Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Luns, 25 de febreiro de 2013 Páx. 5487

VI. Anuncios

c) Outros anuncios

Fundación Pedro Barrié de la Maza Conde de Fenosa

ANUNCIO do 30 de xaneiro do 2013 polo que se convocan 45 bolsas no estranxeiro para o ano 2013.

Bolsas posgrao no estranxeiro 2013.

A Fundación Barrié é unha entidade sen ánimo de lucro, de carácter privado, dedicada a promover o desenvolvemento de Galicia desde unha perspectiva global. Creada en 1966 dedicou a súa atención prioritaria á educación.

Neste marco a Fundación convoca a vixésimo cuarta edición do programa de bolsas de posgrao no estranxeiro co obxectivo de apoiar os titulados universitarios vinculados a Galicia que teñan un proxecto académico, investigador ou profesional claro e de interese para a comunidade, para facelo realidade a través de programas de formación de posgrao ou estadías de investigación nos mellores centros educativos e investigadores do mundo.

Búscanse licenciados/graduados/enxeñeiros/máster/doutores con excelente traxectoria académica, investigadora e/ou profesional, dominio da lingua de traballo no centro de destino, vinculación con Galicia e un proxecto con potencial de retorno. A convocatoria está aberta a todas as áreas de coñecemento, aínda que se dará prioridade aos proxectos de maior impacto potencial para España e particularmente, para Galicia.

A Fundación Barrié convoca 45 bolsas coas seguintes características:

– 30 bolsas predoutorais para a mobilidade internacional, con dúas modalidades:

– Modalidade A: ata 25 bolsas para facilitar a mobilidade internacional de doutorandos con vinculación contractual ou bolsa, destinadas a realizar estadías de investigación en centros de excelencia internacionais por un período mínimo de 3 meses e máximo de 6 meses.

– Modalidade B: ata 5 bolsas para facilitar a mobilidade internacional de doutorandos sen vinculación contractual ou bolsa, destinadas a realizar estadías de investigación en centros de excelencia internacionais por un período mínimo de 3 meses e máximo de 6 meses.

– 5 bolsas posdoutorais para a mobilidade internacional co fin de facilitar estadías de investigación de doutores en centros de excelencia internacionais por un período mínimo de 3 meses e máximo de 24 meses.

– 10 bolsas para a realización de estudos de máster no estranxeiro nos mellores centros académicos e investigadores do mundo por un período máximo de 24 meses.

A dotación da bolsa inclúe:

– Asignación mensual, gastos de matrícula coas condicións establecidas nas bases, transporte e seguro.

– Xestión do proceso de solicitude e asesoramento integral durante a bolsa.

– A rede de coñecemento e apoio da súa Asociación de Bolseiros, con máis de 800 asociados [www.becariosbarrie.org], [www.bolseirosbarrie.org].

Requisitos dos candidatos.

– Nacionalidade española.

– Vinculación con Galicia.

– Bo expediente académico.

– Alta motivación para completar un proxecto claro e de impacto social.

– Dominio da lingua de traballo do país de destino.

– Ter unha titulación universitaria.

Comezo e duración da bolsa.

Os candidatos que obteñan unha bolsa deben comezar o programa de estudos antes do 31 de decembro de 2014. O bolseiro empezará a recibir a asignación mensual cando inicie o programa de estudos para o que se concedese a bolsa.

O período total de desfrute da bolsa non será inferior a 3 meses nin superior a 24 para todos os supostos, agás para as estadías predoutorais (modalidade A e B), para as cales o período máximo será de 6 meses.

Documentación.

1. Formulario de solicitude.

A solicitude deberá cubrirse directamente a través da páxina web da Fundación Barrié [www.fundacionbarrie.org].

A plataforma en liña para a tramitación de solicitudes pecharase o 31 marzo de 2013 ás 23.00 horas.

Proceso de selección.

1. Probas de selección.

Examinadas todas as solicitudes presentadas, serán convocados os preseleccionados a unha entrevista persoal co Comité de Selección na cal, ademais de analizar a súa traxectoria académica, profesional ou investigadora, se valorarán o alcance e coherencia do proxecto formulado. A entrevista, de carácter presencial, será imprescindible para optar á bolsa e non poderá ser substituída por ningunha outra proba.

Os candidatos preseleccionados para entrevistas serán informados a través de correo electrónico o día 21 de maio de 2013 a partir das 14.00 horas.

As entrevistas realizaranse na sede da Coruña da Fundación nas datas seguintes:

– Candidatos para estadías predoutorais (modalidade A e B) o día 7 de xuño de 2013.

– Candidatos para estadías posdoutorais e estudos de máster o día 14 de xuño de 2013.

2. Nomeamento de candidatos.

A Fundación dará a coñecer a partir das 14.00 horas do venres 21 de xuño de 2013, a través da súa páxina web [www.fundacionbarrie.org], a relación de candidatos seleccionados para bolsa.

Máis información.

becas@fbarrie.org

Bases completas e formularios de solicitude en: www.fundacionbarrie.org

A Coruña, 30 de xaneiro de 2013

Javier López Martínez
Director xeral da Fundación Barrié