Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Luns, 3 de xuño de 2013 Páx. 19886

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 15 de maio de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás agrupacións de voluntarios de protección civil de concellos de menos de 50.000 habitantes e se procede á súa convocatoria para o ano 2013.

O Decreto 56/2000, do 3 de marzo, polo que se regula a planificación, as medidas de coordinación e a actuación de voluntarios, agrupacións de voluntarios e entidades colaboradoras en materia de protección civil de Galicia, regula no artigo 72 a posibilidade de que a Xunta de Galicia poida conceder subvencións ás agrupacións de voluntarios de protección civil.

Conforme o Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 72/2013, do 25 de abril, pola que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, correspóndelle a esta, entre outras competencias, as de protección civil.

Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas, polo Decreto 229/2012 e 320/2012, do 2 de decembro

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras que rexerán a concesión de subvencións ás agrupacións de voluntarios de protección civil de Galicia (AVPC), segundo recolle o artigo 72 do Decreto 56/2000, do 3 de marzo, e proceder á súa convocatoria para o ano 2013 en réxime de concorrencia competitiva.

Con estas axudas preténdese colaborar economicamente coas AVPC nos gastos de natureza corrente, o que posibilitará o funcionamento destas entidades dentro dos seus concellos e a colaboración nos plans e programas de protección civil da Xunta de Galicia.

Artigo 2. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarias das subvencións as agrupacións de voluntarios de protección civil de Galicia legalmente constituídas, sen fins de lucro, que no día da publicación desta orde cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar inscritas no Rexistro de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil ou que tivesen presentada oficialmente a solicitude de inscrición no rexistro; neste caso a concesión da subvención quedará condicionada á efectiva inscrición, segundo se establece no artigo 59 e concordantes do Decreto 56/2000, do 3 de marzo. Esta condición debe cumprirse, como máis tardar, no último día do prazo de presentación de solicitudes.

b) Ter dependencia dun concello de menos de 50.000 habitantes ou mancomunidade de concellos, xustificado a través de certificación emitida polo concello ou mancomunidade onde teña o domicilio a entidade.

c) Xustificar o investimento e liquidación de subvencións concedidas en anos anteriores, segundo o disposto nos artigos aplicables da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e concordantes, do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, de tal forma que a non xustificación deste investimento e liquidación leva consigo non poder optar ás subvencións nos seguintes exercicios.

d) Non ter sido condenados por sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións públicas, estar ao día do cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

e) Cumprir o disposto no artigo 54 do Decreto 56/2000, do 3 de marzo.

Artigo 3. Crédito

Para a consecución do obxectivo a que se refire esta orde, a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza destinará ata un límite de 340.000 €, con cargo á partida orzamentaria 05.25.212A.481.0, correspondentes aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo coa Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013.

As dotacións orzamentarias indicadas poderán incrementarse, se for procedente, con fondos comunitarios, do Estado ou da Comunidade Autónoma. Neste suposto tramitarase o oportuno expediente de xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de acordo co disposto no artigo 30.2.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 xuño. En todo caso, a concesión das subvencións estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Nos casos de renuncia dos solicitantes, anulación ou minoración por menor xustificación final das cantidades inicialmente aprobadas, as dotacións orzamentarias resultantes poderanlles ser adxudicadas a outros solicitantes de acordo coa orde de prelación que resulte da aplicación dos criterios do artigo 7 desta orde. Tamén se poderán aplicar para as aprobacións derivadas da resolución de recursos deste ou anteriores anos.

Os incrementos das dotacións orzamentarias indicadas no parágrafo anterior poderán empregarse para aumentar as contías das axudas ou o número das subvencións concedidas, sempre que se solicitasen no período indicado no artigo 5, sen necesidade de abrir un novo período de solicitudes.

Artigo 4. Destino das subvencións

As subvencións poderán ser utilizadas en:

1. Equipamento e vestimenta persoal de uniforme.

2. Equipamentos de prevención e de protección, sempre que se trate de material funxible (incluído material de caixa de primeiros auxilios).

3. Gastos ocasionados durante as actuacións levadas a cabo pola agrupación en materia de protección civil.

4. Gastos ocasionados pola conservación, mantemento e/ou alugamento da súa base e medios de intervención, así como os gastos de comunicación fixos e móbiles de voz e datos.

5. Pagamento de seguros do voluntariado de protección civil ou outro tipo de seguros relacionados co desenvolvemento do traballo e das tarefas da agrupación de voluntarios de protección civil.

