Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Xoves, 31 de xaneiro de 2013 Páx. 2710

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 21 de xaneiro de 2013 pola que se convocan os premios extraordinarios de formación profesional de grao superior correspondentes ao curso 2011/12.

O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte creou mediante Orde EDU/2128/2011, do 15 de xullo (BOE do 28 de xullo), os premios nacionais de formación profesional de grao superior establecidos pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Así mesmo, no artigo terceiro, a citada orde establece que poderá concorrer aos premios nacionais o alumnado que resultase merecedor dos premios extraordinarios convocados na súa comunidade autónoma nos termos que se establecen nesa norma.

Conscientes da importancia de recoñecer e valorar publicamente os méritos excepcionais baseados no esforzo e no traballo do alumnado que cursou cun excelente resultado académico estudos de formación profesional de grao superior na Comunidade Autónoma de Galicia, facendo uso do establecido no artigo 4 da Orde EDU/2128/2011, en exercicio das competencias atribuídas, por proposta da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, e de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG do 29 de xuño),

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Convócanse premios extraordinarios de formación profesional para o alumnado que realizou estudos de formación profesional de grao superior no curso 2011/12 nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia e que os rematou no ano 2012.

Artigo 2. Número e características dos premios

1. Poderanse conceder ata vinte e dous premios extraordinarios, un por cada familia de formación profesional de grao superior que se imparte na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A dotación para os premios será de 18.700 € con cargo á partida orzamentaria 09.50.423A.480.1 dos orzamentos do ano 2013, que se distribuirán entre os premiados na mesma contía, e que non poderá exceder os 850 € por premio. Estas contías estarán suxeitas ás retencións que legalmente lles correspondan.

3. O alumnado que obteña o premio extraordinario, ademais da dotación económica, recibirá un diploma acreditativo e o/a secretario/a do centro público onde estea depositado o expediente académico anotará nel a distinción e farao constar nas certificacións académicas que se emitan.

4. Os/as alumnos/as que obteñan o premio extraordinario de formación profesional poderán concorrer, logo de inscrición, ao correspondente premio nacional.

5. Estes premios extraordinarios de formación profesional de grao superior son compatibles con calquera outro premio, incluídos os premios nacionais de formación profesional de grao superior.

Artigo 3. Requisitos de participación

Poderá optar aos premios extraordinarios de formación profesional o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

1. Ter rematados os estudos de formación profesional de grao superior no ano 2012 nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia, ben na modalidade presencial ou na modalidade a distancia.

2. Ter obtido unha cualificación final media de todos os módulos igual ou superior a 8,50. Esta obterase como media aritmética das cualificacións dos módulos que compoñen o ciclo formativo, e non se computarán os que fosen cualificados cos termos de apto, validado ou exento. A nota media expresarase con dous decimais, arredondando á centésima máis próxima e en caso de equidistancia á superior.

Artigo 4. Forma e prazo de presentación de solicitudes

As solicitudes subscribiranas directamente as persoas interesadas con plena capacidade de obrar ou, se é o caso, os representantes legais dos solicitantes.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se a solicitude é remitida por correo, presentarase en sobre aberto para que sexa datada e selada polo persoal de Correos antes de que proceda á súa certificación postal. Non se admitirán como medio de presentación de solicitudes os servizos de mensaxaría privados.

A solicitude está dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, para a súa tramitación electrónica completa. Para a presentación na sede electrónica admitiranse o DNI electrónico ou calquera outro sistema de sinatura electrónica da persoa solicitante ou representante legal aceptado pola sede.

Para a tramitación electrónica deste procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao correo electrónico 012@xunta.es

O formulario da solicitude, correspondente co modelo normalizado ED311B que se publica como anexo I a esta orde, deberá ser cuberto en todos os seus campos sen engadir, emendar, variar ou riscar o seu formato orixinal. En caso contrario, as solicitudes non serán admitidas a trámite.

No suposto de que a persoa solicitante non dispoña do sistema de sinatura aceptado pola sede electrónica, admítese igualmente a presentación da solicitude en formato papel unha vez cuberto o formulario dispoñible na guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia, https://www.xunta.es, ou na aplicación informática que xestiona os ditos premios https://www.edu.xunta.es/premiosfp. Neste caso o/a solicitante pode escoller entre:

1. Presentar a solicitude na secretaría do centro público de educación en que se atope o seu expediente académico para que o centro a tramite.

2. Presentar directamente toda a documentación requirida no artigo 5 desta orde no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia ou en calquera dos centros previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Os rexistros dos centros educativos non se consideran incluídos dentro das dependencias enumeradas no devandito artigo. No caso de que se presente na oficina de Correos, farase en sobre aberto co fin de que o impreso de solicitude poida ser datado e selado antes da súa certificación.

Artigo 5. Documentación

1. Folla de inscrición cuberta segundo o modelo do anexo I desta orde.

2. Relación dos méritos que se desexe alegar vinculados co título profesional, de acordo co previsto no artigo 9.1.b), xunto coa documentación xustificativa correspondente. Os méritos acreditaranse mediante certificado orixinal ou fotocopias compulsadas das certificacións, onde conste expresamente o número de horas de duración.

3. Certificación académica dos estudos obxecto de baremo (só no caso de que o alumnado non teña todo o seu expediente de formación profesional de grao superior recollido na base de datos da aplicación XADE), onde se reflicta a cualificación final media, expresada con dous decimais, asinada polo/a secretario/a co visto e prace do/a director/a do centro público en que se atope o expediente académico.

4. Documento xustificativo da transferencia de datos, que se imprimirá unha vez introducidos os datos da solicitude do alumno ou alumna na aplicación informática
https://www.edu.xunta.es/premiosfp por parte da dirección do centro público en que se atope o expediente académico.

Artigo 6. Procedemento dos centros educativos

1. Os centros públicos de educación proporcionarán á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, ou ao alumnado que opte por presentar directamente toda a documentación requirida, os documentos que a seguir se relacionan:

a) Certificación académica dos estudos obxecto de baremo (só no caso de que o alumnado non teña todo o seu expediente de formación profesional de grao superior recollido na base de datos da aplicación XADE), onde se reflicta a cualificación final media a que se refire o artigo 3.2, asinada polo/a secretario/a co visto e prace do/a director/a do centro público en que se atope o expediente académico.

b) Documento xustificativo da transferencia de datos, que se imprimirá unha vez introducidos os datos da solicitude do alumno ou alumna na aplicación informática https://www.edu.xunta.es/premiosfp por parte da dirección do centro público en que se atope o expediente académico.

2. Se o alumnado opta pola opción de presentar a solicitude no centro público onde está o seu expediente académico, serán os centros públicos de educación os que remitirán toda a documentación do alumnado durante o prazo de presentación das solicitudes, ou máximo nos tres días posteriores, ao Servizo de Avaliación e Calidade do Sistema Educativo da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Edificio Administrativo San Caetano s/n, bloque 2, 1º andar, 15781 Santiago de Compostela.

Artigo 7. Emenda e mellora da solicitude

A relación provisional de admitidos e excluídos farase pública nos dez días naturais posteriores á finalización do prazo de presentación de solicitudes no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria https://www.edu.xunta.es e na aplicación informática que xestiona os ditos premios https://www.edu.xunta.es/premiosfp

De acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, unha vez publicadas as listaxes provisionais de admitidos e excluídos, os interesados disporán dun prazo de 10 días para a reclamación ou emenda das carencias ou deficiencias detectadas na documentación achegada. De non facelo, considerarase como desistido da súa petición, e esta arquivarase logo de resolución que deberá ditarse nos termos do artigo 42 da citada lei.

O prazo máximo para publicar a relación definitiva de admitidos e excluídos, no portal educativo https://www.edu.xunta.es, será dun mes desde o día seguinte ao da finalización do prazo de solicitudes.

Artigo 8. Xurado de selección

Para a análise e valoración das solicitudes constituirase un xurado de selección formado por:

Presidente:

A persoa responsable da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, ou persoa en quen delegue.

Vogais:

Ata un máximo de seis, coa categoría de subdirector xeral, xefe de servizo ou funcionarios dos corpos de inspectores de educación, designados pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Un funcionario ou funcionaria da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, que actuará como secretario ou secretaria, con voz e sen voto.

O xurado poderá dispoñer a constitución dunha comisión técnica especializada para colaborar na valoración daqueles méritos que coide pertinentes.

Artigo 9. Criterios de valoración

1. Os premios concederanse en réxime de concorrencia competitiva. Na valoración final o xurado terá en conta os seguintes méritos:

a) A nota media do expediente académico do ciclo de formación profesional polo que se opta ao premio extraordinario valorarase de 0 a 3 puntos, outorgándose 0,02 puntos por cada centésima que supere o 8,50.

b) Méritos relacionados co título profesional. Para efecto de valoración só se terán en conta as actividades de formación, cursos, congresos ou xornadas, relacionadas directamente cos contidos do ciclo formativo correspondente, obtidos, na súa totalidade, con posterioridade á matrícula no ciclo formativo polo que opta ao premio e finalizados antes do 31 de decembro de 2012. Os cursos de linguas estranxeiras, TIC e prevención de riscos laborais considéranse actividades relacionadas con todos os ciclos.

Se o/a alumno/a realiza o ciclo en máis de dous cursos académicos, só se valorarán as actividades realizadas nos dous últimos cursos.

A valoración expresarase numericamente do 0 a 10 con dous decimais.

I. As actividades de formación organizadas polas administracións educativas que se atopen en pleno exercicio das súas competencias en materia educativa, por institucións sen ánimo de lucro que fosen homologadas ou recoñecidas polas administracións anteditas, así como as organizadas polas universidades e desenvolvidas na súa totalidade durante o período en que se cursaron os estudos que posibilitan a presentación a esta convocatoria, valoraranse con 0,10 puntos por cada 10 horas de formación, ata un máximo de 7 puntos.

Os cursos conducentes á obtención dun título académico non se valorarán, agás os das linguas estranxeiras de ensino oficial nas escolas oficiais de idiomas que, coa cualificación de apto, se valorarán como 130 horas.

II. Outras actividades de formación organizadas coa colaboración de administracións educativas que se atopen en pleno exercicio das súas competencias en materia educativa, valoraranse con 0,10 puntos por cada 20 horas de formación, ata un máximo de 2 puntos.

III. Traballos de investigación, premios, concursos e publicacións relacionados coa familia profesional cursada e realizados na súa totalidade durante o período en que estivo matriculado nos estudos polos que concorre ao premio, ata a súa finalización, ata un máximo de 1 punto.

2. A valoración final expresarase con dous decimais, arredondando á centésima máis próxima e en caso de equidistancia á superior, e será o resultado de aplicar os factores de ponderación recollidos no anexo II: 80 % do número 1.a) e 20 % do 1.b) deste artigo.

3. O xurado resolverá os empates tendo en conta a maior puntuación nos seguintes méritos e por esta orde:

a) Nota media do expediente académico do ciclo de formación profesional polo que se opta ao premio extraordinario.

b) Outros méritos relacionados co título profesional (artigo 9.1.b).I).

c) Outros méritos relacionados co título profesional (artigo 9.1.b).II).

d) Outros méritos relacionados co título profesional (artigo 9.1.b).III).

e) Sorteo.

4. O xurado poderá declarar deserto algún dos premios.

Artigo 10. Resolución provisional da concesión dos premios

1. O xurado de selección fará públicas as puntuacións obtidas polos candidatos e candidatas a través do portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria https://www.edu.xunta.es

E na aplicación informática https://www.edu.xunta.es/premiosfp

2. Contra ela poderase presentar reclamación, no prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da súa publicación, mediante instancia dirixida á presidenta ou presidente do xurado de selección, no Rexistro Único da Xunta de Galicia, Edificio Administrativo San Caetano de Santiago de Compostela, ou en calquera das dependencias a que fai referencia o artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Para estes efectos, os rexistros dos centros educativos non se consideran incluídos dentro das dependencias enumeradas no dito artigo. No caso de que se opte por presentar a reclamación ante unha oficina de Correos, farase en sobre aberto, para que esta sexa datada e selada polo persoal de Correos antes de ser certificada e remitida ao Servizo de Avaliación e Calidade do Sistema Educativo, Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Edificio Administrativo San Caetano s/n, bloque 2, 1º andar, 15781 Santiago de Compostela. Poderase adiantar o envío ao fax nº 981 54 65 50 ou por correo electrónico a sacse@edu.xunta.es

Artigo 11. Resolución definitiva

1. Unha vez resoltas as reclamacións, o xurado elaborará a acta coa proposta definitiva de adxudicación dos premios extraordinarios. Os resultados coas puntuacións definitivas dos aspirantes publicaranse no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e na aplicación informática que xestiona os ditos premios https://www.edu.xunta.es/premiosfp. A acta orixinal quedará arquivada na Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa e remitirase unha copia da proposta definitiva de adxudicación dos premios extraordinarios ás xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

2. O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa elevará a proposta feita polo xurado de selección ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, quen emitirá a orde correspondente para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. O prazo máximo para notificar a resolución deste procedemento será de cinco meses, desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria, e terá efectos desestimatorios a falta de resolución expresa nese período.

4. Contra a devandita orde de adxudicación dos premios poderase recorrer mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 12. Obriga dos/as gañadores/as

1. O alumnado gañador dos premios ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lles competen, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 3 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O alumnado premiado indicará a titularidade dunha conta bancaria con 20 díxitos e presentará unha declaración responsable acerca da veracidade dos datos relativos á dita conta na cal se ingresará mediante transferencia bancaria a dotación do premio, no prazo de 10 días desde a publicación da concesión dos premios. Esta cantidade estará suxeita ás retencións que legalmente correspondan.

3. O beneficiario ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, tal como indican os artigos 14.j) e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 13. Información aos/ás interesados/as

Ademais da información recollida no Diario Oficial de Galicia, o alumnado poderá informarse do proceso e facer consultas no portal educativo https://www.edu.xunta.es, na páxina de inicio da aplicación https://www.edu.xunta.es/premiosfp e no teléfono 902 90 54 45 da Unidade de Atención a Centros (UAC).

Artigo 14. Modificación da adxudicación

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar á modificación da adxudicación do premio concedido, conforme o artigo 23 da Lei 9/2007.

Artigo 15. Transparencia das prácticas da Administración

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar os actos e medidas necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde tal publicación, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2013

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file

ANEXO II
Baremación dos expedientes e outros méritos

Mérito

Documento acreditativo

Ponderación

Nota media do expediente académico dos estudos de formación profesional de grao superior.

Certificación académica.

80 %

Outros méritos relacionados co título profesional.

Certificación oficial ou fotocopia compulsada do documento xustificativo.

20 %