Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Xoves, 7 de marzo de 2013 Páx. 6773

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

DECRETO 43/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde.

A Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, creou o Servizo Galego de Saúde como un organismo autónomo de carácter administrativo, dotado de personalidade xurídica propia, que ten como finalidade a xestión dos servizos sanitarios de carácter público dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia e a coordinación integral de todos os recursos sanitarios e asistenciais.

Así mesmo, a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, sinala que o obxectivo do Servizo Galego de Saúde é a provisión dos servizos e das prestacións de atención sanitaria individual de cobertura pública no ámbito da Comunidade Autónoma, dentro do marco básico de financiamento do Sistema público de saúde de Galicia, garantindo os dereitos recoñecidos aos cidadáns.

O Servizo Galego de Saúde exerce o goberno, a dirección e a xestión dos centros, servizos e establecementos sanitarios propios ou adscritos, garantindo a provisión dos servizos e prestacións de asistencia sanitaria de cobertura pública; coordina a xestión dos recursos humanos, materiais e financeiros que teña asignados, e exercerá aquelas funcións que lle delegue ou encomende a Consellería de Sanidade.

De acordo co establecido no Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e a optimización dos recursos públicos, a eficacia na xestión e o logro da máxima coordinación das unidades administrativas son os principios básicos que guían a actuación da Administración pública de Galicia. O compromiso de austeridade, eficacia e eficiencia adoptado pola Xunta de Galicia debe ter a necesaria translación e reflexo nas normas regulamentarias que establecen a estrutura orgánica dos distintos organismos vinculados ou dependentes, entre os cales se atopa o Servizo Galego de Saúde.

De conformidade co establecido no Decreto 235/2012, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, o organismo autónomo Servizo Galego de Saúde queda adscrito organicamente á Consellería de Sanidade.

É necesario, pois, desenvolver a estrutura orgánica do organismo autónomo, co obxecto de responder ás demandas e necesidades que para a xestión do ámbito competencial propio esperan os destinatarios da súa actividade.

Neste decreto desenvólvese a estrutura do Servizo Galego de Saúde, que se articula en torno a unha xerencia, con categoría de secretaría xeral, e tres direccións xerais. Establécense, así mesmo, os órganos colexiados e os órganos de coordinación, e realízase unha referencia á estrutura periférica, regulada nos Decretos 168/2010, do 7 de outubro, 193/2010, do 18 de novembro, 162/2011, do 28 de xullo, e 163/2011, do 28 de xullo.

Xa que logo, en virtude do disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta da conselleira de Sanidade, cos informes previos preceptivos e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e un de febreiro de dous mil trece

DISPOÑO:

Capítulo I
Ámbito competencial

Artigo 1. O Servizo Galego de Saúde

1. Para o adecuado desenvolvemento das competencias que no ámbito sanitario lle corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia, configúrase o Servizo Galego de Saúde como un organismo autónomo de natureza administrativa, dotado de personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins.

2. O Servizo Galego de Saúde está adscrito á Consellería de Sanidade e rexerase polo establecido na Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, e na Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

3. O Servizo Galego de Saúde, para o exercicio das súas competencias e o cumprimento dos seus fins, contará coa seguinte estrutura:

3.1. Órganos centrais de dirección:

3.1.1. Órganos colexiados:

a) Consello de Dirección.

b) Comité Executivo.

3.1.2. Órganos unipersoais:

a) A Presidencia.

b) A Xerencia do Servizo Galego de Saúde.

c) A Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria.

d) A Dirección Xeral de Recursos Económicos.

e) A Dirección Xeral de Recursos Humanos.

3.2. Órganos de coordinación e asesoramento do Servizo Galego de Saúde:

a) Consello Asesor Técnico.

b) Consello Asesor de Pacientes.

3.3. Órganos periféricos de dirección:

As estruturas de xestión integrada.

CAPÍTULO II
Órganos colexiados

Artigo 2. O Consello de Dirección

1. O Consello de Dirección é o órgano de administración do Servizo Galego de Saúde e estará integrado polos seguintes membros:

a) A persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, que exercerá a presidencia.

b) A persoa titular da Xerencia do Servizo Galego de Saúde, que exercerá a vicepresidencia e a coordinación do Consello.

c) A persoa titular da Vicexerencia do Servizo Galego de Saúde.

d) As persoas titulares das direccións xerais do Servizo Galego de Saúde.

e) As persoas titulares das xerencias das estruturas de xestión integrada.

2. Corresponderalle actuar como secretaria do Consello de Dirección, con voz e voto, á persoa titular da Vicexerencia.

3. O Consello de Dirección reunirase, como regra xeral, unha vez ao trimestre e sempre que sexa convocado pola súa presidencia. Poderán asistir ás sesións do Consello, con voz pero sen voto, profesionais técnicos, representantes de organismos ou outras entidades ou os subdirectores do Servizo Galego de Saúde, cando a presidencia o considere oportuno, tendo en conta os asuntos que se vaian tratar.

4. Correspóndelle ao Consello de Dirección:

a) Definir os posicionamentos, orientacións e liñas de actuación de carácter estratéxico do Servizo Galego de Saúde, de acordo cos criterios emanados da Consellería de Sanidade.

b) Definir as políticas de financiamento e orzamentos do Servizo Galego de Saúde de acordo cos criterios emanados da Consellería de Sanidade.

c) Emitir informe sobre o anteproxecto do orzamento do Servizo Galego de Saúde e elevalo á Consellería de Sanidade.

d) Definir as políticas de recursos humanos, os proxectos de carácter estratéxico e o cadro de mando de alta dirección do Servizo Galego de Saúde.

e) Elaborar todos aqueles informes, de materia da súa competencia, que lle sexan solicitados pola Consellería de Sanidade.

f) Definir o acordo de xestión anual entre os servizos centrais e as estruturas de xestión integrada.

g) Realizar o seguimento dos acordos de xestión.

h) Realizar as avaliacións periódicas e o seguimento dos obxectivos, programas e procesos pactados.

i) Cantas outras deriven da normativa vixente e lle sexan encomendadas pola persoa titular da Consellería.

Artigo 3. O Comité Executivo

1. O Comité Executivo do Servizo Galego de Saúde estará integrado polos seguintes membros:

a) A persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, que exercerá a presidencia.

b) ) A persoa titular da Xerencia do Servizo Galego de Saúde, que exercerá a vicepresidencia e a coordinación do Comité.

c) A persoa titular da Vicexerencia do Servizo Galego de Saúde.

d) As persoas titulares das direccións xerais do Servizo Galego de Saúde.

2. Corresponderalle a realización das tarefas de secretaría do Comité Executivo, con voz e voto, á persoa titular da Vicexerencia.

3. O Comité Executivo reunirase, como regra xeral, unha vez á semana e sempre que sexa convocado pola súa presidencia. Poderán asistir ás sesións do Comité, con voz pero sen voto, profesionais técnicos, representantes de organismos ou outras entidades ou os subdirectores do Servizo Galego de Saúde, cando a presidencia o considere oportuno, tendo en conta os asuntos que se vaian tratar.

4. Correspóndelle ao Comité Executivo:

a) Efectuar o seguimento e acordar actuacións nas políticas e estratexias do Servizo Galego de Saúde.

b) Realizar o seguimento e acordar actuacións nas políticas de investimentos e recursos humanos.

c) Definir as actuacións nas políticas de financiamento e orzamentos e realizar o seu seguimento.

d) Acordar as actuacións nos proxectos conforme as estratexias definidas e realizar o control e seguimento deles.

e) Efectuar o seguimento e acordar actuacións nos programas e procesos que se van desenvolver.

f) Realizar as reorientacións do cadro de mando sobre os resultados obtidos, se é o caso, e controlar o seu seguimento.

g) A resolución de incidencias no seu ámbito.

CAPÍTULO III
Órganos unipersonais

Artigo 4. A Presidencia do Servizo Galego de Saúde

A persoa titular da consellería con competencias en materia de sanidade, como autoridade superior, é a máxima responsable da consellería e preside o Servizo Galego de Saúde.

No exercicio da presidencia correspóndelle as seguintes funcións:

a) A representación legal do organismo.

b) A sinatura dos convenios en nome do organismo e actuar como órgano de contratación.

c) A aprobación dos plans de obras, instalacións e equipamentos centralizados do Servizo Galego de Saúde.

d) O exercicio da xefatura superior do persoal adscrito ao organismo.

e) A disposición dos gastos e a proposta da ordenación dos pagamentos do organismo.

Artigo 5. A Xerencia do Servizo Galego de Saúde

1. A Xerencia do Servizo Galego de Saúde, que terá a consideración de alto cargo e rango de secretaría xeral, é o órgano responsable dos servizos de asistencia sanitaria e ten, baixo a dependencia da persoa titular da consellería de adscrición, a dirección e control do Servizo Galego de Saúde.

Correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A dirección, avaliación e control de todas as actividades do organismo autónomo relacionadas coas funcións encomendadas a este polas disposicións legais que o rexen, sen prexuízo das facultades e competencias do Consello de Dirección e da Consellería de Sanidade.

b) A elevación ao Consello de Dirección do anteproxecto de orzamento do organismo.

c) A execución dos acordos do Consello de Dirección.

d) A xestión do patrimonio do organismo.

e) A xestión económica e do persoal do organismo.

f) A presentación ao Consello de Dirección da memoria anual de actividades do organismo.

g) A resolución dos conflitos de atribucións que xurdan entre as autoridades dependentes do organismo.

2. A persoa titular da Xerencia do Servizo Galego de Saúde poderá delegar nos directores xerais do Servizo Galego de Saúde, nos xerentes das estruturas de xestión integrada e noutros órganos centrais ou periféricos do organismo funcións relacionadas cos correspondentes ámbitos de actuación.

3. En caso de ausencia, enfermidade ou vacante, a persoa titular da Xerencia do Servizo Galego de Saúde será substituída polos directores xerais do Servizo Galego de Saúde segundo a orde de prelación establecida no artigo 1.3.1.2.

4. A Xerencia, para o exercicio das súas funcións, contará coa seguinte estrutura:

a) A Vicexerencia.

b) A Subdirección Xeral de Atención ao Cidadán e Calidade.

c) A Subdirección Xeral de Investigación, Docencia e Innovación.

6. Dependerá organicamente da Xerencia do Servizo Galego de Saúde, con nivel de subdirección xeral, a Asesoría Xurídica, que se rexerá polo disposto no Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, e contará co número de efectivos que se determine na correspondente relación de postos de traballo.

7. Están adscritas á Consellería de Sanidade, a través da Xerencia do Servizo Galego de Saúde, a Fundación Pública Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas) e Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios.

Artigo 6. A Vicexerencia

1. Á Vicexerencia, con nivel orgánico de subdirección xeral, correspóndelle, como órgano de apoio á persoa titular da Xerencia, o exercicio das seguintes funcións:

a) O apoio administrativo e de xestión no seguimento e coordinación de proxectos e accións entre as distintas unidades do Servizo Galego de Saúde e outros organismos e administracións públicas.

b) Prestar asistencia técnica e administrativa á Xerencia do Servizo Galego de Saúde en todos os asuntos que lle sexan encomendados.

c) A elaboración de estudos e propostas nas materias de estrutura, organización, deseño de procedementos administrativos, tanto nos servizos centrais como periféricos do Servizo Galego de Saúde e demais entidades adscritas.

d) A coordinación e xestión do cadro de mandos integral do Servizo Galego de Saúde.

e) Todas aquelas actividades e funcións que lle encomende a Xerencia do Servizo Galego de Saúde.

Artigo 7. A Subdirección Xeral de Atención ao Cidadán e Calidade

1. Á Subdirección Xeral de Atención ao Cidadán e Calidade correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) A garantía dos dereitos dos cidadáns, o fomento da participación, a xestión e avaliación da información procedente de e para os pacientes e cidadáns, asociacións de pacientes e cidadáns, comisións de área e foros de discusión cidadá, así como a xestión de queixas e reclamacións.

b) A proposta, promoción, dirección e avaliación, en todos os ámbitos, do desenvolvemento de sistemas para a implantación e mellora dos procesos que fomenten a calidade e seguridade dos pacientes e profesionais e favorezan a prevención e a diminución de riscos, a xestión da súa satisfacción, a incorporación de sistemas de xestión baseados en modelos de excelencia, asegurando a calidade a través da certificación e acreditación de centros e servizos.

c) A dirección da e-Escola Galega de Saúde para Cidadáns.

2. Desenvolverá as súas funcións traballando nas seguintes áreas:

a) Área de atención, formación e información ao cidadán.

b) Área de xestión da satisfacción e a participación.

c) Área de xestión de desenvolvemento de modelos e sistema de calidade.

d) Área de mellora continua.

3. Para o cumprimento das súas funcións contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

3.1. Servizo de Atención ao Cidadán e ao Paciente.

Correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) O establecemento de canles de participación e colaboración coas asociacións de pacientes e cidadáns, co Consello Asesor de Pacientes e co voluntariado.

b) A potenciación da mellora continua na organización que garanta a orientación ao paciente.

c) A dirección e a realización de procedementos relacionados cos dereitos dos pacientes, familiares e, en xeral, dos cidadáns.

d) A determinación das liñas formativas para o desenvolvemento do Plan de calidade e de atención ao cidadán.

e) A implementación dos procesos de desenvolvemento da e-Escola Galega de Saúde para Cidadáns.

f) A coordinación e o impulso de procedementos de mediación de conflitos entre pacientes e institucións sanitarias e a potenciación e coordinación da rede de cidadáns mediadores.

g) A clasificación e xestión de todas as reclamacións e suxestións dos pacientes, a súa monitorización e seguimento, así como a promoción da información e servizos tecnolóxicos orientados a mellorar a satisfacción dos pacientes.

h) A coordinación das unidades de atención e información ao paciente dos centros sanitarios e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

3.2. Servizo de Sistemas de Calidade e Mellora Continua.

Correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A definición do sistema de xestión da calidade para o Servizo Galego de Saúde.

b) O desenvolvemento, a coordinación e a avaliación da posta en marcha dos plans de calidade dos centros sanitarios.

c) A posta en marcha das normas de calidade e seguridade que aprobe a Consellería de Sanidade e demais autoridades competentes.

d) A implantación dos indicadores que permitan comparar a calidade e seguridade dos centros de forma sistematizada e articular un sistema de información integrada de indicadores de calidade e seguridade.

e) A implantación e a xestión dun sistema de avaliadores internos de sistemas de xestión da calidade.

f) Aquelas outras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

Artigo 8. A Subdirección Xeral de Investigación, Docencia e Innovación

1. Correspóndelle a esta subdirección a realización das seguintes funcións:

a) A planificación, promoción e avaliación das accións de formación sustentadas nas necesidades do Sistema público de saúde de Galicia, en coordinación coa Subdirección Xeral de Xestión de Persoal e Réxime Retributivo da Dirección Xeral de Recursos Humanos, así como a análise e a materialización da proposta do Plan anual de formación do persoal do Servizo Galego de Saúde e da Consellería de Sanidade.

b) A proposta de planificación e desenvolvemento de programas sobre prácticas e ensinanzas sanitarias especializadas, asumindo as competencias autonómicas establecidas no Real decreto 183/2008, do 8 de febreiro, polo que se determinan e clasifican as especialidades en ciencias da saúde e se desenvolven determinados aspectos do sistema de formación sanitaria especializada.

c) A planificación, promoción e avaliación das accións de investigación en relación cos problemas e necesidades de saúde da poboación da Comunidade Autónoma, a coordinación e fomento da investigación no sistema sanitario, así como a coordinación, control e avaliación das fundacións de investigación do sistema sanitario.

d) A elaboración da proposta dos criterios de planificación, das directrices de carácter xeral e do seguimento con respecto ás actividades de investigación e de docencia desenvolvidas pola Fegas, que se materializasen mediante a subscrición dos oportunos convenios de colaboración entre a Consellería de Sanidade, os organismos adscritos e a Fegas.

e) O desenvolvemento dun modelo de xestión da innovación aberta coa participación dos profesionais do Servizo Galego de Saúde e da Consellería de Sanidade onde converxan os usuarios, os centros xeradores de coñecemento (universidades e outros organismos públicos de investigación), as empresas biosanitarias e o Servizo Galego de Saúde.

f) A coordinación das actuacións realizadas en colaboración coa Axencia Galega de Innovación.

Para o cumprimento das súas funcións contará co apoio da Fegas e das fundacións para a investigación, desenvolvemento e innovación relacionadas co Sistema público de saúde de Galicia.

2. Para o cumprimento das súas funcións contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

2.1. Servizo de Docencia.

Correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) O fomento, defensa e promoción da importancia estratéxica da formación e a docencia de calidade no Sistema público de saúde de Galicia.

b) A coordinación e autorización da formación práctica dos alumnos de titulacións universitarias, tanto sanitarios coma non sanitarios, nos centros dependentes da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde.

c) A coordinación, o desenvolvemento e o exercicio das funcións e competencias autonómicas relacionadas coa formación sanitaria especializada, velando pola súa excelencia, así como a elaboración da oferta anual de prazas de formación sanitaria especializada, en colaboración con outras unidades, sobre a base dos estudos de necesidades estatal e autonómico.

d) A organización, avaliación e informe dos períodos de exercicio profesional en prácticas ou de formación complementaria establecidos no Real decreto 459/2010, do 16 de abril, para o recoñecemento para efectos profesionais de títulos de especialista obtidos en países extracomunitarios.

e) O recoñecemento para efectos profesionais dos títulos de formación profesional expedidos noutros estados da Unión Europea e a certificación dos títulos de formación profesional expedidos en España para exercer noutros países comunitarios.

f) A planificación, promoción e avaliación das accións de formación continuada sustentadas nas necesidades do Sistema público de saúde de Galicia, así como a materialización da proposta do Plan anual de formación continuada do persoal da Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde.

g) O apoio técnico e administrativo á Comisión Autonómica de Formación Continuada das Profesións Sanitarias, asumindo a Secretaría Técnica do Sistema Acreditador da Formación Continuada das Profesións Sanitarias, así como do Comité de Acreditación.

h) Aquelas outras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.2. Servizo de Investigación Sanitaria.

Correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A ordenación, promoción, coordinación, mellora e avaliación das actividades de investigación no Sistema público de saúde de Galicia.

b) O fomento, apoio e promoción da importancia estratéxica da investigación de calidade no Sistema sanitario público de Galicia.

c) O deseño da estratexia da investigación biosanitaria e a definición das liñas estratéxicas de investigación e procedementos de xestión da investigación en coordinación con resto dos axentes que xestionan a investigación no Sistema público de saúde de Galicia.

d) A coordinación cos centros e estruturas de xestión da investigación ao servizo do Sistema público de saúde de Galicia.

e) A coordinación, seguimento e avaliación dos investigadores con vinculación estable que desenvolven a súa actividade nos centros sanitarios.

f) A promoción, definición e desenvolvemento de programas de I+D+i biosanitaria, conxuntamente cos institutos de investigación sanitaria e coas fundacións para a investigación, desenvolvemento e innovación do Sistema público de saúde de Galicia.

g) O fomento e o apoio da participación dos investigadores e profesionais sanitarios con labores asistenciais en programas europeos e outros programas internacionais de investigación.

h) A procura da colaboración con axentes de investigación, valorización, universidades, empresas biotecnolóxicas, industria biosanitaria e farmacéutica.

i) A promoción e realización de accións de información, difusión, formación e capacitación en investigación biosanitaria.

j) A protección, valorización e transferencia de resultados de investigación como mecanismo para lograr o maior impacto posible do esforzo investigador na saúde das persoas.

k) Aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.3. Servizo de Innovación Sanitaria.

Correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A promoción da cultura da innovación dentro do Servizo Galego de Saúde.

b) O soporte administrativo e técnico da actividade innovadora do Servizo Galego de Saúde.

c) O desenvolvemento e coordinación dun modelo de xestión aberto e participativo de iniciativas innovadoras dentro do Servizo Galego de Saúde, así como favorecer a participación de profesionais sanitarios en proxectos de innovación sanitaria.

d) A promoción do acceso a consorcios nacionais, europeos e internacionais e a fondos que financien proxectos de innovación sanitaria.

e) A xestión dos resultados de iniciativas innovadoras en servizos e produtos, facilitando a súa implantación ou transferencia.

f) Aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

Artigo 9. A Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria

1. A Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria é o órgano responsable da coordinación asistencial das estruturas de xestión integrada e dos centros e servizos de financiamento público.

2. Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A definición de programas e obxectivos asistenciais das entidades, organismos, estruturas e centros sanitarios, no marco da planificación sanitaria elaborada pola Consellería de Sanidade e, especialmente, da Estratexia Sergas 2014 e do Plan de prioridades sanitarias.

b) A coordinación, control e avaliación das actividades asistenciais dos centros sanitarios.

c) O desenvolvemento da función de compra de servizos sanitarios e sociosanitarios, a determinación e avaliación de obxectivos de carácter asistencial que deben cumprir os centros a través das fórmulas que en cada momento se determinen e aqueloutras funcións relacionadas e necesarias para conseguir estes obxectivos.

d) O establecemento das directrices de carácter xeral e o seguimento das actividades asistenciais desenvolvidas polas estruturas de xestión integrada, organismos e centros do Sistema público de saúde de Galicia mediante a subscrición dos oportunos acordos de xestión.

e) A análise das necesidades de concertación de centros e servizos, así como a proposta de subscrición dos correspondentes concertos e o seu seguimento e control.

f) A promoción da integración e a coordinación de todos os dispositivos e recursos, fomentando as actuacións multidisciplinares dos diferentes ámbitos ou niveis, para garantir a continuidade asistencial.

g) O impulso da efectividade e da eficiencia nos procesos asistenciais.

h) A actualización e a transformación organizativa e funcional dos centros e estruturas de xestión integrada para mellorar os niveis de efectividade, calidade, seguridade e eficiencia.

3. Para o cumprimento das súas funcións, conta coa seguinte estrutura:

a) A Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial.

b) A Subdirección Xeral de Avaliación Asistencial e Garantías.

c) A Subdirección Xeral de Ordenación Asistencial e Innovación Organizativa.

d) A Subdirección Xeral de Farmacia.

4. Adscríbese á Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde a Oficina de Coordinación de Transplantes, coas funcións previstas na Orde do 8 de xuño de 1992, a Comisión Galega de Bioética, a Comisión Galega de Coidados Paliativos e a Comisión Galega de Estratexia contra a Dor.

5. Están adscritas á Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, a Fundación Pública de Urxencias Sanitarias-061, a Fundación Pública Centro de Transfusión de Galicia, a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e a Fundación Pública Instituto Galego de Oftalmoloxía-INGO.

6. A Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria será a responsable de coordinar a implantación da Estratexia galega de atención á cronicidade e a Estratexia galega contra o cancro.

Artigo 10. A Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial

1. É o órgano responsable de impulsar os programas e actuacións sanitarias e sociosanitarias, de fomentar a xestión por procesos e de desenvolver a función de compra, tanto con centros propios como con centros concertados, de acordo cos criterios xerais establecidos pola autoridade sanitaria.

Así mesmo, é responsable de coordinar a elaboración dos obxectivos asistenciais dos acordos de xestión e de coordinar a xestión da rede de centros asistenciais de drogodependencias, asumindo as funcións que se lle asignan ao comisionado do Plan de Galicia sobre drogas no Decreto 254/1997, do 10 de setembro.

Correspóndelle impulsar a cooperación e a coordinación efectiva cos órganos ou unidades da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competentes en materia de servizos sociais para fomentar o desenvolvemento e integración das prestacións sociosanitarias.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

2.1. Servizo de Procesos e Programas Asistenciais.

Correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) O desenvolvemento de procesos e actuacións asistenciais integradas que, con carácter xeral, se centrarán para a súa implantación e seguimento na utilización da historia clínica electrónica.

b) A elaboración e seguimento dos obxectivos asistenciais que se desenvolverán nos centros e estruturas de xestión integrada.

c) A elaboración, coordinación e seguimento dos programas asistenciais que deriven das diferentes estratexias e, en xeral, aqueloutras que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.2. Servizo de Concertos.

Correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A elaboración e información das propostas de concertos de asistencia sanitaria, contratos de servizos asistenciais e de transporte sanitario, así como as cláusulas anuais, realizando o seu seguimento e coordinando as propostas cos centros e estruturas de xestión integrada.

b) A coordinación e seguimento da prestación ortoprotésica.

c) A resolución dos reintegros de gastos da asistencia sanitaria con medios alleos que lle corresponda ás estruturas de xestión integrada e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.3. Servizo de Saúde Mental e Asistencia a Drogodependencias.

Correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A coordinación do programa de saúde mental.

b) O establecemento dos obxectivos e indicadores no ámbito da saúde mental necesarios para lograr a total integración asistencial e a efectiva continuidade de coidados, así como a avaliación destes.

c) A coordinación e xestión da rede de centros asistenciais de drogodependencias e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.4. Servizo de Xestión Sociosanitaria.

Correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A coordinación, seguimento e reordenación, se for o caso, dos recursos sociosanitarios existentes nas estruturas de xestión integrada.

b) O desenvolvemento de programas e protocolos de derivación entre as diferentes unidades asistenciais e a coordinación das prestacións sociosanitarias dependentes doutras institucións e administracións públicas, e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

Artigo 11. A Subdirección Xeral de Avaliación Asistencial e Garantías

1. É o órgano responsable de analizar e avaliar a información sanitaria procedente dos indicadores de actividade dos centros sanitarios e estruturas de xestión integrada; avaliar os obxectivos e acordos de xestión cos centros sanitarios do Servizo Galego de Saúde; e promover o establecemento e uso de ferramentas para impulsar a implantación de boas prácticas para a mellora continua da efectividade e eficiencia asistenciais.

Así mesmo, responsabilizarase de velar polo cumprimento efectivo dos dereitos, deberes e garantías sanitarias, especialmente no que respecta aos tempos de resposta.

Adscríbese á Subdirección Xeral de Avaliación Asistencial e Garantías a Comisión Central de Documentación Clínica para IANUS.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións, contará con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

2.1. Servizo de Análise e Avaliación Asistencial.

Correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A análise das necesidades de información no ámbito clínico asistencial en coordinación coa Subdirección de Sistemas e Tecnoloxías da Información da Consellería de Sanidade.

b) A definición de indicadores aliñados coa estratexia e os obxectivos establecidos pola organización asistencial; a coordinación do deseño e desenvolvemento da documentación clínica electrónica, así como a avaliación dos obxectivos e contratos cos centros e estruturas de xestión integrada.

c) A elaboración, seguimento e actualización das estratexias e indicadores orientados a garantir os dereitos dos cidadáns e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito de actuación, lle sexan asignadas.

2.2. Servizo de Codificación Clínica e Análise.

Correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A clasificación, catalogación e codificación no ámbito clínico asistencial e a coordinación técnica das unidades e comisións de codificación.

b) A implantación de sistemas de medida baseados na casuística dos pacientes e produción dos servizos sanitarios; a análise e seguimento dos resultados en saúde dos procesos clínico-asistenciais e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.3. Servizo de Normalización e Integración da Información.

Correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) O establecemento de medidas que aseguren unha información de calidade, comparable e imparcial e a normalización dos procesos asociados á xestión da información asistencial.

b) A integración da información relacionada cos procesos asistenciais e a súa accesibilidade, e a organización e interrelación da información asistencial.

c) O desenvolvemento de instrumentos que favorezan a integración e a xestión por procesos e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

Artigo 12. A Subdirección Xeral de Ordenación Asistencial e Innovación Organizativa

1. É o órgano responsable de desenvolver as referencias asistenciais a nivel de centro, especialidade e procedemento; da validación dos plans directores e plans funcionais dos centros sanitarios, e de facer o seguimento da implantación de novos recursos, procedementos, técnicas e outros medios sanitarios.

Correspóndelle o impulso de todas as estratexias, instrumentos, iniciativas e dispositivos innovadores destinados a mellorar a efectividade e a eficiencia da atención sanitaria, así como a constitución dunha auténtica organización sanitaria integrada e en rede.

Así mesmo, é responsable da promoción, impulso, homoxeneización e seguimento da xestión clínica como motor da innovación e o redeseño organizativo como ferramenta de implicación dos profesionais na xestión dos recursos.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

2.1. Servizo de Ordenación Asistencial e Programación de Recursos.

Correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A coordinación das referencias asistenciais entre os distintos centros e estruturas de xestión integrada do Servizo Galego de Saúde.

b) A participación na elaboración das propostas de modificacións estruturais nos centros sanitarios e o seu correspondente informe.

c) O establecemento, seguimento e mantemento do catálogo de procedementos e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.2. Servizo de Integración Asistencial.

Correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A coordinación e integración dos procesos e actuacións sanitarias e non sanitarias que garantan a continuidade asistencial do paciente.

b) A coordinación e a integración nos procesos dos programas, actividades e outros procedementos operativos, así como a integración efectiva nos procesos de criterios de calidade.

c) O impulso das competencias avanzadas dos profesionais sanitarios, especialmente no ámbito da atención ás persoas con enfermidades crónicas.

d) A potenciación das mellores prácticas na integración interniveis dentro das estruturas asistenciais e, en xeral, aqueloutras que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.3. Servizo de Innovación Organizativa.

Correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) O impulso á implantación da xestión clínica nos centros e estruturas de xestión integrada do Servizo Galego de Saúde.

b) O desenvolvemento dunha solución integral para a implementación e soporte da atención non presencial, a telemedicina, a telemonitorización e a interacción entre profesionais no ámbito asistencial.

c) A coordinación das iniciativas de materialización das solucións xurdidas no contexto dos proxectos promovidos pola Plataforma de innovación sanitaria e os programas de Innovación H2050 e Innova Saúde, orientándoas a dar resposta ás necesidades asistenciais, e, en xeral, aqueloutras que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

Artigo 13. A Subdirección Xeral de Farmacia

1. É o órgano encargado da execución da lexislación sobre produtos farmacéuticos así como do desenvolvemento e da coordinación da política autonómica en relación coa prestación farmacéutica, nos termos da Lei 29/2006, do 26 de xullo, de garantías e uso racional dos medicamentos e produtos sanitarios, e con base no establecido nos plans estratéxicos de política farmacéutica vixentes para o Sistema nacional de saúde.

2. Correspóndelle igualmente a formulación ao órgano competente da Consellería de Sanidade das propostas de creación de servizos de farmacia e depósitos de medicamentos, así como as propostas de inspección de actividades en materia de farmacia; o desenvolvemento de programas orientados á racionalización e calidade do emprego dos recursos farmacoterapéuticos nos servizos sanitarios e na prestación sociosanitaria, con criterios de efectividade, seguridade, equidade e custo, así como de impulsar programas de formación e información a profesionais e cidadáns, nos termos previstos na Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia; a formulación das propostas normativas en materia de prestación farmacéutica e de produtos dietéticos, así como o desenvolvemento e seguimento da prestación farmacéutica, a análise do consumo de recursos farmacoterapéuticos no Sistema público de saúde de Galicia e nos centros de atención residencial conveniados, as correspondentes avaliacións e seguimento orzamentario e o desenvolvemento de estratexias de control do gasto farmacéutico, en coordinación con outros órganos do Servizo Galego de Saúde.

3. Adscríbense á Subdirección Xeral de Farmacia a Comisión Autonómica Central de Farmacia e Terapéutica, a Comisión autonómica central para o seguimento do concerto para a prestación farmacéutica coas oficinas de farmacia, os comités asesores da utilización terapéutica da hormona do crecemento, da esclerose múltiple, do tratamento de pacientes con déficit de alfa-1-antitripsina e cantas comisións se decidan crear referentes a medicamentos destinados a patoloxías concretas.

Así mesmo, quedan adscritos tamén á Subdirección Xeral de Farmacia o Centro de Información Farmacoterapéutica, a Unidade de Apoio á Prescrición e o Centro de Farmacovixilancia de Galicia.

4. Para o desenvolvemento das súas funcións, contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

3.1. Servizo de Xestión da Prestación Farmacéutica.

Correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A xestión, coordinación e avaliación da prestación farmacéutica e os produtos dietéticos no Sistema público de saúde de Galicia e nos centros de atención residencial conveniados, así como do concerto de prestación farmacéutica coas oficinas de farmacia.

b) A análise e o seguimento do gasto farmacéutico e a elaboración da proposta de orzamento destinado á cobertura farmacoterapéutica dos usuarios do Servizo Galego de Saúde nas estruturas de xestión integrada; o deseño, desenvolvemento e xestión dos sistemas de información da prestación e consumo farmacéutico, o seu mantemento e actualización e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

3.2. Servizo de Uso Racional do Medicamento e Atención Farmacéutica.

Correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A planificación, desenvolvemento, coordinación e avaliación de programas e medidas dirixidas ao uso racional de medicamentos e produtos sanitarios, así como a xestión e coordinación da homologación sanitaria e da atención farmacéutica nas estruturas de xestión integrada.

b) A coordinación dos comités e comisións de farmacia e terapéutica adscritas a nivel central e ás estruturas de xestión integrada, co fin de establecer protocolos e guías terapéuticas acordadas con base en principios de eficiencia e equidade.

c) A coordinación do Centro de Información Farmacoterapéutica para a avaliación de novos medicamentos e a formación e información aos profesionais sanitarios, así como a coordinación da unidade de apoio á prescrición como axuda ao profesional para facilitar as mellores prácticas de prescrición e bo uso dos medicamentos e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

3.3. Servizo de Calidade e Seguridade de Medicamentos e Produtos Sanitarios.

Correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A coordinación do Centro de Farmacovixilancia e da vixilancia de produtos sanitarios para desenvolver e impulsar programas dirixidos á prevención e detección de riscos relacionados coa utilización de produtos farmacéuticos. Tamén lle corresponde a xestión da Rede galega de alerta sobre riscos relacionados cos medicamentos e produtos sanitarios de uso humano, así como dos defectos de calidade detectados neles.

b) A proposta de accións inspectoras relacionadas co cumprimento de normas, boas prácticas e control de calidade de medicamentos e produtos sanitarios, e en materia de publicidade e promoción deles e en materia de control de falsificacións e medicamentos ilegais.

c) A implantación de medidas destinadas a garantir e controlar o abastecemento e a rastrexabilidade de medicamentos e produtos sanitarios e o establecemento das condicións de acceso e utilización deles conforme a normativa vixente e, en xeral, aqueloutras que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

Artigo 14. A Dirección Xeral de Recursos Económicos

1. A Dirección Xeral de Recursos Económicos é o órgano encargado, con carácter xeral, da dirección económica e financeira e da planificación, execución e control dos programas de investimentos de obras, instalacións, servizos e subministracións, e da coordinación da xestión económico-administrativa, de compras, loxística e de servizos xerais dos centros do Servizo Galego de Saúde.

2. Para iso correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) A elaboración e redacción do anteproxecto de orzamento do Servizo Galego de Saúde; o establecemento das bases e directrices da súa xestión económica, así como levar a cabo as actuacións de control e avaliación da xestión económica e orzamentaria dos seus centros de gasto; a tramitación das modificacións orzamentarias e daqueles expedientes de gasto do organismo que non fosen obxecto de delegación noutros órganos; os actos de execución da xestión do patrimonio do organismo; a planificación, execución e control dos programas de investimentos relativos a obras, instalacións e equipamentos dos centros asistenciais en coordinación coa Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria; a xestión contractual e económico-administrativa da actividade desenvolvida polos órganos centrais do Servizo Galego de Saúde e da asistencia sanitaria prestada con medios alleos; a coordinación dos servizos económico-administrativos, de contratación, de aprovisionamento, hoteleiros, de mantemento técnico e loxística en xeral dos centros do organismo; a declaración de uniformidade dos bens e servizos de adquisición centralizada do organismo e a coordinación e potenciación dos sistemas de información económica.

3. Para o cumprimento das súas funcións, a Dirección Xeral de Recursos Económicos contará coa seguinte estrutura:

a) A Subdirección Xeral de Orzamentos.

b) A Subdirección Xeral de Compras e Servizos.

c) A Subdirección Xeral de Investimentos.

Artigo 15. A Subdirección Xeral de Orzamentos.

1. Correspóndelle, con carácter xeral, a preparación do anteproxecto de orzamento do Servizo Galego de Saúde, a execución e o seguimento da xestión orzamentaria, a xestión económico-administrativa dos servizos centrais, a coordinación e o impulso dos sistemas de información económica e o asesoramento nas devanditas materias aos órganos directivos do Servizo Galego de Saúde.

2. Contará con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

2.1. Servizo de Orzamentos.

Correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A realización dos traballos preparatorios para a confección do anteproxecto de orzamento do organismo e a tramitación das modificacións orzamentarias do orzamento de ingresos e gastos do organismo e das modificacións de límites de anualidades futuras.

b) A proposta das instrucións necesarias para que os centros de gasto realicen a execución orzamentaria acorde coa normativa vixente, así como o seguimento orzamentario dos mencionados centros de gasto.

c) A tramitación de xustificacións de emprego de ingresos procedentes de organismos alleos á Comunidade Autónoma.

d) A tramitación de expedientes dos centros de gasto do Servizo Galego de Saúde ante órganos centrais da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia dentro da súa área de responsabilidade; a tramitación dos expedientes de gastos plurianuais que superen os límites previstos na normativa de réxime económico-financeiro; a contabilización de operacións contables dos servizos centrais do organismo, excepto as correspondentes a gastos de persoal e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.2. Servizo de Avaliación Económica e Contabilidade Analítica.

Correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A análise da execución orzamentaria dos centros de gasto do organismo e a coordinación do control de xestión, así como a auditoría e avaliación de obxectivos e indicadores da execución orzamentaria dos contratos de servizos sanitarios cos centros do Servizo Galego de Saúde.

b) O impulso e a coordinación da contabilidade analítica dos centros dependentes do Servizo Galego de Saúde e a realización de estudos e propostas de alternativas dirixidas a mellorar a eficacia e o control do gasto.

c) O apoio ao funcionamento da Comisión Técnica de Avaliación Económica do Servizo Galego de Saúde; o impulso e desenvolvemento dos sistemas de información económica en todos os centros do Servizo Galego de Saúde; a coordinación da información económico-financeira con outras administracións públicas e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.3. Servizo de Xestión de Concertos e Recursos Propios.

Correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A tramitación económico-administrativa dos expedientes de contratación da asistencia sanitaria prestada con medios propios ou alleos; a análise e o estudo, na súa vertente económico-administrativa, da normativa relativa á materia de concertos de asistencia sanitaria.

b) A tramitación económico-administrativa dos contratos programa con entidades públicas con personalidade xurídica propia.

c) A coordinación da xestión e recadación de taxas, prezos públicos e outros ingresos, sen prexuízo das competencias da Consellería de Facenda e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.4. Servizo de Xestión Económica.

Correspóndelle a realización das seguintes funcións, sen prexuízo das atribuídas a outras unidades:

a) A tramitación económico-administrativa dos expedientes de gasto e proposta de pagamentos realizados polos centros de gasto dos servizos centrais; a habilitación de gastos dos servizos centrais e a coordinación das habilitacións periféricas e a xestión económico-administrativa dos créditos de gasto de bens correntes e servizos dos servizos centrais.

b) A elaboración das instrucións para unha correcta xestión económica e o seguimento e control da súa execución polos centros de gasto dos servizos centrais e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

Artigo 16. A Subdirección Xeral de Compras e Servizos

1. Correspóndelle, con carácter xeral, a tramitación dos expedientes de contratación en que actúe como órgano de contratación a Dirección Xeral de Recursos Económicos e a coordinación das actuacións xerais do organismo na xestión da contratación, do aprovisionamento, hoteleira, do mantemento técnico e loxística en xeral dos centros do organismo e o asesoramento en devanditas materias aos órganos directivos do Servizo Galego de Saúde.

2. Contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

2.1. Servizo de Contratación.

Correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A tramitación dos expedientes de contratación dos servizos centrais do organismo e os de contratación centralizada para os centros de gasto, excepto os referentes a obras, proxectos, dirección e control de calidade destas e de asistencia sanitaria e a coordinación dos informes e a tramitación dos expedientes de contratación que autorizarán os órganos centrais do Servizo Galego de Saúde ou o Consello da Xunta de Galicia, dentro da súa área de responsabilidade.

b) O apoio administrativo da Comisión Técnica de Contratación do Servizo Galego de Saúde.

c) A coordinación, elaboración de instrucións e fixación de criterios para a homoxeneización dos procedementos de contratación do Servizo Galego de Saúde e o control e seguimento destes en todas as unidades de contratación de servizos centrais e centros do organismo.

d) O impulso e desenvolvemento de ferramentas de xestión na área de contratación para o seu uso xeral e compartido por todos os centros do Servizo Galego de Saúde, así como impulsar os procedementos administrativos necesarios en materia de contratación para a mellora na eficiencia e eficacia das adquisicións centralizadas e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.2. Servizo de aprovisionamento.

Correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A coordinación da xestión de aprovisionamentos dos centros, servizos e establecementos sanitarios públicos do Servizo Galego de Saúde ou adscritos a este e servir de apoio administrativo da Comisión Técnica de Aprovisionamento do organismo.

b) A coordinación dos procedementos de compras agregadas dos centros do Servizo Galego de Saúde, propoñendo e preparando os informes e pregos de especificacións técnicas que permitan a adquisición centralizada de produtos para estes, así como a elaboración, implantación e mantemento dun catálogo, con codificación única para a xestión do aprovisionamento nos centros dependentes.

c) A proposta, logo de elaboración das comisións técnicas, das oportunas instrucións sobre homologación de produtos de uso xeral, estea centralizada ou non a súa adquisición, así como dos provedores; facer o seguimento das compras, consumos e existencias, custos e calidade dos produtos dos centros do Servizo Galego de Saúde; realizar de forma sistemática estudos de mercado e comparativos de produtos, prezos e provedores, cuxos resultados serán dados a coñecer en todo o ámbito do organismo; impulsar os sistemas de información no ámbito das compras centralizadas e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.3. Servizo de Coordinación de Servizos Xerais.

Correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A coordinación da xestión dos servizos de mantemento, hoteleiros e loxísticos, en xeral, dos centros, servizos e establecementos sanitarios públicos do Servizo Galego de Saúde ou adscritos a este.

b) O impulso e desenvolvemento de ferramentas de xestión na área de servizos xerais para o seu uso xeral e compartido por todos os centros; a coordinación dos procedementos de compras agregadas dos centros do Servizo Galego de Saúde, propoñendo e preparando os informes e pregos de especificacións técnicas que poidan permitir a adquisición centralizada de servizos xerais para os centros do Servizo Galego de Saúde.

c) A realización de estudos de mercado e comparativos de servizos, prezos e provedores, para o seu traslado aos centros do Servizo Galego de Saúde; facendo o seguimento das compras, custos e calidade dos servizos xerais dos centros.

d) A colaboración e coordinación co Servizo de Montaxe e Equipamento.

e) O impulso de solucións centralizadas no ámbito loxístico, hoteleiro e doutros servizos, como resposta a unha mellora na calidade e na eficiencia dos diferentes servizos e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

Artigo 17. A Subdirección Xeral de Investimentos

1. Correspóndenlle, con carácter xeral, a dirección, coordinación e execución dos programas de investimentos aprobados, referidos a obras, instalacións e equipamento de centros asistenciais e administrativos do Servizo Galego de Saúde, a tramitación da contratación de obras, a coordinación das actuacións en materia de xestión patrimonial do organismo e o asesoramento nas devanditas materias aos órganos directivos do Servizo Galego de Saúde.

2. Contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Obras e Supervisión de Proxectos.

Correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) O seguimento, execución e control dos programas de investimentos do Servizo Galego de Saúde en materia de obras e instalacións dos seus centros asistenciais e administrativos.

b) O desenvolvemento das funcións que lle corresponden á oficina de supervisión de proxectos conforme a lexislación sobre contratos das administracións públicas no ámbito do Servizo Galego de Saúde, así como calquera outra que lle poida ser encomendada por disposicións propias do organismo; a proposta e preparación dos informes e pregos de especificacións técnicas de contratación de obras e instalacións, así como os informes de planificación e redacción de proxectos previos.

c) A elaboración de informes, memorias, orzamentos e proxectos en materia da súa competencia, así como o seu seguimento ou dirección.

d) A coordinación e supervisión dos proxectos e obras que por calquera motivo se realicen por medio de entidades externas ao Servizo Galego de Saúde que teñan implicacións nas instalacións de centros asistenciais e administrativos do organismo e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.2. Servizo de Montaxe e Equipamento.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) O seguimento, execución, control e coordinación dos plans de montaxe de equipamento dos centros asistenciais e administrativos do Servizo Galego de Saúde, así como a proposta e preparación dos informes e pregos de especificacións técnicas de contratación de equipamento para os centros asistenciais e administrativos do Servizo Galego de Saúde.

b) A coordinación de procesos e transmisión da documentación para a posta en funcionamento dos centros asistenciais e administrativos do Servizo Galego de Saúde.

c) A colaboración e impulso dos contratos de equipamento electromédico e de alta tecnoloxía.

d) A elaboración de informes, memorias, orzamentos e proxectos en materia da súa competencia; a coordinación da xestión dos programas de investimento en que participen entidades externas ao Servizo Galego de Saúde en materia de adquisición de equipamento.

e) A colaboración e coordinación co Servizo de Coordinación de Servizos Xerais e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.3. Servizo de Xestión.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A elaboración e tramitación de expedientes para a contratación de obras e de proxectos, dirección facultativa e control de calidade destas.

b) A tramitación dos expedientes de contratación que autorizarán os órganos centrais do Servizo Galego de Saúde ou o Consello da Xunta de Galicia, dentro da súa área de responsabilidade, así como o control administrativo da execución dos respectivos expedientes.

c) A elaboración de informes, memorias, orzamentos e proxectos en materia da súa competencia, así como o seu seguimento ou dirección e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.4. Servizo de Patrimonio.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A xestión do patrimonio do Servizo Galego de Saúde, así como a xestión do inventario de bens e dereitos do organismo.

b) A xestión de expedientes de índole patrimonial que afecten a Consellería de Sanidade e, en xeral, a coordinación coa Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda, e aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

Artigo 18. A Dirección Xeral de Recursos Humanos

1. A Dirección Xeral de Recursos Humanos é o órgano encargado de deseñar e executar a política de persoal do organismo, así como a xestión de todos os colectivos que se integran nel e na Consellería de Sanidade, sen prexuízo das competencias que teñan atribuídas outros órganos da Consellería de Facenda en relación cos funcionarios públicos regulados no Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aprobou o texto refundido da Lei de función pública, e o persoal suxeito ao convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia.

2. Para iso correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A proposta, tramitación e ordenación de gastos e pagamentos referentes ás retribucións do persoal de centros de gasto do organismo que non posúan esta atribución, así como a aprobación dos expedientes de modificación do persoal dos centros sanitarios, de conformidade co previsto para os efectos pola Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

b) A colaboración na redacción do plan anual de formación do persoal do organismo autónomo, así como na elaboración da proposta do plan de formación do persoal de xestión e servizos.

c) As funcións de impulso, participación cos órganos de representación de persoal e coordinación en materia de prevención de riscos laborais do persoal das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde.

d) De acordo co establecido na Lei 55/2003, do 16 decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, correspóndelle a elaboración e modificación, se é o caso, dos plans de ordenación de recursos humanos do Servizo Galego de Saúde e a súa elevación ao Consello de Dirección para a súa aprobación, sen prexuízo do disposto no artigo 113.4 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e a participación nas mesas sectoriais de negociación e a elaboración e tramitación de proxectos de pactos e acordos.

f) A elaboración, desenvolvemento, dirección, xestión e seguimento do expediente profesional electrónico dos profesionais do Sistema público de saúde de Galicia.

g) Calquera outra que lle poida corresponder de acordo coa normativa vixente.

3. A Dirección Xeral de Recursos Humanos, para o cumprimento das súas funcións, conta coa seguinte estrutura:

a) Subdirección Xeral de Selección e Políticas de Persoal.

b) Subdirección Xeral de Xestión de Persoal e Réxime Retributivo.

c) Subdirección Xeral de Relacións Laborais e Réxime Xurídico.

Artigo 19. Subdirección Xeral de Selección e Políticas de Persoal

1. É competencia desta subdirección xestionar os procesos de selección e provisión do persoal estatutario e do persoal sanitario funcionario incluído no ámbito de aplicación da Lei 17/1989, do 23 de outubro, así como estudar as necesidades de formación para propor plans específicos e establecer o desenvolvemento profesional do persoal. Así mesmo, exercerá as competencias en materia de expediente persoal electrónico dos profesionais do Sistema público de saúde de Galicia.

2. Para o cumprimento de tales funcións contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

2.1. Servizo de Selección Fixa e Provisión.

Correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A preparación e execución das ofertas de emprego público do persoal do organismo, en especial do persoal estatutario e do persoal sanitario funcionario incluído no ámbito de aplicación da Lei 17/1989, do 23 de outubro.

b) A execución dos distintos sistemas de provisión de postos de traballo para o persoal estatutario dependente do organismo e para o persoal sanitario funcionario incluído no ámbito de aplicación da Lei 17/1989, do 23 de outubro.

c) O asesoramento, estudo e elaboración de informes e propostas nas ditas materias e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.2. Servizo de Selección Temporal.

Correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A preparación e execución dos procesos de selección de persoal estatutario temporal e, de ser o caso, do persoal funcionario da Lei 17/1989, dependente do organismo ou Consellería de Sanidade, en aplicación das normas que regulen a dita cobertura.

b) A preparación e execución dos procesos de promoción profesional temporal do persoal estatutario fixo.

c) O asesoramento, estudo e elaboración de informes e propostas nas ditas materias e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.3. Servizo de Xestión e Coordinación do Expediente Profesional Electrónico.

Correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A elaboración, desenvolvemento, xestión e seguimento do expediente persoal electrónico dos profesionais do Sistema público de saúde de Galicia, a través do sistema de información corporativo Expediente-e.

b) A coordinación das unidades administrativas, centrais e periféricas de xestión do expediente persoal electrónico e das unidades da Dirección Xeral de Recursos Humanos competentes nos procesos con soporte en tal sistema de información, así como o asesoramento na materia aos órganos directivos do Servizo Galego de Saúde, da Consellería de Sanidade e institucións sanitarias do Sistema público de saúde de Galicia.

c) A elaboración das instrucións, manuais e guías de actuación en materia do expediente electrónico persoal, a programación de accións formativas e demais accións que faciliten o debido coñecemento e o seu acceso aos usuarios e profesionais; o establecemento de propostas de mellora e optimización da xestión e desenvolvemento do sistema e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.4. Servizo de Desenvolvemento Profesional.

Correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A determinación dos diferentes niveis de desenvolvemento profesional e avaliación das categorías e competencias existentes na organización, co fin de adaptalas ás necesidades e obxectivos do servizo público; a análise das necesidades de formación, elaboración de plans e programas de formación continua encamiñados á mellora de desenvolvemento das competencias profesionais para potenciar e impulsar a calidade dos servizos e a avaliación do desempeño; análise dos sistemas de promoción profesional e elaboración das propostas para o seu desenvolvemento e posta en práctica.

b) Deseño dos sistemas de recoñecemento do desenvolvemento profesional do persoal e valoración da súa incidencia no sistema de carreira profesional; negociación dos aspectos de carreira profesional que teñan repercusión nas condicións de traballo do persoal e nos sistemas de recoñecemento; ordenación e xestión dos procedementos de recoñecemento profesional e elaboración das propostas de resolución das solicitudes que presenten os profesionais e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

Artigo 20. Subdirección Xeral de Xestión de Persoal e Réxime Retributivo

1. É competencia desta subdirección analizar e determinar as necesidades de persoal e planificar os procesos de selección e provisión.

Correspóndelle, así mesmo, o desenvolvemento de todas as accións relativas ao persoal do Servizo Galego de Saúde, tanto do réxime estatutario como do funcionario e laboral, así como do persoal incluído no ámbito de aplicación do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 marzo, polo que se aprobou o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, e da Lei 17/1989, do 23 de outubro, e do persoal laboral suxeito ao convenio colectivo único da Xunta de Galicia que preste servizos tanto no Servizo Galego de Saúde como na Consellería de Sanidade. Así mesmo, correspóndenlle as competencias en materia de réxime retributivo e sistemas de información, e a análise e elaboración de propostas con relación á xestión económica e orzamentaria do persoal.

2. Para o cumprimento de tales funcións contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

2.1. Servizo de Planificación.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A análise das necesidades de persoal do Servizo Galego de Saúde a curto, medio e longo prazo, e a planificación dos procesos de selección e provisión.

b) A dirección dos estudos relacionados coas anteditas materias en colaboración cos órganos que teñan atribuídas as competencias en materia de planificación xeral e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.2. Servizo de Xestión de Persoal.

Correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) En relación co persoal estatutario do organismo, o desenvolvemento da súa xestión, sen prexuízo das atribucións que lles corresponden a outros órganos e unidades; o estudo, preparación e execución dos procesos de integración no réxime estatutario; o seguimento, control e, se é o caso, o informe ou proposta de declaración das situacións administrativas; a autorización dos permisos en que teña atribuída a competencia a Dirección Xeral de Recursos Humanos; a proposta de desenvolvemento normativo e de criterios básicos e comúns para a coordinación e homologación do persoal estatutario.

b) O desenvolvemento da xestión de todo o persoal funcionario incluído no ámbito de aplicación da Lei 4/1988, do 26 de maio, Lei 17/1989, do 23 de outubro, e do persoal laboral suxeito ao convenio colectivo único da Xunta de Galicia; a confección das relacións de postos de traballo, o mantemento e actualización do rexistro deste tipo de persoal e a organización, custodia e arquivamento dos seus expedientes.

c) A cobertura de postos directivos dos centros dependentes do organismo, así como a tramitación das situacións administrativas que teñan asociadas e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.3. Servizo de Réxime Retributivo e Sistemas de Información.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A proposta e desenvolvemento normativo en materia de réxime retributivo de persoal do organismo; o orzamento e a execución da política de acción social; a coordinación da aplicación homoxénea e uniforme das políticas retributivas e de vinculacións nos centros do Servizo Galego de Saúde; a proposta de implantación de aplicacións informáticas en materia de recursos humanos, así como o establecemento dos criterios funcionais da súa aplicación.

b) A xestión e tramitación da nómina do persoal adscrito aos servizos centrais do organismo e da Consellería de Sanidade; o cumprimento das obrigas en materia de seguridade social e dereitos pasivos.

c) A elaboración do cadro de mandos da Dirección Xeral de Recursos Humanos e o deseño e coordinación dos sistemas de información e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.4. Servizo de Avaliación Económica, Dotación de Cadros de Persoal e Seguimento e Control Orzamentario.

Correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A xestión dos sistemas de información do cadro de persoal do organismo, o seu seguimento e control, en coordinación cos centros asistenciais; o informe e tramitación das propostas de modificación do cadro de persoal; a execución das competencias da Dirección Xeral de Recursos Humanos en materia de autorización de vinculacións nos centros do Servizo Galego de Saúde, así como o seu seguimento e control; as propostas de resolución de concesión das comisións de servizo entre institucións do Servizo Galego de Saúde, a adscrición do persoal dos servizos centrais e a autorización para prestar servizos noutras entidades ou organismos das administracións públicas; a confección dos estudos previos á elaboración da proposta do anteproxecto de orzamentos do capítulo I do Servizo Galego de Saúde e propostas de modificación dos créditos.

b) Estudo, seguimento e control da execución do estado de gastos e asesoramento en materia orzamentaria do capítulo I dos centros e institucións do organismo ou que lle sexan adscritos; elaboración das instrucións relativas á execución, seguimento e control do orzamento relativas aos custos de persoal que, se é o caso, procedan e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

Artigo 21. Subdirección Xeral de Relacións Laborais e Réxime Xurídico

1. É competencia desta subdirección levar a cabo a negociación nos termos da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, e da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, e servir de canle cos axentes sociais e institucións doutros servizos de saúde ou institucións relacionadas por razón de competencias en materia de recursos humanos. Así mesmo, correspóndelle o impulso da política de prevención de riscos e coordinación na materia de prevención de riscos laborais, así como a elaboración dos anteproxectos normativos e o asesoramento técnico-xurídico en materia de recursos humanos, a elaboración das propostas de resolución de recursos administrativos e reclamacións previas en materia de persoal e a preparación e tramitación dos expedientes xudiciais.

2. Para o cumprimento das súas funcións contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

2.1. Servizo de Relacións Laborais.

Correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A execución e deseño das relacións laborais coas organizacións sindicais e órganos de representación do persoal, e o seguimento e control dos seus dereitos; a canalización e o informe das relacións individualizadas co persoal dependente do Servizo Galego de Saúde, sen prexuízo das funcións atribuídas a outros órganos.

b) A elaboración e proposta das liñas de actuación na negociación colectiva, participación no seu desenvolvemento e control e seguimento dos acordos derivados dela e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.2. Servizo Central de Prevención de Riscos Laborais e Condicións de Traballo.

Correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A planificación en materia de prevención de riscos; a coordinación e asesoramento das unidades de prevención de riscos laborais dependentes das institucións sanitarias; asesoramento aos servizos centrais do Servizo Galego de Saúde, en materias relacionadas coa prevención de riscos laborais e na mellora do clima laboral.

b) O estudo, seguimento e control da execución dos plans aprobados en materia de prevención e a implantación do sistema de xestión da prevención de riscos laborais.

c) A xestión dos sistemas de información e seguimento da calidade da información en materia de prevención, así como a participación como asesores na Comisión Central de Seguridade e Saúde, ou nos órganos de información, consulta e participación dos traballadores en materia de prevención de riscos que se constitúan; a análise das condicións de traballo existentes nos centros do Servizo Galego de Saúde e establecemento de propostas de mellora encamiñadas á consecución dos obxectivos de organización e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.3. Servizo de Réxime Xurídico.

Correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A elaboración de anteproxectos normativos e a proposta de instrucións en materia de xestión de recursos humanos do organismo e o estudo e elaboración de informes relativos ao réxime xurídico do seu persoal.

b) A realización dos trámites e informes que procedan en relación coas solicitudes de compatibilidade formuladas polo persoal do organismo.

c) Preparar os antecedentes, dilixenciar as comunicacións xudiciais e emitir os informes que procedan sobre as controversias que se substancien na vía xurisdicional e, en xeral, aqueloutras funcións que dentro do seu ámbito lle sexan asignadas.

2.4. Servizo de Recursos e Reclamacións.

Correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) O estudo previo e a preparación das propostas de resolución dos recursos administrativos e reclamacións previas á vía xudicial laboral que se presenten contra resolucións en materia de recursos humanos.

b) En xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

Capítulo IV
Órganos de coordinación e asesoramento

Artigo 22. Os órganos de coordinación e asesoramento do Servizo Galego de Saúde

a) Consello Asesor Técnico.

O Consello Asesor Técnico é o órgano colexiado encargado do asesoramento técnico no ámbito do Servizo Galego de Saúde. A súa composición, funcións e réxime xurídico regularanse por medio dunha orde da persoa titular da Consellería con competencias en materia de sanidade.

b) Consello Asesor de Pacientes.

O Consello Asesor de Pacientes é o órgano de asesoramento do Servizo Galego de Saúde que ten como finalidade a mellora da seguridade dos pacientes, familiares e coidadores, fomentando os niveis de participación e facilitando aos pacientes a información necesaria para a toma de decisións, nos termos expresados na Orde da Consellería de Sanidade do 22 de agosto de 2011.

Capítulo V
Órganos periféricos de dirección

Artigo 23. As estruturas de xestión integrada

1. De conformidade co establecido no Decreto 168/2010, do 7 de outubro, para o exercicio das súas competencias, o Servizo Galego de Saúde organízase perifericamente en estruturas de Xestión Integrada, como estruturas organizativas sen personalidade xurídica que xestionan o Sistema público de saúde de Galicia e integran todos os centros asistenciais do Servizo Galego de Saúde no seu ámbito territorial.

Correspóndelles ás estruturas de xestión integrada a xestión unitaria dos recursos sanitarios do seu ámbito territorial, así como das prestacións e programas sanitarios que desenvolvan, excepto as funcións de autoridade sanitaria.

2. O ámbito xeográfico de cada unha das estruturas de xestión integrada determinarase mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da persoa titular da consellería con competencias en materia de sanidade, en función das necesidades sanitarias da Comunidade Autónoma e tendo en conta factores xeográficos, socioeconómicos, demográficos, laborais, meteorolóxicos e de dotación de vías e medios de comunicación.

Disposición transitoria primeira. Adscrición do persoal

Cando, como consecuencia da estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación ou o contido funcional das subdireccións xerais ou servizos existentes, autorízase a conselleira de Sanidade, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, para adscribir o persoal funcionario que ocupaba o posto existente ao posto equivalente que figura neste decreto.

No caso de supresión ou amortización das subdireccións xerais ou xefaturas de servizo, será de aplicación o establecido na normativa vixente en materia de función pública.

Disposición transitoria segunda. Adscrición provisional

As unidades e postos de traballo con nivel orgánico inferior ao de servizo correspondentes ás subdireccións xerais ou servizos suprimidos ou amortizados como consecuencia deste decreto, continuarán subsistentes e retribuiranse con cargo aos mesmos créditos orzamentarios, ata que se aprobe a nova relación de postos de traballo adaptada á estrutura orgánica establecida neste decreto. As unidades e os postos de traballo encadrados nos órganos suprimidos adscribiranse provisionalmente, por orde da persoa titular da consellería, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, aos órganos establecidos neste decreto en función das atribucións que teñen asignadas.

Disposición transitoria terceira. Relación de postos de traballo

A Consellería de Sanidade, de conformidade co disposto no artigo 17.5 do Decreto lexislativo 1/2008, polo que se aprobou o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, elaborará a proposta de relación de postos de traballo resultantes da aplicación deste decreto, efectuando a súa tramitación de acordo coa normativa vixente.

Disposición transitoria cuarta. Xestión de créditos orzamentarios

Cando, como consecuencia da estrutura orgánica que se establece neste decreto, algunha das unidades administrativas existentes cambie a súa adscrición do Servizo Galego de Saúde á Consellería de Sanidade á inversa, ou dentro da mesma sección cambie de servizo, poderán continuar coa xestión dos créditos orzamentarios que teñan encomendados independentemente do orzamento de gastos onde se sitúen estes.

Disposición transitoria quinta. Direccións provinciais do Servizo Galego de Saúde

Mentres non se complete a implantación das estruturas de xestión integrada, manteranse as direccións provinciais do Servizo Galego de Saúde que non fosen extinguidas ata o momento, baixo a dependencia da Xerencia do Servizo Galego de Saúde, coas seguintes funcións:

a) A avaliación, seguimento e control dos plans e actuacións do Servizo Galego de Saúde.

b) A dirección dos servizos da dirección provincial e a supervisión e o seguimento das súas actividades, asumindo a plena representatividade deles.

c) A coordinación daquelas cuestións que afecten máis dun centro ou institución sanitaria, así como a relación entre os hospitais e servizos de atención primaria.

f) A xestión do persoal da propia dirección provincial e a avaliación, seguimento e control da xestión do persoal de todos os centros de gasto e institucións sanitarias do seu ámbito territorial.

g) A xestión económica da propia dirección provincial e a avaliación, seguimento e control da xestión dos centros de gasto e institucións, así como a xestión económica das prestacións sanitarias.

h) Calquera outra función, competencia administrativa ou atribución que as leis e demais disposicións xerais lles confiran ou que lles sexan delegadas pola autoridade competente.

Disposición transitoria sexta. Delegación de competencias

Mentres non se complete a implantación das estruturas de xestión integrada, a persoa titular da presidencia do Servizo Galego de Saúde poderá delegar nos xerentes de Atención Primaria e Especializada funcións relacionadas cos seus correspondentes ámbitos de actuación.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 311/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica dos servizos centrais do Servizo Galego de Saúde así como cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de febreiro de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade