Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Venres, 7 de xuño de 2013 Páx. 21159

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 83/2013, do 6 de xuño, polo que se aproba a fusión voluntaria dos municipios de Oza dos Ríos e Cesuras e se constitúe o municipio de Oza-Cesuras.

A Constitución española de 1978, nos seus artigos 137, 140 e 141, garante a autonomía local e a existencia como entidades locais en todo o territorio nacional dos municipios e das provincias, e recoñece igualmente o carácter de entidades locais ás illas nos arquipélagos balear e canario.

A configuración territorial do noso Estado é a que deu en chamalo o «Estado das autonomías», e nel rexe o principio de competencia entre as distintas normativas do Estado e das comunidades autónomas. Esta distribución competencial, aínda que presente ao longo de todo o articulado do texto constitucional de 1978, concrétase fundamentalmente en dous preceptos, o 148 e o 149, e, para a nosa comunidade, no Estatuto de autonomía de Galicia no seu artigo 27.

A Carta Magna, no seu artigo 148.1.2, establece que: «As comunidades autónomas poderán asumir competencias nas seguintes materias: as alteracións dos termos municipais comprendidos no seu territorio e, en xeral, as funcións que correspondan á Administración do Estado sobre as corporacións locais e cuxa transferencia autorice a lexislación sobre réxime local», e, pola súa banda, o artigo 149.1.18, no que se regulan as competencias exclusivas do Estado, prevé no punto 18 como competencia exclusiva para o Estado a relativa á determinación de: «As bases do réxime xurídico das administracións públicas e do réxime estatutario dos seus funcionarios que, en todo caso, garantirán aos administrados un tratamento común ante elas; o procedemento administrativo común, sen prexuízo das especialidades derivadas da organización propia das comunidades autónomas; lexislación sobre expropiación forzosa; lexislación básica sobre contratos e concesións administrativas e o sistema de responsabilidade de todas as administracións públicas».

Ao abeiro do previsto no artigo 148.1.2 da CE, a Comunidade Autónoma de Galicia asumiu no seu Estatuto de autonomía a competencia exclusiva en materia de alteración de termos municipais, en concreto a través do seu artigo 27.2, que regula a competencia exclusiva da Comunidade Autónoma de Galicia nunha serie de materias, entre as cales se atopa a relativa a «Organización e réxime xurídico das comarcas e parroquias rurais como entidades locais propias de Galicia, alteracións de termos municipais comprendidos dentro do seu territorio e, en xeral, as funcións que sobre o réxime local correspondan á Comunidade Autónoma ao abeiro do artigo 149.1.18 da Constitución e o seu desenvolvemento», e promulgou a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, que dedica a súa sección primeira do capítulo I do seu título I (artigos 12 a 39) ás alteracións dos termos municipais.

Con base no exposto, a competencia en materia de alteración de termos municipais é autonómica e recóllese nos preceptos sinalados (148.1.2 CE e 27.2 EEAA Galicia), pero, en virtude do xogo dos artigos 137, 140 e 149.1.18 da Constitución, esta competencia vese limitada por unha serie de mínimos ou principios básicos que son de aplicación a todos os municipios do Estado independentemente da comunidade autónoma en que estean. En conclusión, o Estado preserva uns mínimos que protexe en todo o ámbito estatal, derivados da autonomía local constitucionalmente protexida, e faino coa lexislación básica, pero máis alá disto, a competencia de alteración de termos é exclusiva e plena das comunidades autónomas.

O exposto lévanos a acudir a diferentes normativas na tramitación do expediente de fusión de municipios, concretamente, a nivel estatal, á Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e ao Real decreto 1690/1986, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de poboación e demarcación das entidades locais, e, a nivel autonómico, á Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

En particular, en canto ao réxime de maiorías para a adopción polos concellos do acordo de fusión, e de conformidade co criterio destes, o presente decreto aplica a regulación da lexislación básica de réxime local, que ten orixe na reforma operada mediante a Lei 57/2003, do 16 de decembro, de medidas para a modernización do goberno local. Para o Tribunal Constitucional esta normativa ten, efectivamente, carácter básico ex artigo 149.1.18 CE, dado que a regulación dos aspectos esenciais do modelo de autonomía local garantido en todo o Estado atinxe ao funcionamento democrático dos órganos de goberno das corporacións locais. En concreto, os preceptos relativos ao quórum e ás maiorías necesarias para a adopción dos acordos dos órganos colexiados superiores son aspectos que definen precisamente un modelo de democracia local. Este criterio é o mantido nas sentenzas do Tribunal Constitucional 331/1993, do 12 de novembro; 66/2011, do 16 de maio, e 159/2012, do 17 de setembro.

No actual escenario de crise económica que afecta todas as administracións e da que non son alleos os concellos de Galicia, a Administración autonómica vese na obriga de impulsar medidas innovadoras relativas á xestión eficaz e eficiente dos recursos dispoñibles.

Xa no ano 1978 o propio artigo 103 da CE impoñía a obriga á Administración de actuar de acordo cos principios de eficacia e coordinación, principios que deben presidir aínda máis intensamente hoxe en día as actuacións administrativas.

Desde a perspectiva do máximo respecto á actual estrutura territorial da nosa comunidade e á diversidade municipal, non podemos obviar o recoñecemento de que a planta municipal actual, froito dun deseño cuxas raíces se atopan no século XIX, está suxeita a revisión e reordenación pola evolución social, económica e demográfica que se ten experimentado na nosa comunidade.

A dita reordenación non se pode establecer con carácter xenérico e idénticos criterios para todos os municipios, como acontecería no caso de forzar fusións contrarias á vontade municipal, senón que a mellor opción pasaría polo fomento, de ser o caso, de fusións voluntarias de municipios, cando desde o máis absoluto respecto á autonomía local se adopten as decisións libremente.

Considerando que a fusión voluntaria entre os municipios de Oza dos Ríos e Cesuras se basea e se xustifica en consideracións de orde xeográfica e económica e na estimación por ambos os dous municipios de que da alteración derivarán importantes vantaxes en canto á prestación de servizos.

Considerando que concorren razóns de conveniencia e de oportunidade que aconsellan a fusión iniciada polos concellos de Oza dos Ríos e de Cesuras, xa que, segundo consideran os concellos interesados, o novo municipio, xurdido da fusión, estará en disposición de garantir unha prestación de servizos máis eficaz e eficiente sen mingua da calidade da democracia local.

Considerando que tanto a posición histórica da Deputación da Coruña, caracterizada por presentar reiteradamente proxectos de redución do número de municipios e por favorecer as incorporacións singulares que se lle propuxeron, como as políticas seguidas maioritariamente nos Estados da Unión Europea, avalan a fusión ou a incorporación a outros dos pequenos municipios, para o fortalecemento da viabilidade social e financeira e da autonomía local dos municipios resultantes destes procedementos, conseguindo deste xeito a redución do gasto sen mingua da calidade dos servizos nin da participación dos cidadáns nos asuntos públicos.

Para dar cumprimento ao disposto no artigo 38.2 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, o texto do decreto recolle o nome do novo municipio; o núcleo en que se situará a capitalidade; os novos límites dos termos municipais afectados; a poboación e parroquias dos termos municipais afectados; e a aprobación das estipulacións xurídicas e económicas acordadas.

En canto ás estipulacións xurídicas e económicas, o texto do decreto aproba as acordadas para levar a cabo a alteración dos termos municipais e coherentes coa natureza da operación como fusión, caracterizada fundamentalmente pola subrogación do novo concello en todos os dereitos, bens e obrigas dos antigos concellos de Cesuras e Oza dos Ríos. Deben diferenciarse, así, estas estipulacións que regulan a fusión ou son efectos xurídicos dela, das declaracións de intencións ou previsións pro futuro dos concellos fusionados, e que teñen un contido, polo tanto, que non rexe, condiciona ou determina o proceso de fusión. Estas declaracións ou previsións non se recollen como parte do presente decreto por non seren contido propio del. A nova corporación municipal nace deste modo con plena autonomía administrativa e potestade de autoorganización de acordo co sistema xeral da Lei 5/1997.

Polo demais, a disposición adicional do decreto prevé o nomeamento da comisión xestora, que se ocupará de rexer e administrar o novo municipio ata as vindeiras eleccións locais, de acordo co disposto na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Consta no expediente a observancia dos requisitos procedementais exixidos para a fusión pola Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases do réxime local, e pola Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

O expediente iniciárono, con carácter voluntario, os concellos de Oza dos Ríos e Cesuras con base en consideracións de orde xeográfica e económica e na estimación de que da alteración derivarán importantes vantaxes en canto á prestación de servizos.

En ambos os concellos acordouse someter o proxecto e documentación da unión voluntaria a información pública e participación cidadá por un prazo de vinte días hábiles, con carácter previo e independente ao inicio do procedemento de fusión.

Constan os acordos dos plenos das dúas corporacións do 15 de xuño de 2012 que foron obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia núm. 119 e no Boletín Oficial da provincia núm. 118, con data do 22 de xuño.

Unha vez rematado o prazo de presentación de alegacións, e ao abeiro do artigo 32 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, os concellos interesados adoptaron, con data do 30 de agosto de 2012, os correspondentes acordos de inicio coas maiorías requiridas pola normativa aplicable.

No Diario Oficial de Galicia núm. 170 e no Boletín Oficial da provincia núm. 170, do 6 de setembro de 2012, publicouse o citado acordo en virtude do cal se resolvían as alegacións presentadas e se daba publicidade ao acordo de inicio do expediente de fusión dos citados municipios, sometendo o citado acordo a información pública por un prazo de trinta días.

Finalizado o período de información pública, os concellos adoptaron, con data do 11 de xaneiro de 2013, un novo acordo, ao abeiro do artigo 34 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, coas maiorías requiridas pola normativa aplicable.

Posteriormente, e de conformidade co artigo 34 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, deuse audiencia no prazo dun mes á Deputación Provincial da Coruña. Consta certificación do acordo favorable da Deputación da Coruña ao expediente da fusión con data do 22 de febreiro de 2013.

Por último, a daquela Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, consellería competente en materia de réxime local, elevou o expediente á Comisión Galega de Delimitación Territorial, a cal emitiu o seu informe favorable o 12 de marzo de 2013.

Na súa virtude, tramitado o expediente de fusión nos ditos termos, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada polas leis 11/1988, do 20 de outubro; 2/2007, do 28 de marzo, e 12/2007, do 27 de xullo, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día seis de xuño de dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase a fusión voluntaria dos municipios de Oza dos Ríos e Cesuras, que se unen para dar lugar a un novo municipio, polo que desaparecen os dous municipios fusionados.

Artigo 2

O novo municipio resultante da fusión recibirá a denominación de Oza-Cesuras.

Artigo 3

A capitalidade do novo municipio radicará no núcleo de Oza, da parroquia do mesmo nome do actual termo municipal de Oza dos Ríos.

Artigo 4

O novo municipio terá como límites territoriais os correspondentes na actualidade aos municipios fusionados en relación con outros limítrofes, polo que desaparece a liña divisoria entre Cesuras e Oza dos Ríos.

Os límites territoriais serán os recollidos no anexo deste decreto.

Artigo 5

A poboación e parroquias do novo municipio serán as correspondentes ás dos municipios fusionados.

Artigo 6

Apróbanse as seguintes estipulacións xurídicas e económicas para levar a cabo a alteración dos termos municipais:

1. O novo concello subrógase en todos os dereitos, bens e obrigas dos antigos concellos de Cesuras e Oza dos Ríos.

2. As fórmulas de administración dos bens e xestión de servizos serán as que acorde o concello que se constitúa no novo municipio, conforme o establecido na normativa xurídica vixente. No entanto, os contratos e convenios asignados polas corporacións de Cesuras e Oza dos Ríos conservarán a súa vixencia ata a súa extinción en legal forma.

3. Ata que se produza a correspondente unificación normativa, as ordenanzas e demais normas aprobadas polos concellos de Cesuras e Oza dos Ríos seguirán vixentes nos seus respectivos ámbitos territoriais.

4. O persoal dependente de cada un dos concellos fusionados pasará, con todos os seus dereitos e obrigas, a formar parte do persoal do novo concello. A situación dos funcionarios con habilitación de carácter estatal rexerase polas súas normas específicas.

Disposición adicional

De conformidade co previsto no artigo 39 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, mediante orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza procederase ao nomeamento dunha comisión xestora, cuxo número de membros será igual ao de concelleiros segundo a poboación resultante do novo concello.

A dita comisión xestora ocuparase de rexer e administrar o novo municipio ata as vindeiras eleccións locais.

Disposición transitoria

Mentres non se constitúa a comisión xestora a que se refire a disposición adicional, ao abeiro do disposto no artigo 194.2 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, de réxime electoral xeral, os membros dos concellos fusionados continuarán nas súas funcións só para a administración ordinaria. En ningún caso poderán adoptar acordos para os que legalmente se requira unha maioría cualificada.

Disposición derradeira

Esta resolución de aprobación producirá efectos desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, seis de xuño de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

missing image file