Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Mércores, 8 de maio de 2013 Páx. 15063

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 26 de abril de 2013 pola que se establecen as bases e se convocan, en réxime de concorrencia competitiva, subvencións para o desenvolvemento de programas dirixidos á redución do abandono escolar nos concellos de Galicia para o ano 2013.

O artigo 27 da Constitución española establece o dereito de todos á educación e asigna aos poderes públicos a obriga de garantir este dereito. Actualmente este dereito á educación só pode entenderse no sentido de que a educación que reciben os nenos e nenas ten que acadar uns niveis altos de calidade, independentemente das condicións sociais, culturais e económicas da familia e do contorno.

O Estatuto de autonomía de Galicia declara no seu artigo 31 a competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia para o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, sen prexuízo das limitacións impostas polos artigos 27 e 149 da Constitución española.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, no seu preámbulo atribúe a responsabilidade do éxito escolar ao alumnado individualmente, pero tamén ao apoio das familias, do profesorado, dos centros docentes, das administracións educativas e da sociedade no seu conxunto, xa que é esta a responsable última da calidade do sistema educativo.

Así mesmo, a colaboración das administracións educativas coas corporacións locais na planificación e desenvolvemento da política educativa establécese como un dos principios desta lei, en que se inclúe na disposición adicional décimo quinta a posibilidade de establecer procedementos e instrumentos para favorecer e estimular a xestión conxunta coas administracións locais.

Mediante acordo do Consello de Ministros do 14 de decembro de 2012 formalizáronse os criterios de distribución aprobados pola Conferencia Sectorial de Educación, así como a distribución resultante, dos créditos para o ano 2012 para o desenvolvemento do Programa para a redución do abandono escolar temperán.

Por outra parte, cabe sinalar que o artigo 80 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, establece como competencia propia dos concellos a promoción de toda clase de actividades e a prestación de servizos públicos que contribúan a satisfacer as necesidades e aspiracións da comunidade de veciños, e engade, nese mesmo artigo, que exercerán as competencias relativas á participación na programación do ensino e na cooperación coa Administración educativa, entre outras, na participación na vixilancia do cumprimento da escolaridade obrigatoria, na execución de programas propios destinados á infancia e á xuventude e na participación na formación de activos e desempregados.

Con esta convocatoria preténdese favorecer o desenvolvemento de actividades que proporcionen unha formación integral ao alumnado e, ao mesmo tempo, promover o esforzo compartido de toda a comunidade educativa na procura do éxito escolar e na redución do abandono temperán dos estudos por parte da nosa mocidade.

Procurarase, xa que logo, diminuír o impacto dos factores que inciden no abandono do sistema educativo por parte do alumnado galego sen obter a titulación de educación secundaria obrigatoria, así como desenvolver programas de segunda oportunidade, orientados á reincorporación de mozos e mozas, con actividade laboral ou sen ela, que abandonaron a súa formación sen cualificación nin titulación.

Así pois, para dotar de eficacia o mencionado nos parágrafos anteriores establécese nesta orde unha convocatoria de axudas económicas dirixidas aos concellos coa finalidade de financiar, apoiar e potenciar accións encamiñadas a incidir sobre as causas do abandono escolar e facilitar que os mozos e mozas que abandonaron o sistema educativo poidan prepararse para as probas de obtención do graduado en educación secundaria obrigatoria ou para incorporarse a estudos de formación profesional de grao medio e/ou de bacharelato.

Por todo o exposto, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto da convocatoria

Esta orde ten por obxecto establecer as bases que rexerán a convocatoria e o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas aos concellos de Galicia para o desenvolvemento de programas dirixidos á redución do abandono escolar para o ano 2013.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

1. Poderán acceder á condición de beneficiarias as corporacións locais que cumpriran coa obriga de remitir ao Consello de Contas as contas xerais de 2011 rendidas con data límite do último día de prazo para presentar as solicitudes e sempre que os proxectos para os que solicitan a subvención se desenvolvan na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. En virtude do previsto no parágrafo 2º do artigo 8.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as agrupacións de concellos indicarán, en anexo á súa solicitude, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe da subvención que se aplicará por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. O anexo deberá ser subscrito por quen exerza a representación legal da agrupación solicitante. Anexo VII.

3. As entidades solicitantes deben cumprir os requisitos para obter a condición de beneficiarias de acordo co artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma segundo o indica o artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 3. Programas subvencionables

1. Os programas subvencionables terán como obxectivos:

a) Propiciar que o alumnado que abandonou o sistema educativo poida continuar estudos de bacharelato ou de formación profesional de grao medio.

b) Atender o alumnado con menor motivación e capacidade para aprender, de xeito que se lle ofrezan respostas adaptadas ás súas posibilidades e intereses, coa finalidade de diminuír o risco de abandono ou desinterese e de prepararse para as probas de graduado en ESO.

c) Mellorar a adquisición das competencias básicas no alumnado en risco de abandono escolar.

d) Favorecer a atención educativa dos colectivos máis vulnerables, como o alumnado inmigrante ou o alumnado en risco de exclusión social.

e) Impulsar a coordinación entre organizacións e institucións do contorno para diminuír o abandono escolar.

2. Considéranse programas subvencionables aqueles que prevexan algunha destas actividades:

a) Creación de puntos de información e asesoramento educativo a nivel municipal.

b) Talleres de recuperación do alumnado de secundaria que presenta malos resultados académicos e/ou desmotivación para o estudo.

c) Aulas de preparación de probas libres de graduado en educación secundaria.

d) Aulas de preparación de probas de acceso a ciclos de formación profesional.

e) Creación de escolas de familias con alumnado en risco de abandono ou de exclusión social.

f) Desenvolvemento de actividades de formación non regrada que favorezan a reincorporación de mozos e mozas ao sistema educativo.

g) Desenvolvemento de programas específicos de formación profesional para zonas e colectivos que presentan alta taxa de abandono coa formación necesaria para obter unha cualificación profesional de nivel 1 do Catálogo nacional das cualificacións profesionais, e que poderán incorporar módulos apropiados para a adaptación ás necesidades específicas do colectivo beneficiario que facilite a reincorporación ao sistema educativo e a súa progresión dentro del.

Artigo 4. Persoas destinatarias dos programas

Poderán participar nas actividades subvencionables:

a) O alumnado de terceiro e cuarto de educación secundaria ou de programas de cualificación profesional inicial (PCPI) en risco de exclusión social, aquel que presenta altos índices de absentismo ou o que ten un elevado fracaso escolar.

b) Os mozos e mozas de entre 16 e 24 anos que abandonaron o sistema educativo sen obter a titulación de graduado en educación secundaria obrigatoria ou superior.

Artigo 5. Requisitos das actividades

a) Os concellos –ou agrupación de concellos– contarán cunha persoa coordinadora xeral do programa e porán á disposición das persoas participantes os medios precisos para o desenvolvemento das actividades. Esta persoa será a interlocutora coa consellería para os efectos desta subvención.

b) As actividades realizaranse entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2013.

c) As actividades dirixidas a alumnado que permanece no sistema educativo realizaranse fóra do horario escolar.

Artigo 6. Financiamento e tipo de axuda

1. As solicitudes de axuda reguladas nesta orde serán atendidas con cargo ás aplicacións orzamentarias 09.50.423B.460.0 e 09.50.423B.460.1 da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, dos orzamentos de 2013.

2. O importe total das axudas ascende a 1.799.933,20 euros. Esta contía poderá incrementarse na medida en que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos do exercicio económico do ano 2013, de acordo co establecido no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Nesta orde convócanse axudas para o desenvolvemento das actividades que teñen como finalidade compensar os gastos producidos nos seguintes conceptos:

a) Gastos de persoal que desenvolva por si mesmo as actividades subvencionadas.

b) Gastos xerais imputables ao desenvolvemento directo das actividades e imprescindibles para a súa realización.

4. O importe máximo da axuda solicitada non superará o 80 % do orzamento solicitado para cada unha das actividades recollidas no proxecto presentado.

5. Quedan excluídos como gastos subvencionables os de transporte, formación do persoal que desenvolve as actividades, actuacións e representacións e adquisición de material inventariable.

6. O importe das axudas solicitadas en ningún caso poderá ser de tal contía que, illada ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras institucións públicas ou privadas, supere o custo da actividade.

Artigo 7. Criterios de valoración e de cálculo das axudas

1. Para a baremación e ordenación prioritaria do proxecto de cada unha das actividades teranse en conta os seguintes criterios:

a) Co fin de fomentar a realización de proxectos conxuntos incentivaranse as solicitudes presentadas por agrupacións de concellos, para a realización dun proxecto común: ata 30 puntos.

b) Pola adecuación dos obxectivos e contidos ás actividades que se van desenvolver: ata 20 puntos. Valorarase o grao de detalle e adecuación dos obxectivos e contidos ás características das persoas a que van dirixidas as actividades.

c) Pola proposta metodolóxica detallada (técnicas de motivación, técnicas de ensino-aprendizaxe e temporalización das actividades): ata 30 puntos. Valorarase a coherencia das actividades cos obxectivos e contidos propostos, así como co perfil e número de destinatarios.

d) Polos criterios de avaliación formulados para cada actividade: ata 20 puntos. Valorarase a coherencia desta epígrafe cos obxectivos e contidos das actividades e coa incidencia na redución do abandono.

Para cada unha das actividades solicitadas cubrirase o anexo III.

2. O cálculo da axuda será proporcional á puntuación obtida nas actividades que se vaian desenvolver. Só se subvencionarán aquelas actividades que obteñan como mínimo 50 puntos.

3. Para fixar a contía da axuda de cada actividade dividirase o total do orzamento entre a suma de puntos obtida da valoración de todas as actividades aprobadas e obterase así a cantidade en euros establecida para cada punto. Unha vez obtido o valor en euros de cada punto multiplicarase pola puntuación obtida en cada actividade, o que proporcionará a contía da axuda para cada actividade.

Artigo 8. Solicitudes de participación e prazo de presentación

1. De acordo ao establecido no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, e unha vez aprobada pola Orde do 15 de setembro de 2011 a posta en funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia, os interesados poderán presentar electronicamente as solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo electrónico: https://sede.xunta.es. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. A achega de tales copias implica a autorización á Administración para que acceda e trate a información persoal contida nos correspondentes documentos. As mencionadas imaxes electrónicas carecerán de carácter de copia auténtica.

2. Os concellos, ou agrupacións de concellos, que o desexen poderán completar en liña a solicitude e os outros anexos que como formulario electrónico atoparán na páxina web www.edu.xunta.es/acrae. As solicitudes, unha vez gardadas e impresas, deberán estar asinadas polas persoas representantes das entidades solicitantes.

Para poder cubrir a solicitude en liña é necesario que o representante da entidade solicitante posúa un enderezo no dominio edu.xunta.es.

As solicitudes, xunto coa documentación indicada no artigo 9, deberán dirixirse á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, e deberán presentarse a través do Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, nos seus departamentos territoriais ou mediante calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e é imprescindible que na instancia apareza a data de recepción no organismo público correspondente. Se a solicitude é remitida por correo, é necesario que se presente en sobre aberto para que sexa datado e selado nunha oficina de Correos antes de que se proceda á súa certificación.

3. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo cardinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 9. Documentación

Á solicitude xuntaráselle a seguinte documentación:

a) Programa, axustado ao anexo II.

b) Fichas individuais de cada unha das actividades que se van desenvolver, empregando o anexo III.

c) Acreditación da personalidade e o apoderamento suficiente e subsistente de quen actúa en nome e representación da entidade solicitante. Esta circunstancia farase constar mediante certificado expedido para tales efectos pola secretaría xeral da entidade solicitante e que, no suposto de agrupacións de concellos, deberá indicar que dispón de poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como entidade beneficiaria, corresponden a tal agrupación. Anexo IV.

d) Certificado, expedido pola secretaría da entidade solicitante en que se recolla o acordo do órgano municipal competente de solicitar a subvención prevista nesta orde e a concreta finalidade para a cal se solicita, incluíndo o orzamento total do programa, con detalle dos custos de cada unha das actividades. Anexo V.

e) Declaración do representante legal da entidade solicitante en que conste o conxunto de ingresos ou subvencións, solicitados, aprobados, concedidos ou pendentes de resolución, para a mesma finalidade para a que solicita a subvención, segundo o modelo do anexo VI.

Artigo 10. Instrución e tramitación do procedemento

1. Será competente para instruír o procedemento, así como para formular a correspondente proposta de resolución, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

2. Os expedientes serán tramitados pola Subdirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado.

3. A unidade encargada da xestión dos expedientes comprobará que as solicitudes cumpran co establecido nesta orde e, se é o caso, requirirá os interesados para que, no prazo de dez días, emenden as faltas ou acheguen os documentos preceptivos. Se non o fixesen así, teranse por desistidos da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Os expedientes, unha vez revisados e, se é o caso, completados, remitiranse á comisión de avaliación, recollida no artigo 11 desta orde, que terá a función de valorar e propoñer a concesión ou denegación das subvencións, seguindo os criterios obxectivos recollidos no artigo 7 desta orde.

5. Finalizada a valoración das solicitudes e feita a proposta de concesión pola comisión de avaliación, procederase a expoñer na páxina web www.edu.xunta.es/acrae a proposta provisional que incluirá a cantidade asignada a cada concello ou agrupación de concellos por cada unha das actividades e concederalles un prazo de dez días para que formulen alegacións e presenten os documentos e xustificantes que consideren pertinentes.

6. Estudadas e valoradas as alegacións presentadas, o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa elevará proposta de resolución ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, coa indicación da concesión ou da denegación das axudas solicitadas, e, de ser o caso, a exclusión daquelas entidades solicitantes que non reúnan algún dos requisitos da convocatoria.

Artigo 11. Comisión de avaliación

Crearase unha comisión para valorar as solicitudes presentadas, que estará composta como segue:

a) Presidencia: persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ou persoa en quen delegue.

b) Vogais: tres persoas pertencentes á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, con categoría de subdirector xeral ou xefe de servizo.

c) Secretaría: unha persoa funcionaria da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, que actuará como secretario/a, con voz e sen voto.

A comisión poderá dispoñer a constitución dunha subcomisión técnica especializada para os efectos de colaborar na valoración dos documentos achegados e na baremación.

Para os efectos previstos no artigo 26.2º do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, esta comisión considerarase incluída na categoría 3ª.

Artigo 12. Resolución

1. Será competente para ditar a resolución o titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O prazo para ditar e notificar a resolución será de cinco meses a partir do día seguinte ao da finalización do prazo de solicitude.

2. A resolución favorable conterá, como mínimo, os seguintes puntos:

a) Importe total da subvención outorgada.

b) Contía da axuda por actividade.

c) Calquera outra especificación que se considere oportuna en cada caso concreto; en especial, e tal e como determina o derradeiro parágrafo do artigo 8.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para o suposto de que a entidade beneficiaria sexa unha agrupación de concellos, deberán indicarse os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe da subvención que se aplicará por cada un deles.

3. Transcorrido o prazo de cinco meses sen que se lle notificase a resolución expresa, o solicitante poderá entender desestimada a súa solicitude, nos termos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. A resolución incluirá os concellos ou agrupacións de concellos beneficiarios, e publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web nos termos previstos no artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega. Entenderase que a entidade beneficiaria acepta a subvención de non recibir escrito de renuncia no prazo de 5 días hábiles seguintes ao de resolución provisional.

Artigo 13. Modificación da resolución de concesión de axudas ás entidades locais

De acordo co previsto no artigo 7 do Decreto 193/2011, a entidade beneficiaria dunha subvención poderá solicitar a modificación do seu proxecto sempre que se cumpran as seguintes condicións:

1. A solicitude deberá presentarse cunha antelación mínima dun mes á data de remate do prazo de realización da actividade.

2. Non pode afectar as obrigas establecidas nesta orde, os criterios de valoración tidos en conta no momento de concederlle a subvención ou supoñer unha minoración das obrigas asumidas no seu proxecto.

3. Non se concederá se concorren requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tiveran lugar con posterioridade a ela, ou tendo a entidade beneficiaria coñecemento anticipado desas circunstancias que, de coñecelas, influirían na aceptación ou na valoración da súa solicitude, non as comunicara inmediatamente.

4. Xunto coa solicitude deberá presentar:

a) Unha memoria xustificativa en que se fará constar, de xeito razoado e, cando sexa posible, documentalmente, que non se desvirtúa o proxecto subvencionado, que non suporá unha actividade deficiente e que se cumpre co obxectivo da resolución da concesión.

b) Orzamento ou proxecto modificado.

c) Relación e identificación concreta dos cambios introducidos en cadro comparativo.

O prazo para resolver e notificar a resolución sobre a solicitude será de quince días hábiles desde a entrada da documentación completa na Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Será competente para resolvela a persoa titular da consellería convocante e contra esa resolución, definitiva en trámite administrativo, non caberá presentar ningún recurso.

De producirse silencio administrativo terá, neste caso, carácter negativo.

Artigo 14. Réxime de recursos

As resolucións dos expedientes tramitados ao abeiro do disposto nesta orde esgotarán a vía administrativa, polo que, de conformidade co previsto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, contra elas poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, se fose expresa; se non o fose, o prazo será de seis meses e, para a entidade solicitante, contarase a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Malia o anterior, por ter a recorrente a condición de Administración pública, poderá facer uso do requirimento previo a que alude o artigo 44 da antedita Lei 29/1998.

Artigo 15. Compatibilidade

Estas axudas son compatibles co aproveitamento doutro tipo de axudas de institucións públicas ou privadas destinadas ao mesmo fin, sempre e cando o importe das subvencións, axudas, ingresos ou recursos non supere o custo das actividades subvencionadas, tal e como establece o artigo 17.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Subcontratación

Para os efectos do previsto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, autorízanse expresamente as entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde para que subcontraten ata o 100 % do importe dos traballos necesarios para a realización das actividades susceptibles de seren subvencionadas. Tal autorización considérase concedida sen prexuízo das previsións que establecen os números 3 e seguintes do devandito artigo 27.

Artigo 17. Pagamento das axudas

As cantidades concedidas con cargo ás aplicacións orzamentarias detalladas no artigo 6 desta orde seranlles transferidas aos concellos pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, unha vez feita a debida xustificación de gastos, no período correspondente ao exercicio económico 2013.

Artigo 18. Xustificación da subvención

1. Os concellos ou agrupacións de concellos deberán, de acordo co previsto nos artigos 8 e 10 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, xustificar os seus gastos mediante a presentación dunha conta xustificativa integrada polos seguintes documentos:

a) Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Para os efectos do artigo 31.7 da Lei 9/2007 utilizarase a declaración responsable recollida no anexo IX.

b) Unha certificación expedida pola secretaría da entidade, co visto e prace do/a alcalde/sa ou presidente/a, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención en que se faga constar, de forma detallada:

– O cumprimento da finalidade da subvención.

– Memoria das actividades realizadas, axustadas ao proxecto presentado na solicitude.

– Unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen, se é o caso, a actividade subvencionada con indicación do importe e a súa procedencia. No caso de non ter percibido ou solicitado ningunha outra axuda, é necesario achegar igualmente a declaración, indicando este feito. Anexo VIII.

c) Unha certificación da intervención, ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control, en que se faga constar a toma de razón en contabilidade, así como do cumprimento da finalidade para a que foi concedida a axuda e da aplicación dos fondos destinados para tal efecto.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. A xustificación dos gastos realizados polo concello para a posta en marcha do programa farase ata o 15 de outubro de 2013, tendo en conta que se deberá xustificar o 100 % do custo total de cada actividade subvencionada. A xustificación dun importe menor ao proposto supoñerá a minorización proporcional do concedido.

3. A xeración dos documentos necesarios para a xustificación farase a través da aplicación www.edu.xunta.es/acrae

4. Toda a documentación se achegará á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Servizo de Ordenación, Innovación e Orientación Educativa, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela.

5. Non se realizará o pagamento da subvención de non cumprirse o estipulado no punto 7 do artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. O incumprimento do prazo de xustificación dará lugar á perda do dereito de percibir a axuda outorgada.

Artigo 19. Avaliación e seguimento

A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa levará a cabo, a través do Servizo de Inspección Educativa, o seguimento e a avaliación das actividades.

O incumprimento total ou parcial das condicións que se tiveron en conta para a súa concesión poderá dar lugar á anulación ou modificación da contía do importe concedido.

Artigo 20. Obrigas das entidades beneficiarias

A entidade beneficiaria das axudas está obrigada a observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ademais a:

a) Achegar os informes e a información que lle sexa requirida pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

b) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

c) As entidades beneficiarias deberán dar a adecuada publicidade do financiamento en todas as actuacións que derivan da execución do proxecto. Mencionarase expresamente a participación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e faranse visibles os logotipos desta convocatoria de axudas nos documentos, folletos, publicacións, soportes web que se realicen no cumprimento dos seus obxectivos. Estes logotipos poderanse descargar desde a páxina http://www.xunta.es/composicion-con-presidencia-e-consellerias

Disposición derradeira primeira

Contra esta orde as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición derradeira segunda

Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar as medidas necesarias para a execución e desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira terceira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2013

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO II
Guión para a elaboración do programa

1. Título do programa.

2. Datos identificativos do concello, incluíndo:

a) Poboación total do concello.

b) Poboación de 13 a 16 anos.

c) Poboación de 16 a 24 anos.

3. Relación de actividades, distribuídas ao longo do prazo establecido nesta orde.

4. Vinculación das actividades propostas coa problemática do contexto e/ou do contorno e coas características do alumnado.

5. Descrición en detalle das actividades que se van desenvolver atendendo ao especificado no anexo III.

6. Orzamento total do programa.

7. Establecemento de criterios e procesos para a avaliación do programa, referidos, polo menos, aos seguintes aspectos:

a) Incidencia na prevención e/ou redución do abandono escolar.

b) Adecuación da metodoloxía empregada.

c) Organización dos recursos humanos e materiais.

8. As canles, recursos e medios de difusión, comunicación e sensibilización á comunidade educativa do programa.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file