Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Venres, 1 de febreiro de 2013 Páx. 2844

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 25 de xaneiro de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios e se procede á súa convocatoria (ED106A).

O Estatuto de autonomía para Galicia, no seu artigo 5, especifica que a lingua propia de Galicia é o galego e que os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento. Segundo o artigo 27.20, correspóndelle á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva da promoción e o ensino da lingua galega.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, no seu título III, «Do uso do galego no ensino», establece que «o galego, como lingua propia de Galicia, é tamén lingua oficial no ensino en todos os niveis educativos» e que «as autoridades educativas da Comunidade Autónoma arbitrarán as medidas encamiñadas a promover o uso progresivo do galego no ensino».

O Decreto 79/2010, do 20 de maio, polo que se regula o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, no seu artigo 13.3 establece que «os materiais que se empreguen nas áreas, materias ou módulos a que se refire o punto 2 do mencionado artigo (impartidos en lingua galega e en linguas estranxeiras) terán a calidade científica e pedagóxica adecuada e atenderán, sen prexuízo da súa proxección universal, ás peculiaridades de Galicia. Con este fin, a consellería competente en materia de educación fomentará a elaboración e publicación dos materiais curriculares correspondentes».

Pola súa parte, a Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia, establece no artigo 7.2 que a Xunta de Galicia potenciará a produción editorial en galego mediante unha liña de axudas que asegure a existencia dunha oferta suficiente de materiais didácticos naquelas áreas en que a lexislación educativa determine que a lingua galega sexa a vehicular da súa aprendizaxe.

O Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado o 21 de setembro de 2004, define como obxectivo para a área do ensino «garantir unha oferta de materiais didácticos de calidade e en soportes diversos que fagan atractivo o proceso da aprendizaxe, que axuden a percibir a utilidade da lingua e que capaciten para o seu uso correcto e eficaz».

Tamén será de aplicación a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que regula o réxime xurídico propio das subvencións cuxo establecemento e xestión lle corresponden á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tendo en conta o devandito marco legal, faise pública esta convocatoria, mediante a que se pretende fomentar a elaboración e a publicación de recursos didácticos curriculares en lingua galega e favorecer o tecido da industria editorial galega.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Obxecto

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares e complementarios destes para os niveis non universitarios, segundo establece a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (LOE).

Artigo 2. Orzamento

O financiamento das axudas farase con cargo ao crédito da partida orzamentaria 09.30.151A.470.1, correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, por unha contía máxima total de 250.000 €, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia de modificacións orzamentarias.

Artigo 3. Beneficiarios

Poderán solicitar estas subvencións as empresas mercantís do sector editorial, sexan persoas físicas ou xurídicas, sempre que, estando legalmente constituídas, cumpran os requisitos establecidos nesta orde e non se atopen nalgún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e elaboren os recursos didácticos curriculares obxecto desta orde.

Artigo 4. Recursos didácticos subvencionables

1. Será subvencionable a elaboración e edición en lingua galega dos recursos didácticos curriculares e complementarios destes, realizados en soportes impresos ou dixitais.

A elaboración de material didáctico para a formación regrada de adultos en lingua galega deberá incorporar as directrices do Marco común europeo de referencia para as linguas. Este texto pode ser consultado na páxina web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística: http://www.xunta.es/linguagalega/arquivos/Marco_textoI.pdf

2. Para os efectos desta norma, considérase recurso didáctico complementario calquera tipo de material educativo que contribúa a afondar no coñecemento dos bloques temáticos recollidos nos currículos.

Artigo 5. Requisitos

1. As empresas solicitantes deberán dispor dun departamento de edición na Comunidade Autónoma de Galicia, que acreditarán coa correspondente copia da alta na epígrafe de «edición de libros» do imposto de actividades económicas.

2. Os títulos propostos deberán cumprir os seguintes requisitos:

Só se subvencionarán proxectos que estean correctamente realizados en galego, segundo o disposto na lexislación vixente (disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, e nas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego aprobadas pola Real Academia Galega en sesión plenaria do día 12 de xullo de 2003). Malia o anterior, admitiranse proxectos trimestralizados de primaria nos cales cando menos o 60 % da proposta se realice en lingua galega e nos cales as materias de obrigada impartición en galego, segundo o Decreto 79/2010, do 20 de maio, estean en galego, sendo esta lingua a única que se terá en conta para a valoración e subvención correspondente destas publicacións.

– Os materiais editados en soporte impreso deberán ter unha tiraxe mínima de 1.000 exemplares, e de 500 os editados en soporte dixital ou audiovisual. En calquera caso, as publicacións electrónicas, pola súa natureza, non están suxeitas a este requisito, e de se editar nalgún soporte tanxible (pen-drive, CD, DVD e outros), a tiraxe mínima será de 100 exemplares.

– Os títulos terán que estar destinados á venda e haberá que acreditar o correspondente número de ISBN e do depósito legal definitivo. O depósito legal terá unha data posterior ao 31 de decembro de 2011.

Artigo 6. Exclusións

Quedan excluídos do ámbito de aplicación desta orde, aínda cumprindo os requisitos exixidos no artigo precedente:

1. A edición de material didáctico para o nivel universitario.

2. Libros de creación literaria, dicionarios e enciclopedias.

3. Os libros de bibliófilo.

4. As publicacións de difusión gratuíta.

5. Os libros publicados por clubs do libro ou entidades similares, destinados a seren distribuídos entre os seus subscritores.

6. As obras que non sexan primeira edición.

7. Os proxectos con contidos idénticos aos xa presentados nalgunha das tres últimas convocatorias.

CAPÍTULO II
Da convocatoria pública

Artigo 7. Prazo

A presentación de solicitudes rematará no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 8. Solicitudes

1. As entidades incluídas no artigo 3 que desexen acollerse aos beneficios desta convocatoria deberán formalizar a correspondente solicitude no modelo normalizado que se publica como anexo a esta orde e que poderán obter, así mesmo, no enderezo da sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es e na web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística http://xunta.es/linguagalega.

2. As solicitudes, no anexo oficial, xunto coa documentación correspondente, presentaranse no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia ou por calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 196, do 13 de outubro), no enderezo da sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es ou na súa ligazón no portal web institucional da Xunta de Galicia www.xunta.es, de acordo co estipulado na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos; no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes (DOG núm. 241, do 17 de decembro), e na Orde do 15 de setembro de 2011 pola que se aproba a posta en funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia (DOG núm. 183, do 23 de setembro).

3. A solicitude irá acompañada da seguinte documentación:

3.1. Documento acreditativo da personalidade do solicitante, que será:

• Se se trata dunha persoa física, a fotocopia compulsada ou cotexada do DNI, NIE ou equivalente, só no caso de que non autorice o solicitante a súa consulta. O solicitante poderá autorizar a Secretaría Xeral de Política Lingüística para que acceda de oficio aos datos de verificación da súa identidade, de acordo co establecido no Decreto 255/2008, do 23 de outubro.

• Se a empresa fose unha persoa xurídica, a fotocopia compulsada da escritura de constitución e de modificación, se é o caso, inscrita no Rexistro Mercantil, cando este requisito fose exixible conforme a lexislación que lle fose aplicable. Se non o fose, a acreditación da capacidade de obrar realizarase mediante a escritura ou documento de constitución, estatutos ou acta fundacional en que consten as normas polas que se regula a súa actividade, inscritos, se é o caso, no correspondente rexistro oficial.

3.2. Xustificación da representación con que actúa o asinante da solicitude:

• Cando o asinante da solicitude actúe no nome dunha persoa xurídica, a fotocopia compulsada dos estatutos ou dos acordos sociais dos cales se deduza a antedita representación ou do poder notarial correspondente, debidamente inscritos no Rexistro Mercantil ou no rexistro que corresponda.

3.3. Copia compulsada do NIF da entidade.

Segundo establece o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos (DOG núm. 221, do 13 de novembro), quedan eximidas de presentar os documentos relacionados nos puntos 3.1 a 3.3 as empresas que xa fosen beneficiarias de subvencións nas convocatorias posteriores ao ano 2007, unicamente deberán comunicar que non houbo variacións que modifiquen substancialmente as escrituras, o poder de representación e o NIF xa depositados na Secretaría Xeral de Política Lingüística.

3.4. Copia compulsada do último recibo de pagamento do imposto de actividades económicas ou, se é o caso, acreditación da exención de pagamento.

3.5. Declaración de que a entidade non se atopa incursa en ningunha das prohibicións para obter a condición de beneficiario recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo III).

3.6. Constancia documental da existencia dun contrato debidamente asinado, se o houbese, co autor ou co tradutor da obra, que respectará o establecido no Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de propiedade intelectual, regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia.

3.7. Un exemplar completo da maqueta definitiva das obras para as cales se solicita subvención, ou ben os guións e as imaxes cando se trate de vídeos didácticos ou soportes informáticos, recursos multimedia ou electrónicos, así como unha memoria explicativa en que se recollan as características técnicas, a temporalización da edición e os destinatarios a que vai dirixido o citado material.

3.8. No caso de que as obras estean xa editadas, achegarase un exemplar de cada título e, nas publicacións electrónicas, a clave para a súa lectura, con todos os manuais e o software que as acompañe. Deberán ter un depósito legal posterior ao 31 de decembro de 2011.

3.9. Unha certificación do editor pola que se compromete a ter editada a obra subvencionable o día 1 de setembro de 2013 como data límite (anexo IV).

3.10. Unha certificación do importe que se solicita, desagregado por conceptos, referido ao orzamento do custo de execución da obra, no cal ademais deberá constar expresamente a tiraxe de exemplares. No caso das publicacións electrónicas, cando non exista ningún soporte tanxible, achegarase unha estimación das licenzas que se prevé comercializar.

3.11. Declaración do conxunto de todas as solicitudes de axudas, efectuadas e concedidas, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes (anexo III).

4. As publicacións trimestralizadas consideraranse como un único proxecto subvencionable. Tratarase igualmente a edición de cadernos, separatas, unidades didácticas e demais publicacións que se precise adquirir conxunta ou separadamente co libro de texto durante o mesmo curso académico e que se precisen para desenvolver o currículo. Polo tanto, terán que se presentar como unha soa solicitude de subvención.

5. A documentación especificada nos puntos 3.1 a 3.5 deste artigo presentarase unha soa vez no caso de achegar varias solicitudes de subvención.

6. A presentación da solicitude de subvención comportará a autorización do interesado ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, antes de ditarse a resolución de concesión das axudas e con carácter previo ao seu pagamento. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento e deberá presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente, segundo dispón o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

7. Coa presentación da solicitude deberá achegarse toda a documentación relativa a cada expediente que sexa imprescindible para que a analice a comisión de avaliación. Entenderase como tal a publicación ou proxecto, sexa editado ou en maqueta definitiva. A documentación mencionada que se achegue en envíos posteriores á data límite de presentación de solicitudes non se terá en conta para propor a subvención que corresponda.

8. Desestimaranse automaticamente as solicitudes que non se axusten estritamente aos requisitos das epígrafes anteriores e os expedientes arquivaranse sen máis trámite.

9. Se a solicitude non reunise os datos de identificación ou algún dos aspectos previstos no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, requirirase a entidade ou o solicitante, de conformidade co establecido no artigo 71 da devandita lei, para que nun prazo de 10 días emende as faltas ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se terá por desistido na súa petición, cos efectos previstos no artigo 42 da mesma lei. Non se farán requirimentos da documentación que se considera imprescindible comprendida nos puntos 3.7 e 3.8 anteriores.

CAPÍTULO III
Da instrución do procedemento

Artigo 9. Instrución do procedemento

1. O procedemento que se seguirá na tramitación e instrución dos expedientes será o establecido no articulado básico da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu desenvolvemento, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 10. Comisión de valoración

1. Aquelas solicitudes que cumpran cos requisitos desta convocatoria serán analizadas pola comisión de valoración que se creará para tal fin, segundo os criterios de concesión e de valoración establecidos no artigo 11 desta orde.

2. Esta comisión estará integrada polos seguintes membros:

Presidente/a: o/a titular da Subdirección Xeral de Planificación e Dinamización Lingüística, que poderá delegar nun/nunha funcionario/a da Secretaría Xeral.

Secretario/a: un membro da Secretaría Xeral de Política Lingüística, con voz pero sen voto.

Vogais:

– Un experto en didáctica proposto pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

– Un técnico con amplos coñecementos no eido da edición en galego, proposto pola Asociación Galega de Editores.

– Dous funcionarios/as ou dous técnicos/as da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Todos os vogais e o/a secretario/a serán nomeados pola persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

3. A comisión de valoración ten atribuídas as seguintes funcións:

– Emitir informe e valorar as solicitudes, de conformidade cos criterios de valoración establecidos nesta convocatoria. Para isto poderán contar cos informes técnicos dunha comisión de expertos en deseños curriculares proposta polo departamento correspondente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e nomeada pola persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

– Propoñer a adxudicación das subvencións.

4. A comisión quedará validamente constituída coa presenza do/a presidente/a, do/a secretario/a e da metade dos seus membros, conforme o establecido no artigo 26.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 19.1 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia (DOG núm. 251, do 31 de decembro).

No non previsto nesta convocatoria o funcionamento da comisión axustarase ao réxime establecido no capítulo II do título II da devandita Lei 30/1992 e no título I, capítulo I, sección 3ª, da Lei 16/2010.

Artigo 11. Criterios de concesión e valoración das propostas

1. Consideraranse criterios de concesión da subvención os seguintes:

a) Calidade da obra:

1. Adaptación dos contidos ao currículo establecido. Valoraranse os obxectivos, contidos propostos e as competencias básicas que desenvolven, de 0 a 35 puntos.

2. Tipo de actividades. Valorarase de 0 a 10 puntos a súa adecuación á diversidade de aptitudes e intereses do alumnado, e que promovan a adquisición das competencias, a investigación, o traballo de grupo, a lectura comprensiva e mais a reflexión crítica, a iniciativa e a creatividade, así como a adquisición de hábitos intelectuais.

3. Motivación. Valorarase de 0 a 5 puntos se o material relaciona os contidos cos intereses e os coñecementos que previsiblemente posúe o alumnado galego da idade a que vai dirixido, e se é atractivo visualmente e propón formas variadas e orixinais de introducir as unidades e os contidos a elas asociados.

4. Tratamento dos valores democráticos. Valorarase de 0 a 5 puntos se de maneira transversal aos obxectivos, competencias e contidos abordados, o material promove a igualdade, tolerancia, solidariedade e xustiza, a resolución pacífica de conflitos, a convivencia, os hábitos saudables, a sensibilidade cara á protección do medio natural, entre outros valores de similar natureza.

5. Adecuación da linguaxe ao nivel académico do alumnado. Valorarase de 0 a 5 puntos.

6. Adecuación á realidade cultural e social de Galicia. Valorarase de 0 a 15 puntos que o material proxecte unha imaxe de Galicia de comunidade con pasado, presente e futuro, rural e urbana, e non se restrinxa a aspectos folclóricos ou costumistas.

7. Calidade lingüística. Valoraranse de 0 a 15 puntos os seguintes aspectos: a redacción e coherencia dos textos, a ausencia de castelanismos e de formas verbais incorrectas e a correcta colocación dos pronomes.

Unha puntuación inferior a 8 puntos nas epígrafes 6 e 7 suporá que quedará excluído do procedemento de valoración para os efectos de concesión desta subvención.

b) Orixinalidade da obra:

1. Obras de creación propia. Valoraranse con 10 puntos.

2. Obras de refundición ou adaptación. Valoraranse con 5 puntos.

Deberase ter en conta que o punto 2 terá que incorporar contidos relacionados coa realidade social e cultural de Galicia. Para estes efectos, consideraranse adaptación todas aquelas modificacións do texto orixinal para adecualas ás particularidades sociais, culturais, económicas, históricas, políticas, xeográficas, deportivas etc. de Galicia.

Para ser obxecto de subvención será preciso acadar unha puntuación global mínima do 50 % do resultado da suma das epígrafes a) e b).

A puntuación que se asigne a cada proxecto obterase coa aplicación dos tramos do baremo anteriormente descrito, do que resultará que cada unha das subvencións propostas se determinará establecendo a proporción entre os puntos conseguidos e a dotación económica total da convocatoria.

Artigo 12. Criterios de priorización económica

Aos proxectos que se encadren nos ámbitos do ensino que se recollen no cadro seguinte, despois de se teren valorado segundo os parámetros e criterios xa descritos neste artigo, incrementaráselles unha cantidade lineal diferenciada pola tipoloxía do recurso didáctico presentado, que se desagrega como segue:

Ámbitos de ensino

Libros de texto

Recursos didácticos complementarios

Materiais para aulas virtuais (Programa Abalar).

1.750 €

750 €

Materiais específicos de atención á diversidade e programas de cualificación profesional inicial e programas de diversificación curricular.

1.750 €

750 €

Educación infantil.

1.000 €

500 €

Áreas de impartición non obrigatoria en galego.

1.000 €

500 €

Materiais que estean destinados ao alumnado inmigrante e/ou que utilicen soportes audiovisuais.

1.000 €

Artigo 13. Proposta de resolución

1. A comisión de valoración elevará o informe correspondente á persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística, quen resolverá, por delegación do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, segundo o estipulado na disposición adicional da Orde do 25 de xaneiro de 2012 de delegación de competencias nos órganos superiores, directivos e periféricos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (DOG núm. 27, do 8 de febreiro). O citado informe expresará a relación de solicitantes para os que se propón a concesión da subvención e a súa contía, especificando a súa valoración de acordo cos criterios establecidos.

2. A resolución definitiva publicarase no Diario Oficial de Galicia e notificaráselles aos interesados propostos como beneficiarios. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios dispoñerán dun prazo de dez días naturais para a non aceptación desta, transcorrido o cal sen que se produza manifestación expresa se entenderá tacitamente aceptada.

CAPÍTULO IV
Terminación do procedemento

Artigo 14. Resolución

1. O prazo máximo para a resolución de concesión non poderá exceder os cinco meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 modificados pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, quen resolverá por delegación do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, de acordo co establecido na disposición adicional da Orde do 25 de xaneiro de 2012, de delegación de competencias nos órganos superiores, directivos e periféricos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (DOG núm. 27, do 8 de febreiro), ou ben interpoñer directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

3. Transcorrido o prazo máximo para resolver o procedemento, entenderase que a concesión da subvención é desestimatoria, polo tanto o silencio administrativo terá carácter negativo.

Artigo 15. Obrigas dos beneficiarios e xustificación de custos

1. O prazo improrrogable de xustificación e entrega da documentación das subvencións concedidas remata o día 30 de setembro de 2013.

2. Co límite da citada data, os beneficiarios das axudas deberán remitirlle á Secretaría Xeral de Política Lingüística a seguinte documentación:

2.1. Un exemplar da obra editada.

2.2. Unha certificación da tiraxe, expedida polo editor ou polo representante da editorial.

2.3. Acreditación da existencia do correspondente depósito legal. Para estes efectos, abondará cunha certificación emitida polo impresor ou, se é o caso, polo representante legal da empresa, en que se exprese a posesión do depósito legal definitivo. No caso das obras que xa se presentaron editadas a esta convocatoria non se precisa xustificar este aspecto, por telo acreditado coa documentación que achegaron coa solicitude.

2.4. Unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para cada proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

2.5. Os xustificantes dos gastos e pagamentos realizados para a edición da obra, de acordo coa resolución de concesión, e nos termos expresados na proposta presentada, xunto a unha relación detallada e numerada destes, por un importe mínimo equivalente ao da subvención concedida (excluído o IVE).

Os gastos e pagamentos xustificaranse con facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa, pagados, en orixinal, formato electrónico admisible legalmente ou fotocopia compulsada. Así mesmo, para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados ou por calquera outro medio de proba que acredite a realización do pagamento, segundo especifican os artigos 42 e 49 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En concepto de nóminas e Seguridade Social só se admitirá un máximo do 30 % do total da contía da subvención concedida, para o cal haberá que achegar, ademais das nóminas correspondentes, unha certificación en que se faga constar expresamente a parte proporcional que se dedicou á realización da obra, en tempo e en custo. No caso das publicacións electrónicas a porcentaxe citada poderá chegar ao 100 % do importe da subvención.

3. Os beneficiarios quedarán obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

4. Nas publicacións subvencionadas constará o carácter público do financiamento da Xunta de Galicia, para o que se empregarán para iso os logotipos aprobados polo Manual de identidade corporativa que poderán consultar no seguinte enderezo:

www.xunta.es/inicio-identidade-corporativa.

O texto deberá ser: «Subvencionado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Secretaría Xeral de Política Lingüística». A utilización indebida e/ou incorrecta deste texto será motivo de perda da subvención.

Artigo 16. Pagamento

1. A subvención concedida aboarase mediante un pagamento único unha vez que se achegue a xustificación correcta.

2. Se o importe xustificado fose inferior ao da subvención concedida, esta minorarase porcentualmente.

3. A contía fixada na resolución poderá ser revisada á baixa polo órgano responsable da concesión da axuda se a calidade e a tiraxe definitiva certificada non concordasen co inicialmente declarado na solicitude.

4. Esta subvención é compatible con calquera outra axuda para o mesmo proxecto co límite do 100 % do investimento. No caso de que se lle conceda outra subvención para o mesmo proxecto no prazo de vixencia desta convocatoria, a entidade terá que comunicarllo á Administración. A este respecto, é de aplicación o disposto nos artigos 11.d) e 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo os cales o importe da subvención se minorará cando a súa contía, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, supere o 100 % do custo da actividade subvencionada.

Artigo 17. Perda da subvención

Calquera alteración dos datos que figuran no impreso de solicitude e calquera outro incumprimento das normas contidas nesta orde terá como consecuencia a revogación da axuda, logo da audiencia á empresa interesada, e esta, se fose o caso, terá que reintegrar as cantidades percibidas e mais os xuros de mora xerados desde o momento do seu pagamento, de acordo co estipulado no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Rexistro de axudas e subvencións

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Secretaría Xeral de Política Lingüística publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Así mesmo, en cumprimento co disposto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Secretaría Xeral fará públicos os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións concedidas, así como as sancións impostas aos beneficiarios.

A reserva que o peticionario poida facer no sentido de non autorizar a obtención ou a publicidade dos datos nos rexistros, que en todo caso lle terá que comunicar expresamente á Administración, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación na convocatoria de subvencións ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe concedido.

Disposición adicional única

Se por calquera causa, cando a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe o titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística para adoptar todos os actos e medidas necesarias para a execución, desenvolvemento e resolución desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2013

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file