Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Martes, 7 de maio de 2013 Páx. 14748

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 22 de abril de 2013 pola que se modifican as bases reguladoras aprobadas mediante Resolución do 7 de agosto de 2012 e se convocan para o ano 2013 as subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia promovidos por microempresas para o uso das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (en adiante, Agader) foi creada como instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia no fomento e a coordinación do territorio rural galego para mellorar as condicións de vida e contribuír a frear o seu despoboamento (disposición adicional 6ª da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo, modificada pola Lei 12/2008, do 3 de decembro, pola que se modifica a Lei 7/1996 e a Lei 5/2000 e máis pola Lei 15/2010, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas).

No marco das súas funcións, desenvolvidas no Decreto 79/2001, do 6 de abril, polo que se aproba o seu Regulamento, correspóndelle a Agader a xestión dos recursos destinados á dinamización das áreas rurais de Galicia.

O Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2007-2013 (PDR), aprobado pola Comisión Europea mediante a Decisión CE (2008) 703, do 15 de febreiro, prevé no eixe 3 diversas medidas dirixidas á mellora da calidade de vida nas zonas rurais e á diversificación da economía rural, cuxa xestión corresponde a Agader. Esas medidas están financiadas, igual que as restantes que integran o PDR, polo Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (Feader), xunto con fondos da Comunidade Autónoma de Galicia e da Administración Xeral do Estado.

Esta convocatoria forma parte dun réxime de axudas amparadas no Regulamento (CE) 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías, Diario Oficial de la Unión Europea (DOUE) L nº 214, do 9 de agosto), que foi comunicado á Comisión Europea e rexistrado co nº X475/2009 (DOUE C nº 5, do 9 de xaneiro de 2010).

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) é un ente de dereito público dos sinalados no artigo 12 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobada polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro. O seu director xeral ten delegada a aprobación dos procedementos de selección de actuacións con cargo aos recursos que lle sexan asignados para o desenvolvemento do medio rural, así como a súa xestión orzamentaria e a súa distribución, segundo o acordo do Consello de Dirección do 21 de xuño de 2007 (DOG nº 134, do 11 de xullo).

Ademais, o pasado ano foi publicada a Resolución do 7 de agosto de 2012 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia promovidos por microempresas para o uso das tecnoloxías da información e as comunicacións, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e se anuncia a convocatoria para o ano 2012 (DOG nº 157, do 20 de agosto). Co fin de resolver aquelas solicitudes de axuda que a causa da coincidencia no tempo de catro convocatorias e ao gran número de expedientes manexados non foi posible resolver, inclúese na presente convocatoria o crédito orzamentario necesario para poder resolver os expedientes de subvención presentados e non resoltos ao abeiro da dita convocatoria, en consecuencia, e no uso das facultades que me foron conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

1. Convocar para o ano 2013, en réxime de concorrencia competitiva, as subvencións para o uso das tecnoloxías da información e as comunicacións, cofinanciadas con Feader.

2. Aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a presente convocatoria que se xuntan como anexo I. Estas bases coinciden coas aprobadas por Resolución do 7 de agosto de 2012 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia promovidos por microempresas para o uso das tecnoloxías da información e as comunicacións, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e se anuncia a convocatoria para o ano 2012 (DOG nº 157, do 20 de agosto), agás as modificacións recollidas nos artigos 8.b), 8.c), 14.l) e 15.a).

3. Aprobar os formularios para xestionar esta convocatoria, que se xuntan a esta resolución como anexo II.

4. Resolver, con cargo á presente resolución, as subvencións solicitadas ao abeiro da Resolución do 7 de agosto de 2012 máis arriba citada (DOG nº 157, do 20 de agosto).

Segundo. Financiamento

A dotación máxima para financiar esta convocatoria é de cincocentos corenta e seis mil euros (546.000 euros), con cargo á aplicación orzamentaria 2013-12A1-712A-7700 (conta orzamentaria 02.01 02/31/21.656701).

Este crédito está cofinanciado nun 75 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco da medida 312 do eixe 3«Creación e desenvolvemento de microempresas», do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2007-2013.

A contía indicada poderá incrementarse en función das solicitudes presentadas e sempre que teña lugar unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa, segundo recolle o artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita lei, e publicarase no DOG o aludido incremento na súa contía.

Terceiro. Prazo para presentar as solicitudes e a documentación xustificativa

As solicitudes dirixiranse ao director xeral de Agader e presentaranse nos modelos normalizados que se inclúen como anexo II da presente resolución.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

O prazo límite para a execución dos investimentos vinculados aos proxectos subvencionados e para a xustificación dos gastos será o 30 de agosto de 2013.

Cuarto. Disposicións adicionais

Primeira. As solicitudes de subvencións presentadas ao abeiro da Resolución do 7 de agosto de 2012 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia promovidos por microempresas para o uso das tecnoloxías da información e as comunicacións, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e se anuncia a convocatoria para o ano 2012 (DOG nº 157, do 20 de agosto), respecto dos cales non se ditou resolución expresa de concesión da axuda a causa da coincidencia no tempo de catro convocatorias e ao gran número de expedientes manexados, poderanse acollerse á presente convocatoria e serán tramitadas e resoltas ao abeiro desta. Só poderán ser beneficiarios desta convocatoria as solicitudes que se correspondan con investimentos a executar no presente exercicio orzamentario (2013).

Para iso as empresas solicitantes deberán realizar unha solicitude expresa neste sentido dentro do prazo de presentación de solicitudes establecido no punto terceiro da presente Resolución e acreditar os requisitos establecidos. Estas solicitudes suporán a renuncia da empresa interesada á solicitude de subvención aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia promovidos por microempresas para o uso das tecnoloxías da información e as comunicacións presentada na convocatoria de 2012 ao abeiro da Resolución do 7 de agosto de 2012, acordándose concluso o procedemento iniciado ao abeiro da citada normativa.

Estas solicitudes resolveranse, en calquera caso, segundo a normativa en vigor no momento de ser presentadas.

Segunda. Información aos interesados. Sobre este procedemento administrativo, que ten o código MR706A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través das seguintes canles:

a) Páxina web oficial da Agader (http://agader.xunta.es), no seu apartado de «liña de axudas».

b) O teléfono 981 54 73 82 de Agader.

c) Presencialmente, nas dependencias de Agader, no lugar da Barcia, nº 56, Laraño, 15897 Santiago de Compostela

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outros procedementos, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia que é o 012 (desde fóra de Galicia o 902 12 00 12).

Terceira. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o Consello de Dirección de Agader, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, ou recurso contencioso administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da citada publicación no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. Disposición derradeira

Esta resolución aplicarase desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2013

P.D. (Resolución do 2.7.2007; DOG nº 134, do 11 de xullo)
Antonio Crespo Iglesias
Director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva,
das subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia promovidos por microempresas para o uso das tecnoloxías da información
e as comunicacións, para para o período 2012-2014

Artigo 1. Obxecto das subvencións

As subvencións reguladas nestas bases teñen por obxecto potenciar o uso das tecnoloxías da información e as comunicacións por parte das empresas de menos de 10 traballadores que estean situadas nas áreas rurais de Galicia.

Artigo 2. Requisitos e regras xerais

Todos os proxectos subvencionables deberán cumprir os requisitos seguintes:

a) Que non estean iniciados na data de presentación da solicitude da axuda.

b) Que se desenvolvan no territorio de Galicia exceptuando as zonas incluídas nos perímetros urbanos, definidos como tales no planeamento urbanístico vixente, das cidades de Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.

c) Que sexan finalistas, é dicir, que no momento da certificación final cumpran os obxectivos e funcións para os que se lle concedeu a axuda.

d) Que sexan viables técnica, económica e financeiramente.

e) Que se axusten ás especificacións indicadas nas presentes bases.

f) Que o promotor do proxecto non teña sido sancionado pola Consellería do Medio Rural e do Mar pola comisión de infraccións en materia de subvencións no prazo dun ano se a infracción foi cualificada como leve, de dous anos se a infracción foi cualificada como grave ou tres anos se a infracción foi cualificada como moi grave. Os prazos computaranse desde a data de remate de presentación das solicitudes.

As subvencións reguladas nestas bases están financiadas con fondos Feader e, polo tanto, serán incompatibles con calquera outra axuda que, para o mesmo gasto ou investimento, leve cofinanciamento comunitario, independentemente do fondo de procedencia e a súa tipoloxía (subvención directa, bonificación de xuros ...). Tamén serán incompatibles con outras axudas encadradas en calquera dos outros eixos do PDR. Igualmente, os préstamos do Banco Europeo de Investimentos (BEI), aínda sendo compatibles para un mesmo proxecto, son incompatibles para un mesmo gasto específico.

Coa salvidade anterior, as subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán compatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, tanto de orixe pública como privada, sempre que a intensidade máxima das axudas con fondos públicos non exceda do 50 % do importe elixible do proxecto.

Os beneficiarios das axudas, de ser o caso, estarán suxeitos ao réxime sancionador previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia en adiante LSG) e desenvolto no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da LSG.

Artigo 3. Proxectos subvencionables e non subvencionables

a) Descrición dos proxectos subvencionables.

As axudas están destinadas á implantación de equipamento físico (hardware) e aplicacións informáticas (software) nas microempresas que desenvolvan a súa actividade económica no rural, para que aproveiten as tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC) xunto con acceso á internet de calidade, no seu proceso de negocio.

Só se valorarán aquelas solicitudes que representen un investimento subvencionable de cando menos 4.000 euros (sen IVE).

b) Consideracións xerais.

Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados entre a data de presentación da solicitude e a data límite de xustificación de cada ano para o que se pide a subvención. Todos os investimentos deberán estar plenamente realizados, operativos e verificables na data límite de xustificación do proxecto.

O órgano xestor terá acceso á totalidade das tarefas realizadas para os efectos de comprobación dos proxectos subvencionables, tanto durante a execución dos mesmos como con posterioridade á súa xustificación.

Non se subvencionarán proxectos plurianuais. Os proxectos aprobados deben executarse dentro do ano no que se presenta a solicitude (2012, 2013 ou 2014).

c) Gastos subvencionables:

1º. Equipos electrónicos da rede de datos de área local (LAN) da empresa: ordenadores servidores da rede, equipos de comunicacións en rede de cobre ou óptica (switches, routers, amplificadores etc.), equipos de comunicacións de rede sen fíos (puntos de acceso, concentradores etc).

2º. Equipos para a seguridade da rede de datos da empresa: dispositivos fixos de almacenamento da información e barreiras de seguridade (firewalls).

3º. Elementos do cableado estruturado: cable de datos trenzado, fibra óptica, tomas de rede, armarios bastidores, sistemas de alimentación ininterrompida (SAI) nos bastidores, certificacións da rede de cobre ou óptica.

4º. Subministración e instalación de licenzas de software no equipamento hardware do solicitante.

d) Gastos non subvencionables:

1º. Páxinas web.

2º. Licenzas de software ofimático (procesador textos, cálculo, presentacións, fotografía, debuxo).

3º. Elementos de usuario (ordenadores persoais, SAIs de usuario, terminais móviles, tabletas PC, cámaras de vídeo ou fotografía etc.) e outros equipos de uso individual ou compartido (impresoras, fotocopiadoras, escáner etc.).

4º. Elementos de rede de datos, cableado e rede sen fíos que non sexan para uso exclusivo e interno da empresa solicitante.

5º. Elementos funxibles ou removibles (discos, cintas etc.) ou gastos xerais.

6º. Servizos de mantemento ou garantía adicional sobre os elementos adquiridos.

7º. Conceptos tales como cotas de conexión, mantemento ou hospedaxe.

8º. Calquera gasto respecto do cal non sexa posible identificar o alcance concreto deste, tipo de subministración, características técnicas diferenciadoras, ou no que figuren incluídos e sen cuantificar outros gastos non subvencionables.

Artigo 4. Tipo e intensidade da axuda

A intensidade da axuda será como máximo do 50 % dos investimentos subvencionables recollidos na solicitude, e ata un máximo de 30.000 euros de subvención por beneficiario.

Os proxectos admitidos recibirán unha porcentaxe de subvención en función dos puntos obtidos na valoración, segundo os criterios recollidos nestas bases.

Estas axudas están amparadas, no Regulamento (CE) 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto de 2008, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías).

Artigo 5. Beneficiarios

a) Poderán solicitar e beneficiarse das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases reguladoras, as empresas privadas, xa sexan persoas físicas ou xurídicas, legalmente constituídas, que teñan domicilio e alta fiscal no IAE para a súa actividade económica en Galicia e que acrediten coa solicitude de axuda o cumprimento dos seguintes requisitos:

1º. Ter domicilio e/ou alta fiscal dentro do territorio rural galego, entendendo por tal o descrito no artigo 2.b).

2º. Dispor de menos de 10 traballadores no cadro de persoal, incluindo os de alta no Réxime xeral da Seguridade Social e os que deban estar no Réxime especial de traballadores autónomos, e non superar os 2 millóns de euros para o volume de negocio anual ou o balance xeral anual, isto é, débese cumprir coa condición de microempresa segundo a normativa comunitaria (Regulamento (CE) 800/2008).

3º. Dispor de contrato de conexión a internet de alta capacidade ou estar en condicións de dispor de conexión antes da data límite de xustificación da subvención.

b) Non poderán ser beneficiarias as agrupacións de persoas xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade que careza de personalidade xurídica propia, así como as persoas xurídicas que non teñan ánimo de lucro, aínda que realicen actividade económica.

Igualmente, non poderán obter a condición de beneficiario aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da LSG. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado, con independencia das comprobacións que preceptivamente deba efectuar o órgano xestor.

As empresas que sexan beneficiarios nunha anualidade baixo este réxime de axudas non poderán ser beneficiarios nos seguintes anos previstos nesta convocatoria, con independencia de que finalmente executasen adecuadamente ou non o proxecto concedido.

c) Non poderán ter a condición de beneficiarios as entidades que entren dentro da categoría de empresas en crise, ao abeiro da definición do artigo 1 punto 7 do Regulamento xeral de exención por categorías. Tampouco poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

d) Tampouco poderán ter a condición de beneficiarios aquelas microempresas excluídas pola Comisión Europea no artigo 1 do Regulamento 800/2008, no artigo 1 do Regulamento 875/2007 e no artigo 1 do Regulamento 1535/2007.

Artigo 6. Solicitudes

As solicitudes presentaranse no modelo normalizado (modelo A) que se inclúe no anexo II desta resolución. Este modelo validado pola aplicación informática valerá tanto para a presentación en papel, unha vez impreso, coma para a presentación electrónica.

As solicitudes poderán presentarse mediante sinatura electrónica do representante legal da entidade solicitante, na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, seleccionando o procedemento MR706A, sede á que tamén se pode acceder no enderezo da internet http://agader.xunta.es

Poderanse cubrir e obter os formularios a través da aplicación informática ata as 14.00 horas do día de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

En lugar da presentación electrónica, as solicitudes tamén poderán presentarse en formato papel preferentemente no Rexistro Xeral de Agader ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (en adiante, Lei 30/1992).

De ser o caso, e optar pola presentación en papel, toda a documentación entregarase sen encadernar, obviando espirais, carpetas clasificadoras, peches térmicos, canutos etc.

Cada empresa só poderá presentar unha única solicitude dentro do período de solicitude de cada ano. No caso de que un mesmo solicitante presente máis dunha solicitude, só se admitirá a trámite a solicitude que tivese entrada en último lugar ante á Administración.

a) Documentación xurídico-administrativa da empresa solicitante.

1º. NIF da entidade solicitante en vigor.

2º. Documento acreditativo de que a persoa que asina a solicitude representa a entidade solicitante, agás no caso de empresarios individuais.

Este documento poderá xustificarse achegando un certificado expedido polo Rexistro Mercantil ou outros rexistros públicos necesario para ter personalidade xurídica (Rexistro de Cooperativas, Rexistro de Sociedades Laborais etc.) no que se identifique aos representantes ou apoderados da entidade solicitante, así como o alcance de dita representación e vixencia. De non achegarse o dito certificado deberá achegarse a escritura pública de outorgamento do poder ou, de ser o caso, o do nomeamento do representante, debendo estar en vigor na data de presentación da solicitude e presentarse íntegra, debendo figurar expresamente a súa inscrición no rexistro que legalmente lle puidese corresponder.

3º. DNI das persoas que asinan a solicitude, sen prexuízo do dereito a non presentar este documento segundo o Decreto 255/2008 (DOG nº 221, do 13 de novembro) e a Orde do 12 de xaneiro de 2012 (DOG nº 10, do 16 de xaneiro). Os estranxeiros residentes presentarán o NIE.

4º. Informe da vida laboral da conta (ou contas) de cotización da entidade solicitante que comprenda os 12 meses anteriores ao de presentación da solicitude, así como os xustificantes de ingreso dos traballadores autónomos.

5º. Modelo 036 de declaración censual.

Non será necesario que os solicitantes presenten a documentación que xa conste en poder de Agader, sempre que indiquen os datos que permitan localizala e non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

b) Documentación técnica relativa ao proxecto, consistente en:

1º. Memoria técnica explicativa, na que se detallarán todos os aspectos inherentes ao desenvolvemento do proxecto e que serán obxecto de valoración competitiva. A devandita memoria terá unha extensión máxima de 20 páxinas.

Esta memoria técnica presentarase con carácter voluntario, para mellorar a explicación do proxecto. No caso de que o solicitante non a achegue dentro do prazo de presentación de solicitudes entenderase que solicita expresamente a valoración do seu proxecto coa información dispoñible no formulario normalizado (modelo C).

2º. Acreditación de contrato a internet de alta capacidade. Debe achegar copia da última factura mensual na que se recolla o servizo de conexión a internet de alta capacidade. No caso de concorrer as circunstancias excepcionais de imposibilidade de servizo agás por conexión de satélite, deberá achegar oferta dun provedor de conexión vía satélite, que acredite que está en condicións de dispor de conexión vía satélite antes da data límite de xustificación da subvención.

3º. Plano do Sixpac indicando as coordenadas do proxecto.

c) Documentación económica identificativa das contías dos investimentos.

1º. Declaración, segundo documento normalizado (modelo B), doutras axudas concedidas e/ou solicitadas a outras entidades públicas e/ou privadas para o mesmo proxecto, debéndose indicar a orde de axudas correspondente, así como a data da resolución de concesión e, de ser o caso, de pagamento da axuda. No mesmo modelo tamén se declarará que non concorren as circunstancias previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da LSG.

2º. Orzamento detallado, ordenado e agrupado por partidas, en documento normalizado (modelo D), dos gastos necesarios para a execución do proxecto.

3º. Non terán a consideración de orzamentos as estimacións de gastos realizadas polo solicitante e que carezan do soporte da oferta do provedor ou tarifa oficial do gasto.

4º. Cando o gasto subvencionable supere a contía establecida no artigo 183.3 do Real decreto 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público –18.000 euros cando se trate doutros contratos diferentes aos de obra civil–, deberán presentarse tres ofertas como mínimo (modelo E), de diferentes provedores, salvo que polas especiais características dos gastos non existan no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten. Cando o beneficiario teña a obriga de solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores deberá xustificar nunha memoria a elección da oferta cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

5º. Cando polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que os subministren ou presten, e non se poidan achegar as tres ofertas a que se refire o punto 3.4 anterior, deberá acreditarse expresamente este feito polo solicitante achegando dentro da memoria económica un certificado expedido polo provedor no que se recolla que é o único provedor existente no Estado. O órgano xestor poderá non aceptar tal circunstancia se considera que non está debidamente motivada ou non queda debidamente acreditada a súa xustificación.

As ofertas presentadas e os provedores escollidos supoñen unha documentación vinculante para o desenvolvemento do proxecto no caso de ser beneficiario da axuda. Non se considerarán subvencionables, parcial ou totalmente, aqueles investimentos dos que non se presente documentación económica completa conforme o aquí recollido.

d) Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente para a correcta avaliación do proxecto.

e) A presentación da solicitude de axuda comportará a autorización do solicitante para que Agader obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos, polo que queda liberado o solicitante de achegar as correspondentes certificacións. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento; daquela, deberá entregar a certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma. Se logo das xestións efectuadas polo órgano xestor se obtivese un resultado negativo da dita información, non fose válida, tivera erros ou resultase inexistente nos termos identificados inicialmente polo solicitante, será requirida para que achegue dita documentación.

De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá o interesado para que a repare no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaralle que se non o fixese se lle terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da citada lei.

Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderá requirirse ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

Artigo 7. Consentimentos e autorizacións

a) A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación do contido da convocatoria e das bases reguladoras, así como a asunción da veracidade dos datos nela recollidos e a responsabilidade sobre a inclusión dos ditos datos, mesmo a responsabilidade que se asume por posibles erros realizados a título de simple neglixencia.

b) De conformidade co previsto no artigo 15 da LSG, e do artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega Agader publicará no DOG e na súa páxina web as subvencións concedidas ao abeiro destas bases, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos de carácter persoal e da súa publicación. Ademais, de acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a solicitude da axuda recollerá o consentimento expreso para que os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas, de ser o caso, sexan incluídos e feitos públicos no citado rexistro, que depende da Consellería de Facenda.

Artigo 8. Instrución do procedemento

a) Os actos de instrución necesarios para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución realizaranse de oficio pola Subdirección de Coordinación e Planificación para o Desenvolvemento Rural.

b) Tendo en conta o recollido no artigo 24.2.d) do Regulamento 65/2011 da Comisión, do 27 de xaneiro, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698 do Consello, o órgano instrutor poderá comprobar, na fase de instrución, e deixando constancia na correspondente listaxe de verificación, o valor de mercado dos gastos subvencionables mediante a comparación de ofertas comerciais ou de custos de proxectos similares, prezos coñecidos de mercado ou por calquera dos medios previstos no artigo 30.5 da LSG.

c) Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán valorados en réxime de concorrencia competitiva, conforme os criterios de adxudicación e baremación previstos nestas bases por unha comisión de avaliación.

A comisión de avaliación estará composta polo director xeral de Agader, ou persoa en quen delegue, que a presidirá; o secretario xeral de Agader, que actuará de secretario desta, con voz e sen voto; as/os titulares das subdireccións de Relación cos Grupos de Desenvolvemento Rural e de Planificación e Dinamización do Medio Rural de Agader, ou persoas que os substitúan; as/os titulares da Área de Sociedade Dixital e do Departamento da Sociedade da Información e do Departamento da Sociedade da Información da Amtega, ou persoas que os substitúan.

A comisión poderá estar asistida por expertos externos que estarán suxeitos ao mesmo réxime de confidencialidade e ás mesmas causas de abstención que os traballadores públicos.

Así mesmo, a comisión poderá dispoñer a constitución dunha subcomisión técnica para os efectos de colaborar na revisión e valoración dos documentos achegados xunto coa solicitude.

d) Poderán excluírse os proxectos que, logo da súa valoración de acordo cos criterios aplicables non teñan a calidade e viabilidade técnica necesaria para dar cumprimento aos obxectivos previstos nestas bases reguladoras.

e) Unha vez avaliadas as solicitudes, a comisión de avaliación emitirá informe no que se concrete o resultado da avaliación efectuada. O órgano instrutor elevaralle o dito informe xunto coa proposta de resolución ao órgano competente para resolver.

f) A proposta de resolución expresará de forma motivada a relación de proxectos para os que se propón a concesión da axuda, coa identificación, en relación a cada proxecto, do beneficiario, fontes de financiamento, importe e porcentaxe da subvención proposta respecto dos conceptos, a súa avaliación e os criterios de valoración seguidos para efectuala. De ser o caso, contará cunha lista dos proxectos admitidos que non acadaran subvención polo esgotamento do orzamento dispoñible. Así mesmo, expresará, de xeito motivado, a relación de proxectos para os que non se propón a concesión de subvención, por falta de documentación, por non reunir os requisitos ou por non acadar a puntuación mínima necesaria.

g) No suposto de que algún beneficiario renuncie á subvención concedida ou decaia no dereito á súa percepción, os créditos liberados poderán asignarse por orde decrecente de puntuación aos proxectos admitidos que non obtivesen subvención por esgotamento do crédito previsto.

Artigo 9. Resolución e notificación das solicitudes

O director xeral de Agader resolverá motivadamente a selección dos proxectos. O prazo para ditar resolución expresa e notificala aos interesados será de cinco meses contados desde o día seguinte a aquel en que remate o prazo para presentación das solicitudes. O interesado poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo transcorrido o prazo anterior sen que se teña notificado a resolución expresa.

Ademais de publicarse no DOG as subvencións concedidas ao abeiro destas bases, as notificacións vinculadas a este procedemento, ao tratarse dun procedemento selectivo de concorrencia competitiva e acolléndose ao recollido no artigo 59 da LRXAP, faranse a través do taboleiro de anuncios da sede da Agader (lugar da Barcia, nº 56, Laraño, 15897 Santiago de Compostela) e na web de Agader http://agader.xunta.es

Nas notificacións indicarase de modo expreso que a subvención é concedida en virtude dun programa cofinanciado polo Feader, e o eixe do PDR de Galicia no que se enmarca o proxecto.

Notificada a resolución, e sen prexuízo dos recursos que procedan, transcorridos quince días naturais desde a notificación ou publicación desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á subvención (modelo F), entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992.

Artigo 10. Criterios de baremación

Os criterios de valoración que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión da subvención de aqueles proxectos que reúnan todos os requisitos exixidos nas presentes bases, serán os seguintes:

a) Localización xeográfica do proxecto: 10 puntos.

Valorarase a variación da poboación do concello no período 2005-2010 segundo os datos do INE.

Asignación de puntuación para a variación da poboación:

– Concellos cunha caída da poboación igual ou maior ao 10 %: 10 puntos.

– Concellos cunha caída da poboación igual ou maior ao 7,5 % e menor do 10 %: 8 puntos.

– Concellos cunha caída da poboación igual ou maior ao 5 % e menor do 7,5 %: 6 puntos.

– Concellos cunha caída da poboación igual ou maior ao 2,5 % e menor do 5 %: 4 puntos.

– Concellos cunha caída da poboación igual ou maior que 0 e inferior a 2,5 %: 2 puntos.

– Concellos que incrementan poboación: 0 puntos.

Os proxectos que non teñan localización física determinada terán 0 puntos por localización xeográfica.

b) Descrición e calidade do proxecto (0 a 40 puntos).

Segundo a información dispoñible nos formularios normalizados, na documentación económica e, de ser o caso, na memoria técnica que presente con carácter voluntario, valoraranse os seguintes elementos:

– Descrición do proxecto e das melloras esperadas (ata 10 puntos).

– Concreción e claridade da información facilitada (ata 20 puntos).

– Nivel de detalle dos orzamentos dos provedores (ata 10 puntos).

c) Páxina web do solicitante (0 a 15 puntos, máximo).

Só se valorará a páxina web do solicitante se figura de xeito claro o nome ou razón social, o NIF, o domicilio e, de ser o caso de persoas xurídicas, os datos de inscrición no Rexistro Mercantil ou aquel que corresponda, valorándose os seguintes elementos:

– Páxina web cun dominio propio (ata 2 puntos).

– Plano/mapa de situación da empresa (ata 2 puntos).

– Multiidioma (ata 2 puntos).

– Catálogo ou relación polo miúdo de produtos e servizos (ata 2 puntos).

– Cesta de compra ou opción de comercio electrónico (ata 2 puntos).

– Acceso a áreas privadas con claves ou certificados electrónicos (ata 2 puntos).

– Visibilidade de certificados de calidade da empresa en normas ISO (ata 2 puntos).

– Visibilidade doutros certificados distintos de normas ISO (ata 2 puntos).

– Accesibilidade ao contido na web e selos de accesibilidade (ata 2 puntos).

d) Capacidade técnica acreditada na presentación (0 a 5 puntos).

Solicitude presentada ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, sen que sexa necesaria a súa rectificación nin petición de documentación complementaria en papel (5 puntos).

A valoración máxima dos criterios anteriores pode acadar os 70 puntos. Adicionalmente, considerarase o impulso do código libre e software de fontes abertas, así como o emprego da lingua galega na execución das actividades. Estes criterios adicionais serán aplicados en porcentaxe sobre a valoración acadada nos puntos anteriores, do seguinte xeito:

– Impulso ao código libre e ao software de fontes abertas (FLOSS) (0 a 15 % adicional).

Nivel de uso de ferramentas FLOSS para a execución do proxecto.

– Emprego da lingua galega na realización das actividades (0 a 15 % adicional).

Compromiso, con carácter voluntario e recollido no modelo C, de utilización da lingua galega na realización das actividades sobre as que se solicita a axuda.

Artigo 11. Réxime de recursos

As resolucións dos procedementos instruídos ao abeiro destas bases esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpor os seguintes recursos:

Potestativamente, recurso de reposición ante o Consello de Dirección de Agader, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da recepción da notificación, se a resolución é expresa. Se non o é, o prazo será de tres meses contado desde o día seguinte a aquel no que se produzan os efectos do silencio administrativo.

Directamente, recurso contencioso administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela que corresponda, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación, se a resolución é expresa. Se non o é, o prazo será de seis meses, contados desde o día seguinte a aquel no que se entenda desestimada a solicitude por silencio administrativo.

Artigo 12. Modificación da subvención

Toda alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da subvención concedida. En particular, a variación do orzamento aceptado por Agader e a obtención concorrente de subvencións, axudas ou recursos outorgados por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da subvención concedida. Tamén dará lugar á modificación da subvención a alteración das condicións establecidas na resolución de adxudicación da subvención.

Unha vez recaída a resolución de concesión e, en todo caso, antes de que remate o prazo para a realización do proxecto, o beneficiario poderá solicitar a modificación do seu contido, debéndose achegar xunto coa solicitude de modificación un novo exemplar actualizado e asinado do modelo G, para acreditar a non vinculación cos provedores.

No suposto de que as novas circunstancias afecten criterios tidos en conta no baremo, procederase a rebaremar o proxecto, podendo, neste caso, dar como resultado unha modificación, á baixa, da subvención concedida ou a perda do dereito a esta.

Para a modificación da resolución de concesión non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución tiveron lugar con posterioridade a ela.

Os beneficiarios terán a obrigar de comunicar a Agader calquera alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión da subvención.

A modificación poderase autorizar sempre que:

– A modificación solicitada non desvirtúe a finalidade da axuda e non supoña incremento do orzamento,

– Non exista prexuízo a terceiros, e

– Os novos elementos e circunstancias que motivan a modificación, de concorrer na concesión inicial, non supuxeran a denegación da axuda.

A conformidade expresa da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural ás mencionadas modificacións só será outorgada cando non se altere significativamente o proxecto inicial e se cumpran os requisitos antes indicados.

Artigo 13. Obrigas dos beneficiarios

Con carácter xeral, son obrigas dos beneficiarios as establecidas no artigo 11 da LSG e, en particular, as establecidas nestas bases reguladoras e na resolución de concesión.

a) Cando un beneficiario non poida executar o proxecto deberá renunciar á subvención. A non renuncia poderá conducir á instrución dun expediente sancionador en materia de subvencións.

b) Realizar o proxecto ou adoptar o comportamento que fundamente a concesión da subvención.

c) Acreditar, ante Agader, a realización do proxecto ou a adopción do comportamento que fundamente a axuda así como dos requisitos ou condicións que determinen a concesión da axuda, no prazo sinalado na convocatoria ou excepcionalmente o que se sinale na resolución, cando esta sexa consecuencia da estimación dun recurso potestativo de reposición.

d) Atoparse con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes da correspondente proposta de pagamento, ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. No caso que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3 da LSG, desen como resultado que o solicitante ou o beneficiario ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións requirirase ao solicitante ou beneficiario para que regularice a situación e presente por si mesmo o correspondente certificado.

e) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar Agader, ás de fiscalización e control que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa axuda concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e, se é o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

f) Comunicar a Agader a obtención de subvencións ou axudas, que financien o proxecto subvencionado, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Estas comunicacións deberán efectuarse tan pronto como se coñezan e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

g) Os beneficiarios estarán obrigados a levar un sistema de contabilidade separado ou ben un código contable axeitado para todas as transaccións relativas ao proxecto subvencionado (artigo 75.1.c.i do Regulamento (CE) 1698/2005), coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de control e comprobación da pista de auditoría sobre os gastos.

h) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, polo menos, durante o período de permanencia dos investimentos.

i) Con carácter xeral, o beneficiario está obrigado a respectar o destino do investimento, polo menos, os 5 anos posteriores á data da resolución de pagamento final, salvo que existan prazos de maior amplitude aplicables no ámbito da Xunta de Galicia para proxectos determinados, caso no que se aplicarán estes.

Os bens subvencionados quedarán afectos á actividade subvencionada un mínimo de cinco anos desde a resolución de pagamento final, salvo que existan prazos de maior amplitude aplicables no ámbito da Xunta de Galicia para proxectos determinados, caso no que se aplicarán estes.

Esta condición non impedirá a substitución de instalacións ou equipos que queden obsoletos, dentro dese prazo de cinco anos, debido á rápida evolución da tecnoloxía, sempre e cando a actividade económica se manteña en Galicia durante este período mínimo.

k) Sempre que a empresa dispoña de páxina web deberá facer mención expresa nesta de que foi beneficiaria dunha subvención con fondos Feader, incluíndo os logotipos das entidades financiadoras, a bandeira europea e o lema «Feader: Europa inviste no rural». Agader facilitará modelos aos beneficiarios ao través da súa páxina web.

l) Os beneficiarios en ningún caso poderán concertar a execución total ou parcial das actividades subvencionadas nos supostos recollidos no artigo 27.7 da LSG.

Artigo 14. Xustificación e pagamento das axudas

a) O beneficiario xustificará a subvención documentalmente, presentará toda a documentación requirida e solicitará o pagamento mediante a presentación do modelo H. A solicitude presentarase en formato papel preferentemente no Rexistro Xeral de Agader ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992.

b) Cando o importe que se derive da solicitude de pagamento presentada polo beneficiario exceda en máis do 3 % da comprobación efectuada por Agader sobre a admisibilidade dos gastos, aplicarase unha redución adicional pola diferenza entre ambos os importes.

c) Para cada un dos gastos realizados achegaranse as facturas orixinais ou documentos probatorios de valor equivalente e os documentos xustificativos que aseguren a efectividade do pagamento. Agader selará as facturas indicando a subvención para cuxa xustificación foron presentadas e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención, indicando, neste último caso, a porcentaxe que resulte afectada pola subvención e, posteriormente, devolveraas ao promotor.

Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

1º. Xustificante bancario do pagamento polo beneficiario (transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo polo portelo, certificación bancaria), no que conste o número da factura obxecto de pagamento, a identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir co beneficiario da axuda, e a identificación do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

2º. Efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado. Neste caso, achegarase copia do efecto mercantil acompañada da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto etc.) na que conste claramente que o efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

Non se admitirán como xustificantes os obtidos a través de Internet se non están validados pola entidade bancaria.

Non se admitirán pagamentos en metálico, nin mediante arrendamento financeiro (leasing, renting etc.).

No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura á cal se imputa o pagamento.

No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, a xustificación do pagamento realizarase mediante a achega do correspondente extracto bancario, acompañado dun dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco.

d) Os gastos xustificados deberán ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas por Agader na resolución de concesión da subvención e responder de xeito indubidable á natureza do proxecto subvencionado. Sen necesidade de instar procedemento de modificación da subvención, Agader poderá aceptar variacións nas partidas de gasto aprobadas, coa condición de que as variacións non superen en conxunto o 20 % do orzamento, que non aumente o importe total do gasto aprobado e que non desvirtúen as características do proxecto e condicións que foron tidas en conta para a resolución de concesión.

e) Se o beneficiario xustifica conceptos e elementos subvencionables aprobados que representen menos do 60 % do importe do investimento subvencionable, entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, perderá o dereito de cobramento da subvención. Se a xustificación é superior ao 60 %, pero sen acadar o 100 % do investimento subvencionable, percibirá a subvención proporcional correspondente ao investimento xustificado admisible, sempre que cumpra o resto das condicións de concesión e a finalidade ou obxectivos para os que se concedeu a axuda.

f) Na fase de xustificación do gasto Agader poderá contrastar os prezos achegados polo beneficiario por calquera dos medios previstos no artigo 30, punto 5, da LSG co fin de comprobar que os gastos subvencionables se axustan ao valor de mercado. En caso de discrepancia minoraranse os importes aprobados na concesión da axuda.

g) Coa xustificación deberase xuntar unha relación dos equipos subvencionados na que conste a marca, modelo e número de serie ou referencia equivalente para a súa identificación (modelo I). Estes mesmos datos deben figurar, ademais, na correspondente factura.

h) Copia de factura do servizo de conexión a internet de alta capacidade, contratado polo beneficiario. Esta factura será a última de que dispoña anterior a data de xustificación.

i) No momento da xustificación final da execución do proxecto, e en calquera caso antes do derradeiro pagamento, o beneficiario volverá presentar a declaración contida no modelo B sobre o conxunto das axudas solicitadas para o mesmo proxecto.

k) No caso de que o solicitante denegase expresamente a autorización ao órgano xestor para que solicite de oficio os certificados de que se atopa ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma nin é debedor por resolución de procedencia de reintegro, deberá achegar estas certificacións.

l) De non autorizar o solicitante a oportuna consulta á Axencia Estatal da Administración Tributaria por parte de Agader para obter a información necesaria, de cara a levar unha correcta cuantificación dos indicadores do PDR de Galicia 2007-2013, coa xustificación deberase xuntar, segundo o caso, a seguinte documentación:

Persoas físicas. Declaracións do IRPF ou rexistros contables sobre ingresos e gastos correspondentes aos seguintes exercicios: exercicio no que se finaliza o investimento subvencionado (ano n); dous exercicios posteriores a aquel no que se finaliza o investimento subvencionado (ano n+2).

Persoas xurídicas. Contas de perdas e ganancias dos seguintes exercicios: exercicio no que se finaliza o investimento subvencionado (ano n); dous exercicios posteriores a aquel no que se finaliza o investimento subvencionado (ano n+2).

m) Todas as operacións de investimento incluirán unha visita in situ para comprobar o remate do proxecto obxecto da solicitude de pagamento en cumprimento do Regulamento 65/2011 da Comisión, do 27 de xaneiro; ademais terase en conta o disposto no artigo 30.2 da LSG. Os gastos xustificados deben coincidir cos compromisos adquiridos segundo a resolución de concesión da subvención.

Artigo 15. Reintegro da subvención

a) Procederá o reintegro das contías percibidas indebidamente e a esixencia dos xuros de demora nos supostos previstos no artigo 33.1 da LSG. Estes xuros calcularanse en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para o beneficiario indicado na orde de recuperación, que non poderá fixarse en máis de 60 días, e a data de reembolso ou dedución (Regulamento (UE) nº 937/2012 da Comisión, do 12 de outubro).

Así mesmo, procederá o reintegro do exceso percibido, así como o xuro de demora correspondente, nos supostos nos que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade subvencionada.

O procedemento de reintegro tramitarase nos termos previstos no artigo 77 do Decreto 11/2009.

b) Non procederá o reintegro da axuda nos seguintes supostos:

– Expropiación dunha parte importante do ben subvencionable, se esta expropiación non era previsible o día no que se concedeu a subvención.

– Catástrofe natural grave que afecte considerabelmente os bens da empresa subvencionada e impida o normal funcionamento desta.

Artigo 16. Actuacións de comprobación e control

Agader realizará os controis administrativos e sobre o terreo previstos no Regulamento (UE) nº 65/2011 da Comisión, do 27 de xaneiro, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, no que respecta á aplicación dos procedementos de control e da condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural, así como as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada e a axeitada realización dos proxectos subvencionados.

Artigo 17. Obrigas de publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Artigo 18. Protección de datos

Agader velará polos datos de carácter persoal incorporados a este procedemento administrativo e estarase ao disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na súa normativa de desenvolvemento. Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros agás de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso.

A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que se deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e boas prácticas na administración pública galega.

Artigo 19. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases haberá que aterse ao previsto na Lei 9/2007, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, haberá que aterase ao disposto na normativa básica da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

Estas axudas están amparadas, no Regulamento (CE) 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías).

Ao tratarse de axudas cofinanciadas con Feader, será de aplicación o Regulamento (CE) nº 1698/2005, do 25 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Feader e a súa normativa de desenvolvemento.

Real decreto 1852/2009, do 4 de decembro, polo que se establecen os criterios para subvencionar os gastos no marco dos programas de desenvolvemento rural cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) (BOE nº 1, do 1 de xaneiro de 2010).

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file