Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Mércores, 22 de maio de 2013 Páx. 17763

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 20 de maio de 2013, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se convocan axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a empresas xornalísticas e de radiodifusión para o ano 2013 (código de procedemento PR852A).

En cumprimento do disposto no Decreto 71/1999, do 18 de marzo, polo que se regulan as axudas a empresas xornalísticas e de radiodifusión, modificado polo Decreto 96/2004, do 13 de maio, e en uso das facultades que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto convocar as axudas económicas destinadas ás empresas xornalísticas e de radiodifusión radicadas en Galicia para o ano 2013, de acordo coas súas bases reguladoras aprobadas mediante a Resolución do 16 de maio de 2012, da Secretaria Xeral de Medios (DOG núm. 97, do 23 de maio).

Artigo 2. Solicitudes

Os formularios de solicitude de axuda regulados nesta resolución poderaos obter, cubrir, validar e imprimir no modelo normalizado que se publica como anexo a esta orde e que se poderá obter, así mesmo, nos enderezos:

a) Sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.es

b) Web institucional da Secretaría Xeral de Medios:

http://medios.xunta.es/axudas-e-subvencions

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á do peche da convocatoria.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

4. De acordo co artigo 8 das bases reguladoras as solicitudes de axuda deberanse presentar acompañadas da documentación correspondente, utilizando os modelos normalizados seguintes e que figuran como anexos numéricos nesta convocatoria:

a) Modelo anexo I. Solicitude de axuda.

b) Modelo anexo II. Declaración responsable acreditativa de requisitos e doutras axudas.

c) Modelo Anexo III. Declaración responsable da porcentaxe de publicacións encamiñadas á normalización e á difusión da identidade de Galicia.

d) Modelo anexo IV. Declaración responsable de compromisos futuros.

Artigo 3. Financiamento

1. A concesión das axudas reguladas nesta resolución financiarase con cargo ás aplicacións 04.20.461A.470.1, por importe de 1.135.000 euros, e 04.20.151A.470.1, por importe de 415.000 euros, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2013, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria nos termos do artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A distribución dos créditos para o exercicio 2013 efectuarase do seguinte xeito:

– Axudas a empresas xornalísticas que publiquen xornais escritos: 1.200.000 €.

– Axudas a empresas radiofónicas privadas: 250.000 €.

– Axudas a empresas xornalísticas que transmitan a súa actividade informativa mediante a internet: 100.000 €.

Artigo 4. Distribución do crédito total entre os criterios de valoración das solicitudes

I. Axudas a empresas xornalísticas que publiquen xornais escritos.

a) Criterio referido á difusión de exemplares. Distribuirase segundo este criterio o 73 % do crédito total.

b) Criterio referido ao emprego regular do galego por parte do medio. Distribuirase segundo este criterio o 25 % do crédito total.

c) Criterio referido á porcentaxe de publicacións, informacións ou emisións encamiñadas á normalización da lingua galega e á difusión da identidade e cultura de Galicia. Distribuirase segundo este criterio o 2 % do crédito total.

II. Axudas a empresas radiofónicas privadas.

a) Criterio referido ao número de oíntes. Distribuirase segundo este criterio o 74 % do crédito total.

b) Criterio referido ao emprego regular do galego por parte do medio. Distribuirase segundo este criterio o 26 % do crédito total.

III. Axudas a empresas xornalísticas que transmitan a súa actividade informativa mediante a internet ou calquera outra nova tecnoloxía da comunicación.

a) Criterio referido ao número de visitas. Distribuirase segundo este criterio o 74 % do crédito total.

b) Criterio referido ao emprego regular do galego por parte do medio. Distribuirase segundo este criterio o 26 % do crédito total.

Artigo 5. Composición da comisión de valoración

1. A comisión de valoración terá a seguinte composición:

Presidente: o director xeral de Comunicación.

Vogais:

– O secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

– Unha persoa funcionaria da Secretaría Xeral de Medios con categoría non inferior á de xefe de servizo.

– Unha persoa funcionaria proposta pola Secretaría Xeral de Política Lingüística con categoría non inferior á de xefe de servizo.

Secretario: unha persoa funcionaria da Secretaría Xeral de Medios.

Artigo 6. Xustificación e pagamento

O pagamento das axudas quedará condicionado á presentación da documentación que se establece no artigo 14 das bases reguladoras. Utilizaranse os modelos normalizados seguintes e que figuran como anexos numéricos nesta convocatoria:

a) Modelo anexo II. Declaración responsable acreditativa de requisitos e doutras axudas.

b) Modelo anexo IV. Declaración responsable de compromisos futuros.

c) Datos de conta bancaria da empresa solicitante, incluída no anexo I.

Artigo 7. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a cinco meses.

Disposición derradeira única

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2013

Mª del Mar Sánchez Sierra
Secretaria xeral de Medios

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file