Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Mércores, 19 de xuño de 2013 Páx. 23551

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 11 de xuño de 2013, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se convoca a selección de plans de formación permanente do profesorado que se van implantar en centros educativos públicos dependentes desta consellería no curso 2013/14.

A mellora da calidade da educación constitúe unha meta irrenunciable dos sistemas educativos e un dos seus piares básicos, entroncado coa salvagarda dun ensino que garanta a igualdade de oportunidades e a capacitación do alumnado coas competencias e o coñecemento necesarios para o seu pleno desenvolvemento na sociedade actual.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (LOE), destaca entre os factores que favorecen a calidade do ensino, e aos que se lles prestará unha atención prioritaria, a cualificación e formación do profesorado, a investigación, a experimentación e a renovación educativa. No artigo 102 recoñece a formación do profesorado como un dereito e unha obriga de todo o profesorado e unha responsabilidade das administracións educativas e dos propios centros.

Por outra banda, o artigo 120 establece que os centros educativos teñen que dispor da necesaria autonomía pedagóxica, de organización e de xestión para favorecer a mellora continua na educación, e que as administracións educativas terán que favorecer a autonomía dos centros de xeito que os seus recursos económicos, materiais e humanos se poidan adecuar aos plans de traballo e organización que elaboren, unha vez que sexan convenientemente avaliados e valorados.

Neste sentido, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria emprendeu, mediante o Decreto 74/2011, un profundo cambio nas estruturas da formación permanente do profesorado que permitan unha maior eficiencia e efectividade no desenvolvemento do talento e as competencias do profesorado, peza clave do sistema. Neste contexto, cómpre salientar que o centro educativo constitúe a unidade básica e célula do sistema para o impulso dunha formación permanente que recolla tanto as demandas individuais do profesorado como as necesidades formativas dos centros e do propio sistema. A finalidade última é mellorar as competencias profesionais do profesorado, necesarias para responder aos retos educativos actuais, impulsando a súa aplicación e desenvolvemento na aula, buscando a excelencia educativa e a mellora da calidade da educación e dos resultados escolares do alumnado.

Os centros educativos son os escenarios idóneos para a formación, e posibilitan que esta se adapte mellor ás necesidades da contorna e favorecen unha maior implicación e participación do profesorado, o fortalecemento do traballo en equipo e unha maior integración nos seus proxectos educativos e curriculares. Ademais, a formación considérase como un proceso, que precisa itinerarios formativos planificados e secuenciados que estruturen e articulen no tempo, cunha visión máis ampla, varias accións formativas das diversas modalidades.

Para acompañar aos centros neste proceso de cambio, estes contan cunha rede de formación permanente do profesorado especializada que axuda e apoia, baixo o principio de colaboración e traballo en equipo, ao profesorado na consecución destes fins, achegando a formación ao lugar de traballo.

En definitiva, con esta convocatoria a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pretende fomentar que os centros educativos desenvolvan plans específicos de formación permanente, que deben responder ás necesidades do centro, tomando como punto de partida unha avaliación da súa situación co obxectivo final de aplicar na aula a formación recibida. As actuacións propostas deberán ser relevantes para diminuír o abandono e mellorar o éxito escolar así como propiciar unha organización escolar que favoreza a transformación dos centros en organizacións capaces de aprender e xerar coñecementos. As accións formativas deseñadas desenvolverán, dunha forma secuenciada, aqueles aspectos que permitan a actualización e o perfeccionamento das competencias profesionais do profesorado para a mellora da calidade da educación e dos resultados escolares.

Polo anteriormente exposto, e de conformidade coas competencias atribuídas polo Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

A presente resolución ten por obxecto convocar e establecer as bases para a selección de plans de formación permanente do profesorado en centros educativos para o curso 2013-2014, e establecer as condicións para o seu desenvolvemento.

Segundo. Destinatarios

Poderán participar nesta convocatoria os centros educativos públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que impartan as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Terceiro. Finalidade e liñas de traballo dos plans de formación

1. Os plans de formación terán como finalidade a actualización e o perfeccionamento das competencias profesionais do profesorado, para a mellora da calidade da educación e dos resultados escolares do alumnado, en liña coas iniciativas impulsadas para o sistema educativo en Galicia.

2. En consonancia coas directrices da Dirección Xeral os plans de formación propostos tratarán unha ou dúas das seguintes liñas de actuación:

a) Programación, desenvolvemento e avaliación de competencias básicas, facendo especial fincapé no tratamento das linguas, tanto propias como estranxeiras.

b) Integración didáctica das TIC, e no uso para o traballo cooperativo en rede a través de espazos virtuais.

c) Mellora da xestión dos centros e dos procesos de calidade.

d) Convivencia escolar e clima da aula.

e) Atención á diversidade e cambios metodolóxicos asociados.

f) Accións encamiñadas a mellorar o desempeño profesional docente e a actualización científica e didáctica do profesorado.

g) Xestión directiva dos centros.

Cuarto. Características dos plans

1. Os plans estarán integrados por un ou dous itinerarios formativos, que atenderán a algunha das liñas de actuación propostas no punto terceiro.

2. Cada itinerario formativo constará, como norma xeral, de dúas ou tres actividades formativas (curso, grupo de traballo, seminario).

As actividades deberán estar integradas e secuenciadas nun proceso que inclúa a análise e a elaboración de propostas didácticas, así como a súa aplicación á aula ou ao centro, e a reflexión e a avaliación dos resultados.

3. Os plans presentados terán unha planificación mínima de dous cursos escolares e máxima de catro.

Quinto. Requisitos dos plans

1. Os plans deberán ser aprobados polo claustro e polo Consello Escolar e incluiranse na programación xeral anual do centro.

2. Contarán coa participación mínima do 40% do claustro, salvo casos excepcionais que, a xuízo da Comisión de Selección, resulten debidamente xustificados.

3. Cada centro poderá participar solicitando un único plan.

4. Varios centros con necesidades comúns e proximidade xeográfica poderán participar presentando un mesmo plan conxunto. Neste caso un dos centros actuará como representante e centro de referencia para os efectos administrativos. Neste caso rexerán os mesmos requisitos que para os plans únicos de centro en canto á aprobación e o plan executarase como unidade de acción.

5. Todos os profesores que presten servizos nun centro seleccionado nesta convocatoria poderán participar no seu plan de formación, integrándose como mínimo nun dos itinerarios e nunha das actividades formativas que o conformen.

6. De serlle concedido o plan a un centro, este non poderá ser centro sede doutras actividades de formación en centros, recollidas na convocatoria xeral, durante o período que dure este, agás no caso das actividades de formación relacionadas co Proxecto Abalar, ou aquelas cuxa compatibilidade determine a consellería. Isto non exclúe a participación do profesorado como membros doutras actividades cando a sede sexa outro centro.

Sexto. Proceso de elaboración e contido dos plans

1. Os centros interesados en participar nesta convocatoria, para a elaboración do plan, deberán solicitar o asesoramento do CFR/CAFI ao que están adscritos, para a elaboración e deseño do plan e a elaboración do informe de detección de necesidades formativas.

2. O proceso de elaboración do plan constará dos seguintes pasos:

a) Detección da área de mellora en relación coas liñas de actuación da cláusula terceira.

b) Concreción das necesidades formativas en relación coa liña ou liñas seleccionadas e priorizadas.

c) Elaboración do/s itinerario/s formativo/s para atendelas, que incluirá as actividades formativas necesarias xunto coas accións de traslación á aula ou ao centro, a reflexión e a avaliación.

3. Os centros deberán presentar o plan de formación, cunha extensión máxima de 10 páxinas, que, cando menos, deberá incluír os aspectos que se recollen no anexo II:

a) Membros do equipo de formación do centro.

b) Xustificación das necesidades formativas detectadas.

c) Liñas de actuación propostas.

d) Obxectivos xerais que se pretenden acadar co plan.

e) Relación de profesores/as participantes no plan.

f) Itinerarios formativos do plan especificando para cada ano:

– Obxectivos específicos.

– Actividades formativas: obxectivos, contidos e temporalización.

– Aplicación na aula ou no centro.

– Criterios e indicadores de avaliación da aplicación na aula e o impacto.

– Orzamento estimado e desagregado por curso escolar dos gastos directamente relacionados co desenvolvemento das actividades formativas (material, docencia e desprazamentos de relatores). En todo caso, o orzamento global por curso escolar, para o desenvolvemento do plan de formación, non excederá os 4.000 €, se recolle un único itinerario, e de 6.000 €, se ten dous itinerarios.

– Relación de participantes no itinerario.

g) Medidas organizativas internas do centro previstas para o desenvolvemento do plan.

h) Seguimento e avaliación do plan.

Sétimo. Equipo de formación: composición e funcións

1. Nos centros seleccionados establecerase un equipo de formación que será responsable da execución do plan de formación. Este equipo estará integrado por:

a) A persoa directora do centro ou persoa do equipo directivo que designe.

b) A persoa responsable da formación (coordinador de formación, se houber, ou xefe de estudos).

c) Os profesores coordinadores de cada un dos itinerarios definidos que integren o plan.

2. O responsable de formación do centro será o coordinador do plan e o responsable do seu correcto desenvolvemento.

3. As funcións do equipo de formación serán as seguintes:

a) Preparar e elaborar a documentación exixida nesta convocatoria.

b) Colaborar na coordinación e o desenvolvemento do plan.

c) Colaborar co CAFI ou CFR do ámbito correspondente na planificación, realización e seguimento do plan.

d) Responsabilizarse da elaboración das memorias e avaliacións internas do plan de formación con especial atención á valoración da posta en práctica das propostas didácticas e o seu resultado.

e) Presentar a relación definitiva de participantes en cada actividade do plan antes do 15 de outubro de 2013.

f) Determinar a relación de profesores que se propón para a súa certificación no momento da finalización das actividades formativas, conforme a lexislación vixente.

Oitavo. Actuacións da Administración educativa

1. Os centros seleccionados para desenvolver un plan de formación contarán co apoio e a colaboración externa do inspector de Educación asignado ao centro de referencia e dunha persoa asesora do CAFI ou o CFR correspondente, que se encargarán, segundo as súas respectivas competencias, de:

a) Asesorar as posibles melloras que afecten o deseño, elaboración e planificación do plan de formación.

b) Planificar, xunto co responsable de formación do centro, as accións formativas precisas para o desenvolvemento dos distintos itinerarios.

c) Levar a cabo o seguimento da execución do plan e realizar os informes do seu progreso.

d) Realizar a avaliación anual e final do plan de formación.

e) Avaliar o impacto na aula das accións desenvolvidas.

2. Os plans seleccionados integraranse, para todos os efectos, no plan de actuación do CAFI ou o CFR correspondente, tendo, os gastos necesarios para a súa realización, o mesmo tratamento que o resto de gastos dos plans de formación dos ditos centros.

3. As actividades formativas que conformen os itinerarios do plan de formación dos centros seleccionados terán a consideración de actuacións prioritarias do CFR de referencia ou do CAFI.

4. Será competencia do CAFI ou CFR do ámbito correspondente a xestión administrativa e económica dos programas.

Noveno. Memoria da actividade

Antes do 7 de xuño de 2014, o equipo de formación elaborará unha memoria detallada que analice e valore o desenvolvemento do plan segundo os distintos puntos que o integran. A esta memoria achegarase o material que se xerou no seu desenvolvemento e que pasa a ser propiedade da Administración educativa. Un exemplar da memoria xunto co material será entregado no CAFI ou CFR correspondente, en formato dixital e seguindo as instrucións do anexo V.

Décimo. Proceso de solicitude, documentación e prazo de presentación

1. Preinscrición:

a) Os directores/as dos centros interesados en participar nesta convocatoria, para a elaboración do plan, deberán facer a súa preinscrición a través da aplicación informática FPROFE (https://www.edu.xunta.es/fprofe <”GT,Seminario,PFC, PFPP”>) desde a publicación da Resolución ata o 30 de xuño de 2013, inclusive.

b) A realización da preinscrición é un requisito necesario para a formalización da solicitude, resultando excluídas aquelas que non a realicen segundo os termos establecidos na letra a).

c) Os centros preinscritos recibirán o asesoramento do CAFI ou CFR correspondente, para a elaboración do plan.

2. Solicitudes:

a) Os centros que desexen participar na presente convocatoria dirixirán a súa solicitude e a documentación exixida, segundo o anexo I, á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

b) Os centros participantes deberán adxuntar á solicitude a seguinte documentación:

– Informe de detección de necesidades formativas.

– Plan de formación permanente do profesorado en centros segundo o establecido no anexo II.

– Certificación da aprobación do plan polo claustro e o consello escolar, de acordo cos anexos III e IV, respectivamente.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos,e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

c) O prazo de presentación de solicitudes remata o 27 de setembro de 2013.

Décimo primeiro. Selección dos plans de formación permanente do profesorado en centros

1. A valoración das solicitudes presentadas realizarase tendo en conta os seguintes criterios:

a) Viabilidade pedagóxica do plan: adaptación ás necesidades contextuais do centro, aplicabilidade e posible repercusión nas aulas. Ata 30 puntos.

b) Calidade do plan: coherencia entre obxectivos e itinerarios, adecuación das actividades formativas propostas e a súa temporalización, indicadores de seguimento do proceso e avaliación de resultados. Ata 30 puntos.

c) Nivel de implicación e participación do claustro no plan: máis do 50%. Ata 10 puntos. Máis do 65%. Ata 15 puntos.

d) Participación do centro noutros plans (contrato-programa, Abalar, ComBas, ...). Ata 10 puntos.

e) Participación de varios centros nun mesmo plan de formación do mesmo nivel educativo. Ata 10 puntos. De distinto nivel educativo. Ata 15 puntos.

2. Só poderán ser seleccionados aqueles proxectos que acaden un mínimo de 50 puntos.

Décimo segundo. Comisión de Selección e Avaliación

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria seleccionará e avaliará os centros participantes na convocatoria de plans de formación permanente do profesorado no curso 2013/2014 mediante unha comisión coa seguinte composición:

Presidente: o subdirector xeral de Ordenación e Innovación Educativa e de Formación do Profesorado.

Vogais:

– A xefa do Servizo de Formación do Profesorado.

– Un membro da Inspección Educativa.

– A persoa directora do CAFI.

– Unha persoa directora dun CFR.

– Unha persoa asesora das estruturas de formación.

Secretaría: unha persoa funcionaria da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que actuará con voz e sen voto.

A Comisión poderá dispor a constitución dunha subcomisión técnica especializada só para os efectos de colaborar na valoración dos aspectos técnicos que se lle encomenden.

Esta comisión rexerase polo previsto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño.

A Comisión de Selección e Avaliación, para os efectos dun mellor coñecemento e valoración das solicitudes, requerirá o informe realizado polo CFR/CAFI ao que o centro solicitante está adscrito, e poderá realizar peticións de informes, por medio da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, á Inspección Educativa ou aos técnicos da consellería.

Décimo terceiro. Resolución

1. Unha vez rematado o proceso de selección, a Comisión fará pública a resolución provisoria, que se difundirá no portal educativo www.edu.xunta.es/web.

2. A partir da publicación da resolución abrirase un prazo de dez días naturais para efectuar reclamacións ou renuncias. Transcorrido este prazo, unha vez estudadas e, se é o caso, atendidas as mencionadas reclamacións e renuncias, a comisión seleccionadora elevará a proposta definitiva á persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, quen resolverá a relación final dos plans seleccionados.

3. A resolución definitiva dos centros seleccionados publicarase no portal educativo www.edu.xunta.es/web e no Diario Oficial de Galicia. Contra a dita resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes dende o día seguinte ao da súa publicación.

4. No suposto de non resolverse expresamente esta convocatoria no prazo de cinco meses, e sen prexuízo da súa posterior resolución, as solicitudes entenderanse rexeitadas.

Décimo cuarto. Seguimento, certificación e avaliación anual do plan

1. O apoio externo á que fai referencia na cláusula oitava levará a cabo o seguimento do plan e, coas súas respectivas achegas, elaborarase un informe anual de avaliación a partir, entre outros elementos de información, da memoria da actividade xunto co material que se elaborou no desenvolvemento do plan. No dito informe farase constar:

a) O grao de consecución dos obxectivos establecidos e o cumprimento da aplicación e da calidade das actuacións desenvolvidas correspondentes ás distintas secuencias do plan.

b) As modificacións e posibles propostas de mellora que se consideren necesarias nos obxectivos, nas actuacións, nos recursos e nas medidas acordadas para a continuidade do plan ou a súa supresión, se é o caso.

2. O informe externo será remitido ao CAFI ou CFR correspondente que, no caso de ter unha valoración positiva, procederá a certificar aos participantes no plan o número de horas de formación que lles corresponda segundo a súa participación efectiva nas distintas actividades formativas. Non se certificarán máis de 100 horas de formación por curso escolar e profesor participante.

As persoas integrantes dos equipos de formación recibirán unha certificación como actividade de innovación educativa de 20 horas por curso escolar.

3. O CAFI ou o CFR correspondente achegará o informe externo xunto coa memoria anual de cada plan á Comisión de Selección e Avaliación, que realizará a avaliación final dos plans para os efectos de validar a súa continuidade.

Décimo quinto. Difusión dos traballos

Os materiais elaborados mediante esta convocatoria serán propiedade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que poderá difundir os traballos e experiencias realizadas a través do portal educativo, os seus sitios temáticos ou o repositorio de contidos do espazo Abalar.

Os centros seleccionados comprométense a participar nas accións de difusión de boas prácticas que organice a consellería.

Os materiais e as experiencias publicadas estarán suxeitos á licenza creative commoms by-sa.

missing image file

Para máis información: http://www.edu.xunta.es/web/node/2562

O centro pode publicar os traballos realizados, que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria non difundiu, sempre que o comunique á DXEFPIE mediante a dirección do CAFI ou do CFR da súa zona e facendo constar na publicación que o traballo se desenvolveu con subvención da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e incluíndo o logotipo. Dita publicación debe realizarse mediante unha licenza Creative Commons by – sa.

O logotipo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación universitaria pode obterse no enderezo http://www.xunta.es/composicion-con-presidencia-e-consellerias

Décimo sexto. Entrada en vigor

Esta convocatoria entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2013

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO V

Guía para a elaboración da memoria da actividade do curso 2013-2014

1. Relación de participantes propostos para certificación.

2. Xustificación das variacións introducidas respecto ao programa presentado, se as houbese.

3. Relación de actuacións e materiais implementados na aula ou no centro.

4.Resultados da avaliación realizada seguindo os indicadores e instrumentos recollidos no

proxecto para cada itinerario e para o plan.

5. Proposta de continuidade para o seguinte curso.