Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Venres, 12 de abril de 2013 Páx. 11035

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 11 de abril de 2013 pola que se complementa o establecido na Orde do 27 de decembro de 2012, relativa á cantidade que cómpre transferir ao Consello da Avogacía Galega para atender os gastos de funcionamento e infraestrutura dos servizos de asistencia letrada ao detido e defensa gratuítas.

A Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, regula o dereito á asistencia xurídica gratuíta e establece no seu artigo 38 que o Ministerio de Xustiza subvencionará os colexios de avogados para a implantación e funcionamento dos servizos de asistencia xurídica gratuíta. Mediante o Real decreto 2166/1994, do 4 de novembro, transferíronselle á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións en materia de provisión de medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza, incluíndo no seu anexo letra B) número 1 c) as relativas á indemnización das actuacións correspondentes á defensa por avogado en quenda de oficio ante os órganos xudiciais con sede en Galicia, e a asistencia letrada ao detido ou preso cando o lugar de custodia estea situado en territorio da Comunidade Autónoma. Estas funcións foron asumidas polo Decreto 394/1994, do 29 de decembro, e asignadas á Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, actualmente atribuídas á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

En uso das súas competencias, a Xunta de Galicia ditou o Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta da Comunidade Autónoma de Galicia, modificado polo Decreto 138/2012, do 21 de xuño, e establece no seu artigo 45 que a consellería competente en materia de xustiza determinará anualmente as cantidades que deberán percibir os colexios de avogados para atender os gastos derivados do funcionamento e infraestrutura colexial que requiren os servizos de asistencia xurídica gratuíta, o cal corresponde á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza segundo o Decreto 7/2011, do 20 de xaneiro, polo que establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza publicou no Diario Oficial de Galicia a Orde do 27 de decembro de 2012 en que se fixaba que a cantidade para atender os gastos derivados do funcionamento operativo dos servizos colexiais de asistencia xurídica gratuíta era o 2,96 % do importe total devindicado durante o ano 2010 polos colexios de avogados da Comunidade Autónoma de Galicia, en concepto de asistencia letrada e defensa gratuítas. As limitacións orzamentarias dese momento non permitiron que se fixase a porcentaxe no 8 %, tal e como se fixo na orde equivalente relativa ao devindicado polos colexios de procuradores de Galicia, que son os outros profesionais que atenden o sistema de asistencia xurídica gratuíta.

Unha vez iniciado o exercicio económico do ano 2013, e tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, preténdese complementar a porcentaxe fixada na mencionada orde do 27 de decembro de 2012, de modo que o importe total acade o 8 % do devindicado durante o ano 2010 polos colexios de avogados de Galicia, igualando así a porcentaxe fixada para os colexios de avogados e para os colexios de procuradores.

En virtude do exposto,

DISPOÑO:

Artigo único. A cantidade adicional destinada para atender os gastos derivados do funcionamento operativo dos servizos colexiais de asistencia xurídica gratuíta fíxase nun 5,04 % do importe total devindicado durante o ano 2010 polos colexios de avogados da Comunidade Autónoma de Galicia, en concepto de asistencia letrada e defensa gratuítas, o que supón un total de cincocentos dezanove mil cincocentos setenta e seis euros e tres céntimos (519.576,03 €).

Disposición derradeira primeira

Autorízase o director xeral de Xustiza para ditar as disposicións necesarias para o cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2013

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza