Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Mércores, 27 de marzo de 2013 Páx. 9180

III. Outras disposicións

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 28 de xaneiro de 2013 pola que se revisa a declaración de zonas sensibles no ámbito territorial das bacías hidrográficas de Galicia-Costa.

A Directiva 91/271/CEE, do Consello, do 21 de maio, sobre o tratamento das augas residuais urbanas, establece unha serie de medidas coa finalidade de garantir que as ditas augas sexan tratadas correctamente antes da súa vertedura.

O Real decreto lei 11/1995, do 28 de decembro, polo que se establecen as normas aplicables ao tratamento das augas residuais urbanas, incorporou ao ordenamento interno a mencionada directiva, regulando as obrigas de dispor dun sistema de colectores para a recollida e condución das augas residuais en determinadas aglomeracións urbanas, e fixando os distintos tratamentos a que deberán someterse tales augas antes da súa vertedura ás augas continentais ou marítimas, distinguíndose esas verteduras se efectúan en zonas sensibles ou non.

No artigo 7.3 do Real decreto Lei 11/1995 prevese que a Administración xeral do Estado declarará as zonas sensibles nas bacías hidrográficas que excedan o ámbito territorial dunha comunidade autónoma, e que as comunidades autónomas efectuarán a devandita declaración nos restantes casos, e daranlle a oportuna publicidade no respectivo diario oficial. Pola súa banda, o artigo 7.2º do Real decreto 509/1996, de desenvolvemento do dito Real decreto lei, dispón que a declaración de zonas sensibles debe revisarse cada catro anos.

Mediante Resolución da Presidencia de Augas de Galicia do 22 de maio de 2001 (DOG do 30 de maio) declarouse a ría de Pontevedra como zona sensible para os efectos do Real decreto lei 11/1995.

Mediante Resolución do 28 de xaneiro de 2009 (DOG do 4 de febreiro) declarouse como zona sensible a ría de Ferrol, para os efectos previstos no Real decreto 11/1995, e mantense a declaración da ría de Pontevedra como zona sensible, acordada na Resolución do 22 de maio de 2001, do organismo autónomo Augas de Galicia, para os efectos previstos no Real decreto 11/1995.

Polo tanto, transcorridos catro anos desde a última declaración de zonas sensibles no ámbito territorial das bacías hidrográficas de Galicia-Costa, procedía realizar a súa revisión, co fin de, se for o caso, manter a cualificación como zonas sensibles das designadas anteriormente, así como proceder á declaración de novas zonas como sensibles.

Realizados os pertinentes estudos, e de acordo co establecido no artigo 7 do Real decreto 509/1996, do 15 de marzo, de desenvolvemento do Real decreto lei 11/1995, do 28 de decembro,

resolvo:

Primeiro. Declarar como zonas sensibles para os efectos previstos no Real decreto lei 11/1995, do 28 de decembro, e de acordo cos criterios establecidos no anexo II do Real decreto 509/1996, do 15 de marzo, as que se relacionan no anexo da presente resolución.

Segundo. De acordo co Real decreto 509/1996, do 15 de marzo, poderá terse en conta, na consideración de nutriente que debe ser reducido cun tratamento adicional, o seguinte: nos lagos e cursos de auga que desemboquen en lagos, lagoas, encoros e baías pechadas que teñan intercambio escaso e nos cales, polo tanto, pode producirse unha acumulación, convén prever a eliminación de nitróxeno e fósforo.

As autorizacións de verteduras poderán impoñer requisitos máis rigorosos cando sexa necesario para garantir que as augas receptoras cumpran coas normas de calidade ambiental fixadas na normativa vixente e cos obxectivos ambientais que se establezan nos plans hidrolóxicos.

Terceiro. Identificar para cada unha das mencionadas zonas sensibles as aglomeracións urbanas que vertan nelas e que contan na actualidade con máis de 10.000 habitantes equivalentes. Esta relación completarase con aquelas aglomeracións urbanas que superen os 10.000 habitantes equivalentes durante o período de vixencia da presente resolución, tras a revisión que se faga na Comunidade Autónoma das aglomeracións urbanas en que se estrutura o territorio, de acordo co establecido no artigo 3 do Real decreto lei 11/1995, do 28 de decembro, polo que se establecen as normas aplicables ao tratamento das augas residuais urbanas.

Cuarto. Dar publicidade á citada declaración mediante a súa inclusión no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. A declaración das mencionadas zonas sensibles deberase revisar nun prazo máximo de catro anos.

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2013

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Presidente de Augas de Galicia

ANEXO
Relación de zonas sensibles declaradas xunto coas aglomeracións urbanas maiores de 10.000 h.e. afectadas pola declaración de zonas sensibles na Demarcación hidrográficas de Galicia-Costa

ZONA SENSIBLE

AGLOMERACIÓN MAIOR DE 10.000 H.E.

CONCELLOS PERTENCENTES Á AGLOMERACIÓN

RÍA DE FERROL

FERROL-NARÓN

RÍA DE PONTEVEDRA

PONTEVEDRA-MARÍN-POIO-BUEU

PONTEVEDRA, MARÍN, POIO, BUEU

LAGOA FROUXEIRA

-

LAGOA BALDAIO

-

-

LAGOA CARNOTA-CALDEBARCOS

-

-

LAGOA CORRUBEDO (ARTES-CARREGAL)

-

-

LAGOA DE BODEIRO

-

-

LAGOA DE VIXÁN

-

-

LAGOA DE SAN PEDRO DE MURO

-

-

LAGOA DE DONIÑOS

-

-

LAGOA DE SOBRADO DOS MONXES

-

-

ENCORO DE PONTE OLVEIRA

-

-

ENCORO DE SANTA UXÍA

-

-

ENCORO DAS FORCADAS

-

-

ENCORO DE CECEBRE

-

-

ENCORO DE PONTILLÓN DE CASTRO

-

-

ENCORO DE EIRAS

-

-

ENCORO DE ZAMÁNS

-

-

ENCORO DE CALDAS DE REIS

-

-

ENCORO DE BECHE

-

-

ENCORO DE VILASENÍN OU SAN COSMADE

-

-

ENCORO DE ROSADORIO

-

-

ENCORO DO CON

-

-

ENCORO DE BAIONA

-

-