, así mesmo, na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: http://www.edu.xunta.es/fp

Contra esta listaxe, o alumnado solicitante poderá presentar ante a dirección do centro a correspondente reclamación no prazo de dous días hábiles desde tal publicación.

Logo de resolver as reclamacións presentadas, no prazo de dous días hábiles desde a finalización do prazo de presentación de reclamacións publicarase no taboleiro de anuncios do centro educativo e na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp a listaxe coa relación definitiva de persoas solicitantes e o lugar e a hora da convocatoria para a realización da segunda fase de selección. Así mesmo, o centro educativo procederá na mesma data ao envío da devandita listaxe á empresa.

Contra esta relación definitiva, as persoas interesadas poderán interpor recurso de alzada no prazo máximo dun mes, ante a persoa titular da xefatura territorial correspondente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

3. Na segunda fase, a empresa, a partir da listaxe facilitada polo centro educativo e no prazo máximo de sete días hábiles, seleccionará as persoas que participarán no proxecto de formación profesional dual, que non poderán exceder o número máximo de alumnado a que se refire o punto 1 do artigo 7 desta orde.

Para tal fin, e en virtude do convenio subscrito coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a empresa realizará as probas de coñecementos e capacitación profesional e as entrevistas psicoprofesionais para seleccionar as persoas candidatas que teñan o perfil que mellor se adapte ás características da actividade laboral que será desempeñada no posto de traballo.

Finalizado o período de selección, a empresa enviará ao centro educativo a listaxe de persoas admitidas, a listaxe de persoas en espera ordenadas por orde de prioridade, e a listaxe de persoas non seleccionadas, que serán publicadas no taboleiro de anuncios do centro educativo e na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp

4. No prazo máximo de dous días hábiles desde a publicación das listaxes a que se refire o punto anterior, as persoas admitidas deberanse matricular na secretaría do centro correspondente, segundo o anexo VII da citada Orde do 5 de xuño de 2007.

Artigo 7. Prazas ofrecidas e número mínimo de solicitudes de matrícula

1. O número máximo de alumnos e alumnas con matrícula no proxecto experimental de formación profesional dual será de quince, en virtude do convenio subscrito entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a empresa.

2. A autorización da oferta do proxecto experimental de formación profesional dual quedará condicionada a que exista un número mínimo de dez persoas seleccionadas polo procedemento a que se refire o artigo 6 desta orde. Un número menor de persoas seleccionadas exixe a autorización expresa da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para pór en funcionamento este proxecto experimental de formación profesional dual, mentres que non se dispoña desta autorización non se poderá formalizar matrícula ningunha.

Artigo 8. Titoría e desenvolvemento da formación

1. A empresa designará unha persoa como titor ou titora que, entre outras, será responsable do seguimento da actividade formativa e da comunicación co centro de formación.

2. O centro educativo designará unha persoa como titor ou titora do grupo de alumnado que, ademais das funcións que se establecen no artigo 21 da citada Orde do 12 de xullo de 2011, será responsable da coordinación do equipo docente e será a interlocutora coa empresa para o desenvolvemento da actividade formativa.

3. A actividade formativa na empresa e no centro educativo será coordinada polos titores e as titoras mediante reunións de control cunha frecuencia mínima mensual, nas cales se realizará o seguimento de cada alumno ou alumna.

Artigo 9. Avaliación

1. A avaliación do alumnado será responsabilidade do profesorado dos módulos profesionais do centro educativo, tendo en conta as achegas das persoas expertas da empresa e o resultado das actividades desenvolvidas nesta. A valoración do grao de consecución dos resultados de aprendizaxe establecidos no currículo do ciclo formativo farase tomando como referencia inmediata os criterios de avaliación establecidos para cada módulo profesional.

2. Ao longo do período formativo correspondente, o profesorado de cada módulo realizará un seguimento do desenvolvemento do proceso de ensino e aprendizaxe de conformidade co artigo 23 da citada Orde do 12 de xullo de 2011, utilizando para iso os instrumentos e os procedementos de recolla de información previamente establecidos na programación dos módulos.

Artigo 10. Módulo de formación en centros de traballo e módulo de proxecto

Na finalización do proxecto de formación profesional dual, o alumnado que superase todos os módulos profesionais do ciclo formativo que se especifican no anexo desta orde quedará eximido da realización do módulo de formación en centros de traballo e cursará o módulo de proxecto nas condicións que se establecen na súa normativa reguladora.

Disposición adicional primeira. Continuidade no proxecto de formación profesional dual por parte do alumnado

1. Para poder continuar neste proxecto de formación profesional dual, o alumnado seleccionado deberá, con carácter xeral, superar a totalidade dos módulos profesionais previstos para cada curso académico segundo o plan de formación que se establece no anexo desta orde.

2. Así mesmo, o alumnado será excluído do proxecto de formación dual pola extinción do contrato de formación e aprendizaxe por calquera das causas que se establecen no artigo 13 do Real decreto 1529/2012, do 8 de novembro, e nos seguintes casos:

a) Por faltas repetidas de asistencia e/ou puntualidade non xustificadas.

b) Por actitude incorrecta, atendendo ao código disciplinario da empresa, ou por falta de aproveitamento.

3. O alumnado seleccionado que cumpra as condicións para continuar no proxecto nos cursos 2013/14 e 2014/15 terá praza garantida e deberá entregar a solicitude de reserva para cada curso académico no prazo ordinario de presentación de solicitudes de admisión establecido no artigo 11 da Orde do 5 de xuño de 2007, e incorporará á solicitude a totalidade dos módulos ofertados que corresponda segundo o plan de formación que se establece no anexo desta orde.

Disposición adicional segunda. Validacións de módulos profesionais

Coa finalidade de garantir a totalidade das horas de formación da actividade formativa inherente ao contrato para a formación e a aprendizaxe, a validación de módulos profesionais só poderá ser solicitada por parte do alumnado cando finalice o proxecto de formación profesional dual, consonte a normativa vixente.

Disposición adicional terceira. Ordenación académica e avaliación do alumnado

Todos os aspectos relativos á ordenación académica e á avaliación sobre formación profesional inicial non recollidos nesta orde rexeranse polas normas que con carácter xeral regulan as ensinanzas de formación profesional do sistema educativo.

Disposición adicional cuarta. Prazas ofrecidas polo réxime de persoas adultas

Poderanse adxudicar prazas polo réxime de persoas adultas, ata completar o número máximo de prazas que se ofrecen con carácter xeral para este tipo de ensino, ás persoas da listaxe de espera coa orde de prioridade establecida. Estas persoas recibirán a formación dos módulos profesionais do ciclo formativo exclusivamente no centro educativo co mesmo itinerario de formación que o establecido para o proxecto de formación profesional dual, e poderán, se a empresa o considera e nas condicións que se determinen, incorporarse ao proxecto de formación profesional dual se houber algunha vacante.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento e execución

Autorízanse a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, e a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para adoptaren as medidas precisas para a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2013

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO
Plan de estudos do ciclo formativo de grao superior de Sistemas
de Telecomunicacións e Informáticos para o proxecto de formación
profesional dual

Curso 2012/13 (febreiro de 2013 a xuño de 2013).

Ano

Código
do módulo

Nome do módulo

Horas módulo

Horas centro educativo

Horas

empresa

1

MP0525

Configuración de infraestruturas de sistemas de telecomunicacións

107

71

36

1

MP0552

Sistemas informáticos e redes locais

213

141

72

1

MP0601

Xestión de proxectos de instalacións de telecomunicacións

70

46

24

1

MP0713

Sistemas de telefonía fixa e móbil

133

88

45

TOTAL

523

346

177

Curso 2013/14 (setembro de 2013 a xuño de 2014).

Ano

Código
do módulo

Nome do módulo

Horas módulo

Horas centro educativo

Horas

empresa

2

MP0551

Elementos de sistemas de telecomunicacións

240

158

82

2

MP0553

Técnicas e procesos en infraestruturas de telecomunicacións

160

106

54

2

MP0555

Redes telemáticas

105

69

36

TOTAL

505

333

172

Curso 2014/15 (setembro de 2014 a xuño de 2015).

Ano

Código
do módulo

Nome do módulo

Horas módulo

Horas centro educativo

Horas

empresa

3

MP0554

Sistemas de produción audiovisual

174

115

59

3

MP0556

Sistemas de radiocomunicacións

105

69

36

3

MP0557

Sistemas integrados e fogar dixital

123

83

40

3

MP0559

Formación e orientación laboral

107

71

36

3

MP0560

Empresa e iniciativa emprendedora

53

35

18

TOTAL

562

373

189