Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Martes, 26 de marzo de 2013 Páx. 8956

I. Disposicións xerais

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 14 de marzo de 2013 pola que se modifica a Orde do 29 de outubro de 2010 pola que se crea o Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo, ten como finalidade a mellora dos procedementos de tramitación e rexistro dos convenios e acordos colectivos ao integralos no marco dos procedementos con funcionamento a través de medios electrónicos.

Esta norma delimita e define os convenios e acordos colectivos de traballo e demais actos inscritibles, susceptibles de seren rexistrados, e regula o procedemento de inscrición nos rexistros. Tamén determina a documentación e os datos estatísticos que deben remitirse aos ditos rexistros para que a solicitude de inscrición sexa tramitada, adaptando as follas estatísticas vixentes co fin de dispoñer dunha mellor información sobre estes.

Ao deseñar o procedemento de rexistro a través de medios electrónicos, a representación das persoas traballadoras e a representación empresarial afectadas, na súa maioría comisións negociadoras destes, solicitarán a inscrición dos convenios e demais actos inscritibles por medios electrónicos, co que se acada unha maior axilidade e eficacia da actuación administrativa.

Por outra banda, no seu artigo terceiro establece a obriga do Ministerio de Emprego e Seguridade Social e das restantes autoridades laborais con competencias en materia de convenios colectivos de traballo de dotarse do seu propio rexistro de convenios e acordos colectivos de traballo.

Para dar cumprimento a esta normativa, a Consellería de Traballo e Benestar publicou a Orde do 29 de outubro de 2010, DOG do 18 de novembro, pola que se crea o Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia, nos termos previstos no citado Real decreto 713/2010, do 28 de maio.

Con data do 28 de setembro de 2012, publicábase no Boletín Oficial del Estado número 234, o Real decreto 1362/2012, do 27 de setembro, polo que se regula a Comisión Consultiva Nacional de Convenios Colectivos, o cal, na súa disposición derradeira terceira, modifica o antedito Real decreto 713/2010, do 28 de maio, e máis en concreto o seu artigo 2.1.a), o artigo 6.3 e, ademais, engade a disposición adicional cuarta.

En consecuencia, a referida modificación obriga, así mesmo, a modificar a referida Orde do 29 de outubro de 2010 pola que se crea o Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia para darlle a redacción axeitada.

Así mesmo, e en virtude do establecido no Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos do Estado en materia de traballo, así como no Decreto 235/2012, do 5 de decembro (DOG nº 233, do 5 de decembro), polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, esta consellería é competente nesta materia.

Por todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo único.

Modifícase a Orde do 29 de outubro de 2010 pola que se crea o Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia

1. Modifícase o parágrafo a) do número 1 do artigo 2 da Orde do 29 de outubro de 2010, que queda redactado do seguinte xeito:

Os convenios colectivos de traballo negociados conforme o establecido no título III do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, así como as revisións salariais que se realicen anualmente nos convenios plurianuais e as motivadas por aplicación das cláusulas de garantía salarial, as modificacións, os acordos parciais a que se refire o artigo 86 do mesmo texto legal e as prórrogas dos convenios.

2. O último parágrafo do artigo 4.4 da referida Orde do 29 de outubro de 2010 queda redactado do seguinte xeito:

O anexo 2.IV cubrirase exclusivamente para os sucesivos anos de vixencia dos convenios plurianuais ou das prórrogas dos convenios. É obrigatorio cubrilo, cos datos variables citados, tanto se se acordaron no momento da sinatura do convenio como se son obxecto de negociación ou concreción posterior mediante un acto expreso da comisión á cal o convenio atribúe esta misión.

3. Substitúese o título da epígrafe disposición adicional polo de disposicións adicionais e a denominada única pasa a denominarse:

Primeira. Depósito de convenios e acordos de eficacia limitada e acordos de empresa.

4. Engádese unha nova disposición adicional segunda á antedita Orde do 29 de outubro de 2010, co seguinte contido:

Segunda. Depósito de acordos, laudos arbitrais e decisións da Comisión Consultiva Nacional de Convenios Colectivos ou órgano correspondente da Comunidade Autónoma de Galicia sobre inaplicación de condicións de traballo previstas nos convenios colectivos.

1. Serán obxecto de depósito os seguintes acordos, laudos arbitrais e decisións da Comisión Consultiva Nacional de Convenios Colectivos ou órgano correspondente da Comunidade Autónoma de Galicia sobre inaplicación de condicións de traballo previstas nos convenios colectivos:

a) Os acordos de inaplicación das condicións de traballo previstas nos convenios colectivos segundo o disposto no artigo 82.3 do Estatuto dos traballadores, tanto os acadados entre a representación empresarial e a representación das persoas traballadoras durante o período de consultas, como os conseguidos no seo da comisión paritaria do convenio colectivo de aplicación.

b) Os acordos de inaplicación das condicións de traballo previstas nos convenios colectivos a que se refire o artigo 82.3 do Estatuto dos traballadores, cando tales acordos se acadaran durante o período de consultas nun procedemento de despedimento colectivo, suspensión de contratos ou redución de xornada.

c) Os acordos e laudos arbitrais polos cales se establece a inaplicación das condicións de traballo previstas no convenio colectivo de aplicación, conforme os procedementos recollidos nos acordos interprofesionais de ámbito estatal ou autonómico previstos no artigo 83.3 do Estatuto dos traballadores.

d) As decisións da Comisión Consultiva Nacional de Convenios Colectivos ou órgano equivalente da Comunidade Autónoma de Galicia e os laudos dos árbitros designados polos ditos órganos, polos que se establece a inaplicación de condicións de traballo previstas no convenio colectivo de aplicación, conforme o establecido no artigo 82.3 do Estatuto dos traballadores.

2. A solicitude de depósito dos instrumentos a que se refire o número anterior ante a autoridade laboral competente deberá incluír o texto do correspondente instrumento e efectuarase a través de medios electrónicos, cubrindo todos os datos solicitados na aplicación informática deseñada para o efecto.

3. A solicitude de depósito deberá realizala:

a) Respecto dos instrumentos indicados no punto 1.a), a parte que iniciou o procedemento para a inaplicación de condicións de traballo ou a comisión paritaria en que se acadase o acordo.

b) Respecto dos acordos indicados no punto 1.b), a empresa.

c) Respecto dos instrumentos indicados no punto 1.c), o órgano de dirección do organismo competente, ou a persoa designada por este.

d) Respecto dos instrumentos indicados no punto 1.d), a persoa designada polo órgano competente.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2013

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar