Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Mércores, 20 de marzo de 2013 Páx. 8441

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 11 de marzo de 2013 pola que se designa o órgano estatístico sectorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

O Decreto 24/2008, do 21 de febreiro, regula os órganos estatísticos sectoriais da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e o procedemento para a súa designación. No punto primeiro do seu artigo 2 establece que este órgano está integrado por unha ou varias unidades administrativas que se designarán por resolución da persoa titular do departamento en que se integra organicamente.

Mediante a Orde do 17 de decembro de 2010 procedeuse a designar o órgano estatístico sectorial da extinta Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Malia iso, o Decreto 1/2012, do 3 de xaneiro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, xa derrogado, supuxo a creación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que refunde nun único departamento as atribucións, facultades, competencias e funcións que ata ese momento viña exercendo, dunha banda a extinta Consellería de Cultura e Turismo, e doutra, a extinta Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. A configuración funcional do novo departamento concretouse no Decreto 45/2012, do 19 de xaneiro, modificado polo Decreto 179/2012, do 30 de agosto, que, en cumprimento do previsto na disposición adicional cuarta do Decreto 252/2011, do 15 de decembro, pola que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), suprime da estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, para integrarse na Amtega, a Subdirección Xeral de Sistemas Informáticos e determinados servizos dependentes dela, entre os cales se atopa o designado como coordinador do órgano estatístico do departamento.

Considerando que na actualidade están derrogados os decretos 45/2012 e 179/2012, e que a nova ordenación orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está regulada polo Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, cómpre proceder a unha nova designación do órgano estatístico sectorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

De conformidade co establecido nos artigos 1, 2, 3 e 7 do Decreto 24/2008, do 21 de febreiro,

DISPOÑO:

Primeiro. Designación do órgano estatístico sectorial

1. Designar o órgano estatístico sectorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que se integrará pola unidade administrativa que se especifica a continuación:

a) Posto de traballo: Vicesecretaría Xeral, dependente da Secretaría Xeral Técnica.

b) Coordinador ou coordinadora: a funcionaria ou funcionario titular do posto de traballo que se designa.

c) Localización física: dependencias da Secretaria Xeral Técnica, no Edificio Administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela.

2. Baixo a coordinación do/da titular do posto de traballo que se designa como órgano estatístico sectorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria adscríbense os seguintes postos de traballo:

a) No ámbito da cultura: a Subdirección Xeral de Xestión e Coordinación Cultural.

b) No ámbito da formación profesional: o Servizo de Orientación Profesional e Relación con Empresas.

c) No ámbito universitario: o Servizo de Xestión Científico-Tecnolóxica.

Segundo. Rexistro do órgano estatístico sectorial

Para os efectos do rexistro a que se refire o artigo 3 do Decreto 24/2008, do 21 de febreiro, a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria comunicaralle ao Instituto Galego de Estatística os datos relativos á identidade da persoa que, en cada momento, ocupe o posto de traballo que se identifica no punto primeiro, que actúa como coordinador ou coordinadora do órgano, e que se nomeará seguindo os procedementos de provisión establecidos na normativa vixente en materia de función pública.

Terceiro.

A presente orde de designación do órgano estatístico sectorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación deixa sen efecto a Orde do 29 de xullo de 2010 e a Orde do 17 de decembro de 2010, respectivamente.

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2013

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria