Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Luns, 4 de febreiro de 2013 Páx. 3016

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 25 de xaneiro de 2013, da Dirección de Recursos Humanos, pola que se publican as listas provisionais de admitidas/os e excluídas/os para vinculacións temporais no ámbito das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade de diversas categorías sanitarias.

Por Resolución do 4 de xuño de 2012, da Dirección de Recursos Humanos, ábrese o prazo para a inscrición de aspirantes en listas para vinculacións temporais no ámbito das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade de diversas categorías estatutarias:

1. Persoal médico de familia.

2. Persoal médico de urxencias hospitalarias.

3. Pediatra de Atención Primaria.

4. Médica/o coordinador/a do 061.

5. Médica/o asistencial do 061.

6. Médica/o especialista en medicina do traballo.

Na devandita resolución prevese unha xeración de listas coas persoas inscritas ata a data do 14.7.2012 que cumpran os requisitos determinados na anterior resolución.

Finalizado o prazo de presentación de solicitudes e verificados os datos correspondentes aos requisitos das persoas solicitantes, esta dirección, de conformidade coa base oitava da resolución de inicio do prazo de inscrición (DOG nº 113, do 14 de xuño de 2012)

RESOLVE:

Primeiro. Aprobar a relación provisional de solicitantes admitidas/os e excluídas/os nas listas para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade nas categorías de médica/o de familia, médica/o de urxencias hospitalarias, pediatra de atención primaria, médica/o coordinador do 061, médica/o asistencial do 061 e médica/o especialista en medicina do traballo.

Segundo. As listas coa relación provisional de admitidas/os e excluídas/os en cada unha das categorías atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado pola/o solicitante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

Terceiro. De conformidade coa base oitava da Resolución do 4 de xuño de 2012, as persoas excluídas disporán dun prazo de dez días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia para poder corrixir, se é o caso, o defecto que motivou a exclusión, mediante solicitude que deberán dirixir ás direccións das estruturas organizativas de xestión integrada, ás direccións provinciais do organismo ou direccións con competencias en xestión do persoal no suposto das entidades adscritas á Consellería de Sanidade.

A estimación ou desestimación das emendas solicitadas entenderase implícita na resolución da Dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se declaren con carácter definitivo as/os admitidas/os e excluídas/os.

As persoas solicitantes que, dentro do prazo indicado nesta resolución, non emenden o/s defecto/s motivo da exclusión, serán definitivamente excluídas da participación neste proceso de selección.

Cuarto. As persoas que teñan formalizado a súa solicitude de inscrición nas listas correspondentes a estas categorías con posterioridade ao 14 de xullo de 2012 incluiranse na relación de admitidos/excluídos do seguinte proceso de xeración de listas que se efectúe.

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2013

Margarita Prado Vaamonde
Directora de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde