Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Luns, 1 de abril de 2013 Páx. 9376

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 25 de marzo de 2013 pola que se desenvolve a estrutura organizativa de Xestión Integrada de Vigo.

Polo Decreto 168/2010, do 7 de outubro, regúlase a estrutura organizativa de xestión integrada como instrumento de organización no ámbito periférico do Servizo Galego de Saúde.

Estas estruturas de xestión sanitaria asumen a xestión funcional dos recursos, as prestacións e os programas de atención sanitaria, sociosanitaria e de promoción e protección da saúde na zona de influencia.

Así mesmo, foi creada a estrutura organizativa de Xestión Integrada de Vigo e definido o seu ámbito de actuación.

No decreto de creación desta estrutura establécese que a estrutura directiva de xestión integrada está formada por órganos unipersoais e colexiados. Como órganos unipersoais están a Xerencia de Xestión Integrada, a Dirección de Procesos Asistenciais, a Dirección de Recursos Económicos e a Dirección de Recursos Humanos.

No Decreto 168/2010 tamén se sinala que poderán existir outras unidades directivas dependentes dos órganos antes citados, no caso de que se considere necesario, segundo o desenvolvemento e a complexidade das xerencias.

Na súa virtude, de acordo co establecido na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no decreto antes citado, por proposta da Xerencia do Servizo Galego de Saúde,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto o desenvolvemento da estrutura organizativa de Xestión Integrada de Vigo, de conformidade co establecido no decreto polo que se crea e regula a dita estrutura.

Artigo 2. Xerencia de Xestión Integrada

Da Xerencia de Xestión Integrada de Vigo dependerán:

a) A Subdirección de Sistemas de Información.

b) A Subdirección de Calidade, Atención ao Paciente e Admisión.

Artigo 3. Dirección de Procesos Asistenciais

1. Da Dirección de Procesos de Enfermaría dependerán catro subdireccións.

2. Dependendo das Direccións de Procesos con Ingreso, de Procesos sen Ingreso e Urxencias, e de Soporte, poderán existir catro subdireccións. A adscrición de cada unha destas subdireccións será realizada polo xerente de Xestión Integrada, segundo as necesidades asistenciais e logo da aprobación pola presidenta do Servizo Galego de Saúde.

Artigo 4. Dirección de Recursos Económicos

Da Dirección de Recursos Económicos dependerán dúas subdireccións.

Artigo 5. Dirección de Recursos Humanos

Da Dirección de Recursos Humanos dependerá unha subdirección

Disposición adicional única. Proceso de extinción

Para os efectos do disposto na disposición transitoria segunda do Decreto 168/2010, do 7 de outubro, a extinción das actuais xerencias de atención primaria e do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo e o efectivo funcionamento da estrutura organizativa de xestión integrada de Vigo producirase no momento da entrada en vigor desta orden.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2013

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade