Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Mércores, 8 de maio de 2013 Páx. 15005

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 30 de abril de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a concellos de Galicia para revitalizar o comercio de proximidade e potenciar unha rede galega de mercados de abastos excelentes, cofinanciadas polo Feder, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013 (código de procedemento IN223A).

A Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia posúe, entre outras competencias, as referidas ao comercio interior e á planificación e desenvolvemento das estruturas comerciais, nos termos recollidos no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria. Dentro destas cabe sinalar, especificamente, a promoción, fomento, modernización e desenvolvemento do comercio e a programación e xestión de axudas destinadas a estes fins, así como a reforma, coordinación e mellora das estruturas comerciais.

A adecuación e mellora dos equipamentos públicos comerciais municipais constitúen un elemento clave para o desenvolvemento do comercio. Para estes efectos, as actuacións desenvolvidas polos concellos no ámbito comercial resultan imprescindibles, e moi especialmente os mercados municipais que teñen unha singular significación por constituír espazos de centralidade comercial que, a miúdo, teñen a capacidade de xerar actividades complementarias ao seu arredor, ao tempo que constitúen unha canle de comercialización moi eficaz de produto fresco derivado do mar, a horta e a gandaría. É preciso, polo tanto, acondicionar estes espazos ás necesidades, tanto dos comerciantes como dos consumidores, xa que os mercados remodelados permiten consolidar unha forma de comercio de proximidade e a rexeneración dun contorno urbano das vilas e cidades.

O actual escenario de crise económica que afecta tamén os concellos obriga a impulsar medidas relativas á xestión eficaz e eficiente dos recursos dispoñibles, co obxecto de poder continuar prestando os debidos servizos aos cidadáns en condicións de calidade que satisfagan as súas necesidades, polo que resulta preciso minimizar custos e xestionar de forma compartida para actuacións públicas.

Neste senso, a Consellería de Economía e Industria con esta convocatoria dará cumprimento ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 28 de febreiro de 2013 polo que se determinan os criterios aplicables ás axudas e subvencións destinadas ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para primar proxectos de xestión compartida e incentivar procesos de fusión municipal.

Polo tanto, resulta oportuno establecer unha liña de colaboración entre a Consellería de Economía e Industria e as corporacións locais para posibilitar medidas e actuacións que sirvan para a mellora dos espazos comerciais urbanos, a modernización da estrutura comercial en municipios tipificados como rurais, a adecuación dos espazos do comercio non sedentario e, especialmente, a potenciación dos mercados municipais para acadar un modelo de calidade baseado nos principios de accesibilidade, sustentabilidade ambiental, organización e xestión de servizos, en definitiva, unha rede galega de mercados de abastos excelentes.

As actuacións desta convocatoria financiaranse coa participación do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e, polo tanto, a súa tramitación quedará condicionada ao cumprimento da normativa da Unión Europea nesta materia.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería de Economía e Industria en materia de comercio interior, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas cales se rexerá a concesión das subvencións da Consellería de Economía e Industria aos concellos galegos para a adecuación e modernización dos equipamentos comerciais públicos, na revitalización do comercio de proximidade e potenciación dunha rede galega de mercados de abastos excelentes que se inclúen como anexo I.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións en réxime de concorrencia competitiva para o ano 2013.

3. Para a concesión destas subvencións destínase un crédito de 4.500.00,00 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.751-A 761.3 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia. Esta aplicación orzamentaria está cofinanciada nun 80 % para o exercicio 2013 polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e o 20 % restante polo Fondo de Compensación Interterritorial (FCI). As actuacións previstas están comprendidas no programa operativo Feder Galicia 2007-2013, dentro do eixe 2, tema prioritario 08, actuación 08.

Artigo 2. Solicitudes e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse no rexistro da Xunta de Galicia, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se subscribise o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (en diante Lei 30/1992 ).

2. As solicitudes tamén poderán presentarse vía electrónica. O formulario normalizado de solicitude (composto polo anexo II (folla 1 e folla 2)) que figuran como anexos desta orde estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, para a súa tramitación electrónica completa.

Para a presentación na sede electrónica dos devanditos formularios admitirase o DNI electrónico, ou calquera outro sistema de sinatura electrónica aceptado pola sede, da persoa solicitante ou representante legal. O dito formulario deberá ser cuberto en todos os seus campos sen engadir novos datos, emendar, variar ou riscar o seu formato orixinal. En caso contrario, as solicitudes non se admitirán a trámite.

No suposto de que a persoa solicitante non dispoña de sistema de sinatura aceptado pola sede electrónica, admítese igualmente a presentación da solicitude en formato papel unha vez cuberto o formulario en formato PDF dispoñible na sede, que se presentará asinado nos enderezos sinalados no punto 1 deste artigo.

En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderán dirixirse ás xefaturas territoriais da Consellería de Economía e Industria a través dos teléfonos e enderezos de correo electrónico sinalados no artigo 4.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro do mes.

4. A Consellería de Economía e Industria velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento e, para eses efectos, procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos (en diante Lei 15/1999), adoptándose tanto as medidas de seguridade técnica como organizativas.

A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega (en diante Lei 4/2006).

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros. No entanto, a Consellería de Economía e Industria revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso.

Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, San Caetano, s/n, 15704 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que se poderá atopar na Guía do cidadán da páxina web da Xunta de Galicia.

Artigo 3. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a cinco meses.

Artigo 4. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN223A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional nas xefaturas territoriais, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Consellería: http://economiaeindustria.xunta.es

b) Os teléfonos das xefaturas territoriais, A Coruña: 981 184 904/05/62, Lugo: 982 294 938/294 670, Ourense: 988 386 712/717, Pontevedra: 986 805 226/229.

c) Os correos electrónicos das xefaturas territoriais:

A Coruña: axudas-IN223.cei.co@xunta.es

Lugo: axudas-IN223.cei.lu@xunta.es

Ourense: axudas-IN223.cei.ou@xunta.es

Pontevedra: axudas-IN223.cei.po@xunta.es

d) Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia: 012 (desde o resto do Estado: 902 120 012).

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Comercio para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2013

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía e Industria

ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva,
de subvencións a concellos de Galicia para revitalizar o comercio de proximidade
e potenciar unha rede galega de mercados de abastos excelentes

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto adecuar e modernizar os equipamentos comerciais dos concellos galegos para revitalizar o comercio de proximidade e potenciar unha rede galega de mercados de abastos excelentes.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, e serán compatíbles con calquera outra destinada ao mesmo fin, calquera que fose a súa natureza e a entidade que a conceda, sempre que, conxuntamente, non superen o custo total da actuación ou proxecto. Non obstante, estas subvencións serán incompatibles coas reguladas pola Consellería de Economía e Industria.

3. O procedemento de concesión destas subvencións quedará suxeito, pola orixe das partidas orzamentarias, aos regulamentos (CE) 1080/2006 (DOUE 31.7.2006), 1083/2006 (DOUE 31.7.2006) e 1828/2006 (DOUE 15.2.2007), relativos ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e a Orde EHA 524/2008 do 26 de febreiro, relativa aos gastos subvencionables polo Feder e o Fondo de Cohesión.

4. En concreto, considéranse actuacións subvencionables as que a seguir se especifican, sempre que estas sexan realizadas desde o 1 de xaneiro de 2013 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 17.

A porcentaxe subvencionable incrementarase un 15 % para as solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local baixo a fórmula de agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou calquera outra similar, fronte ás presentadas individualmente, e manteranse invariables as contías máximas subvencionables establecidas nesta orde.

a) Investimentos en mercados retallistas en municipios de ata 40.000 habitantes.

I. Investimentos para reparación, modernización e remodelación da estrutura física e das instalacións de uso comunitario; supresión de barreiras arquitectónicas; mellora do consumo de recursos enerxéticos e redución de residuos xerados e, en xeral, as accións encamiñadas á promoción e mellora da calidade e imaxe comercial destes establecementos.

A porcentaxe subvencionable acadará o 75 % do investimento, cun máximo de 120.000,00 euros de subvención.

II. Actuacións que teñan por finalidade acadar a dinamización e rexeneración das prazas de abastos, dirixidas á atracción de novos consumidores e á promoción das vendas. Estas actuacións deberán presentarse dentro dun proxecto de incentivación ao consumo en que se amose a participación directa dos/as praceiros/as e as súas asociacións representativas.

1. Equipamentos e material de uso comunitario para as/os praceiras/os.

2. Sinalización comercial que deberá aterse aos seguintes requisitos de cor de fondo dos postos respecto de cada un dos seguintes produtos:

Fondo azul. Para os postos de venda de peixe.

Fondo vermello. Para os postos de venda de carne.

Fondo verde. Para os postos de venda de froitas e verduras.

Fondo amarelo. Para os postos de venda de lácteos, ovos e panadaría.

3. Dinamización comercial: desenvolverase nas instalacións propias da praza de abastos incluíndo as actividades propias de dinamización que se propoñan e, se é o caso, a súa publicidade a través de emisoras de radio locais e da internet.

A porcentaxe subvencionable acadará o 80 % do investimento, cun máximo de 4.000,00 euros de subvención.

b) Investimentos en proxectos para adecuación física ou mellora de espazos destinados a mercados tradicionais e ambulantes de apertura periódica, en municipios de ata 20.000 habitantes.

A porcentaxe subvencionable acadará o 75 % do investimento, cun máximo de 30.000,00 euros de subvención.

c) Actuacións en rúas ou zonas peonís comerciais en municipios de ata 75.000 habitantes, en concreto as derivadas de proxectos de creación, modificación e mellora de rúas e zonas peonís-comerciais.

A porcentaxe subvencionable acadará o 75 % do investimento, cun máximo de 90.000,00 euros de subvención.

d) Actuacións nos eixes comerciais como puntos neurálxicos respecto dos cales xira o tráfico mercantil máis representativo, en municipios de ata 40.000 habitantes. Os proxectos poderán incluír o amoblamento urbano, sinalizacións, rotulación comercial e aqueles complementos que estimulen unha mellor actividade comercial.

A porcentaxe subvencionable acadará o 75 % do investimento, cun máximo de 40.000,00 euros de subvención.

e) Actuacións que teñan por finalidade acadar a dinamización comercial dirixidas á atracción de novos consumidores e á promoción das vendas nos eixes comerciais, excluídos os centros comerciais abertos, en concellos de ata 40.000 habitantes. Estas actuacións deberán presentarse dentro dun proxecto de incentivación ao consumo, propostas, deseñadas pola mesa local de comercio e co informe desta, e nas cales se amose a participación de todas as asociacións representativas do comercio existentes no termo municipal.

A porcentaxe subvencionable acadará o 80 % do investimento, cun máximo de 3.000,00 euros de subvención.

f) Adecuación de dependencias e adquisición de equipamento informático para o establecemento dun punto de información da Rede de innovación do comercio (Redic) que leve a cabo actividades informativas en materia comercial, así como elaboración de páxina web relacionada co devandito punto de información e configurada como un servizo público ao comercio local.

A porcentaxe subvencionable acadará o 50 % do investimento, cun máximo de 3.000,00 euros de subvención.

5. Gastos subvencionables.

De acordo co previsto no artigo 29.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante Lei 9/2007), consideraranse subvencionables os gastos e investimentos que, sen admitir dúbida, respondan á natureza da actuación subvencionada e que se realicen no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2013.

No suposto de rehabilitación e mellora de bens inventariables cumprirase o estipulado no artigo 29, puntos 4 e 5, da citada Lei 9/2007 e, de ser o caso, as seguintes regras especiais:

– No caso de bens inscritibles nun rexistro público, o beneficiario deberá destinar os bens ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención durante un período de quince anos. Ademais, deberá facerse constar na escritura esa circunstancia, así como o importe da subvención concedida.

– No caso de que a subvención afecte a amortización de bens inventariables, o beneficiario deberá destinar os bens ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención ata que o ben estea completamente amortizado e, en ningún caso, ese período será inferior a cinco anos.

– Para o resto dos bens a que se refire este punto, deberán destinarse ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención durante un período de cinco anos.

Os gastos subvencionables deberán estar realizados entre o 1 de xaneiro de 2013 e a data límite de xustificación establecida nestas bases reguladoras. Todos os investimentos deberán estar plenamente realizados, pagados, operativos e verificables na data límite de xustificación do proxecto.

6. Quedan expresamente excluídas do ámbito de aplicación desta orde as actuacións seguintes:

a) Custos relativos á adquisición de bens inmobles e/ou o seu mantemento, así como alugamento de locais.

b) Custos relativos á redacción de proxectos técnicos que non leven aparellada a súa execución.

c) Custos de persoal, agasallos promocionais e a realización de recepcións e actos análogos.

d) Campañas de promoción ou calquera outra actuación que teñan por finalidade o patrocinio, colaboración ou axuda económica que comporten actividades lúdicas, turísticas, de exaltación gastronómica ou similares, así como as actuacións promovidas polos centros comerciais abertos ou polas asociacións de praceiras/os das prazas de abastos.

7. Cada solicitude incluirá unha única actuación, sexa un mercado, un espazo destinado a mercado tradicional ou ambulante, ou unha rúa, e subvencionarase un proxecto por concello, exceptuando as actuacións referidas no artigo 1.4.e) e f) das bases reguladoras, que poderán ser complementarias das solicitadas para outras actuacións.

De presentarse máis dunha solicitude, coas excepcións antes referidas, deberá sinalarse a súa priorización e, de non producirse esta, optarase polo proxecto de menor contía e aplicarase o disposto no artigo 8.4.

Artigo 2. Financiamento

1. As subvencións que se establezan para as actuacións previstas nesta orde financiaranse co crédito correspondente á aplicación orzamentaria 08.02.751-A.761.3, «Transferencias de capital. A corporacións locais. Ordenación de espazos comerciais municipais», por un importe total de 4.500.00,00 euros, e sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte, de conformidade co disposto polo artigo 8.4; o aludido incremento publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Esta aplicación orzamentaria está cofinanciada nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e o 20 % restante polo Fondo de Compensación Interterritorial (FCI). As actuacións previstas están comprendidas no programa operativo Feder Galicia 2007-2013, dentro do eixe 2, tema prioritario 08, actuación 08.

2. O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illada ou en concorrencia con outras axudas e subvencións das distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos e privados, nacionais ou internacionais, supere o custo total do investimento subvencionable.

3. Ningunha operación recibirá de ningún fondo unha axuda superior ao custo elixible, de acordo coa normativa sobre gastos subvencionables ao incluírse as subvencións dentro do programa operativo Feder Galicia 2007-2013. No caso de percibir outras axudas financiadas por fondos europeos ou instrumentos financeiros comunitarios, garantirase que o conxunto das axudas non supere o custo elixible e que non existe dobre financiamento, de conformidade co artigo 34 do Regulamento (CE) 1083/2006.

Artigo 3. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Non poderán acadar a condición de beneficiarios aqueles solicitantes nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007.

Artigo 4. Solicitudes

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e prazo que se indiquen na convocatoria.

2. Xunto coa solicitude, segundo o modelo normalizado que se inclúe como anexo II (folla 1 e 2), deberá achegarse a seguinte documentación en orixinal ou copia compulsada:

a) Certificación do acordo de aprobación polo correspondente órgano municipal, do proxecto de investimento, da solicitude de subvención coa súa contía exacta e do plan de financiamento do proxecto.

b) Certificación acreditativa da dispoñibilidade dos inmobles ou das vías en que estea previsto realizar o investimento, segundo os casos.

c) Memoria explicativa que considere os seguintes aspectos:

– Interese, oportunidade e necesidade do investimento.

– Programa de execución con especificación das datas de inicio e remate previstas, acompañado do orzamento desagregado de gastos.

– Estado actual do equipamento de que se trate e, se é o caso, detalle das súas instalacións, antigüidade, capacidade comercial e adecuación entre necesidades e funcións que cumpre.

– Cadro detallado, por tipoloxía, dos establecementos comerciais existentes na zona concreta da actuación. No caso de actuacións en mercados, indicar a periodicidade e horario do servizo así como o número total de postos de venda das instalacións e os ocupados.

d) Reportaxe fotográfica do estado actual onde se proxecta o investimento, incluíndo, se é o caso, os establecementos comerciais afectados.

e) Declaración expresa sobre a concesión ou solicitude doutras axudas ou subvencións efectuadas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, así como declaración do solicitante de non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, segundo o modelo normalizado do anexo III.

f) Declaración responsable de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións segundo o modelo normalizado do anexo III.

g) Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda, segundo o anexo III.

3. Así mesmo, deberá presentarse a seguinte documentación específica segundo as actuacións que se relacionan:

– Realización de obras: memoria valorada, asinada por técnico competente, con detalle no nivel de capítulo, das actuacións que se pretenden executar.

– Creación de puntos de información da Rede de innovación do comercio (Redic): ter contratado un axente de desenvolvemento local e o compromiso de integración na devandita rede, segundo o modelo normalizado do anexo IV.

4. As solicitudes presentadas conxuntamente, por dous ou mais concellos para o desenvolvemento dun proxecto común ou en proceso de fusión, deberán presentar unha memoria específica e conxunta que recolla como mínimo o importe da subvención que se aplicará por cada un deles, o concello representante para cumprir as obrigas que como beneficiarios les corresponden e demais requisitos previstos no artigo 8.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Igualmente, os concellos para o desenvolvemento dun proxecto común ou en proceso de fusión deberán autorizar a designación dun deles como órgano de contratación.

5. Para os efectos do establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, permitirase a subcontratación do cento por cento das actividades subvencionadas.

6. Na xestión da contratación, as entidades locales, pola súa natureza xurídica, están sometidas ao ámbito subxectivo delimitado polo artigo 3 da Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público, polo que deberá respectar en todo caso as prescricións desa lei para os procedementos de contratación subvencionados por esta orde de axudas.

Será responsabilidade da entidade local beneficiaria o cumprimento da citada normartiva de contratación pública, e o seu incumprimento poderá dar lugar á perda do dereito ao cobramento total ou parcial e demais responsabilidades previstas na normativa de subvencións públicas.

No suposto en que os concellos non teñan que tramitar un expediente de contratación, cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, para o contrato menor, a persoa beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberán presentarse coa solicitude da subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta economicamente máis vantaxosa.

Así mesmo, a Dirección Xeral de Comercio, a través dos respectivos departamentos territoriais, poderá solicitar cantos informes técnicos xulgue oportunos para a valoración dos proxectos.

Artigo 5. Consentimentos e autorización

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras. De acordo co disposto no artigo 35.f) da Lei 30/1992, non será necesario presentar a documentación xurídico-administrativa que xa estea en poder desta consellería, sempre que se manteña vixente e se identifique nos formularios de solicitude o ano de presentación e o código de procedemento administrativo para o que foi presentada.

No suposto de imposibilidade material de obter a documentación conforme o punto anterior ou se se constata a súa invalidez, o órgano competente poderá requirir ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. De conformidade co establecido nos artigos 6.2b e 9 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadans os servizos públicos, non será necesario presentar o DNI, NIE ou NIF no caso de que a entidade solicitante autorice o órgano xestor a obter os datos identificativos da Axencia Estatal da Administración Tributaria.

3. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos. Todo isto conforme o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar.

4. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007.

Artigo 6. Órganos competentes

A Dirección Xeral de Comercio será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, e correspóndelle ao secretario xeral técnico, por delegación do conselleiro de Economía e Industria (Orde do 30 de abril de 2009; DOG nº 87) ditar a resolución de concesión.

Unha vez ditada esta resolución, previamente á súa fiscalización, e antes de proceder á contabilización do compromiso de gasto, desconcentraranse os créditos correspondentes a cada un dos departamentos territoriais da consellería, no ámbito das súas respectivas demarcacións, e procederase a efectuar os necesarios axustes contables para a continuación da tramitación subseguinte nas respectivas xefaturas territoriais, de conformidade co establecido no Decreto 88/1990, sobre desconcentración de competencias en materia de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Instrución dos procedementos

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da devandita lei.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 8. Comisión de valoración

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte.

2. A comisión será presidida pola persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e formarán parte como vogais, os/as xefes/as dos departamentos territoriais da Consellería de Economía e Industria. Actuará como secretario/a a persoa titular da Subdirección Xeral de Comercio, ou un funcionario/a da citada dirección xeral con nivel mínimo de xefe de servizo.

Se, por causa xustificada, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non pode asistir, será substituída pola persoa que para o efecto designe o órgano competente para resolver.

3. No informe de valoración que formule a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención e especificarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos no artigo seguinte. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible

4. O resto das actuacións subvencionables quedará en reserva para ser atendido ben co crédito que queda libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ou ben co incremento dos créditos orzamentarios destinados a estas subvencións. Para estes efectos, poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

Artigo 9. Criterios de valoración

1. Os criterios de avaliación que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión das subvencións, relacionados por orde decrecente de importancia, serán os seguintes:

a) Número de establecementos comerciais onde se vai realizar o investimento, entendendo por tales aqueles que veñen recollidos na sección G do Real decreto 475/2007, do 13 de abril, polo que se aproba a Clasificación nacional de actividades económicas. Máis de 10 establecementos: 6 puntos; entre 5 e 10 establecementos: 3 puntos; e menos de 5 establecementos: 1 punto.

b) Cofinanciamento do proxecto por parte doutras administracións ou institucións, ata 5 puntos cando sexa igual ou superior ao 50 %; 4 puntos cando sexa igual ou superior ao 40 %; e 3 puntos cando sexa superior ao 30 %.

c) Remodelación de mercados retallistas que incorporen un plan de xestión específico: 4 puntos.

d) Proxectos que procuren un hábitat máis racional nos puntos de venda e doutros elementos comúns da unidade comercial, segundo criterios de accesibilidade, comodidade e información dos consumidores e usuarios, concretamente aqueles que contribúan á eliminación de barreiras arquitectónicas, urbanísticas e de comunicación: 4 puntos.

e) Proxectos destinados á adecuación de edificios, instalacións e equipamentos, nos cales se producise unha deterioración grave e sempre que redunden na mellora da actividade comercial: 3 puntos.

f) Proxectos que sexan asumidos formalmente polas asociacións de comerciantes beneficiadas coas actuacións que se vaian realizar: 3 puntos.

g) Proxectos que incorporen actuacións referidas ás enerxías alternativas: 3 puntos.

h) Compromiso de creación dun punto de información da Rede de Innovación do Comercio (Redic): 3 puntos. Este compromiso acreditarase mediante a presentación do modelo que se inclúe como anexo IV, debidamente asinado.

i) Todos os proxectos de actuacións en mercados municipais terán 4 puntos adicionais, en centros comerciais abertos terán 3 puntos, se se refire a actuacións en galerías comerciais 2 puntos; e en actuacións en áreas de mercados tradicionais ou ambulantes 1 punto.

j) As solicitudes presentadas conxuntamente, por dous ou máis concellos para o desenvolvemento du proxecto común mediante achegas de organización, medios personais e materiais ou recursos financeiros para a finalidade compartida, de acordo coas respectivas competencias, terán 12 puntos adicionais: pola simple presentación, 4 puntos; pola cifra de poboación total dos concellos participantes no proxecto, 4 puntos, e pola xustificación de aforro de custos respecto da presentación de modo individual, 4 puntos.

2. Unha vez esgotado o crédito dispoñible, no caso de que máis dunha solicitude obteña a mesma puntuación, o desempate realizarase tendo en conta os seguintes criterios:

1º. Solicitude presentada correctamente, sen que sexa necesaria a súa rectificación nin petición de documentación complementaria.

2º. Concellos de menos de 5000 habitantes.

3º. Menor contía da subvención solicitada.

Artigo 10. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que coiden pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 11. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, a comisión de valoración emite informe para que o órgano instrutor formule a proposta de resolución e a eleve ao conselleiro.

2. O conselleiro de Economía e Industria, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade que desenvolverá o beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de cinco meses contados a partir do seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que recaia resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da indicada lei, no caso das subvencións concedidas poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Economía e Industria. Nesta publicación especificarase a data de convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación.

Artigo 12. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, de esta ser expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 13. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais o internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión da subvención poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, e deberán cumprirse os seguintes requisitos:

a) Que a actividade ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de concorreren na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención.

3. O beneficiario deberá solicitar esta modificación mediante instancia dirixida ao órgano concedente, acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos reflectidos no punto anterior, cun límite de 40 días hábiles antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento. Non facelo dará lugar á perda do dereito ao cobramento da subvención na parte afectada pola modificación, sen prexuízo de que tamén poderá implicar a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida no caso de variación substancial do proxecto, iniciándose, se é o caso, o correspondente procedemento de reintegro.

4. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo conselleiro de Economía e Industria, logo da instrución do correspondente expediente en que se lle dará audiencia ao interesado nos termos previstos no artigo 10. Cando a modificación solicitada non altere os importes, tanto do total do investimento subvencionable como da subvención concedida, delégase expresamente nos/as xefes/as dos respectivos departamentos territoriais a competencia para autorizar ou denegar a modificación solicitada.

Artigo 14. Aceptación e renuncia

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, de conformidade co disposto polo artigo 21.5 da Lei 9/2007, transcorridos dez días hábiles desde a notificación ou publicación desta sen que o interesado comunique expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

2. A renuncia á subvención, debidamente motivada, poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo V, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992.

No caso de que se comunique a renuncia en prazo, o conselleiro de Economía e Industria ditará a correspondente resolución no termos do artigo 42.1º da mesma lei.

Artigo 15. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas do beneficiario, as previstas no artigo 11 da Lei 9/2007, e particularmente:

a) Realizar o investimento ou a actuación que fundamenta a concesión da subvención.

b) Acreditar ante a entidade concedente a realización do investimento ou a actividade, así como o cumprimento dos requisitos ou condicións que determinan a concesión ou o desfrute da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente, así como calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. En particular, facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Tribunal de Contas da Comisión Europea, así como as comprobacións previstas na lexislación do Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

d) Comunicarlle á entidade concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos incluídos os documentos electrónicos mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

f) Deberá manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos relacionados co investimento realizado ao abeiro desta orde, e deberan conservar os xustificantes orixinais e o resto da documentación relacionada coa subvención outorgada durante un período de tres anos a partir do peche do programa operativo, de acordo co disposto nos artigos 60 e 90 do Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello do 11 de xullo de 2006, e deberán restituír a subvención outorgada nos casos en que concorra causa de reintegro.

g) Adoptar as medidas e disposicións necesarias para garantir unha adecuada publicidade no lugar das actuacións subvencionadas durante o prazo de execución, mediante a instalación dun panel coas medidas mínimas de 80 por 150 centímetros coa imaxe corporativa da Consellería de Economía e Industria-Dirección Xeral de Comercio, e no cal conste, cando menos, a denominación da actuación, orzamento e subvención concedida, sen prexuízo do disposto no artigo 16.

h) Reintegro, total o parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007.

i) Declarar con anterioridade a se ditar a proposta de resolución de concesión estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda.

Artigo 16. Obrigas específicas de publicidade

1. O beneficiario deberá cumprir as medidas en materia de información e publicidade reguladas na sección 1 do capítulo II do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, e no artigo 1, números 1 e 2 do Regulamento (CE) 846/2009 da Comisión do 1 de setembro de 2009, e que se recollen na Guía de publicidade e información das intervencións cofinanciadas polos fondos estruturais 2007-2013, que poden consultarse na páxina web:

http://www.conselleriadefacenda.es/web/portal/guia-intervencions-cofinanciadas-fe

2. En aplicación desta normativa en materia de publicidade, os beneficiarios deberán ter en conta que, de acordo co artigo 9 do citado Regulamento (CE) nº 1828/2006 e o artigo 1.2.a) do Regulamento (CE) 846/2009, todas as medidas de información e publicación establecidas, incluirán os elementos seguintes:

O emblema da Unión Europea.

Referencia ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).

Declaración do Fondo: «Unha maneira de facer Europa».

Proporcionalidade entre emblemas.

3. A aceptación desta axuda supón a publicación na lista de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión.

Artigo 17. Xustificación da subvención

1. Para cobrar a subvención concedida, o beneficiario deberá presentar, na respectiva xefatura territorial, a seguinte documentación, en orixinal ou copia compulsada, tendo de prazo para presentala ata o 30 de novembro de 2013.

a) En caso de obras:

– Proxecto técnico ou memoria técnica definitiva, documentos que non poderán variar substancialmente a memoria presentada coa solicitude, todo isto salvo que a devandita documentación se achegase con anterioridade.

– Certificación acreditativa da adxudicación que indique o nome do contratista, o importe líquido da adxudicación e, se é o caso, a baixa na licitación.

– Certificación da obra realizada, expedida polo técnico facultativo e aprobada polo órgano competente do concello beneficiario.

b) Nos demais casos, certificación acreditativa do investimento ou da adquisición dos equipamentos.

c) En todos os casos:

– A xustificación dos gastos efectuarase con facturas ou documentos contables de valor probatorio equivalente e a do pagamento cos xustificantes das transferencias bancarias ou documentos acreditativos dos pagamentos realizados, dentro do período comprendido entre a data de inicio do proxecto e a data límite de xustificación.

– Certificación da intervención respecto da achega municipal comprometida para financiar o investimento.

– Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma finalidade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes, doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais segundo o modelo normalizado do anexo III.

– Declaración xurada de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións segundo o modelo normalizado do anexo III.

– Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda, segundo o anexo III.

– Certificación do órgano que teña atribuídas as facultades de control do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida e da aplicación dos fondos destinados para tal efecto.

– Certificación municipal de que o proxecto foi presentado a Mesa Local do Comercio.

– Certificación da entidade financeira onde se designa a titularidade e número de conta bancaria do concello beneficiario.

– Presentación da lista de comprobación de ambiente sobre operacións e indicadores de impacto e realización (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional-Feder).

– No caso de concellos que desenvolven un proxecto común ou en proceso de fusión, certificación dos respectivos órganos plenarios autorizando a designación dun deles como órgano de contratación.

2. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen tela presentado, de conformidade co disposto polo artigo 45.2 do Decreto 11/2009, requirirase o beneficiario para que, no prazo improrrogable de dez días, a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención e a exixencia de reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións. A presentación da xustificación no prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que legalmente correspondan. Os órganos competentes poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes.

Artigo 18. Pagamento

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, as respectivas xefaturas territoriais, antes de proceder ao seu pagamento, realizarán as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento do investimento subvencionado.

2. Realizados, de ser o caso, os axustes contables respecto da desconcentración de créditos, os/as titulares dos respectivos departamentos territoriais proporán o recoñecemento da obriga e o pagamento, sendo competentes para a resolución dos procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polos beneficiarios.

3. O libramento da subvención farase unha vez xustificado o investimento, mediante transferencia bancaria á entidade financeira no número de conta designado.

4. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzado que serviu de base para a resolución de concesión, e sempre que estea garantida a consecución do obxecto, ou de resultar a concorrencia con outras subvencións ou axudas sempre que a contía total supere o custo do investimento.

O pagamento realizarase pola parte proporcional da contía da subvención efectivamente xustificada, calculada en función da porcentaxe subvencionada do custo final da actividade, sempre que se xustifique un mínimo do 50 % do importe establecido na resolución de concesión.

Artigo 19. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver, total ou parcialmente, as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II do reintegro de subvencións da Lei 9/2007, do 13 de xuño, se subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da devandita Lei 9/2007 e no título VI do seu regulamento.

Artigo 20. Control

1. A Consellería de Economía e Industria poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007.

Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Para estes efectos, os concellos beneficiarios das axudas achegarán canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Artigo 21. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, o beneficiario, o crédito orzamentario, a contía e a finalidade da subvención.

Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000,00 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Economía e Industria.

Artigo 22. Remisión normativa

Para todo o non disposto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e modificado pola Lei 5/2000, do 28 de decembro; na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia vixente na anualidade correspondente; o Decreto 88/1990 sobre desconcentración de competencias en materia de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia; no Regulamento (CE) nº 1080/2006, no Regulamento (CE) nº 1083/2006, no Regulamento (CE) nº 1828/2006, relativos ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, e no resto da normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file