6. Gastos ocasionados pola formación dos seus compoñentes.

7. Equipamento do material informático e de comunicacións, sempre que en os ambos casos se trate de elementos funxibles.

Artigo 5. Solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á do peche da convocatoria.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica da Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. A correspondente solicitude, dirixida á persoa titular da xefatura territorial, presentarase dentro do prazo dun mes a partir da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Xunto coa solicitude presentarán a seguinte documentación:

a) Memoria das actuacións levadas a cabo pola agrupación no ano 2012 relacionando o número de intervencións e número de voluntarios participantes en cada unha (en soporte informático).

b) Fotocopia compulsada do NIF da AVPC, no caso de non ter solicitado a subvención no ano 2012 ou existir variación de datos respecto a esa solicitude.

c) Certificado da compañía aseguradora en que conste o número de voluntarios asegurados. No caso de que o sexan todos de forma non nominativa, deberá indicarse esta circunstancia na correspondente póliza, aínda que tamén poderá xustificarse cun certificado da compañía aseguradora.

d) Certificado do presidente de cada agrupación en que se indique se pediron ou non outras subvencións para a mesma finalidade, segundo o modelo do anexo II, coa mesma data da solicitude de subvención.

e) Copia compulsada de convenio ou acordo de colaboración subscrito, entre concellos ou destes coa AVPC para a prestación dos servizos de protección civil da AVPC nos ditos concellos.

3. A presentación da solicitude leva implícita a autorización para a publicidade, inscrición no rexistro procedente e o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios para esas finalidades, así como a especificada no artigo 7, por exixencia normativa, segundo se especifica no artigo 9 desta orde.

4. Os defectos nas solicitudes seranlles notificados aos interesados polas xefaturas territoriais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, concedéndolles un prazo de dez días para emendar os erros e omisións. Transcorrido este prazo sen que se produza a emenda, as peticións arquivaranse, de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 6. Instrución

1. Unha vez recibida a documentación nas xefaturas territoriais, os titulares de destas remitirana á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, xunto cun informe administrativo sobre o cumprimento do sinalado no artigo 5, e sinalando expresamente aqueles cambios de NIF e/ou conta bancaria respecto ao ano anterior.

2. Constituirase unha comisión de avaliación, que estará presidida pola persoa titular da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, ou persoa en quen delegue, formada polos cinco titulares das delegacións territoriais da Xunta de Galicia; actuará como secretario un funcionario da citada dirección xeral que non terá dereito a voto.

3. A referida comisión fará unha proposta de resolución, tendo en conta os criterios sinalados no seguinte artigo, que lle será elevada posteriormente ao órgano competente para resolver.

Artigo 7. Criterios de avaliación

A concesión realizarase por concorrencia competitiva, segundo a cantidade dispoñible, entre as solicitudes presentadas e avaliadas seguindo os criterios técnicos que serán valorados tendo en conta a gradación que en cada caso se indican:

1. Número de mobilizacións con asistencia ás emerxencias:

1.a) Mobilizacións realizadas polas AVPC a pedimento do CAE 112 GALICIA de acordo coa información recollida por este, outorgarase a maior puntuación á AVPC que teña maior número de mobilizacións no ano 2012, e ao resto, a que lle corresponda en proporción ata un máximo de 28 puntos.

Nesta parte puntuarase cun máximo de 4 puntos por cada un dos seguintes tipos de mobilizacións: accidentes, incendios, protección civil, salvamento e rescate, incidencias de circulación, riscos e outros.

Poderase limitar o número máximo e/ou mínimo de mobilizacións en cada tipo, a partir dos cales se dará a mesma puntuación aos que estean por riba ou por debaixo nos seus respectivos rangos, en función do abano de posibilidades existentes.

1.b) Mobilizacións realizadas pola AVPC a pedimento da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior ou dos servizos provinciais de emerxencias. De acordo coa información recollida e certificada polos servizos provinciais de emerxencias ou a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a pedimento das AVPC participantes, outorgarase a maior puntuación á AVPC que teña maior número de mobilizacións no ano 2012 e, ao resto, a que lle corresponda en proporción, ata un máximo de 5 puntos. Poderase limitar o número máximo e/ou mínimo de mobilizacións, a partir dos cales se dará a mesma puntuación aos que estean por riba ou por debaixo no seus respectivos rangos, en función do abano de posibilidades existentes.

2. Ratio de número de voluntarios asegurados por cada mil habitantes. Outorgarase a maior puntuación á AVPC que teña unha mellor ratio número de voluntarios asegurados por cada mil habitantes e ao resto a que lle corresponda en proporción, ata un máximo de 6 puntos. Poderase limitar o número máximo e/ou mínimo de ratio, a partir dos cales se dará a mesma puntuación aos que estean por riba ou por debaixo no seus respectivos rangos, en función do abano de posibilidades existentes.

3. A existencia de riscos no concello, de acordo cos mapas e análise de riscos establecidos no Platerga e demais plans de protección civil, ata un máximo de 5 puntos. Puntuarase en atención aos tramos seguintes: risco moi alto (5 puntos), risco alto (4 puntos), risco moderado (3 puntos), risco baixo (2 puntos) e risco moi baixo (1 punto).

4. Atendendo ao número de núcleos de poboación (parroquias) do concello, outorgarase a maior puntuación á AVPC do concello con máis parroquias e, ao resto, a que lle corresponda en proporción ata un máximo de 4 puntos.

5. Atendendo á extensión territorial do concello, segundo os últimos datos publicados do Instituto Galego de Estatística, outorgarase a maior puntuación á AVPC do concello con máis extensión territorial e, ao resto, a que lle corresponda en proporción ata un máximo de 6 puntos.

6. As AVPC situadas nun concello que careza dun parque de bombeiros municipal, comarcal ou grupo de emerxencia supramunicipal, 8 puntos.

7. As AVPC que está situadas a máis de 30 km da sede dun parque de bombeiros municipal, comarcal ou dun grupo de emerxencia supramunicipal, 8 puntos.

8. As AVPC que presten servizo de maneira mancomunada a máis dun concello, de cara a primar proxectos de xestión compartida, 30 puntos, atendendo aos seguintes criterios:

8.a) Pola mera presentación da solicitude conxunta, 10 puntos.

8.b) Polo número de concellos asociados e a repercusión do proxecto medida a través da cifra de poboación total dos municipios participantes que reciban os servizos da AVPC, ata 10 puntos.

Outorgarase a maior puntuación á solicitude que presente maior ratio, número de concellos por poboación total, e ao resto a que lle corresponda en proporción.

8.c) Pola presentación e valoración dunha memoria de aforro de custos respecto da prestación do servizo de modo individual, 10 puntos.

Quedarán excluídas das subvencións aquelas AVPC que non acaden o 10 % da puntuación máxima outorgada, unha vez avaliadas a totalidade das solicitudes.

A subvención concedida será proporcional ao resultado da puntuación. En todo caso, cada subvención individual será sempre inferior a 10.000 euros.

O órgano que concede as subvencións asignará o crédito dispoñible na convocatoria por orde, segundo a listaxe a que se refire o punto anterior, comezando polas solicitudes que obtivesen a puntuación máis alta ata esgotar o crédito dispoñible.

Artigo 8. Resolución

1. A resolución será adoptada pola persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, tendo en conta a proposta que faga a comisión de avaliación.

2. A resolución das solicitudes de subvención notificaráselles a todos os peticionarios na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Transcorridos cinco meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde, sen que se dite e notifique resolución expresa, os interesados poderán entender de-sestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Contra esta resolución poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular de Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 9. Publicación e rexistro

De conformidade co disposto nos números 3 e 4 do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das subvencións concedidas ao amparo desta orde, e incluirá igualmente as referidas subvencións e as sancións que como consecuencia delas se poidan impoñer nos correspondentes rexistros públicos.

Artigo 10. Deberes dos beneficiarios

As persoas beneficiarias das subvencións deberán cumprir as obrigas sinaladas con carácter xeral no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, en concreto as seguintes:

a) Cumprir o obxectivo ou realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención.

b) Comunicarlles por escrito ás xefaturas territoriais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia a súa aceptación ou renuncia no prazo de 10 días contados a partir do seguinte ao da notificación da resolución. Transcorrido este prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

c) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente, así como calquera outra actuación, comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, autonómicos, estatais ou comunitarios, para o cal se achegará calquera información solicitada no exercicio desas actuacións. En especial, deberán facilitar a información que lle sexa requirida por esta consellería, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma ou polo Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

d) Comunicar ao órgano concedente a modificación das circunstancias que deron lugar á concesión da subvención en canto se coñeza, ou ben, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Achegar os documentos xustificativos tal e como se prevé no artigo 12.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto de actuacións de comprobación e control. En calquera caso este período non será inferior a 5 anos.

Artigo 11. Anticipos

Para as subvencións solicitadas poderá aboarse un anticipo de ata 80% da subvención concedida sempre e cando a cantidade da axuda no exceda os 18000 € e nos casos en que o gasto exixa pagamentos inmediatos. O citado anticipo deberá ser solicitado expresamente polo beneficiario, no propio impreso de solicitude da subvención (anexo I).

A persoa titular das xefaturas territoriais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, fará a proposta de concesión ou denegación do devandito anticipo á persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que resolverá de maneira motivada.

Para obter o ingreso do anticipo, o presidente de cada agrupación, unha vez publicada a resolución de concesión das subvencións, terá que presentar na Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, novamente e con data actualizada, o certificado en que se indique se pediron ou non outras subvencións para a mesma finalidade, segundo o modelo do anexo II.

Artigo 12. Xustificación e pagamento

As agrupacións ás cales se lles aproben as subvencións segundo o artigo 7 desta orde, disporán ata o 15 de setembro de 2013 para presentar nas xefaturas territoriais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia as facturas e xustificantes de pagamento correspondentes aos gastos aprobados, conformadas polo/a presidente/a da agrupación.

Ademais dos documentos anteriores deberán achegar, coa mesma data de presentación da xustificación, o certificado do presidente de cada agrupación en que se indique se pediron ou non outras subvencións para a mesma finalidade, con data actualizada, segundo o modelo do anexo II.

Se o beneficiario non presenta a xustificación no prazo establecido, as xefaturas territoriais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia requirirán a súa presentación no prazo improrrogable de dez días.

A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

Terá a consideración de gasto realizado, para os efectos do disposto no artigo 29.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación, determinado neste artigo e a través dos documentos aquí indicados.

A liquidación do importe final das subvencións concedidas calcularase en función das facturas e demais xustificantes que se presenten ao respecto, de acordo co establecido nestas bases reguladoras e na resolución de concesión.

No caso de que os gastos totais xustificados e admitidos sexan inferiores ao importe da subvención concedida, practicarase a redución proporcional correspondente, sempre que se cumpran os obxectivos previstos.

Entenderase que queda por conta do beneficiario a diferenza de financiamento necesario para a total execución da actividade subvencionada, debendo ser reintegrado en tal caso o financiamento público unicamente polo importe que supere o custo total da actividade.

Poderán admitirse os documentos xustificativos por gastos efectuados, de acordo co artigo 4 desta orde, entre o 1 de xaneiro de 2013 e o 15 de setembro de 2013.

Consideraranse xustificantes de pagamento válidos unicamente os seguintes:

– Facturas, orixinais ou compulsadas, acompañadas dos extractos ou certificacións bancarias correspondentes, debidamente identificados.

– Para aquelas compras realizadas en metálico, de ata 1.000 euros por factura, será suficiente a factura orixinal ou compulsada en que figure «pagado» xunto coa sinatura, nome, apelidos e o número de DNI da persoa que recibiu o cobramento na empresa subministradora, e conformadas e asinadas polo/a presidente/a da agrupación.

– Documentos de liquidación de gastos de desprazamento e manutención en operativos de protección civil, en que figure tanto a conformidade do presidente da agrupación como o «xustificante de recepción» do voluntario perceptor desta compensación.

Estas directrices afectan a todos os peticionarios, independentemente de que soliciten anticipos ou non, e para todos os gastos, incluídos os realizados con cargo ás cantidades anticipadas.

Artigo 13. Compatibilidade

Estas axudas son compatibles coa percepción doutras subvencións, ingresos, ou recursos para a mesma finalidade. Porén, o importe destes en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outros, supere o custo da actividade subvencionada.

Artigo 14. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 15. Reintegro das subvencións

No caso de incumprimento do deber de xustificación, de destinar a subvención a unha finalidade distinta para a cal foi concedida, ou se a agrupación non reúne os requisitos exixidos nesta orde ou en calquera dos supostos indicados no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, procederá o reintegro a esta comunidade autónoma das subvencións percibidas e dos intereses xerados, seguíndose para isto o procedemento establecido no artigo 77 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Tamén se seguirá este procedemento naqueles casos en que a xustificación da subvención sexa inferior ao anticipo concedido.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa en materia de subvencións contida na Lei 9/2007, do 13 de xuño, no seu regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, así como na Lei 38/2003, do 17 de novembro, naquilo que non resulte derrogado pola normativa anteriormente citada.

Disposición derradeira terceira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2013

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

missing image file
missing image file
missing image file