Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Martes, 29 de xaneiro de 2013 Páx. 2406

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 11/2013, do 17 de xaneiro, de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Vilamarín no núcleo rural de Delvezón.

1. O Concello de Vilamarín remite o expediente de referencia en solicitude da súa aprobación definitiva polo Consello da Xunta de Galicia, logo de informe favorable da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, conforme o disposto no artigo 95.4 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

2. O Concello de Vilamarín dispón, actualmente vixente, de plan xeral de ordenación municipal, aprobado definitivamente polo Concello Pleno do 30 de setembro de 2002.

3. O ámbito de actuación afecta 19.182 m2 de solo de núcleo rural de Delvezón e 828 m2 de solo rústico de protección agropecuaria. O obxecto da modificación puntual é a redelimitación do núcleo rural adaptándoo ao parcelario e ás pegadas físicas do territorio e incluíndo nela as áreas máis axeitadas para a edificación.

4. A modificación puntual seguiu a seguinte tramitación:

• O 2 de decembro de 2010 a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe previo á aprobación inicial do proxecto da modificación puntual, conforme o establecido no artigo 85.1 da LOUG.

• O 27 de xuño de 2011 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental ratificou a declaración do 30 de agosto de 2010 sobre a non necesidade de someter a modificación puntual ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica.

• Constan informes municipais técnico e xurídico, do 18.7.2011, favorables respecto da conformidade da proposta coa lexislación vixente e da calidade técnica da ordenación proxectada.

• O 14 de setembro de 2011 a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu novo informe previo á aprobación inicial da nova proposta corrixida.

• Constan novos informes municipais, técnico e xurídico, do 23 de novembro de 2011, favorables respecto da conformidade da proposta.

• O Pleno do Concello, en sesión do 28 de novembro de 2011, aprobou inicialmente a modificación puntual do PXOM de Vilamarín en Delvezón e someteuna a información pública durante o prazo de dous meses mediante anuncios nos xornais La Región, do 1.12.2011, e La Voz de Galicia, do 2.12.2011, e no DOG do 15.12.2011. Tamén se deu audiencia aos municipios limítrofes.

• Segundo certificación da secretaria do Concello, do 27.2.2012, durante o período de exposición non se presentou ningunha alegación ou observación.

• Consta informe favorable do 15.12.2011 de Unión Fenosa Distribución.

• Constan informes favorables do 17.1.2012 e do 24.3.2012 da Subdirección Xeral de Infraestruturas e Normativa Técnica do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.

• Consta informe favorable do 16.2.2012 da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria sobre dereitos mineiros.

• Consta informe favorable do 23.3.2012 da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.

• O Pleno do Concello, en sesión do 11.6.2012, despois da emisión dos informes municipais técnico e xurídico de datas 4 e 5 de xuño de 2012, aprobou provisionalmente a modificación puntual do PXOM de Vilamarín en Delvezón cos respectivos anexos de hidrografía e telecomunicacións.

• Ao afectar a modificación puntual solo rústico de especial protección, obtívese o preceptivo informe favorable da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia na súa sesión do 19 de decembro de 2012, conforme o establecido no artigo 95.4 da LOUG.

De conformidade co artigo 95.4 da LOUG, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva das modificacións puntuais de planeamento xeral de ordenación municipal que teñan por obxecto a reclasificación de solo rústico de especial protección corresponderá ao Consello da Xunta de Galicia, logo do informe favorable da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, que foi emitido na súa sesión do 19 de decembro de 2012.

Visto canto antecede, de acordo co disposto nos artigos 85.7) e 95.4) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia; e no artigo 37) da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

Visto o informe favorable da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia na súa sesión do 19 de decembro de 2012.

Vista a proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas do 8 de xaneiro de 2013,

E logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do dezasete de xaneiro de dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo único. Aprobar definitivamente a modificación puntual do PXOM do Concello de Vilamarín (Ourense) no núcleo rural de Delvezón.

Disposición derradeira. Recursos

Segundo o disposto no artigo 85.11 da citada Lei 9/2002, contra este decreto non cabe recurso en vía administrativa; non obstante, contra el poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2013

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas