Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Xoves, 28 de febreiro de 2013 Páx. 6227

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 18 de febreiro de 2013 pola que se convoca unha xornada sobre o tratamento dos delitos contra a propiedade intelectual. Aspectos xurídicos e prácticos.

Dentro das actividades programadas para o ano 2013 e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, en colaboración con Promusicae-Agedi, anúnciase a convocatoria dunha xornada sobre o tratamento dos delitos contra a propiedade intelectual. Aspectos xurídicos e prácticos, de acordo coas seguintes bases:

1. Datos da actividade:

Denominación: tratamento dos delitos contra a propiedade intelectual. Aspectos xurídicos e prácticos.

Tipo: xornada.

Horas lectivas: 8.

Modalidade: presencial.

Obxectivos:

Facilitar os coñecementos necesarios xurídicos e técnicos para proceder neste tipo de delitos coa maior eficacia e garantía de éxito. Para iso afianzarase igualmente a identificación e peritaxe do material falsificado, así como tratar con detalle as novas modalidades delituosas na materia.

Contido:

1. Os delitos contra a propiedade intelectual: perspectiva penal e procesual.

2. O manual de boas prácticas na persecución dos delitos contra a propiedade intelectual.

3. A Axencia Tributaria e a loita contra os delitos vinculados á propiedade intelectual: contrabando e branqueo de capital. Estratexia na investigación e ferramentas de xestión.

4. Tratamento e experiencias prácticas no ámbito policial na comunicación pública relativa aos delitos contra a propiedade intelectual.

5. A piratería física de contidos intelectuais: identificación de soportes ilegais e consideracións na elaboración de informes periciais.

2. Desenvolvemento da convocatoria:

Destinatarios/as: persoal dos corpos de policía local de Galicia e demais forzas e corpos de seguridade.

Prazas ofertadas: ilimitadas.

3. Solicitudes de participación:

a) O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da Agasp: http://agasp.xunta.es

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

b) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

c) É conveniente consignar no formulario de solicitude un número de teléfono móbil co fin de poder realizar as notificacións necesarias.

d) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, que non se axusten ao formulario de solicitude ou que sexan presentadas fóra de prazo.

e) Prazo para a presentación de solicitudes: o prazo de inscrición e presentación de solicitudes de participación rematará o día 25 de marzo de 2013.

4. Formulario normalizado de solicitude:

a) Os formularios de solicitude a que se refire a base anterior serán obtidos e cubertos pola persoa solicitante necesariamente a través da páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública, que poden encontrar no enderezo da internet: http://agasp.xunta.es

b) Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes.

c) Os formularios poderán ser obtidos e cubertos ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través do número de teléfono: 886 20 61 10, do fax: 886 20 61 22 ou enderezo de correo electrónico: formacion.agasp@xunta.es, que adoptará.

Listaxe de solicitudes seleccionadas: o día 27 de marzo de 2013 a Academia Galega de Seguridade Pública publicará no sitio web: http://agasp.xunta.es, a lista de admitidos.

Obrigas das persoas seleccionadas: de acordo co establecido no artigo 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, as persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comuniquen a súa imposibilidade de asistencia con polo menos 48 horas de antelación ao seu comezo. A dita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo: formacion.agasp@xunta.es ou por fax ao número: 886 20 61 22.

Comezado o curso, ao alumnado só se lle permitirá a falta de asistencia a un 10 % como máximo das horas totais, e sempre xustificadamente. De sobrepasar esta porcentaxe non terá dereito ao diploma ou certificado.

5. Desenvolvemento da actividade:

Lugar: Agasp.

Horario: das 9.00 ás 19.30 horas.

Día: 3 de abril de 2013.

Certificado de aproveitamento: ao finalizar a actividade entregaráselles un certificado de asistencia a todas aquelas persoas que acrediten á súa asistencia continuada.

6. Baremación da actividade:

Para os efectos do previsto nos anexos II e III da Orde de 28 de xaneiro de 2009 da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, publicada no DOG do 2 de febreiro de 2009, esta actividade terá unha baremación de 0,12 puntos.

7. Dereitos e deberes do alumnado participante:

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de marzo de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

8. Modificacións e incidencias:

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 18 de febreiro de 2013

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública