Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Martes, 11 de xuño de 2013 Páx. 21829

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 3 de xuño de 2013 pola que se regula o réxime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2013.

Co fin de manter o fomento da realización das funcións propias das organizacións sindicais e a promoción do funcionamento dos seus gabinetes técnicos así como o apoio aos plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais, anúncianse os seguintes tipos de axudas para o ano 2013:

Programa I. Axuda para o desenvolvemento das actividades ordinarias das centrais sindicais durante o ano 2013.

Programa II. Axuda para promover o funcionamento de gabinetes técnicos das centrais sindicais e para plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais.

O importe global das referidas axudas destinadas aos dous programas mencionados ascende a un total dun millón douscentos corenta e catro mil cincocentos euros (1.244.500 euros) que figura na Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013.

Concluído o proceso de eleccións sindicais previsto na disposición transitoria oitava do actual texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e en virtude do novo sistema de medición da representatividade das organizacións sindicais, para os efectos das axudas previstas nesta orde terase en conta a representatividade sindical en 31.12.2012 referida exclusivamente ao ámbito territorial de Galicia.

A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento desta lei, establecen o réxime xeral de concesión de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, normativa a que, en consecuencia, se adaptará esta orde tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade, concorrencia, transparencia, igualdade e non discriminación.

O Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar e atribúe á Dirección Xeral de Traballo e Economía Social a execución das competencias da Comunidade Autónoma en materia laboral. Dentro desta dirección xeral, o Servizo de Relacións Laborais da Subdirección Xeral de Traballo desenvolve as funcións relativas á xestión e tramitación das axudas e subvencións.

Por todo o exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e, de conformidade coas atribucións que teño conferidas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios aos fins para os que foron establecidos,

DISPOÑO:

Capítulo I
Ámbito de aplicación

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto a convocatoria das axudas previstas no artigo 4 do Decreto 106/1994, do 21 de abril, polo que se establece o réxime xeral das axudas e subvencións en materia de ámbito laboral e mellora das condicións de traballo que concederá a Consellería de Traballo e Benestar ás centrais sindicais con representación na Comunidade Autónoma de Galicia, para o desenvolvemento das súas actividades ordinarias durante o ano 2013, para promover o funcionamento dos seus gabinetes técnicos e para plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais.

Para os efectos desta orde teranse en conta a representatividade sindical en 31.12.2012, referida exclusivamente ao ámbito territorial de Galicia.

2. As solicitudes, tramitación e concesión destas axudas axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, así como no Decreto 106/1994, do 21 de abril, e nesta orde. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de conformidade co previsto no artigo 19.2 da Lei de subvencións de Galicia, axustándose a repartición aos criterios que se establecen nesta orde.

3. Tipos de axudas.

Programa I. Axuda para o desenvolvemento das actividades ordinarias das centrais sindicais durante o ano 2013.

Programa II. Axuda para promover o funcionamento de gabinetes técnicos das centrais sindicais e para plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais.

Capítulo II
Programas

Sección 1ª

Programa I
Axuda para o desenvolvemento das actividades ordinarias das centrais sindicais
durante o ano 2013

Artigo 2. Finalidade

Será a de facilitarlles axudas económicas ás centrais sindicais con representación no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, para as actividades ordinarias que lle son propias, de acordo co disposto na normativa legal vixente de aplicación e que se desenvolvan no ano 2013.

Artigo 3. Financiamento

Esta axuda financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 11.02.324A.481.6 da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social cun crédito por importe de oitocentos oitenta e tres mil cincocentos euros (883.500 euros), co código de proxecto 2013/00612.

Artigo 4. Entidades beneficiarias e subvención

O crédito que figura na citada aplicación orzamentaria será proporcionalmente distribuído entre as centrais sindicais a que se refire o artigo 2, segundo o número de representantes que tivesen o 31 de decembro de 2012 en virtude das eleccións celebradas nas empresas e nas administracións públicas no ámbito de Galicia. Tomarase como denominación aquela con que figuren rexistradas na data antedita.

Non poderán ser beneficiarias das subvencións reguladas neste programa aquelas entidades que non cumpran os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Sección 2ª

Programa II
Axuda para promover o funcionamento de gabinetes técnicos das centrais sindicais
e para plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais

Artigo 5. Finalidade

Será a de promover e apoiar o funcionamento dos gabinetes técnicos das centrais sindicais nas actividades específicas das materias que lles son propias, así como a de facilitar e favorecer a formación de cadros e delegadas e delegados sindicais.

Artigo 6. Requisitos dos gabinetes técnicos

Para poderen ser obxecto de subvención, os gabinetes técnicos das centrais sindicais deberán estar integrados, como mínimo, por dúas persoas, unha das cales deberá ser necesariamente licenciada en Economía ou en Administración e Dirección de Empresas. Estas persoas estarán contratadas a xornada completa para a realización das actividades propias dos gabinetes.

Artigo 7. Financiamento

Esta axuda financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 11.02.324A.481.7 da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social cun crédito por importe de trescentos sesenta e un mil euros (361.000 euros) co código de proxecto 2013/00613.

Artigo 8. Entidades beneficiarias e subvención

Na citada aplicación orzamentaria, o crédito será proporcionalmente distribuído entre as centrais sindicais intersectoriais que o soliciten, segundo o número de representantes que tivesen o 31 de decembro de 2012 en virtude das eleccións celebradas nas empresas e nas administracións públicas no ámbito de Galicia. Tomarase como denominación aquela co que figuren rexistradas na data antedita.

Non poderán ser beneficiarias das subvencións reguladas neste programa aquelas entidades que non cumpran os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As entidades beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde que teñan por finalidade o financiamento de plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais poderán subcontratar, por unha soa vez, a realización do plan de formación tendo en conta que a subcontratación non pode supoñer un aumento do custo de execución do plan subvencionado, e que deberá ser realizada consonte co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Ademais, os/as subcontratistas deberán facilitarlles aos organismos de auditoría e control toda a información necesaria relativa ás accións subcontratadas. Esta subcontratación poderá chegar ata o 100 % do importe do plan.

Cando a actividade concertada con terceiros exceda o 20 % do importe da subvención e o dito importe sexa superior a 60.000 euros, a subcontratación estará sometida ao cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que o contrato se subscriba por escrito.

b) Que a súa subscrición a autorice previamente a entidade concedente da subvención.

Entenderase autorizada a subscrición do contrato a través da comunicación escrita da persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, logo de solicitude da dita autorización pola entidade beneficiaria da subvención.

Capítulo III
Procedemento

Artigo 9. Solicitudes

1. As solicitudes, que deberán formalizarse por separado para cada un dos programas, presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño de acceso dos cidadáns aos servizos públicos e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. O prazo de presentación de solicitudes será de 40 días hábiles contados a partir do día seguinte á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 10. Documentación xeral

Cada solicitude deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Acordo do órgano reitor competente, debidamente acreditado, polo que se decida solicitar a subvención e poder suficiente que acredite a representación da persoa que actúe en nome da organización sindical solicitante. No caso de que efectúe a solicitude unha federación ou confederación e reclame a subvención en nome doutros sindicatos con representatividade deberán xuntar documentación acreditativa en que conste a autorización dos sindicatos para que a confederación a solicite no seu nome.

b) Memoria explicativa da actividade ou actividades desenvolvidas ou que vaia desenvolver a organización sindical ou o seu gabinete técnico e sobre o plan de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais, segundo o tipo de axuda que se solicite. En todo caso, as actuacións corresponderán ao ano 2013 e deberán constar de forma detallada e específica.

c) Declaración expresa relativa á veracidade dos datos da conta bancaria consignados na solicitude (anexo I).

d) Declaración expresa de submisión ás actuacións de comprobación que acorde a Consellería de Traballo e Benestar e ás de control financeiro que lle corresponda á Consellería de Facenda e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas (anexo I).

e) Declaración expresa de non incorrer nas circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo I).

f) Declaración de conxunto de todas as solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas, para a mesma actividade, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados (segundo modelo anexo II).

Artigo 11. Documentación específica

Programa II

– As centrais sindicais solicitantes das axudas relativas a este programa, ademais de presentar a documentación sinalada no artigo anterior, deberán acreditar que teñen a condición de intersectoriais.

– Cando se trate de axudas para promover o funcionamento de gabinetes técnicos, tamén se deberá xuntar copia compulsada dos contratos de traballo do persoal adscrito ao gabinete e documento que acredite a súa alta na Seguridade Social como persoal traballador da central sindical solicitante.

Artigo 12. Tramitación

1. Logo da recepción de solicitudes, o Servizo de Relacións Laborais da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social comprobará se cada solicitude presentada coa súa correspondente documentación reúnen os requisitos exixidos nos artigos anteriores e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirase a entidade interesada para que nun prazo de 10 días emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se lle terá por desistida da súa petición, logo da resolución que deberá ser dictada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.

2. Unha vez realizado o trámite anterior os expedientes remitiranse á comisión de valoración para que emita informe previo á elevación perante o órgano competente para formular a proposta de resolución.

3. Para os efectos do disposto no número anterior a comisión de valoración estará formada polos seguintes membros: a persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, quen presidirá, a persoa titular da Subdirección Xeral de Traballo, a persoa titular do Servizo de Relacións Laborais e unha persoa titular dunha sección da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social que actuará como secretario ou secretaria, por designación da persoa responsable da Dirección Xeral Traballo e Economía Social.

Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puider asistir, será substituída polo funcionario ou funcionaria que para o efecto designe a persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social e o nomeamento deberá recaer nunha persoa cuxo posto de traballo estea adscrito á Dirección Xeral.

Artigo 13. Resolución

A resolución das axudas, logo do informe da comisión de valoración e da proposta da persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social e a fiscalización da Intervención Delegada da Consellería, corresponderalle á conselleira de Traballo e Benestar, e notificaráselles ás entidades interesadas no prazo de dez días a partir da data en que se dite a resolución. As resolucións deberán ser sempre motivadas.

O prazo para resolver e notificar será de tres meses contados desde o peche do prazo de presentación de solicitudes. A dita resolución poñerá fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Transcorrido o prazo para resolver o procedemento sen que se dite resolución expresa, entenderase que esta é desestimatoria da concesión da axuda ou subvención.

De conformidade co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Traballo e Benestar publicará na súa páxina web e no DOG a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web.

Coa presentación da solicitude préstase expreso consentimento á Consellería de Traballo e Benestar para incluír e facer públicos, no rexistro regulado no Decreto 132/2006 do 27 de xullo, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas. Os datos de carácter persoal dos titulares de expedientes de axudas e subvencións están protexidos segundo o establecido na Lei 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición de datos de carácter persoal (artigo 5 da antedita lei) exerceranse ante o Cixtec como órgano responsable dos ficheiros (rúa Domingo Fontán, 9, 15702 Santiago de Compostela).

Artigo 14. Forma de pagamento e xustificación

1. Unha vez notificada a resolución de concesión de subvención e previamente ao seu cobramento a entidade beneficiaria dispoñerá dun prazo de 10 días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se produza manifestación expresa se entenderá tacitamente aceptada segundo o disposto no artigo 21.5, parágrafo 2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, o prazo de presentación da xustificación das axudas concedidas rematará o 31 de outubro do 2013, agás que na resolución de concesión se estableza unha data posterior.

2. No momento en que se teña constancia da aceptación da subvención concedida, poderanse realizar pagamentos anticipados para os dous programas, logo de solicitude en concepto de anticipo, e de acordo coas seguintes condicións establecidas no artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

– Cando o importe da subvención non supere os 18.000 euros, ata o 80 % da subvención concedida.

– Cando a subvención supere os 18.000 euros, poderanse conceder pagamentos dun 10 % adicional sobre o importe que exceda os 18.000 euros.

3. As axudas, con carácter xeral, poderán facerse efectivas nunha ou varias fases. A Administración poderá efectuar un pagamento único ou varios pagamentos parciais á entidade beneficiaria segundo se xustifique a realización das actividades subvencionadas e os gastos delas derivados.

De conformidade co disposto no artigo 62 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, poderanse acordar pagamentos parciais á conta da liquidación definitiva, a medida que a entidade beneficiaria xustifique os gastos, ata unha porcentaxe máxima do 80% da subvención concedida.

4. A xustificación das actividades subvencionadas e dos gastos delas derivados realizarase mediante a presentación da seguinte documentación:

a) Certificacións en que figuren a desagregación detallada dos gastos contraídos polas actividades obxecto de subvención, expedida pola persoa responsable da contabilidade da central sindical, con poder suficiente para o efecto, o que deberá acreditarse documentalmente.

b) Facturas orixinais ou copias compulsadas, debidamente conformadas pola persoa representante do sindicato en que figure o destino concreto do gasto, que deberá axustarse á finalidade da subvención. Ademais, deberanse presentar os xustificantes de pagamento das ditas facturas, de acordo co disposto nos artigos 28 e 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Declaración de que as facturas e demais documentación que se presenten para o efecto de xustificar o gasto subvencionado, non foron nin serán presentadas como xustificación para a concesión doutras axudas por calquera outra administración pública competente ou por outros entes públicos ou privados.

En todo caso, as ditas xustificacións poderanse complementar cos medios de xustificación previstos nos artigos 46 e 47 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e terán que presentarse antes do 31 de outubro de 2013.

d) No caso de que se realice a subcontratación das actividades subvencionadas prevista no artigo 8 desta orde, as entidades beneficiarias da axuda para plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais achegarán, cando sexa necesario, copia compulsada do contrato subscrito con terceiros para a execución total ou parcial das ditas actividades, segundo o establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Transcorrido o prazo establecido no número 1 deste artigo, ás entidades beneficiarias que non presentasen a documentación de xustificación final dos gastos poderáselles exixir o reintegro das cantidades percibidas en concepto de anticipo así como os pagamentos parciais efectuados, consonte o disposto na disposición adicional segunda desta orde.

5. No momento da xustificación das actividades subvencionadas, deberá presentarse declaración expresa de non incorrer nas circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Esta declaración deberá ser individualizada para cada programa.

6. No momento da xustificación total da actividade subvencionada, deberá presentarse declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados; se é o caso, indicarase na declaración que non solicitou ou percibiu outras axudas ou subvencións (segundo modelo anexo II).

Esta comunicación deberá ser individualizada por programa e deberá efectuarse tan pronto se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

7. No momento da xustificación de execución total da actividade subvencionada e, en calquera caso antes do último pagamento, deberase presentar unha memoria detallada das actividades realizadas no ano 2013 dentro de cada un dos programas obxecto de subvención. Deberán constar datas e lugares de realización así coma o contido das ditas actividades.

Ademais do anterior, na memoria das actividades realizadas e subvencionadas no marco do Programa II , segundo o suposto de que se trate, farase constar:

– Aquelas actuacións propias e específicas da materia a que se dedique o gabinete técnico da central sindical solicitante.

– Se é o caso, certificación do representante legal da central sindical solicitante que acredite as persoas adscritas ao gabinete técnico correspondente.

– Relación detallada dos cursos e demais actividades formativas desenvolvidas durante o ano 2013, especificando as datas e lugares de realización efectiva, número de horas e número de asistentes respectivos.

Artigo 15. Compatibilidade e comprobación da aplicación das subvencións

Estas axudas serán compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra administración ou ente público ou privado, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sen prexuízo de que o importe das subvencións percibidas, illadamente ou en concorrencia con outras axudas ou subvencións non supere o custo da actividade que se vai desenvolver.

A Dirección Xeral de Traballo e Economía Social poderá comprobar en todo momento a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Cando se trate de axudas destinadas a promover o funcionamento de gabinetes técnicos das centrais sindicais, achegaranse antes do 10 de febreiro de 2014 os boletíns oficiais de cotización á Seguridade Social onde figuren os traballadores e traballadoras con adscrición ao gabinete durante o período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2013 ou desde a data da súa creación, se esta fose posterior, ata o 31 de decembro de 2013.

Disposición adicional primeira

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o establecido no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional segunda

No caso de que a entidade beneficiaria da axuda incumpra algunha das condicións ou obrigas estipuladas nesta orde, a Consellería de Traballo e Benestar procederá ao reintegro total ou parcial da subvención concedida, e solicitará a devolución das cantidades percibidas e os correspondentes xuros de demora devindicados desde o momento do seu pagamento, de habelos, segundo o disposto nos artigos 74 e seguintes do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro e nos artigos 33, 37 e 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira

En todo o non regulado nesta orde aplicarase de forma supletoria a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira segunda

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social para que dite, no ámbito das súas competencias, as instruccións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira terceira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2013

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file