Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Luns, 18 de febreiro de 2013 Páx. 4596

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 26 de decembro de 2012 pola que se convocan probas para a obtención de determinados carnés profesionais e habilitacións profesionais no ano 2013.

Na Orde do 16 de marzo de 2011, da Consellería de Economía e Industria, establécese que a consellería competente regulará mediante orde o procedemento e a convocatoria para a realización dos exames encamiñados á obtención tanto dos carnés como de calquera outra habilitación profesional necesaria no ámbito da seguridade industrial.

O acordo de coordinación asinado o 9 de abril de 2010, entre a Consellería de Economía e Industria e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para establecer un procedemento co fin de que o proceso de obtención de determinados carnés profesionais se articule a través da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, establece que esta última adoptará as medidas necesarias para que nos centros integrados de formación profesional ou naqueloutros dependentes desta consellería que se estableza, que impartan formación profesional, se realicen as xestións encamiñadas á obtención dos carnés profesionais e das habilitacións profesionais nas especialidades que conxuntamente se determinen.

Así mesmo, faculta a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para realizar as convocatorias anuais para a obtención dos carnés profesionais e das habilitacións profesionais polo procedemento de exame.

Igualmente, a Orde do 5 de decembro de 2011 establece que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria regulará o procedemento e a convocatoria para a realización das probas teórico-prácticas para a obtención da certificación persoal da competencia para a manipulación de equipamentos con sistemas frigoríficos de calquera carga e de carga inferior a tres quilogramos de gases fluorados.

En virtude do anteriormente exposto, co fin de regular a organización e o desenvolvemento dos exames para a obtención de determinados carnés profesionais e habilitacións profesionais,

Dispoño:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer o procedemento que seguirá a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a realización dos exames encamiñados á obtención dos carnés profesionais e das habilitacións profesionais para o ano 2013 nas seguintes especialidades:

– Operador/ora industrial de caldeiras.

– Carné profesional en instalacións térmicas de edificios.

– Instalador/ora de gas, categoría A.

– Instalador/ora de gas, categoría B.

– Instalador/ora de gas, categoría C.

– Instalador/ora de produtos petrolíferos líquidos, categoría I.

– Instalador/ora de produtos petrolíferos líquidos, categoría II.

– Reparador/ora de produtos petrolíferos líquidos, categoría III.

– Carné profesional de operador/ora de guindastre torre.

– Carné profesional de operador/ora de guindastre móbil autopropulsado, categoría A.

– Carné profesional de operador/ora de guindastre móbil autopropulsado, categoría B.

– Manipulador/ora de equipamentos con sistemas frigoríficos de calquera carga de refrixerantes fluorados.

– Manipulador/ora de equipamentos con sistemas frigoríficos de carga de refrixerante inferior a tres quilogramos de gases fluorados.

– Manipulador/ora de equipamentos de transporte refrixerado de mercadorías que empreguen menos de tres quilogramos de refrixerantes fluorados.

Artigo 2. Requisitos das persoas aspirantes

Para seren admitidas á realización das probas, as persoas aspirantes deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Estaren en idade legal laboral ou teren cumprida a idade mínima que, de ser o caso, poida exixir a normativa sectorial correspondente.

b) Requisitos específicos que, para cada especialidade, se establezan na normativa vixente.

Artigo 3. Solicitudes e documentación

1. As persoas aspirantes deberán solicitar a súa admisión ás probas mediante instancia, segundo o modelo que figura no anexo I. No caso de teren interese na obtención de máis dun carné ou habilitación profesional presentarán unha solicitude por cada un deles, xunto coa correspondente documentación xustificativa.

O modelo de solicitude estará dispoñible na Guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia, nas xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp.

2. De acordo co establecido no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, e logo aprobada por Orde do 15 de setembro de 2011 a posta en funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia, as persoas interesadas poderán presentar electronicamente as solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo electrónico https://sede.xunta.es. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. A achega de tales copias implica a autorización á Administración para que acceda á información persoal contida nos correspondentes documentos e a trate. As mencionadas imaxes electrónicas carecerán de carácter de copia auténtica.

Neste caso, as persoas solicitantes deberán anexar, ademais, unha declaración responsable de que os documentos escaneados son orixinais e auténticos, sen prexuízo de que se lles poida requirir a exhibición do documento orixinal en calquera momento da tramitación do procedemento, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

3. Así mesmo, as persoas interesadas poderán presentar as solicitudes de xeito presencial por calquera das formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Preferentemente presentaranse nas xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ou na oficina de Rexistro Xeral no complexo administrativo de San Caetano.

4. Xunto coa solicitude cumprirá presentar a seguinte documentación:

a) Fotocopia do DNI (só no caso de non autorizar a consulta dos datos de identidade no Sistema de Verificación de Datos de Identidade).

b) Copia compulsada do título ou certificación oficial da titulación requirida na cal conste ter efectuado o depósito do título.

c) Cando así o estableza a normativa que regula a especialidade, certificado de superación do curso teórico-práctico impartido por unha entidade recoñecida pola Consellería de Economía e Industria. No caso de estar a cursalo, certificado desta situación. Neste caso, cumprirá presentar a certificación de superación o día do exame teórico.

d) Xustificante de aboamento das taxas de exame.

e) No caso de acreditación da experiencia laboral:

– Informe de vida laboral expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

– Certificación das empresas nas que se exercera a actividade, segundo o modelo que figura no anexo II.

f) Certificado médico, cando así se exixa e nos termos que se estableza no Real decreto 560/2010, do 7 de maio, polo que se modifican diversas normas regulamentarias en materia de seguridade industrial.

Artigo 4. Taxas de exame

1. Xunto coa solicitude deberase presentar xustificante para a Administración do impreso correspondente de autoliquidación de taxas en concepto de dereitos de exame (importe de 38,37 euros), validado pola entidade bancaria onde se realice o ingreso. O modelo de impreso, así como os datos e os códigos que se deben indicar, son os seguintes:

– Modelo A.

– Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Código 07.

– Delegación de Servizos Centrais. Código 13.

– Servizo de Xestión da Formación Profesional. Código 03.

– Taxa: denominación: capacitación profesional para o exercicio de actividades en materia de industria. Código 320701.

2. A non presentación dentro de prazo deste xustificante, no que debe figurar o selo da entidade bancaria, determinará a exclusión da persoa aspirante. En ningún caso a presentación deste anexo suporá a substitución do trámite de presentación en tempo e forma da solicitude.

Artigo 5. Prazo de presentación de solicitudes

Convocatoria ordinaria: o prazo de presentación de solicitudes será desde o día 25 de febreiro ao día 8 de marzo de 2013, ambos os dous incluídos.

Convocatoria extraordinaria: o prazo de presentación de solicitudes será desde o día 1 ao día 12 de xullo de 2013, ambos os dous incluídos.

Artigo 6. Admisión de solicitudes

1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes publicarase a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas, coas causas de exclusión, nos taboleiros de anuncios das xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp.

2. As persoas excluídas, así como as que non figuren nin nas relacións de admitidas nin nas de excluídas, disporán de cinco días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación, para a emenda de defectos.

3. Logo de transcorrido o prazo de reclamacións e revisadas estas, publicarase a listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas coas datas, a hora, os lugares de realización dos exames e as causas de exclusión daquelas persoas que non resultasen seleccionadas.

Esta listaxe publicarase nas xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp.

Artigo 7. Tribunais cualificadores

1. Constituirase como mínimo un tribunal para cada especialidade. Cada tribunal estará formado por un presidente ou unha presidenta, e como mínimo dous vogais, que serán membros do departamento didáctico da familia profesional correspondente e con destino no mesmo centro. Cando cumpra, poderá formar parte do tribunal profesorado con destino noutro centro, sempre que pertenza á mesma familia profesional.

Os membros titulares e suplentes do tribunal serán designados pola dirección do centro onde se desenvolvan os exames. O presidente ou a presidenta serán preferentemente o xefe ou a xefa do departamento didáctico da familia profesional do IES ou CIFP onde se realicen os exames e actuará como secretario ou secretaria o vogal ou a vogal de menor idade.

2. Logo da convocatoria do presidente ou da presidenta, constituirase o tribunal respectivo, coa asistencia da maioría simple dos seus membros, titulares ou suplentes. Na devandita sesión, o tribunal acordará todas as decisións que corresponda para garantir o correcto desenvolvemento das probas.

3. A partir da súa constitución, para que o tribunal poida actuar validamente requirirase a presenza dun mínimo de tres membros, dos cales un será obrigatoriamente o presidente ou a presidenta. Os membros titulares e os suplentes poderán actuar indistinta e concorrentemente.

4. O tribunal cualificador correspondente resolverá cantas incidencias se susciten no ámbito desta convocatoria. Para os efectos de comunicación e demais incidencias, os tribunais terán a súa sede na Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

5. Os membros dos tribunais percibirán as indemnizacións correspondentes segundo o establecido no artigo 26.2 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón de servizo ao persoal con destino na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

6. O tribunal poderá dispor a incorporación de persoal asesor especialista para cada un dos carnés convocados, que lle prestará a súa colaboración ao tribunal nas especialidades técnicas de cada materia e deberá emitir un informe sobre a documentación de cada aspirante que se unirá á acta correspondente. As actuacións de tales asesores ou asesoras deberán quedar reflectidas nas actas. Así mesmo, o tribunal poderá valerse da actividade de persoal auxiliar durante a realización dos exercicios.

Artigo 8. Desenvolvemento dos exames

1. Os exames realizaranse nos centros aos que se fai referencia no punto 3 do artigo sexto desta orde.

2. Para a realización do exame as persoas candidatas deberán ir provistas do documento oficial que acredite a súa identidade e bolígrafo negro ou azul.

3. Os exames estarán xeralmente constituídos por dúas partes, que se desenvolverán na mesma xornada:

a) Primeira parte. Exercicio teórico escrito consistente na resolución dun cuestionario tipo test proposto polo tribunal sobre as materias e a regulamentación establecidas para cada especialidade. Poderá incluír cuestións sobre coñecementos tecnolóxicos e cálculos básicos no ámbito da competencia do carné profesional ou da habilitación profesional.

Para os carnés de operador/ora de guindastre móbil autopropulsado, a primeira parte estará constituída por dous exercicios; o primeiro deles será de tipo test e o segundo será un suposto práctico escrito que versará sobre unha ou varias operacións propostas polo tribunal en relación cos requisitos prácticos establecidos. Para o suposto práctico escrito, as persoas candidatas poderán utilizar a instrución técnica complementaria MIE-AEM-4 do regulamento de aparellos de elevación e manutención, referente a guindastres móbiles autopropulsados.

b) Segunda parte. Poderá consistir, segundo determine o tribunal, nun suposto práctico escrito ou nunha proba práctica e versará sobre unha ou varias operacións propostas polo tribunal en relación cos requisitos prácticos establecidos para cada especialidade.

Neste exercicio as persoas candidatas poderán utilizar o correspondente regulamento técnico, así como calculadora non programable, cando a especialidade o requira.

Para os carnés de operador/ora de guindastre móbil autopropulsado, a segunda parte consistirá nunha demostración real de destreza no manexo do guindastre baixo as instrucións e indicacións especificadas polo tribunal. Será condición imprescindible ter superada a primeira parte da proba para poder concorrer a esta segunda parte.

O tribunal publicará a relación de persoas seleccionadas para realizar a segunda parte da proba e informará da data e lugar de realización na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp.

Artigo 9. Cualificación dos exames

1. A puntuación mínima para superar cada parte corresponderá á metade do valor da puntuación máxima posible da devandita parte. Na parte teórica a nota formarase de acordo coa expresión: número de respostas correctas - (número de respostas incorrectas/3).

2. Os exames cualificaranse como «apto/a» ou «non apto/a». Para considerarse apto/a deberanse aprobar as dúas partes independentemente.

Artigo 10. Listaxes de cualificacións

1. O tribunal cualificador publicará a listaxe provisional de cualificacións por provincias e dará traslado desta ás catro xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a súa publicación nos respectivos taboleiros de anuncios.

Esta relación tamén se poderá consultar na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp.

2. Disporase dun prazo de cinco días hábiles desde a publicación da listaxe provisional de cualificacións para formular reclamacións ante o presidente ou a presidenta do tribunal cualificador, que resolverá as reclamacións. Para garantir o anonimato e a obxectividade da corrección, non se permitirá, salvo circunstancias excepcionais que deberán estar claramente xustificadas, a revisión presencial dos exames.

3. Finalizado o prazo, o tribunal enviará a proposta da listaxe de cualificacións por especialidade ao director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, quen a elevará a definitiva mediante unha resolución e dará traslado desta ás catro xefaturas territoriais para a súa publicación nos respectivos taboleiros de anuncios e na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp.

4. Contra a resolución definitiva poderase interpor recurso de alzada perante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes desde a súa publicación.

Artigo 11. Expedición de carnés e habilitacións profesionais

Logo de elevada a definitiva a listaxe, as persoas aprobadas recibirán por correo certificado o correspondente carné profesional ou habilitación profesional no enderezo indicado na súa solicitude.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2012

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO II

Modelo de certificación de actividades desenvolvidas na empresa

DATOS DA EMPRESA

Nome:

Actividade económica:

CIF:

Enderezo completo:

Nome e apelidos da persoa que certifica:

DNI:

� Empresa autorizada polo regulamento de seguridade de instalacións frigoríficas.

� Empresa autorizada polo regulamento de instalacións térmicas de edificios.

� Empresa que realice instalacións de refrixeración e aire acondicionado de menos de tres quilogramos.

DATOS DO TRABALLADOR OU DA TRABALLADORA

Nome e apelidos:

DNI:

Número da SS:

ACTIVIDADES DESENVOLVIDAS

Breve descrición da actividade laboral desenvolvida:

E para que conste e teña efectos onde proceda, por instancia da persoa interesada expido esta certificación.

..........................................., ............ de .................... de 201..

Asinado: .........................................

(selo da empresa e cargo)

Nota: débese xuntar unha certificación acreditativa por cada empresa onde se desenvolvera a actividade laboral.

missing image file
missing image file