Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Venres, 3 de maio de 2013 Páx. 13991

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 24 de abril de 2013 pola que se convoca a primeira práctica do plan anual de adestramento regulamentario para a seguranza no manexo das armas.

Dentro das actividades programadas para o ano 2013, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, de creación da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria da primeira práctica do plan anual de adestramento regulamentario para a seguranza no manexo das armas dos/as policías locais de Galicia, que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

• Obxectivos.

– Facilitar o cumprimento do disposto no artigo 11.4 da Lei 4/2007, de coordinación de policías locais.

– Dispoñer de persoal actualizado nas prácticas de armamento e tiro policial de defensa.

– Controlar a práctica anual e regulamentaria do cadro de persoal, mediante un control e unha cartilla de tiro individual.

– Establecer distintos niveis para categorías de tirador segundo a seguranza e habilidade que demostren no manexo das armas.

• Destinatarios/as.

A actividade vai dirixida aos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que teñan interese en cumprir co disposto no artigo 11.4. da Lei 4/2007, relativo a garantir unha adecuada preparación no uso da arma regulamentaria para o persoal dos corpos de policía local.

Para tal fin, a Dirección Xeral da Academia Galega de Seguridade Pública establece un plan anual de adestramento, en que se inclúen dúas prácticas anuais para o persoal dos concellos interesados.

• Solicitudes.

Os concellos interesados deberán remitir o formulario que se atopa na páxina web
http://agasp.xunta.es/es á Academia Galega de Seguridade Pública, avenida da Cultura, s/n, A Estrada (Pontevedra), antes do día 13 de maio de 2013.

As solicitudes poderán presentarse a través do fax da Agasp número 886 20 61 22, ou de acordo co previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As solicitudes deberán estar autorizadas pola alcaldía, concellaría ou xefe de persoal, segundo proceda.

Todos aqueles concellos que adquirisen recentemente armas regulamentarias para a policía local terán preferencia para efectuaren as prácticas regulamentarias, indispensables para un mellor coñecemento da nova arma e a adquisición da destreza suficiente para o seu manexo coa seguranza e habilidade necesarias.

• Medios.

Para o desenvolvemento da actividade, o alumnado deberá traer cadansúa arma regulamentaria da dotación e a munición correspondente para as prácticas. A Academia Galega de Seguridade Pública nomeará os profesores e instrutores necesarios.

• Determinación da data das prácticas.

A primeira práctica do plan terá lugar entre os días 27, 28, 29 e 30 de maio e 3, 6 e 10 de xuño, cun horario de 9.30 a 21.00 horas.

Configurado o calendario segundo as solicitudes recibidas, comunicarase aos concellos coa finalidade de que, pola a súa vez, informen con anticipación suficiente da relación nominal do persoal participante na práctica.

• Control e cartilla de tiro.

O control das prácticas do persoal xestionarano conxuntamente a Academia Galega de Seguridade Pública e a persoa designada polo concello.

Estableceranse niveis segundo a categoría e habilidade que cada tirador/a amose nos aspectos tanto de seguranza como de manexo das armas, niveis a que irá accedendo paulatinamente cada policía, se é o caso. Estes niveis constarán na cartilla ou documento de control que se dispoña para as prácticas de tiro, tal e como se indicaba no punto anterior.

• Lugar.

As prácticas desenvolveranse na galería de tiro da Academia Galega de Seguridade Pública, sita na avenida da Cultura, s/n, no concello da Estrada.

• Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento do plan anual de actualización para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 24 de abril de 2013

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública