Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Martes, 4 de xuño de 2013 Páx. 20285

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 30 de maio de 2013 pola que se convoca o curso monográfico O futuro do Estado autonómico.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2013 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase o curso monográfico «O futuro do Estado autonómico» conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

O presente curso monográfico diríxese a analizar a situación actual e as perspectivas do modelo territorial previsto na Constitución española, as reformas posibles para garantir a súa sustentabilidade nun contexto de crise e a coherencia destas coas previsións do devandito texto constitucional. Nesta liña, o presente curso monográfico pretende ademais suscitar o oportuno debate acerca dos retos actuais e futuros do Estado das autonomías nun escenario no que a Unión Europea avanza no fortalecemento da súa gobernanza.

2. Contidos.

Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

– Redución do gasto público e xestión do recorte na Administración autonómica.

– Federalismo e nacionalismo: da construción á destrución do Estado.

– Déficit e endebedamento no sistema de financiamento autonómico.

– A unidade xurídica e económica como exixencia e garantía dun Estado autonómico sustentable.

– Asimetría ou simetría no Estado autonómico.

3. Destinatarios.

Persoal ao servizo das administracións galegas, profesionais, universitarios e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

Lugar: Escola Galega de Administración Pública (EGAP).

Datas e horario:

19, 20 e 21 de xuño de 2013.

19 de xuño, das 16.30 ás 19.30 h.

20 de xuño, das 10.00 ás 14.15 e das 17.00 ás 19.30 h.

21 de xuño, das 10.00 ás 14.00 h.

Duración: 15 horas lectivas.

5. Número de prazas.

O limitado pola capacidade do local.

6. Solicitudes.

As solicitudes irán dirixidas á directora da Escola Galega de Administración Pública (As Fontiñas, rúa Madrid, 2-4, CP 15707 Santiago de Compostela), segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e serán presentadas no Rexistro Xeral da EGAP, ou ben de calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Serán admitidas inscricións por medio de fax enviado ao número 981 54 63 30 ou por correo electrónico dirixido ao enderezo novas.egap@xunta.es

As persoas solicitantes poderán obter a confirmación da súa admisión se chaman por teléfono, das 8.30 ás 14.30 horas, aos seguintes números: 981 54 62 41-881 99 70 14.

7. Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes finalizará o martes 18 de xuño de 2013.

8. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

9. Certificado de asistencia.

Ao final do curso entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente, e sempre que a súa asistencia sexa igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán de forma expresa o contido, a data e o lugar de realización deste curso.

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2013

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

FOLLA DE INSCRICIÓN

1. SOLICITANTE

Apelidos Nome DNI

2. DATOS PROFESIONAIS

Posto de traballo/profesión Corpo, subgrupo ou escala (1) Nivel (2)

Entidade en que presta servizos: (3)

Enderezo do posto de traballo: Rúa Nº Localidade Provincia CP Tel.

Correo electrónico:

3. ACTIVIDADE SOLICITADA

Solicita asistir ao curso monográfico «O futuro do Estado autonómico» que se desenvolverá na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) os días 19 (pola tarde), 20 (pola mañá e pola tarde) e 21 (pola mañá) de xuño de 2013.

Sinatura,

..., ... de ... de 2013

Os datos de carácter persoal contidos no impreso poderán ser incluídos nun ficheiro para o seu tratamento por este órgano administrativo, como titular responsable deste, no uso das funcións propias que teñen atribuídas e no ámbito das súas competencias. Así mesmo, infórmase da posibilidade de exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición, todo isto de conformidade co disposto no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (BOE do 14 de decembro).

(1, 2 e 3): Cubrir só en caso de ser funcionario ou funcionaria.

DIRECTORA da EGAP. As Fontiñas, rúa Madrid, 2-4, CP 15707 Santiago de Compostela (A Coruña)