Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Xoves, 13 de xuño de 2013 Páx. 22446

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 10 de xuño de 2013 pola que se aproban as bases e se anuncia a convocatoria pública para cubrir varias prazas nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas.

A Xunta de Galicia, de acordo co previsto na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, debe desenvolver as accións necesarias para a difusión da lingua propia de Galicia fóra do seu ámbito territorial. As competencias nesta materia correspóndenlle á Secretaría Xeral de Política Lingüística, de acordo co disposto no Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que está adscrita á antedita consellería segundo o Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

Así mesmo, o 21 de setembro de 2004, aprobouse no Parlamento de Galicia, por unanimidade de todos os grupos parlamentarios, o Plan xeral de normalización da lingua galega, desenvolvido, no seu momento, por instancia da antiga Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. No dito plan recoméndanse unha serie de medidas de actuación segundo o sector social implicado. No que se refire á proxección exterior do galego, un dos obxectivos marcados no plan é o de «consolidar o ensino e a investigación do galego nas universidades en que xa existe como materia de estudo e introducilo noutras universidades de interese estratéxico».

No sentido apuntado, e a través de convenios de colaboración subscritos con universidades de fóra de Galicia interesadas en incluír nos seus plans de estudo o ensino de lingua, literatura e cultura galegas, créanse os centros de estudos galegos, como órganos de referencia nestas universidades, a través dos cales se canalizan as actividades promotoras da nosa lingua, non só neste ámbito académico, senón tamén na súa área de influencia.

Son precisamente estes centros o instrumento idóneo para promover unha formación eminentemente práctica entre os titulados universitarios que cumpran cos requisitos de participación exixidos nesta convocatoria. A Secretaría Xeral de Política Lingüística, dentro dos seus programas de formación relacionados coa lingua, a literatura e a cultura galegas, dirixidos a unha ampla gama de destinatarios, ofrécelle a este colectivo a posibilidade de se incorporar aos centros de estudos galegos, co fin de completar a súa formación e de se situar nunha mellor posición de cara a unha futura inserción no mundo laboral. O programa de formación complétase con actividades teórico-prácticas deseñadas desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística en exclusiva para o colectivo de lectores de lingua, literatura e cultura galegas e ofrece tamén a posibilidade de realizar ou de completar estudos de posgrao nas universidades de destino.

En consecuencia, no uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Establécense as bases reguladoras e procédese á convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva e con sometemento aos principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, mérito e capacidade, das prazas de bolseiro nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas, dos centros de estudos galegos localizados nas universidades que se relacionan na seguinte táboa:

Destino

Localidade

País

Universidade Autónoma de Barcelona

Barcelona

España

Universidade de Estremadura

Cáceres

Universidade de Salamanca

Salamanca

Universidade Cristiana Albertina de Kiel

Kiel

Alemaña

Universidade de Heidelberg

Heidelberg

Universidade de Leipzig

Leipzig

Universidade de Gales

Bangor

Reino Unido

Universidade de Varsovia

Varsovia

Polonia

Artigo 2. Contía e libramento das bolsas

1. O importe íntegro mensual das bolsas obxecto desta convocatoria é o seguinte:

– 1.123,96 €, para aqueles lectorados localizados en universidades españolas.

– 1.277,12 €, para aqueles lectorados localizados en universidades estranxeiras.

2. Nestes importes considéranse incluídos todos os conceptos; é dicir, os beneficiarios asumirán, con cargo á bolsa adxudicada, os gastos de tipo profesional ou persoal que poidan derivar da súa condición, tales como: impostos, cotizacións á Seguridade Social, gastos de locomoción, manutención e residencia, custos de matrícula e gastos de inscrición en actividades formativas, requisitos burocráticos etc.

3. As persoas adxudicatarias percibirán o importe da súa bolsa directamente da universidade de destino, en virtude do compromiso adquirido por esta, mediante convenio, no cal se compromete a formalizarlle un contrato laboral cuxa modalidade mellor se axuste ao establecido nesta convocatoria, no dito convenio e consonte o recollido nos seus propios estatutos. Mentres dure esta relación laboral coa universidade quedará en suspenso a súa condición de bolseiros da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Estas persoas, por mor da relación laboral establecida coa universidade de destino, quedan fóra do ámbito de aplicación do Real decreto 1493/2011.

Artigo 3. Orzamento

A través dos correspondentes convenios de colaboración asinados coas respectivas universidades establécense os compromisos económicos contraídos pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 4. Requisitos

1. Poderán participar nesta convocatoria as persoas que cumpran os seguintes requisitos:

– Estar en posesión da nacionalidade española ou de calquera dos países membros da Unión Europea.

– Non padecer enfermidade ou limitacións físicas ou psíquicas que sexan incompatibles co desenvolvemento das actividades obxecto desta axuda económica.

– Non superar os 35 anos de idade na data de remate da presentación de solicitudes.

– Non atoparse incluídas en ningunha das prohibicións sinaladas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Titulación académica:

• Poderá solicitar todas as prazas ofertadas quen estea en posesión dalgunha das seguintes titulacións:

• Licenciatura en Filoloxía Galega.

• Licenciatura en Filoloxía Hispánica, Subsección de Galego-Portugués.

• Licenciatura en Filoloxía Románica, sempre que a primeira ou segunda lingua románica elixida fose o galego.

• Grao en Lingua e Literatura Galegas.

• Grao en Estudos de Galego e Español.

• Grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios.

• Grao en Lingua e Literatura Españolas, sempre que a lingua B ou C elixida fose o galego e o grao fose cursado baixo a modalidade de Minor en Lingua e Literatura Galegas ou Maior Plus en Introdución á Lingua e Literatura Galegas.

• Grao en Lingua e Literatura Modernas, sempre que a lingua B ou C elixida fose o galego e o grao fose cursado baixo a modalidade de Minor en Lingua e Literatura Galegas ou Maior Plus/modalidade mixta en Introdución á Lingua e Literatura Galegas.

• Poderá solicitar as prazas localizadas en Alemaña, Reino Unido e Polonia quen estea en posesión das seguintes titulacións:

• Licenciatura en Tradución e Interpretación, sempre que, como mínimo, acredite 27 créditos en materias de galego e 21 créditos en materias da lingua oficial do país en que se localice o lectorado solicitado ou, no canto destes, 21 créditos en materias de inglés.

• Grao en Tradución e Interpretación, sempre que, como mínimo, acredite 30 créditos en materias de galego e 21 créditos en materias da lingua oficial do país en que se localice o lectorado solicitado ou, no canto destes, 21 créditos en materias de inglés.

2. Tamén poderán participar os bolseiros lectores ou lectoras que, antes de rematar o período máximo do seu programa de formación, se visen obrigados a cesar na súa condición por causas alleas á súa vontade, sempre que esta circunstancia non derive da resolución dun procedemento de revogación da adxudicacion por causa imputable ao beneficiario.

3. Quedan excluídas aquelas persoas que sexan bolseiros lectores ou lectoras de lingua, literatura e cultura galegas, ou que o fosen no seu momento, e que obtiveron a súa bolsa en convocatorias públicas anteriores.

Artigo 5. Duración

As persoas seleccionadas desfrutarán dun programa de formación que, como máximo, abranguerá o período comprendido entre o 1.10.2013 e o 30.9.2016.

Artigo 6. Actividade

1. A persoa adxudicataria, baixo a dirección do responsable do centro de estudos galegos, en coordinación con este e como complemento práctico ao seu programa de formación, desenvolverá actividades de docencia, de programación e organización de tarefas, de investigación, de difusión e de promoción relacionadas coa lingua, a literatura e a cultura galegas, que se concretan nos convenios de colaboración asinados coas correspondentes universidades. As ditas actividades non se limitarán ao ámbito académico destas, senón que tamén abranguerán a súa área de influencia.

2. Á marxe da actividade docente académica, será parte integrante do programa de formación a impartición de cursos preparatorios de cara a superar as probas para a obtención dos certificados acreditativos do nivel de coñecemento de lingua galega (Celga) que se realicen na súa localidade de destino.

3. Os beneficiarios non poderán desenvolver actividades que impidan, dificulten ou menoscaben o cumprimento das condicións establecidas para o aproveitamento da bolsa concedida.

Artigo 7. Solicitudes e documentación

1. As solicitudes presentaranse no modelo normalizado recollido como anexo I nesta orde. O formulario da solicitude estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.es, e na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística, no enderezo http://www.xunta.es/linguagalega.

2. Ás solicitudes xuntarase, polo menos, a seguinte documentación preceptiva:

– No caso de non autorizar a consulta dos datos de identidade, copia compulsada do DNI ou do documento acreditativo da identidade.

– Copia compulsada da titulación académica exixida no artigo 4 ou da acreditación de que foi solicitada.

– En relación coa titulación exixida, orixinal ou copia compulsada da certificación académica persoal, na cal constará a nota media do expediente académico, calculada en función do disposto na resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, do 15 de setembro de 2011 (DOG núm. 188, do 30 de setembro).

– Currículo, no que figurarán todos os méritos alegados.

– Para cada universidade solicitada, proxecto didáctico e de traballo, que incluirá como primeira epígrafe a explicación dos motivos da súa solicitude.

– Declaración responsable, segundo o modelo recollido como anexo II, da condición de funcionario.

– Declaración responsable, segundo o modelo recollido no anexo III, de non estar incluído en ningunha das prohibicións sinaladas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

– Declaración responsable, segundo o modelo recollido no anexo IV, do conxunto de todas as solicitudes de axudas efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto, ante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos. De non ter solicitada ou concedida ningunha, tamén se fará constar.

3. As persoas interesadas poderán solicitar, como máximo, tres lectorados, que deberán relacionar no anexo I por orde de preferencia.

4. As solicitudes poderán presentarse por calquera das seguintes vías:

– Presencialmente, no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

– Electronicamente, no enderezo da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, segundo o establecido no Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co estipulado na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos; no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, e na Orde do 15 de setembro de 2011, pola que se aproba a posta en funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia.

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente, mediante calquera procedemento de copia dixitalizada sobre o documento orixinal. Neste caso, as copias garantirán a fidelidade co orixinal, baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición da documentación orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto nos artigos 35.2 da antedita Lei 11/2007 e 22.3 do Decreto 198/2010. As imaxes electrónicas carecerán do carácter de copia auténtica.

As persoas interesadas só poderán optar por unha das vías de presentación.

5. Unha vez presentada a solicitude, no prazo máximo de dous días, remitirán un correo electrónico ao enderezo lectorados@edu.xunta.es, no cal indicarán o seu nome e apelidos, un teléfono de contacto e o lugar (se é o caso), a data e a vía de presentación da solicitude.

Artigo 8. Forma de presentación da documentación

1. A documentación recollida no artigo 7.2 achegarase na mesma orde establecida no artigo, sen ningún tipo de encadernación que dificulte a súa manipulación e precedida da solicitude.

2. Os méritos alegados no currículo xustificaranse mediante documento orixinal ou copia compulsada, se se utiliza a vía presencial, e da forma indicada para a documentación complementaria, no suposto de que se presentase electronicamente. Os xustificantes disporanse a continuación do currículo, na mesma orde en que aparezan relacionados.

Non se valorará ningún mérito que non conste explicitamente no currículo ou que, no caso de figurar, non se xustifique adecuadamente ou se faga fóra do prazo de presentación de solicitudes.

No caso de publicacións, xustificaranse mediante copia simple da obra, á cal se engadirán, se é o caso, a capa, a contracapa, a folla que conteña o ISBN, ISSN ou depósito legal e o índice. No caso de publicacións extensas, recoméndase a entrega de orixinais, que se devolverán unha vez que se resolva a convocatoria.

Os xustificantes dos méritos redactados nun idioma distinto aos oficiais en Galicia, para seren valorados, deberán acompañarse dunha tradución a algún destes, e incluirán ao pé unha declaración responsable asinada cunha lenda que faga constar que se trata dunha tradución fiel do documento orixinal.

3. O currículo e o proxecto didáctico e de traballo, a maiores da súa presentación impresa ao utilizar a vía presencial, achegaranse, inescusablemente, en formato dixital compatible cos programas word ou con calquera editor de arquivos pdf. A súa remisión farase mediante correo electrónico ao enderezo indicado no artigo 7.5.

Artigo 9. Prazo de presentación

1. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. Se a solicitude non reúne os requisitos exixidos, notificaráselle á persoa interesada para que, nun prazo de dez días, emende os erros ou presente os documentos preceptivos. Unha vez que transcorra o dito prazo sen que se produza a emenda, considerarase que desiste da súa petición.

Artigo 10. Comisión de valoración

1. As solicitudes e a documentación acreditativa serán examinadas e valoradas por unha comisión integrada polos seguintes membros:

– A subdirectora xeral de Política Lingüística, quen actuará como presidenta.

– A xefa do Servizo de Formación, Asesoramento e Proxección Exterior da Lingua.

– O xefe da Sección de Habilitación.

– Por parte das universidades, os responsables dos centros de estudos galegos. Se a súa presenza non fose posible, notificaranlle este feito á Secretaría Xeral de Política Lingüística e poderán delegar a súa representación; circunstancias ambas as dúas que comunicarán por escrito.

– Un funcionario ou funcionaria da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que actuará de secretario, con voz pero sen voto.

A ausencia dalgún dos membros representativos da Administración será cuberta por algún dos seguintes suplentes:

– A subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística, quen exercerá como presidenta da comisión ante a ausencia do seu titular.

– A xefa do Servizo do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

– A xefa do Servizo de Xestión e Promoción Lingüística.

2. A comisión de valoración poderá acordar a incorporación ás súas reunións de persoal de carácter técnico que contribúa a unha correcta valoración dos méritos alegados polos aspirantes ou a aclarar as dúbidas que lles poidan xurdir aos membros da dita comisión. Este persoal actuará con voz pero sen voto nas reunións da citada comisión.

Artigo 11. Valoración de méritos

1. A comisión valorará os méritos, debidamente acreditados por cada unha das persoas interesadas, de acordo co contido do anexo V desta orde.

2. Para estes efectos, elaborará un informe que se xuntará á acta da reunión. O informe recollerá: a relación de admitidos na convocatoria; as relacións de excluídos e desistidos, con indicación do motivo; a relación, por orde decrecente da puntuación total, de admitidos para cada universidade, na cal se indicará a valoración detallada dos méritos de cada candidato; e a proposta de resolución, na cal figurará a adxudicación dos lectorados a aquelas persoas interesadas que obtivesen a maior puntuación total en cada unha das prazas ofertadas.

3. En relación co disposto neste artigo, e a maiores do previsto no artigo 9.2, será causa específica de desistencia non presentarse á entrevista persoal.

4. A comisión de valoración, cando o número de admitidos nalgunha das prazas convocadas supere a contía de doce, poderá acordar, para a dita praza, a aplicación dun mecanismo que, baseado na suma das puntuacións dos méritos 1 a 5 do anexo V, limite o acceso dos candidatos á fase de entrevista. Para estes efectos, deberá optar por algunha das seguintes alternativas:

– Establecer unha puntuación mínima.

– Elixir un número determinado de candidatos con base nas maiores puntuacións.

5. A comisión de valoración empregará o correo electrónico facilitado polos solicitantes para lles comunicar a relación dos candidatos seleccionados e o lugar, a data e a hora de celebración das entrevistas persoais, así como a páxina web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Artigo 12. Resolución

1. A comisión de valoración remitiralle á persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística a documentación recollida na epígrafe 2 do artigo anterior, xunto coa manifestación expresa dos candidatos propostos de aceptar a adxudicación.

2. A adxudicación non poderá recaer sobre aqueles solicitantes que obtivesen unha valoración total inferior a 5 puntos.

3. Se algún dos candidatos propostos non aceptar a adxudicación da bolsa, proporase o seguinte con maior puntuación; ante o rexeitamento deste, ofreceráselle ao situado a continuación, e así sucesivamente ata a súa cobertura.

4. Con base na proposta formulada, a persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística ditará resolución pola que se adxudicarán as bolsas dos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e na web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística e notificaráselles ás correspondentes universidades de destino.

5. O prazo máximo para resolver a convocatoria será de cinco meses, contados a partir da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. De non se resolver neste prazo, as solicitudes entenderanse desestimadas.

6. Non se adxudicarán as bolsas daqueles lectorados que non conten, no momento de ditar a resolución, co correspondente convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a respectiva universidade. Non obstante, poderá demorarse esta adxudicación se existe a certeza de que o convenio será subscrito dentro dos dous meses seguintes á adxudicación das restantes bolsas.

7. No caso de funcionarios en servizo activo, a adxudicación da bolsa dependerá de que obteñan o pase á situación administrativa correspondente, xa que é incompatible co desempeño dun posto de traballo na Administración pública.

8. Se algún lectorado é declarado deserto, ou ben non é posible a súa cobertura por aplicación do disposto na epígrafe 3, abrirase un procedemento especial mediante a oferta, en primeiro lugar, a aqueles participantes nesta convocatoria que asistisen á entrevista persoal, que non solicitasen a praza, que non obtivesen outra e que acadasen unha puntuación total igual ou superior a 5 no resto das universidades.

9. A concesión e percepción da bolsa non implica ningún tipo de relación laboral, ou de natureza similar, entre a Xunta de Galicia e as persoas beneficiarias.

10. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 13. Obrigas dos beneficiarios

As persoas adxudicatarias quedan obrigadas a:

– Manifestar expresamente a aceptación ou non da adxudicación.

– No caso de aceptar, achegar unha declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

– Acreditar que superaron o curso de formación de profesores de galego ou, no seu defecto, comprometerse a asistir e superar o devandito curso na edición que lles indique a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Non cumprir co previsto neste punto dará lugar á aplicación do estipulado no artigo 15.

– Comunicarlle á Secretaría Xeral de Política Lingüística o desenvolvemento de actividades alleas ao obxecto desta convocatoria que poidan influír ou comprometer a súa actuación.

– Reintegrar, total ou parcialmente, o importe dos conceptos indebidamente percibidos.

– Facilitar toda a información que lle sexa requira pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

– Obter, se é o caso, o visado que corresponda ao país de destino, para o cal realizará os trámites oportunos e asumirá os gastos correspondentes.

– Asistir ás actividades de formación ás cales se lle convoque desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Artigo 14. Substitucións

1. Se, unha vez adxudicadas as bolsas, algún dos beneficiarios renuncia, empregarase o procedemento descrito no artigo 12.3 para a súa cobertura provisional. Estas bolsas serán incluídas na seguinte convocatoria para a súa adxudicación mediante concurso público de méritos.

2. Cando sexa necesaria a substitución temporal do bolseiro titular empregarase tamén o procedemento descrito no artigo 12.3. Esta substitución abranguerá o período que dure a causa que a orixina.

Artigo 15. Revogación e suspensión

A Secretaría Xeral de Política Lingüística, logo da instrución do correspondente procedemento, poderá revogar a concesión da bolsa, ou suspendela temporalmente, cando concorra algunha das seguintes circunstancias:

– Emisión dun informe sobre o beneficiario en que se recolla unha evolución negativa ou pouco satisfactoria na súa formación e no aproveitamento das experiencias e prácticas realizadas no lectorado ou baseado en calquera das circunstancias previstas neste artigo.

– Incumprimento total ou parcial do disposto no artigo 6 desta orde.

– Notoria falta de actitude no desenvolvemento das actividades previstas no artigo 6.

– Non axustarse, no exercicio das súas actividades, ás vixentes Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, aprobadas pola Real Academia Galega.

– Obtención concorrente de axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados para este mesmo proxecto.

– Coñecemento sobrevido de circunstancias invalidantes do nomeamento realizado.

– Perda de vixencia do convenio.

– Calquera actuación considerada inadecuada e que afecte a relación entre a Xunta de Galicia e a universidade conveniada ou o correcto funcionamento do lectorado.

Artigo 16. Autorizacións e publicidade

1. A presentación da solicitude para participar nesta convocatoria implica o coñecemento e a aceptación das bases que a regulan.

2. Segundo o previsto nos artigos 14 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicará na súa páxina web as bases que regulan a presente convocatoria e, no Diario Oficial de Galicia, as bases e os datos relevantes referidos ás subvencións concedidas, polo que a presentación da solicitude supón a autorización dos beneficiarios para o tratamento dos datos necesarios para este fin.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas no artigo 15.2, alínea d), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Así mesmo, de acordo co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria incluirá nestes rexistros, agás nos supostos legalmente establecidos, os datos relevantes referidos ás axudas e ás subvencións recibidas polos adxudicatarios que participen nesta convocatoria, así como as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización dos beneficiarios para o tratamento necesario dos seus datos persoais.

Artigo 17. Réxime xurídico

O réxime xurídico aplicable á presente convocatoria é o seguinte: Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG número 121, do 25 de xuño), de subvencións de Galicia; Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (DOG número 20, do 29 de xaneiro), polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007; os preceptos declarados básicos pola disposición derradeira primeira da Lei 38/2003, do 17 de novembro (BOE número 276, do 18 de novembro), xeral de subvencións, e Real decreto 887/2006, do 21 de xullo (BOE número 176, do 25 de xullo), polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003.

Artigo 18. Recursos

Contra esta orde, que lle pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso administrativa.

Disposición adicional única

Deléganse expresamente na persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística as facultades de resolución que deriven da aplicación dos artigos 12, 14 e 15 desta orde, con base no establecido na disposición adicional da Orde do 25 de xaneiro de 2012 de delegación de competencias nos órganos superiores, directivos e periféricos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, así como a resolución dos recursos de reposición que, se é o caso, se interpoñan contra os actos administrativos ditados no exercicio das facultades delegadas, conforme ao disposto no seu artigo 3, alínea c).

Disposición derradeira primeira

A persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística poderá ditar, no ámbito das súas competencias, cantos actos e medidas sexan precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2013

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO V

Méritos

Puntuacións

1. Formación:

Máximo 14 puntos

1.1. Polo título de doutor:

3 puntos

1.2. Por cada titulación a maiores da exixida 0,5 puntos:

Ata 2 puntos

1.3. Expediente académico:

Valorarase segundo a nota media calculada en función do disposto na resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG núm. 188, do 30 de setembro) e acreditarase mediante certificación académica persoal. A puntuación así obtida tomarase, con dous decimais, pola metade do seu valor.

Ata 5 puntos

1.4. Asistencia a cursos de formación didáctica no ensino de linguas:

Ata 2 puntos

1.4.1. Ata 25 horas.

0,25 puntos

1.4.2. De 26 a 50 horas.

0,50 puntos

1.4.3. De 51 a 100 horas.

0,75 puntos

1.4.4. Máis de 100 horas.

1,00 puntos

1.5. Asistencia a actividades de formación relacionadas coa lingua, a literatura e a cultura galegas:

Ata 2 puntos

1.5.1. Ata 25 horas.

0,05 puntos

1.5.2. De 26 a 50 horas.

0,10 puntos

1.5.3. De 51 a 100 horas.

0,15 puntos

1.5.4. Máis de 100 horas.

0,20 puntos

2. Actividade docente e/ou divulgativa e publicacións:

Máximo 7 puntos

2.1. Impartición de cursos, relatorios etc. relacionados coa lingua, a literatura e a cultura galegas:

Ata 2 puntos

2.1.1. De 0 a 10 horas.

0,05 puntos

2.1.2. De 11 a 25 horas.

0,10 puntos

2.1.3. De 26 a 50 horas.

0,15 puntos

2.1.4. De 51 a 100 horas.

0,20 puntos

2.1.5. Máis de 100 horas.

0,25 puntos

2.2. Organización de actividades de difusión e promoción da lingua, a literatura e a cultura galegas (dirección e/ou coordinación):

Cando estas actividades fosen realizadas en universidades de fóra de Galicia valoraranse exclusivamente no número 3.1.

Ata 1 punto

2.2.1. Ata 25 horas.

0,05 puntos

2.2.2. De 26 a 50 horas.

0,10 puntos

2.2.3. De 51 a 100 horas.

0,15 puntos

2.2.4. Máis de 100 horas.

0,20 puntos

2.3. Publicacións relacionadas coa lingua, a literatura e a cultura galegas:

En libros, se hai varios autores, a puntuación que se outorgará será a resultante de dividir os puntos correspondentes entre o número deles.

Acreditaranse mediante orixinais ou copias simples nas que consten o ISBN, ISSN ou depósito legal, segundo corresponda, e o índice.

Ata 2 puntos

2.3.1. Libros:

2.3.1.1. Non especializado.

0,50 puntos

2.3.1.2. Especializado.

1,00 puntos

2.3.2. Relatorios, artigos, recensións etc.:

2.3.2.1. Non especializado.

0,10 puntos

2.3.2.2. Especializado.

0,20 puntos

2.3.3. Material audiovisual:

2.3.3.1. Non especializado.

0,10 puntos

2.3.3.2. Especializado.

0,20 puntos

2.4. Experiencia docente no ensino regrado de lingua, literatura e cultura galegas:

Valorarase con 0,05 puntos por cada mes ou fracción inferior.

Ata 2 puntos

3. Experiencia e coñecementos:

Máximo 4 puntos

3.1. Experiencia na organización de actividades de difusión e promoción da lingua, da literatura e da cultura galegas, en universidades de fóra de Galicia:

Ata 1 punto

3.1.1. Ata 25 horas.

0,20 puntos

3.1.2. De 26 a 50 horas.

0,40 puntos

3.1.3. De 51 a 100 horas.

0,60 puntos

3.1.4. Más de 100 horas.

0,80 puntos

3.2. Coñecemento da comunidade autónoma ou do país en que se encontre a universidade solicitada, e da súa situación sociocultural:

Ata 1 punto

3.3. Nivel de coñecemento do idioma ou idiomas propios do país de destino (distintos ao galego ou castelán):1

Ata 2 puntos

3.3.1. MCERL A2/ALTE 1.

0,25 puntos

3.3.2. MCERL B1/ALTE 2.

0,50 puntos

3.3.3. MCERL B2/ALTE 3.

0,75 puntos

3.3.4. MCERL C1/ALTE 4.

1,00 puntos

3.3.5. MCERL C2/ALTE 5/licenciatura/grao.

1,25 puntos

3.3.6. Outros (ensino non regrado, residencia no país máis de 3 meses seguidos etc.).

0,15 puntos

4. Interese do proxecto docente, investigador e difusor da lingua, a literatura e a cultura galegas a desenvolver na universidade solicitada:

Teranse en conta os seguintes criterios:

– Coñecemento e fundamentación teórica.

– Deseño de actividades.

– Aplicabilidade do proxecto.

– Bibliografía.

Máximo 2 puntos

5. Adecuación do currículo presentado ao perfil formativo da praza solicitada:

Máximo 2 puntos

6. Entrevista persoal:

Máximo 4 puntos

1 MCERL: marco europeo común de referencia para as linguas.

ALTE: asociación de avaliadores de linguas europeas.