Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Martes, 16 de abril de 2013 Páx. 11448

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 9 de abril de 2013 pola que se convoca un curso sobre apoio psicolóxico básico e manexo do estrés nos intervenientes en situacións críticas, de emerxencia ou catástrofe.

O artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que o persoal do Sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia estará formado tanto por persoal de carácter profesional de servizos que realicen algunha actividade relacionada coa xestión de riscos e de emerxencias como por persoal voluntario de entidades ou organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro que teñan como fin a protección de persoas, dos bens e do ambiente en situacións de xestión de riscos e de emerxencias. Segundo o artigo 44 da citada lei, este persoal organizarase en grupos operativos.

Por Resolución do 2 de agosto de 2010 publicouse o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) onde se establece a estrutura de dirección e coordinación e as unidades organizativas para facer fronte dun xeito coordinado ás emerxencias que poidan producirse en Galicia: derivadas de riscos naturais, tecnolóxicos ou antrópicos.

Dentro das actividades programadas para o ano 2013, e conforme o establecido no artigo 46 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, e na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), anúnciase a convocatoria dun curso sobre apoio psicolóxico básico e manexo do estrés nos intervenientes en situacións críticas, de emerxencia ou catástrofe, con dúas edicións, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Tipo

Curso

Denominación

Apoio psicolóxico básico e manexo do estrés nos intervenientes en situacións críticas, de emerxencia ou catástrofe

Modalidade

Presencial

Edicións

2

Horas lectivas

16

Prazas por edición

25

2. Obxectivos e contido.

Obxectivos:

• Aprender pautas de apoio psicolóxico que poidan resultar de utilidade durante a actuación con vítimas e afectados tras unha situación crítica, emerxencia ou catástrofe.

• Coñecer en que consisten os primeiros auxilios psicolóxicos.

• Coñecer os efectos do estrés e a súa prevención.

• Identificar reaccións que poden aparecer en situacións críticas, emerxencias ou catástrofes no interveniente.

• Aprender estratexias de afrontamento individual ante situacións estresantes.

Contido:

Módulo 1. Técnicas básicas de apoio psicolóxico para persoas afectadas por situacións críticas, de emerxencia ou catástrofes.

1. Conceptos básicos.

2. Reaccións nas persoas afectadas: a nivel individual/grupal/social e a corto/medio/longo prazo.

3. Obxectivos da intervención psicolóxica con afectados por situacións críticas, de emerxencia ou catástrofe.

4. Primeiros auxilios psicolóxicos.

a) Obxectivos.

b) Pautas de actuación con poboacións específicas: nenos, anciáns, persoas con deficiencias motoras e/ou sensoriais.

c) Pautas de actuación en accidentes de tráfico.

Módulo 2. Manexo do estrés e autocoidado emocional nos intervenientes.

1. Papel e tarefas do persoal voluntario en situacións críticas, de emerxencia ou catástrofe.

2. O estrés.

a) Tipos e fontes de estrés.

b) Factores de risco individual, grupal, organizacional.

c) Reaccións máis habituais nos intervenientes.

d) Problemas máis frecuentes nos equipos de intervención.

3. Técnicas de afrontamento e recursos para diminuír o estrés.

a) Autoobservación de reaccións (fisiolóxicas, emocionais, condutuais, cognitivas).

b) Prevención antes, durante e despois.

c) Técnicas de afrontamento e recursos para diminuír o estrés: individuais e grupais.

3. Destinatarios/as e requisitos de participación.

a) Destinatarios/as: o curso vai dirixido ao persoal voluntario de agrupacións de voluntarios de protección civil e ás/aos profesionais dos servizos municipais e supramunicipais de protección civil.

Este persoal forma parte do Sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia (artigos 43 e 44 da Lei 5/2007, do 7 de maio de emerxencias de Galicia).

b) Requisitos de participación: os solicitantes deberán:

• Ter realizado con anterioridade o curso de básico de protección civil no ano 2012 ou anteriores.

4. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: Agasp (avenida da Cultura, s/n, A Estrada, Pontevedra).

Horario: mañá e tarde.

Datas:

Edición

Data

14 e 15 de maio

21 e 22 de maio

Uniformidade: o alumnado deberá asistir ao curso co uniforme de traballo.

Uso da residencia: os/as alumnos/as poderán solicitar aloxamento na residencia da Agasp, sempre que se cumpran todas as condicións seguintes:

• Que o curso se realice entre luns e venres.

• Que o/a alumno/a teña a súa residencia a máis de 80 km da Agasp.

• Que haxa cuartos dispoñibles.

5. Inscrición.

a) O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá inscribirse na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

b) Con carácter previo á inscrición é necesario darse de alta como usuario da páxina web da Agasp. Nesta alta previa é imprescindible facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

c) O prazo de inscrición é de 15 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

A inscrición poderá realizarse ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos do curso, poderá completarse o alumnado asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, con suficiente antelación para que teña lugar unha adecuada selección das persoas candidatas.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp, a través dos números de teléfono: 886 20 61 12, 886 20 61 37 e 886 20 61 38, do fax: 886 20 61 23 ou do enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

e) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

6. Criterios de selección do alumnado participante.

Na selección terán preferencia:

1º Os integrantes das agrupacións de voluntarios de protección civil, e dentro delas as persoas de maior rango xerárquico.

2º Os integrantes dos servizos municipais ou supramunicipais de protección civil, e dentro deles as persoas de maior rango xerárquico.

Reservaranse o 50 % das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes. De non existir suficientes solicitudes de participación de mulleres, as prazas sobrantes acrecentarán as da quenda xeral.

7. Publicación das relacións do persoal seleccionado.

A Agasp publicará na súa páxina web http://agasp.xunta.es unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 59.6º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Ademais, para unha maior difusión serán informados da súa selección a través do correo electrónico e tamén, para quen facilite un número de teléfono móbil, a través de mensaxe telefónica.

As persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con cando menos 48 horas de antelación ao comezo desta. A dita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.emerxencias.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 23.

Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen, para as que reúnan os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp).

8. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

9. Faltas de asistencia.

O Regulamento de réxime interior da Agasp, mencionado na base número 8 desta convocatoria, regula no seu artigo 16 as faltas de asistencia nos cursos:

«1. A asistencia ás clases e actividades comprendidas no programa do curso é obrigatoria. As faltas que os/as alumnos/as acumulen deberán xustificarse debidamente, penalizándose disciplinariamente, en caso contrario.

2. O/a alumno/a que, por enfermidade ou algunha outra causa xustificada, perda máis do 10 % das clases do curso de formación será declarado non apto, e poderá incorporarse ao curso seguinte ou cando a causa determinante llo permita.

De ser necesario, e só nos casos en que a inasistencia ás clases estivese motivada por accidente ou lesión sufridos con ocasión da actividade académica, o director xeral poderá considerar a conveniencia ou a oportunidade de permitirlle ao/á alumno/a poder recuperar ata un determinado número de horas e participar posteriormente nun exame extraordinario para poder superar o curso sen ter que repetilo.

3. No entanto, aínda que as ausencias acumuladas non chegasen á porcentaxe sinalada, o/a alumno/a poderá verse obrigado a recuperar todas ou parte das horas perdidas ao longo do curso. Neste caso, a xefatura de ensino proporá ao director xeral o número de horas que se van recuperar, tendo en conta, en cada caso concreto, o tipo de xustificación presentada para cada ausencia, así como o número total destas e o comportamento e actitude do/a alumno/a ao longo do curso».

10. Certificado de aproveitamento.

Ao remate da actividade entregaráselles un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada e superen a proba final.

11. Financiamento da actividade.

Esta actividade é cofinanciada nun 80 % polo Fondo Social Europeo dentro do programa operativo Fondo Social Europeo de Galicia 2007-2013, no eixe 3, tema prioritario 72.

12. Facultades da Agasp.

A Agasp poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir o curso, ampliar novas edicións ou suspendelo temporalmente, cando así veña exixido por circunstancias que afecten á súa organización ou docencia.

A Estrada, 9 de abril de 2013

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridad Pública