Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Venres, 22 de marzo de 2013 Páx. 8704

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 18 de marzo de 2013 pola que se convocan axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2013, destinadas ao alumnado dos centros docentes sostidos con fondos públicos, en réxime de concorrencia competitiva.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece como un dos seus fins a capacitación para a comunicación na lingua oficial, na lingua cooficial e nunha ou máis linguas estranxeiras. No seu artigo 157 establece que lles corresponde ás administracións educativas fornecer os recursos necesarios para garantir a creación de programas de reforzo da aprendizaxe de linguas estranxeiras.

A través do Acordo do Consello de Ministros do 14 de decembro de 2012 formalizáronse os criterios de distribución, aprobados pola Conferencia Sectorial de Educación, dos créditos para o desenvolvemento do programa de mellora da aprendizaxe de linguas estranxeiras. Este programa inclúe, entre outras accións, a inmersión en lingua estranxeira do alumnado, tanto as estadías noutros países como aquelas actividades realizadas na Comunidade Autónoma.

Esta consellería, consciente da importancia da aprendizaxe destas linguas para os cidadáns e cidadás da nosa comunidade autónoma e da preocupación que, neste sentido, se manifesta desde todos os ámbitos sociais, puxo en marcha o Plan de potenciación de linguas estranxeiras ao abeiro do Decreto 79/2010, que pretende dar continuidade a propostas anteriores como a anticipación da primeira lingua estranxeira no segundo ciclo da educación infantil e no primeiro ciclo da educación primaria, o programa CUALE e os programas de seccións bilingües, así como implantar novas propostas como a creación dos centros plurilingües.

Dentro do conxunto de medidas postas en marcha no curso escolar 2012/13, o dominio de linguas estranxeiras constitúe un dos eixes vertebradores. Este conxunto de medidas, en liña coas recomendacións do Consello de Europa en materia de linguas, establece entre as súas finalidades fomentar o coñecemento de idiomas co obxecto de que o alumnado galego adquira unha competencia plurilingüe. Unha das súas principais accións é a promoción e desenvolvemento de estadías de escolares galegos e galegas noutros países ou en centros residenciais de Galicia, co fin de crear no alumnado a necesidade de empregar idiomas para se comunicar e para os utilizar en contextos reais, poñendo en valor a educación desde unha perspectiva intercultural.

Considerando o complexo proceso de xestión e as necesidades desta convocatoria, faise imprescindible a achega de documentos relativos á identidade, excepcionalidade indicada no parágrafo terceiro do preámbulo da Orde do 7 de xullo de 2009, pola que se desenvolve o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos (DOG do 10 de xullo).

Por todo iso, e dentro deste conxunto de medidas, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto e ámbito da convocatoria

O obxecto desta orde é establecer as bases e convocar axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para realizar as actividades de formación lingüística durante o ano 2013 dirixidas á mellora das competencias en linguas estranxeiras do alumnado de distintos niveis dos centros docentes sostidos con fondos públicos en Galicia.

Artigo 2. Actividades de formación convocadas

1. As actividades que responden ao obxecto desta orde, e cuxo contido se especifica en canto a número de prazas, destino e réxime de aloxamento no anexo VI, son actividades de formación e mobilidade para a mellora na competencia no uso das linguas estranxeiras.

2. O período de realización destas actividades comprenderá desde a última semana do mes de xuño ata finais do mes de agosto de 2013.

As datas concretas de realización das actividades daranse a coñecer coa publicación das listaxes definitivas do alumnado seleccionado.

A Administración resérvase o dereito de adxudicarlles destino ás persoas seleccionadas atendendo, na medida do posible, ás preferencias indicadas na solicitude.

3. A xestión e organización das actividades levaranse a cabo por medio de empresas coa debida cualificación, contratadas para o efecto pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Ocuparanse de ofrecer os recursos materiais e humanos necesarios para o seu desenvolvemento, así como da contratación da oportuna póliza de seguros para a cobertura das persoas asistentes.

As familias achegarán as cantidades que lles correspondan á empresa adxudicataria encargada da organización técnica da actividade, segundo as contías establecidas no anexo VI desta orde.

4. O custo total de cada actividade inclúe:

• Os gastos da viaxe desde o punto de saída dos distintos grupos, para o alumnado que viaxe ao estranxeiro.

• Os monitores ou monitoras que acompañarán o alumnado en cada un dos grupos durante a actividade, desde o momento da saída ao do regreso.

• Os gastos de docencia e o material escolar.

• As actividades culturais, deportivas e complementarias dos cursos.

• Os gastos de mantenza e aloxamento.

• O certificado de realización da actividade.

• O seguro de accidentes e de responsabilidade civil.

Artigo 3. Persoas beneficiarias e requisitos

1. Poderá solicitar a participación nas actividades convocadas e ser beneficiario destas axudas o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

a) Estar cursando 1º, 2º, 3º e 4º da educación secundaria obrigatoria; 1º ou 2º de bacharelato e ciclos formativos de grao superior, que teñan un módulo profesional de lingua estranxeira no seu currículo, en centros sostidos con fondos públicos que impartan ensinanzas de réxime xeral, durante o curso 2012/13, na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Ter superadas todas as áreas, materias ou módulos no curso 2011/12.

c) Ter acadado no curso 2011/12 unha cualificación mínima de ben no 6º curso de educación primaria para o alumnado de 1º de educación secundaria obrigatoria, e de 6 para o de 2º, 3º e 4º de educación secundaria obrigatoria, de bacharelato e de ciclos formativos, na área, materia ou módulo de lingua estranxeira que se vai perfeccionar na estadía.

d) Non ter concedida, no presente curso académico, outra axuda coa mesma finalidade.

e) Non estar incursos nas prohibicións para obter a condición de beneficiario, recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Estar en posesión do DNI, NIE ou pasaporte. No caso do alumnado menor de 14 anos que non dispoña de DNI, farase constar, como DNI identificativo, o DNI do pai ou da nai. Aquelas persoas que non teñan nacionalidade española deberán contar co correspondente visado, tarxeta de residencia ou calquera outra exixencia requirida polo país a que viaxa, segundo corresponda. O alumnado que viaxe ao estranxeiro deberá estar en posesión do pasaporte en vigor.

2. As axudas poderán ser solicitadas polos pais, nais ou titores do alumnado menor de idade ou polo propio alumnado, se é maior de 18 anos, con domicilio no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4. Financiamento e contías das axudas

1. As axudas convocadas financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.50.423A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013 por un importe de 597.181,94 euros.

2. A contía da axuda para cada beneficiario será a resultante de aplicar a diferenza entre o custo total da estadía para a cal resultase seleccionado e a achega que lle corresponda segundo os custos correspondentes aos grupos de achega familiar (A, B, C e D) sinalados no anexo VI desta orde e de acordo co procedemento aplicado para a súa selección e asignación a un grupo de achega familiar, indicado no anexo VIII.

Artigo 5. Solicitudes, presentación e prazo

1. De acordo co establecido no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, e unha vez aprobada por medio da Orde do 15 de setembro de 2011 a posta en funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia, os interesados poderán presentar electronicamente as solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo electrónico: https://sede.xunta.es. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. A achega de tales copias implica a autorización á Administración para que acceda e trate a información persoal contida nos correspondentes documentos. As mencionadas imaxes electrónicas carecerán de carácter de copia auténtica.

Neste caso os solicitantes deberán anexar, ademais, unha declaración responsable de que os documentos escaneados son orixinais e auténticos, sen prexuízo de que se lles poida requirir a exhibición do documento orixinal en calquera momento da tramitación do procedemento, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. As persoas que desexen completar en liña o formulario electrónico que corresponda en función da actividade na cal desexan participar, a través da aplicación dispoñible desde a páxina web http://www.edu.xunta.es/axudasle, unha vez cuberto este formulario gravarán os datos na aplicación en liña, o que xerará un documento en formato Adobe Acrobat que a persoa interesada deberá imprimir, correspondente aos anexos I, II , III, IV e, de ser o caso, o anexo V. A solicitude (anexo I) deberá asinala o solicitante (o pai, a nai ou a persoa que exerce a titoría, no caso de alumnado menor de idade, ou o alumno ou alumna maior de 18 anos). Posteriormente e antes do remate do prazo establecido neste artigo, deberá facerse o rexistro desta solicitude, xunto cos anexos II, III e IV e, de ser o caso, o anexo V, debidamente asinados, así como a documentación complementaria necesaria, na oficina de Rexistro Único e Información (Edificio Administrativo San Caetano, s/n, Santiago de Compostela).

Así mesmo, os interesados poderán tamén presentar as solicitudes por calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Se a solicitude se remite por correo, será necesaria a súa presentación en sobre aberto para que na oficina de Correos se faga constar o selo e a data antes de proceder á súa certificación postal.

3. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo cardinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 6. Documentación

1. Coa solicitude achegarase a documentación que se relaciona a continuación:

a) Certificación académica de matrícula do curso 2012/13, así como das cualificacións de todas as áreas, materias ou módulos cursados no ano académico 2011/12 e da nota media obtida. No caso dos centros concertados, as certificacións correspondentes á educación primaria e educación secundaria obrigatoria serán asinadas polo director ou directora do centro educativo co visto e prace da inspección educativa, e no caso das ensinanzas de bacharelato e de formación profesional a certificación asinaraa o secretario ou secretaria do centro público en que se encontre o expediente académico e co visto e prace do director ou directora dese centro.

b) Fotocopia do DNI da nai, do pai ou do titor ou titora e do solicitante, se é o caso, só cando non se autorice a súa verificación ( anexo II). Este requisito exceptuará o alumnado menor de 14 anos. As persoas que non teñan a nacionalidade española achegarán fotocopia do NIE ou tarxeta de residencia.

c) Autorización do pai e da nai ou do titor ou titora para coñecer os ingresos totais da unidade familiar, coa finalidade de poder recadar datos de carácter tributario ou económicos que lle fosen legalmente pertinentes da Axencia de Administración Tributaria relativos ao nivel de renda (IRPF). Esta autorización cubrirase segundo o anexo III. No caso de familias nas cales, por circunstancia especial, igual ou similar ás descritas no anexo V desta orde, deba constar só un proxenitor ou titor no anexo III, deberán acreditar documentalmente esta circunstancia e cubrir o anexo V. No caso de divorcio ou separación legal dos pais, non se considerará membro computable aquel deles que non conviva co alumno ou alumna. Non obstante, de ser o caso, terá a consideración de membro computable e sustentador principal o novo cónxuxe ou persoa unida por análoga relación, as rendas e patrimonio do cal se incluirán dentro do cómputo da renda e patrimonio familiar. Na medida en que a través deste sistema a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poida dispor destas informacións, non se lles exixirá aos interesados a achega individual de certificacións expedidas pola Axencia de Administración Tributaria.

Aquelas persoas das cales non se poidan recadar datos a través da Axencia de Administración Tributaria deberán xustificar documentalmente os seus ingresos correspondentes á totalidade do ano 2011.

d) Declaración de non ter concedida, no presente curso académico, outra axuda coa mesma finalidade, segundo o modelo que figura no anexo IV.

e) Fotocopia do libro de familia en que figuren todos os membros da unidade familiar. No caso de non ter libro de familia, terá que presentarse documento ou documentos que acrediten os membros da unidade familiar. No suposto de non convivencia de ambos os proxenitores, deberase acreditar que o solicitante convive cos fillos.

2. A presentación da solicitude de axudas pola persoa interesada comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar a información necesaria á Axencia Tributaria, á Tesouraría Xeral da Seguridade Social e á Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

3. Non serán tidos en conta nin valorados os requisitos alegados e non xustificados documental e correctamente tal como se indica, nin os que se aleguen fóra do prazo establecido para esta convocatoria nin os que conteñan emendas.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poderá requirir das persoas solicitantes en calquera momento aclaración da documentación presentada.

Para aquelas solicitudes que non acheguen os documentos anteriormente sinalados, requirirase o interesado ou interesada para que, nun prazo de dez días naturais, emende as faltas ou remita os documentos preceptivos. De non facelo, considerarase que desistiu da súa petición e arquivarase o expediente nos termos previstos na citada lei.

Artigo 7. Colaboración dos centros educativos na difusión e participación nesta convocatoria

1. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria remitiralles aos centros educativos información en formato electrónico sobre o procedemento de solicitude e de adxudicación de prazas, para a súa difusión entre o alumnado obxecto desta convocatoria.

2. A dirección de cada centro educativo arbitrará as medidas necesarias para que o contido desta orde sexa coñecido por todos os sectores da comunidade educativa e entregaralles unha copia dela ao Consello Escolar, ao Claustro, ás ANPA e, de ser o caso, ás asociacións de alumnado; así mesmo, exporanse no taboleiro de anuncios as listaxes provisionais e a definitiva de alumnado seleccionado.

3. O contido desta orde e a información complementaria atoparase na páxina da internet http://www.edu.xunta.es/axudasle

4. As direccións dos centros educativos sostidos con fondos públicos facilitarán na medida das súas posibilidades ao alumnado interesado e/ou ás súas familias o acceso á aplicación informática correspondente a este programa.

Artigo 8. Aceptación das bases

A presentación da solicitude implica a aceptación das bases da presente convocatoria.

Artigo 9. Comunicación

Toda a información relacionada co estado das solicitudes ou coa adxudicación de prazas, centros, voos, viaxes e reunións coas familias se fará a través da páxina principal da web http://www.edu.xunta.es/axudasle, que se actualizará periodicamente.

Artigo 10. Comisión de valoración

A valoración das solicitudes e a proposta de selección das persoas beneficiarias desta convocatoria serán realizadas por unha comisión integrada polos seguintes membros:

Presidencia: a persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa ou persoa en quen delegue.

Vogais: ata un máximo de catro vogais nomeados pola presidencia da comisión de selección, con categoría de subdirector/a xeral, xefe/a de servizo ou membros da Inspección Educativa.

Unha persoa funcionaria da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que actuará como secretaria, con voz e sen voto.

A comisión poderá dispor a constitución dunha subcomisión técnica especializada para os efectos de colaborar na valoración dos documentos achegados e na baremación.

Para os efectos previstos no artigo 26.2 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, esta comisión considérase incluída na categoría 3ª.

Artigo 11. Criterios de selección

1. A adxudicación de axudas e de asignación de prazas na actividade solicitada farase atendendo á puntuación total obtida por cada alumno que resulte de aplicar o baremo establecido no anexo VIII desta orde.

2. A adxudicación terá carácter de concorrencia competitiva, polo tanto non será suficiente para obter asignación de praza e axuda reunir todos os requisitos exixidos na presente convocatoria, senón obter tamén un número de orde que sitúe a persoa solicitante dentro das prazas que se van conceder.

Artigo 12. Procedemento de adxudicación de prazas

1. Finalizada a comprobación das solicitudes recibidas, a comisión de selección fará pública tres listaxes: unha na cal que se incluirán as solicitudes admitidas; unha segunda de solicitudes que precisan da emenda dalgún aspecto; e unha terceira de solicitudes excluídas facendo constar as causas de exclusión.

Estas listaxes exporanse na web da convocatoria http://www.edu.xunta.es/axudasle, na oficina de Rexistro Único e Información da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e remitiranse para a súa publicación ás xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e aos centros de ensino primario e secundario obxecto do ámbito desta convocatoria.

2. A continuación abrirase un prazo de dez días naturais para emendar os erros e a falta de documentación, así como para efectuar reclamacións ou renuncias. As circunstancias da emenda de erros ou falta de documentación poderanse consultar mediante o número do documento de identificación (DNI, NIE etc.) da persoa solicitante na aplicación en liña dispoñible na páxina web http://www.edu.xunta.es/axudasle. A falta de presentación da documentación a que fai referencia o punto 1 do artigo 6 dentro deste prazo será motivo de exclusión da convocatoria. A falta de presentación da documentación a que fai referencia o punto 3 do artigo 6 implicará que non sexan tidas en conta as circunstancias correspondentes no momento da baremación.

3. Transcorrido este prazo, e unha vez avaliados os documentos engadidos, publicaranse as listaxes provisionais de seleccionados e de suplentes, ordenados por puntuación por cada un dos cursos e asignándolles a contía provisional correspondente de achega familiar, que poderá variar nas listaxes definitivas debido ás reclamacións a estas listaxes. Exporanse co mesmo procedemento indicado no punto 1. Nos casos en que se produzan empates na puntuación, o criterio de desempate será a menor renda per cápita.

4. A seguir abrirase un prazo de 10 días naturais para formular reclamacións. Unha vez rematado o prazo de reclamacións contra as listaxes provisionais e estudadas as alegacións presentadas, a comisión seleccionadora elevará a proposta definitiva.

5. No caso de non cubrirse o número de prazas nalgunha das actividades, por proposta motivada da comisión de selección, a persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa poderá acordar a redistribución das prazas entre outras actividades.

6. As listaxes definitivas de persoas seleccionadas e de suplentes, así como os destinos, as datas de realización das estadías e as achegas familiares correspondentes en cada caso, serán publicadas na páxina web http://www.edu.xunta.es/axudasle. As persoas que facilitaron o seu correo electrónico recibirán por esta vía unha mensaxe na cal se indicará o importe da achega da familia e os datos necesarios para o pagamento da correspondente cantidade. Logo abrirase un prazo de 5 días naturais para que os solicitantes lle remitan á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mediante correo ordinario (será necesaria a súa presentación en sobre aberto para que na oficina de Correos se poida facer constar o selo e a data, antes de proceder á súa certificación postal), a seguinte documentación:

– Aceptación ou renuncia á axuda segundo o anexo VII.

– Xustificante bancario do pagamento á empresa adxudicataria dos cursos no número de conta bancaria que se indicará nas instrucións que se lles facilitarán aos solicitantes a través do correo electrónico e na web http://www.edu.xunta.es/axudasle. Este pagamento non terá devolución no caso de renuncia posterior. A non xustificación do ingreso da cantidade indicada dentro do prazo implica a renuncia á praza adxudicada.

– Fotocopia do pasaporte ou visado en vigor, para o alumnado que viaxa ao estranxeiro.

– Declaración de non ter concedida ningunha outra axuda coa mesma finalidade no momento de concesión da axuda, segundo o modelo que figura no anexo IV.

As prazas vacantes seranlle ofertadas ao alumnado suplente por chamamento directo aos teléfonos indicados na solicitude, seguindo a relación publicada de suplentes.

Artigo 13. Reintegros

En aplicación do artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, suporá o reintegro do importe equivalente da axuda e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde proceder ao reintegro:

– A renuncia posterior ao pagamento da achega familiar.

– Non presentarse no punto de saída sinalado para o inicio da viaxe, no caso das actividades que se desenvolven no estranxeiro.

– Non presentarse o día do inicio da actividade, no caso das actividades que se desenvolven en Galicia.

– Non posuír a documentación necesaria para a realización da viaxe.

– A obtención da axuda falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que a impedirían, así como a renuncia posterior á resolución definitiva.

Artigo 14. Obrigas e abandonos durante a realización da actividade

1. Un comportamento non apropiado poderá supor a expulsión deste programa e o final da estadía, por causas de igual ou similar natureza ás seguintes:

– Incumprimento das leis do país a que viaxan.

– Incumprimento das normas establecidas para o desenvolvemento da actividade.

– Consumo de alcohol e/ou de substancias ilegais.

– Automedicación sen autorización médica.

– Condutas disruptivas.

– Comportamentos asociais.

A expulsión do programa suporalle ao solicitante o pagamento do regreso e do custo total da actividade, así como, de ser o caso, do importe dos danos ocasionados ou derivados das ditas condutas.

2. No caso do alumnado que se encontre realizando a estadía e decida abandonar o programa sen unha causa grave debidamente xustificada, o solicitante asumirá os gastos ocasionados, incluíndo os de regreso, así como o importe total do custo da actividade.

Artigo 15. Resolución

1. A persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria resolverá a relación final das persoas adxudicatarias e os importes das axudas concedidas.

2. A resolución definitiva de adxudicatarios publicarase no Diario Oficial de Galicia.

3. Contra a resolución definitiva de adxudicación, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 16. Recursos

Contra esta orde as persoas interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición adicional

Para os efectos do disposto na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, as persoas solicitantes deberanlle autorizar expresamente á Administración outorgante a inclusión e publicidade nos rexistros regulados no citado decreto dos datos básicos relevantes referidos ás axudas recibidas.

A reserva que o peticionario poida facer no sentido de non autorizar a obtención de datos ou a publicidade dos datos nos rexistros, que en todo caso terá que se expresar por escrito, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe concedido, segundo dispón o punto 2 da citada disposición adicional.

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar os actos e medidas necesarias para a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde adáptase ás normas aplicables do texto articulado da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicada no DOG do 25 de xuño de 2007.

Disposición derradeira terceira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2013

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO VI

Achega das familias (€)

Modalidade

Duración

Réxime de aloxamento

Nº de prazas

Custo por praza (€)

Grupo A

Grupo B

Grupo C

Grupo D

Ciclos formativos superiores de formación profesional

 

5

Inglés en Canadá

3 semanas

Familia

5

2.360

355

590

1.065

1.420

2º bacharelato

 

80

Inglés en Canadá

3 semanas

Familia

20

2.360

355

590

1.065

1.420

Inglés no Reino Unido

3 semanas

Familia

50

1.953

300

495

890

1.185

Francés en Francia

3 semanas

Familia/Residencia

10

1.953

300

495

890

1.185

1º bacharelato

 

180

Inglés en Canadá

3 semanas

Familia

65

2.360

355

590

1.065

1.420

Inglés no Reino Unido

3 semanas

Familia

100

1.953

300

495

890

1.185

Francés en Francia

3 semanas

Familia/Residencia

15

1.953

300

495

890

1.185

4º educación secundaria obrigatoria

 

100

Inglés en Galicia

2 semanas

(14-27 xullo)

Residencia (CRD Vigo)

100

651

100

165

295

390

3º educación secundaria obrigatoria

 

100

 

Inglés en Galicia

2 semanas

(14-27 xullo)

Residencia (CRD Vigo)

100

651

100

165

295

390

2º educación secundaria obrigatoria

 

115

 

Inglés en Galicia

2 semanas

(14-27 xullo)

Residencia (CRD A Coruña)

115

651

100

165

295

390

1º educación secundaria obrigatoria

 

125

Inglés en Galicia

2 semanas

(14-27 xullo)

Residencia (CRD A Coruña)

125

651

100

165

295

390

Total prazas:

705

 

ANEXO VIII
Baremo, puntuación e determinación de achegas familiares

Criterios de puntuación:

1º Nota media do expediente no curso 2011/12: ata 10 puntos.

O criterio de selección que se terá en conta será o da nota media das cualificacións do expediente académico dos estudos realizados no curso 2011/12 polo alumnado.

En educación primaria calcularase a media das cualificacións segundo a seguinte táboa de equivalencia numérica para a cualificación de cada área.

Táboa de equivalencias

Cualificación

Puntuación

Suficiente

5

Ben

6

Notable

8

Sobresaliente

10

En educación primaria, na educación secundaria obrigatoria, no bacharelato e na formación profesional o cálculo da nota media expresarase, de ser o caso, cun decimal calculado mediante arredondamento, resultado que se fará constar na epígrafe correspondente, incluído no anexo I de solicitude destas axudas.

Para o cálculo da nota media non se terá en conta a cualificación das ensinanzas de relixión, de acordo coa disposición adicional primeira do Decreto 130/2007, do 28 de xuño, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia; coa disposición adicional segunda do Decreto 133/2007, do 5 de xullo, polo que se regulan as ensinanzas da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia; e coa disposición adicional primeira do Decreto 126/2008, do 19 de xuño, polo que se establece a ordenación e o currículo de bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

Para todos os niveis educativos, a baremación da nota media aplicarase segundo a seguinte táboa:

Nota media

Puntuación

5-5,9

5 puntos

6-6,9

6 puntos

7-7,9

7 puntos

8-8,9

8 puntos

9-9,9

9 puntos

10

10 puntos

2º Renda per cápita da unidade familiar: ata 20 puntos.

Aplícase unha puntuación ponderada e progresiva en función da renda per cápita da unidade familiar, segundo o seguinte cadro, calculada esta como suma dos ingresos da unidade familiar divididos entre o seu número de membros. Os ingresos da unidade familiar serán o resultado da suma dos importes dos recadros 455 e 465 da declaración da renda do ano 2011. Forman parte da unidade familiar o pai/nai, titor/a do alumnado solicitante e tamén os irmáns solteiros e menores de vinte e cinco anos que convivan no domicilio familiar, e os irmáns maiores de idade incapacitados xudicialmente.

A puntuación que se asignará segundo a renda per cápita exprésase na seguinte táboa:

Tramos de renda per cápita da unidade familiar

Ata 3.962 euros

20 puntos

Superior a 3.962 e inferior a 7.606

16 puntos

Superior a 7.606 e inferior a 10.222

12 puntos

Superior a 10.222 e inferior a 11.450

8 puntos

Máis de 11.450

4 puntos

3º Pertenza a familia numerosa: 2 puntos.

4º Discapacidade dalgún membro da unidade familiar en primeiro grao igual ou superior ao 33 % ou pensionista de grande invalidez: 2 puntos.

5º Non ter sido beneficiario nunha axuda ao abeiro da convocatoria establecida pola Orde do 22 de febreiro de 2012 (DOG do 5 de marzo): 1 punto.

Cálculo para a determinación das axudas convocadas:

Segundo o establecido no artigo 4.2 da orde, a contía da axuda para cada beneficiario será a resultante de aplicar a diferenza entre o custo total da estadía para a cal resultase seleccionado e a achega que lle corresponda segundo os custos e os grupos de achega familiar (A, B, C e D) sinalados no anexo VI desta orde e de acordo co procedemento aplicado para a súa selección e asignación a un grupo de achega familiar.

Para a asignación do alumnado seleccionado a cada un dos catro grupos de achega familiar séguese o seguinte procedemento:

1º Coa listaxe definitiva de solicitantes ordenada segundo a puntuación obtida de maior a menor asígnaselle a cada seleccionado unha praza no grupo de achega familiar correspondente seguindo a orde establecida na listaxe, tendo en conta que do total de prazas ofertadas por actividade o 40 % se reserva para o grupo A, o 30 % para o grupo B, o 20 % para o grupo C e o 10 % para o grupo D. En función da súa adscrición ao grupo correspondente fíxase a contía da achega familiar que lle corresponderá a cada persoa seleccionada segundo o establecido no anexo VI para cada actividade.

2º No caso de renuncias a listaxe corre segundo a orde numérica establecida na lista de agarda e aos novos seleccionados correspóndelles a achega familiar correspondente ás prazas do grupo D.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file