Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Mércores, 6 de marzo de 2013 Páx. 6649

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 21 de febreiro de 2013 pola que se establece o procedemento de concesión, baixo o réxime de concorrencia non competitiva, de axudas destinadas ao alumnado que curse estudos universitarios, no curso académico 2012/13, nas universidades do Sistema universitario de Galicia, que por causa sobrevida ou imprevista teña dificultades económicas para continuar estudos.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

A Lei 11/1989, do 20 de xullo, de ordenación do Sistema universitario de Galicia, determina a constitución do Sistema universitario de Galicia con tres universidades: a Universidade da Coruña, a de Santiago de Compostela e a de Vigo.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Universidades, está a levar a cabo diversas accións de apoio económico ao alumnado de ensino universitario con que se pretende favorecer a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico. De acordo con isto, iniciáronse diferentes liñas estratéxicas, entre as que cabe destacar o desenvolvemento da función social das universidades galegas, de maneira que ademais da súa implicación na mellora dos sistemas de ciencia e tecnoloxía, de calidade do ensino, do uso sustentable de recursos, desenvolva a súa capacidade para dar resposta ás demandas sociais e a súa implicación no traballo social e a cooperación para o desenvolvemento.

As axudas e accións de apoio económico ao alumnado universitario convocadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria veñen sendo destinadas a aqueles alumnos e alumnas que acreditan os mellores expedientes académicos como recoñecemento ao seu esforzo. Non obstante, convoca anualmente unha liña de axudas destinada a alumnos cunha necesidade urxente de recursos económicos, motivada por causas sobrevidas e imprevistas.

Neste sentido, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pretende continuar a política de axudas de carácter especial, cunha finalidade simplemente paliativa, destinadas a facer fronte a causas sobrevidas que polas súas circunstancias requiren dunha atención perentoria na obtención de recursos económicos que permitan a continuidade dos estudos universitarios dos alumnos afectados, sen pretender solucións plenas á problemática que poidan presentar.

Polo que antecede,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e beneficiarios

O obxecto desta orde é regular o procedemento de concesión, baixo o réxime de concorrencia non competitiva, de axudas destinadas ao alumnado que curse estudos universitarios conducentes ao título de grao, licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico e arquitecto técnico, no curso académico 2012/13, nas universidades do Sistema universitario de Galicia, cunha necesidade urxente de recursos económicos motivada por causas sobrevidas e imprevistas que lle impidan ou dificulten a continuidade dos seus estudos.

Artigo 2. Orzamento

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria financiará estas axudas con cargo á aplicación orzamentaria 09.40.422C.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, cunha contía global de 70.000 euros, sen prexuízo de poder ser incrementada de acordo coas dispoñibilidades económicas da consellería.

Artigo 3. Requisitos dos solicitantes

Poderán solicitar estas axudas os/as estudantes universitarios/as que cumpran os seguintes requisitos:

a) Necesidade urxente de recursos económicos para paliar a situación de emerxencia derivada dunha causa sobrevida ou imprevista (orfandade absoluta, falecemento pai/nai/titor legal, desemprego sustentador principal, enfermidade grave, violencia de xénero cara el/ela ou o/a seu/súa proxenitor/a, vítimas de actos terroristas, separación, divorcio, ruína ou quebra familiar e outras circunstancias non recollidas que, sendo xustificadas, repercutan na situación socioeconómica familiar).

b) Que a situación sobrevida ou imprevista acontecese durante o actual curso académico 2012/13.

c) Estar matriculado, no curso académico 2012/13, como mínimo en 50 créditos, en estudos universitarios presenciais conducentes ao título de grao, licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico e arquitecto técnico en calquera das universidades do Sistema universitario de Galicia.

d) Que a renda per cápita da unidade familiar non sexa superior ao importe anual da pensión non contributiva individual para o ano 2013, é dicir, 5.108,60 euros (425,72 euros mensuais, incluída nesta contía a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias).

e) Non ter percibido esta axuda con anterioridade.

Artigo 4. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes serán subscritas directamente polas persoas interesadas ou por persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

2. A presentación de solicitudes poderá realizarse desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 1 de setembro de 2013.

2.1. Con carácter xeral, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde a data en que acontecese a causa sobrevida ou imprevista, sempre que a solicitude se realice con anterioridade ao 1 de setembro de 2013.

2.2. Se a causa sobrevida ou imprevista ten acontecido con anterioridade á publicación desta orde, o prazo de presentación será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta no Diario Oficial de Galicia.

3. O formulario da solicitude, correspondente co modelo normalizado ED433A que se publica como anexo I a esta orde, e a declaración responsable necesaria que se publica como anexo II estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia
https://sede.xunta.es para a súa tramitación electrónica completa.

4. Para a presentación na sede electrónica do dito formulario e da declaración responsable admitiranse o DNI electrónico ou calquera outro sistema de sinatura electrónica aceptado pola sede da persoa solicitante ou representante legal.

5. Para a tramitación electrónica do presente procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao correo electrónico 012@xunta.es

No caso de dúbida en relación coa presente convocatoria, poderá facer as súas consultas no enderezo electrónico orientacion.sug@edu.xunta.es

6. O formulario de solicitude e a declaración responsable deberán ser cubertos en todos os seus campos sen engadir novos datos, emendar, variar ou riscar o seu formato orixinal. En caso contrario, as solicitudes non serán admitidas a trámite.

7. No suposto de que a persoa solicitante non dispoña do sistema de sinatura aceptado pola sede electrónica, admítese igualmente a presentación da solicitude e da declaración responsable en formato papel unha vez cuberto o formulario en formato PDF dispoñible na sede, que se presentará asinado no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, dirixido á Secretaría Xeral de Universidades (Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela); ou ben en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5. Documentación que hai que presentar

A solicitude (anexo I, modelo normalizado ED433A) e a declaración responsable (anexo II, na cal a persoa solicitante debe indicar se ten ou non solicitada ou concedida outro tipo de bolsa para a mesma finalidade ante as administracións públicas ou outros entes públicos) presentaranse xunto coa seguinte documentación dixitalizada:

a) Xustificación da causa sobrevida ou imprevista en que fundamenta a petición da axuda, para o cal presentará todos os documentos que a proben.

b) Informe do/da traballador/a social do concello en que estea empadroado/a o/a solicitante que recolla a causa sobrevida ou imprevista, así como a situación socioeconómica da unidade familiar, anterior e posterior á causa que motive a necesidade urxente de recursos económicos.

c) Declaración responsable (anexo III), asinada polo/a solicitante, que incluirá a relación de todas as persoas residentes na mesma vivenda ou aloxamento, en que fará constar os ingresos ou rendas anuais percibidos por todos os membros que compoñen a unidade familiar durante o ano 2012, así como a contía total mensual dos ingresos ou rendas de cada un dos membros da unidade familiar do ano 2013, achegando a documentación acreditativa dos citados ingresos.

d) Certificación académica ou extracto do expediente académico, en que consten as materias e os créditos en que está matriculado no curso académico 2012/13.

No suposto de que a persoa solicitante non dispoña do sistema de sinatura aceptado pola sede electrónica, para a presentación dixitalizada da dita documentación, admitirase igualmente a presentación desta en formato papel, presentándoa xunto aos anexos I e II asinados, nos mesmos termos establecidos no punto 7 do artigo anterior.

Artigo 6. Instrución do procedemento

1. O órgano instrutor deste procedemento será a Subdirección Xeral de Universidades e ademais crearase unha comisión de avaliación integrada por:

Presidente/a: o/a titular da Subdirección Xeral de Universidades.

Vogais: tres representantes da Secretaría Xeral de Universidades, dos cales un/unha deles/as actuará como secretario/a con voz e voto.

2. Unha vez examinadas as solicitudes e a documentación presentada polos/as solicitantes, se non estivese debidamente cuberta a solicitude ou non se presenta a documentación exixida, requirirase o interesado para que, no prazo de dez días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se dará por desistido/a da súa petición, logo de resolución, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderase requirir o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

Artigo 7. Contía

1. Para determinar a contía da axuda que se lle concederá a cada solicitante, a Comisión Avaliadora, unha vez examinada a documentación presentada, terá en conta como criterios de distribución os seguintes limiares de renda per cápita:

Limiares de renda

Contía da axuda

Ata 3.500 €

2.500 €

De 3.501 € a 4.000 €

2.000 €

De 4.001 € a 4.500 €

1.500 €

De 4.501 € a 5.108,60 €

1.250 €

2. O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que supere o custo da actividade subvencionada, de conformidade co artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 8. Resolución e notificación

1. Unha vez efectuada a selección pola Comisión Avaliadora, esta elevará, a través da Secretaría Xeral de Universidades, un informe-proposta ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que emitirá resolución.

2. A Comisión Avaliadora reunirase polo menos unha vez ao mes e elevará o correspondente informe-proposta, para a súa resolución, das solicitudes completas ata ese momento, sempre que nese período se completasen os trámites administrativos da solicitude referidos no artigo 6.2.

3. As resolucións, que lles serán notificadas aos interesados de acordo co establecido na lei, estarán debidamente motivadas e expresarán, cando menos, o número de expediente, os datos de identificación do/da solicitante, o importe e as condicións da axuda e, se é o caso, a desestimación e causa de denegación.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses, que se computarán desde a data en que a solicitude teña entrada no Rexistro Único da Xunta de Galicia. No caso de se teren producido emendas ou melloras na solicitude, o prazo contarase desde a data en que a última delas teña entrada no citado rexistro. Transcorrido este prazo sen que se dite resolución expresa, que en todo caso deberá producirse no exercicio orzamentario vixente, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 9. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro desta orde poñen fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo.

Artigo 10. Pagamento das axudas

1. Segundo o disposto no artigo 28.9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a contía da axuda concedida aboaráselles aos beneficiarios nun pagamento único polo importe que lles corresponda segundo as contías determinadas no artigo 7 desta orde, unha vez notificada a resolución de concesión. A tramitación do pagamento axustarase ao establecido no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro).

2. O pagamento da axuda regulada nesta orde farase unicamente na conta que os solicitantes fixesen constar na solicitude, que debe permanecer activa para estes efectos mentres non se teña constancia da finalización do expediente, e a Administración non se fará responsable da imposibilidade de efectuar o ingreso por causas directamente imputables aos solicitantes.

Artigo 11. Obrigas dos beneficiarios

O alumnado que resulte beneficiario destas axudas comprométese ao cumprimento do establecido nesta convocatoria e na súa resolución, así como a cumprir as seguintes obrigas:

a) Seguir durante o curso académico, con carácter presencial, os estudos en que se atope matriculado.

b) Comunicar por escrito calquera variación ou modificación que se produza durante a tramitación do procedemento respecto das circunstancias alegadas na solicitude e someterse ás actuacións de comprobación que acorde a Secretaría Xeral de Universidades.

c) Comunicar por escrito a renuncia á axuda no caso de producirse unha causa que determine a dita renuncia.

d) Informar o órgano concedente da obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración pública, ente público ou privado.

e) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 12. Compatibilidade, alteración, modificación e reintegro

1. Estas axudas son compatibles con calquera outra bolsa ou axuda destinada para ese mesmo fin por algunha das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades (agás que as súas normas reguladoras proclamen a incompatibilidade, como é o caso das bolsas de carácter xeral e de mobilidade convocadas polo MECD, nas cales, de resultar beneficiario dunha delas, será o estudante quen teña que solicitar á institución convocante a compatibilidade efectiva), sempre que a suma de todas elas non supere a contía máxima de 5.000 euros.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión desta axuda e, en todo caso, a obtención concorrente doutras outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión ou, se é o caso, á súa revogación con reintegro das cantidades que corresponda.

3. O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro, total ou parcial, polo/a beneficiario/a, segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co procedemento establecido nos artigos 77 a 83, inclusive, do regulamento da Lei 9/2007, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. Procederá a devolución íntegra das cantidades percibidas cando se obteña a axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión ou se falseen ou oculten feitos ou datos que motivasen a súa concesión.

Disposición adicional primeira

A presentación da solicitude de concesión de axuda comportará autorización á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para:

a) Obter da Axencia Estatal da Administración Tributaria, da Tesourería Xeral da Seguridade Social e da Consellería de Facenda os datos de carácter tributario necesarios para a determinación da renda da unidade familiar.

b) Facer públicos nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas así como as sancións impostas, cando proceda.

A reserva que o peticionario poida facer no senso de non autorizar a obtención de datos ou a súa publicidade nos rexistros, que en todo caso terá que se expresar por escrito, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro das cantidades percibidas.

c) De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co disposto no artigo 15.2.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

d) Porén, non será necesaria a publicación cando o órgano concedente xulgue que se dan as previsións do artigo 15.2.d) da citada Lei 9/2007.

Disposición adicional segunda

A concesión das axudas previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario. De non ser o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase no Diario Oficial de Galicia, mediante resolución da Secretaría Xeral de Universidades, o esgotamento da partida orzamentaria asignada.

Disposición adicional terceira

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, ou directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde esa mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o titular da Secretaría Xeral de Universidades para adoptar os actos e medidas necesarios para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2013

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file