Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Mércores, 19 de xuño de 2013 Páx. 23704

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 10 de xuño de 2013 pola que se lle dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que aproba as bases reguladoras do programa do Igape de bolsas de formación en promoción exterior, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, no marco do Programa operativo FSE Galicia 2007-2013 e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do día 30 de abril de 2013, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras do programa do Igape de bolsas de formación en promoción exterior, facultando ao director xeral a súa convocatoria, aprobación dos créditos e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras do programa do Igape de bolsas de formación en promoción exterior, cofinanciadas nun 80 % polo Fondo Social Europeo, no marco do Programa operativo FSE Galicia 2007-2013, eixe 1, tema prioritario 62, e convocar para 2013 un máximo de 20 bolsas en réxime de concorrencia competitiva.

Segundo. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. No caso de que o día final do prazo coincidise en sábado ou día inhábil en Santiago de Compostela, posporase ao día hábil seguinte.

Terceiro. A dotación orzamentaria para estas bolsas ascende ao importe de 1.155.793,97 € e aboarase con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polos seguintes importes e coa seguinte distribución plurianual:

• 08.A1 741A 4801 do orzamento do Igape, distribuído en 67.004,17 € para o exercicio 2013, 584.850,00 € para o exercicio 2014 e 487.375,00 € para o exercicio 2015.

Esta partida está cofinanciada ao 80 % co Fondo Social Europeo no marco do Programa operativo FSE Galicia 2007-2013, eixe 1, tema prioritario 62.

• 08.A1 741A 4840 do orzamento do Igape, distribuído en 1.380,40 € para o exercicio 2013, 8.282,40 € para o exercicio 2014 e 6.902,00 € para o exercicio 2015.

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos e modificar as partidas orzamentarias, logo de declaración de dispoñibilidade dos créditos nos termos referidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Cuarto. As bolsas estarán dotadas cunha cantidade base anual de 9.960 euros brutos e poderán ascender ata 33.350 euros brutos segundo o país e cidade de destino.

Quinto. Poderán solicitar as bolsas os titulados universitarios aos que se refire o artigo 4.4 das bases reguladoras nados a partir do 1 de xaneiro de 1983.

Sexto. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2013

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras do programa do Igape de bolsas de formación
en promoción exterior, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo
no marco do Programa operativo FSE Galicia 2007-2013

O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), en liña coas funcións que ten encomendadas como instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia para impulsar o desenvolvemento competitivo do sistema produtivo galego, está levando a cabo unha serie de accións no ámbito exterior desde o apoio á formación de capital humano especialista no eido internacional, o apoio ás empresas galegas no seu proceso de expansión exterior, á captación de investimentos estranxeiros cara a Galicia. Para iso a Xunta de Galicia conta con presenza permanente en varios países.

Esta presenza internacional refórzase por medio do programa de bolsas de promoción exterior do Igape, a través do cal mozos titulados universitarios adquiren unha formación teórica e práctica no ámbito internacional, á vez que, desde os seus destinos, prestan apoio ás empresas galegas na súa busca de novos mercados e ao establecemento de acordos con empresas estranxeiras.

O obxectivo destas axudas diríxese a formar especialistas no ámbito da captación internacional de investimentos, a expansión exterior da empresa galega, a detección de potenciais investidores estranxeiros cara a Galicia, a busca de oportunidades de negocio e a investigación das posibilidades de cooperación internacional entre empresas galegas e estranxeiras.

O período inicial das bolsas desfrutarase preferentemente nas oficinas da Xunta de Galicia no exterior, no Igape ou noutros destinos concertados polo instituto en entidades públicas ou privadas. As bolsas terán unha duración máxima de doce meses e poderán ser prorrogadas polo Igape por un máximo de ata doce meses adicionais.

As convocatorias das bolsas de promoción exterior do Igape serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución do director xeral do Igape. As distintas convocatorias incluirán o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes, o número de bolsas convocadas, os créditos asignados e a contía da bolsa.

As bolsas reguladas nestas bases outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 1. Obxecto

O obxecto destas axudas é a concesión do número de bolsas de formación en promoción exterior indicado na resolución de convocatoria coa finalidade de formar a especialistas no ámbito da captación internacional de investimentos, a expansión exterior da empresa galega, a detección de potenciais investidores estranxeiros cara a Galicia, a busca de oportunidades de negocio e a investigación das posibilidades de cooperación internacional entre empresas galegas e estranxeiras.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

2.1. O procedemento de concesión destas bolsas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Non se poderán outorgar bolsas por contía superior á que se determine na presente convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria, ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2.2. As axudas previstas nestas bases están cofinanciadas nun 80 % polo Fondo Social Europeo no marco do Programa operativo FSE Galicia 2007-2013, eixe 1, tema prioritario 62, e están sometidas ás obrigas de información e difusión establecidas na regulamentación da UE, en particular os regulamentos (CE) nº 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo (DOUE L 210/25, do 31 de xullo), Regulamento (CE) nº 1081/2006, do 5 de xullo, do Parlamento Europeo e do Consello (DOUE L 210/1, do 31 de xullo) e Regulamento 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro (DOUE L 45, do 15 de febreiro de 2007); e cumpren os requisitos de elixibilidade da Orde TIN/2965/2008 e da Orde TIN/788/2009, que a modifica, sobre gastos subvencionables polo FSE.

Artigo 3. Natureza e incompatibilidade da bolsa

O programa reúne os requisitos previstos no artigo 1 do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, polo que a dita norma resulta de aplicación.

A concesión ou desfrute destas bolsas non implica ningunha vinculación laboral entre o beneficiario e o Igape, nin supoñen ningún compromiso ou dereito de incorporación ao seu cadro de persoal, non tendo o bolseiro, en ningún caso, a representación do Igape.

As bolsas outorgadas son incompatibles con calquera outra bolsa ou axuda de similares características, así como con calquera relación laboral ou de prestación de servizos remunerada do bolseiro.

A obtención doutras axudas recibidas para a realización do proxecto obxecto da bolsa deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a memoria final da bolsa. En todo caso, antes de conceder a bolsa, solicitarase do solicitante unha declaración escrita ou en soporte electrónico, sobre outras axudas recibidas para a realización do proxecto obxecto da bolsa. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 4. Requisitos dos solicitantes

Poderán presentar solicitude para acollerse a estas bolsas aqueles titulados que cumpran os seguintes requisitos:

4.1. Ter nacido a partir do 1 de xaneiro de 1983.

4.2. O cumprimento dalgunha das seguintes condicións:

– Ter veciñanza administrativa en Galicia cunha antigüidade superior a 24 meses.

– Ser natural de Galicia.

– Ser fillo ou descendente en liña directa ata o terceiro grao, de emigrantes galegos no exterior.

4.3. Cumprir os requisitos do artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para ser considerado beneficiario de subvencións.

4.4. Estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións na data en que finaliza o prazo de presentación de solicitudes:

• Universitarias (licenciatura, diplomatura, enxeñaría ou grao): administración e dirección de empresas, ciencias do transporte e loxística, ciencias económicas e empresariais, ciencias empresariais, ciencias políticas, comercio, comercio exterior, dereito, dirección e creación de empresa, dirección de empresas-BBA, dirección financeira e contabilidade, economía, enxeñaría, estatística e empresa, marketing e dirección comercial, marketing e investigación de mercados, relacións internacionais.

• Formación profesional: técnico superior en comercio internacional.

Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros privados españois deberán estar homologados polo Ministerio de Educación español na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.

4.5. Ter recibido formación específica en comercio exterior, debendo os candidatos acreditar a realización dun curso completo nesta materia de duración igual ou superior a 140 horas ou 14 créditos; ou ter experiencia laboral por conta allea ou por conta propia en comercio exterior (grupo 01 ou 02 de cotización á Seguridade Social ou equivalente no estranxeiro) de polo menos un ano; ou ter a titulación universitaria de relacións internacionais ou comercio exterior.

4.6. Coñecementos de inglés (falado e escrito) que se acreditará mediante a realización dun exame no que os aspirantes deberán obter a cualificación de apto.

Os aspirantes que non comparezan ou non acaden a cualificación de apto na proba de inglés quedarán excluídos do proceso de selección.

Os candidatos, ademais de examinarse de inglés, poderán indicar na solicitude ata dous idiomas adicionais dos que queiran examinarse, de cara a ter posibilidades de optar a destinos deses idiomas. Os idiomas adicionais dispoñibles son: francés, alemán, portugués, chinés e ruso.

4.7. Non ter desfrutado doutra bolsa no estranxeiro concedida polo Igape ou outros organismos. Exceptúanse as bolsas de estudos desfrutadas durante os anos escolares ou universitarios.

4.8. Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que imposibilite o cumprimento das súas obrigas como bolseiro.

4.9. Estar ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma. O cumprimento deste requisito acreditarase cubrindo no formulario telemático a declaración responsable do solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma, de acordo co establecido no artigo 11.h) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Condicións e contía das bolsas

5.1. Duración e destino.

5.1.1. A duración inicial da bolsa establécese nun máximo de doce meses contados desde a data de comezo que para tal efecto fixe a resolución de concesión, podendo ser prorrogada polo Igape por un período máximo de ata doce meses adicionais. As prórrogas das bolsas de formación en promoción exterior poderanse conceder en función das necesidades de avanzar na formación inicial do bolseiro no mercado de destino.

5.1.2. O período inicial das bolsas desfrutarase preferentemente nas oficinas da Xunta de Galicia no exterior, no Igape ou noutros destinos concertados polo instituto en entidades públicas ou privadas.

A prórroga poderá desfrutarse nos organismos de destino do período inicial, consorcios de exportación galegos en destino, filiais de empresas galegas en destino, asociacións de empresarios galegos no exterior ou empresas galegas, previamente seleccionados polo Igape.

No transcurso da bolsa o Igape resérvase a posibilidade de cambiar os destinos dos bolseiros e a dotación correspondente, no caso de concorrer causa xustificada.

5.1.3. Poderanse establecer listas de reserva para cubrir posibles incidencias ou renuncias por un tempo que cubrirá unicamente o que reste desde a data de inicio da nova bolsa concedida ata a data de finalización que tivese a bolsa inicial. Non poderán concederse bolsas para suplir renuncias ou incidencias por un tempo inferior a seis meses.

5.1.4. Previamente á incorporación aos seus respectivos destinos, os bolseiros comezarán as súas bolsas cunha estadía de un mes na sede do Igape, computable dentro do período da bolsa, coa finalidade de elaborar, en orixe, plans de internacionalización e/ou estudos para unha ou varias empresas ou sector/es determinados, para o cal o bolseiro disporá dun titor do Igape e/ou externo. Esta formación poderá implicar visitas a empresas ou organismos empresariais galegos que serán realizadas polos bolseiros a través dos seus propios medios.

Durante o período de formación en destino poderá darse o caso de viaxes a Galicia para completar a formación en orixe tendo como base o Igape, con desprazamentos a empresas ou organismos empresariais galegos.

5.2. Contía.

5.2.1. A contía das bolsas é a que se determina na resolución de convocatoria, tendo en consideración os índices de custo de vida das distintas cidades de destino das bolsas, segundo criterios establecidos pola Entidade Pública Empresarial ICEX España Exportación e Inversiones (ICEX), dependente do Ministerio de Economía e Competitividade.

A contía da bolsa desagrégase do seguinte xeito:

– Dotación base.

– Complemento custo de vida do destino.

En caso de prórroga da bolsa, a dotación incrementarase proporcionalmente segundo a duración da prórroga.

Previamente á adxudicación das bolsas, o Igape publicará a lista de países de destino así como a contía económica da bolsa asignada a cada un deles.

5.2.2. Considéranse incluídos dentro da dotación da bolsa a Seguridade Social, se é o caso, os impostos de carácter persoal así como todos os gastos en que teña que incorrer o bolseiro para o seu desenvolvemento, e en concreto, os seguintes:

– Os gastos de desprazamento do bolseiro ao país ou cidade de destino (o Igape comunicará aos bolseiros na resolución de adxudicación os destinos e a data de incorporación).

Unha vez incorporados aos destinos indicados na resolución, en caso de cambio de destino –mediante nova resolución– o Igape aboará ao bolseiro os gastos de desprazamento mediante avión, tren ou autobús e gastos de hotel, logo de presentación dos correspondentes xustificantes de gastos ata un máximo de 1.000 euros se é o mesmo continente e 1.500 euros se se traslada a outro continente.

– Os gastos de visado.

– Os gastos de desprazamentos ás oficinas consulares e outros gastos para a obtención e/ou renovación do visado ou permiso de residencia exixidos polas autoridades do país de destino.

– Gastos de estadía no país de destino.

– A contratación dun seguro de enfermidade e accidentes por unha duración equivalente á da bolsa.

– Vacinas ou tratamentos preventivos necesarios para o país de destino.

– Na dotación da bolsa vai incluída unha contía anual máxima de 1.000 € por bolseiro en concepto de gastos de desprazamento en destino relacionados co obxecto da bolsa, que serán abonados polo Igape ao bolseiro unha vez sexan realizados e correctamente xustificados.

5.2.3. A dotación para a estadía inicial na sede do Igape será a que se estableza nas bases como dotación mínima.

5.3. Desenvolvemento da bolsa e programa de formación.

A formación do bolseiro en destino terá lugar nas oficinas do organismo de acollida na cidade de destino da bolsa, debendo o bolseiro aterse aos horarios e á normativa interna de funcionamento do dito organismo de acollida.

Se o bolseiro se ve obrigado a interromper a súa formación por motivo de enfermidade ou accidente deberá comunicalo ao Igape na maior brevidade posible xuntando o correspondente xustificante médico.

No caso de que a interrupción da formación por enfermidade e/ou outros motivos supere os 30 días, o Igape resérvase o dereito de rescindir a bolsa, temporal ou definitivamente ou cambiar o destino se con iso se facilita a reinserción do bolseiro á súa formación.

A formación que recibirán os bolseiros de Promoción Exterior nos seus destinos abrangue:

• Estudo dos sectores económicos máis importantes dos mercados dos países de destino das bolsas de Promoción Exterior.

• Análise dos puntos fortes, debilidades, ameazas e oportunidades dos diferentes sectores estratéxicos de Galicia en relación aos distintos mercados dos países de destino das bolsas de Promoción Exterior.

• Estudo das distintas formas de introdución comercial nos mercados dos países de destino das bolsas de Promoción Exterior.

• Para completar a dita formación, o bolseiro contará co apoio do seu titor no organismo de destino e dunha persoa no Igape a quen lles poderá dirixir as súas dúbidas e preguntas.

Artigo 6. Consentimentos e autorizacións

6.1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

6.2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións, convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás bolsas recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos. Todo isto consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

6.3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, o Igape publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das bolsas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

A devandita autorización esténdese á cesión dos seus datos persoais á entidade colaboradora do Igape, á entidade financeira na que se aboe o pagamento das axudas, ao Diario Oficial de Galicia e ás demais cesións previstas na lei.

O solicitante poderá exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición respecto do contido dos rexistros antes citados, ante a Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, sito no complexo administrativo de San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela, en aplicación do disposto no Decreto 132/2006.

6.4. A presentación da solicitude autoriza o órgano xestor para acceder ao Sistema de verificación de datos de identidade, co fin de evitar a achega do DNI do solicitante. No caso de que o solicitante denegue expresamente esta autorización deberá, obrigatoriamente, presentar o DNI coa solicitude.

6.5. As propostas que resulten seleccionadas pasarán a formar parte da lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro.

Artigo 7. Solicitudes

7.1. Dentro do prazo establecido na convocatoria para presentar a solicitude, os interesados deberán cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es

A instrución e resolución do procedemento basearase nas declaracións contidas no citado formulario e, no caso de que se conceda a bolsa, serán obxecto de acreditación documental nas fases de tramitación en cada caso oportunas e, en calquera caso, previamente a calquera aboamento da axuda.

7.2. Co fin de prestar asistencia para cubrir o formulario, o Igape pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do mencionado enderezo da internet ou dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47, ou os que en cada momento se establezan para esta finalidade. Desde este servizo poderá accederse á aplicación informática e cubrir o formulario e xerar o IDE identificativo, no caso de que o solicitante non dispoña dun acceso directo á internet. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda. O IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.

7.3. Poderanse cubrir e obter os formularios a través da aplicación informática ata as 14.00 horas do día da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

7.4. As solicitudes de axuda presentaranse mediante a instancia normalizada que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es, e que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo. Na instancia de solicitude será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, concedéndolles aos solicitantes un prazo de 10 días para a súa emenda, transcorrido o cal se terán por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivo.

Xunto coa instancia de solicitude deberase presentar o currículum vítae.

7.5. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través da instancia de solicitude normalizada co IDE (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns ao servizos públicos e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel no Rexistro Xeral dos Servizos Centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común utilizando a instancia de solicitude normalizada (anexo I) co IDE, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

7.6. Na presentación electrónica os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG nº 239, do 10 de decembro). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

b) Unha vez asinada a instancia de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

c) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no que quedará constancia do feito da presentación.

d) Os interesados que cumpran os requisitos do punto b) anterior, tamén poderán empregar a vía telemática para a recepción de notificacións do Igape e para o envío de escritos ao órgano xestor da axuda. Para a recepción de notificacións será preceptivo que o solicitante teña indicado no formulario a súa preferencia polo emprego da notificación telemática neste procedemento de axudas. Neste caso, o solicitante deberá acceder á web do Igape no enlace tramitación telemática, para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción telemático). Os efectos destas notificacións serán os establecidos na Lei 11/2007, do 22 de xuño (BOE nº 150, do 23 de xuño).

7.7. Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico no que desexan recibir o xustificante. As modificacións da solicitude inicial deberán ser presentadas utilizando a aplicación informática para xerar un formulario modificado, cuxo IDE será de obrigatoria inclusión no escrito de comunicación ao Igape das ditas aclaracións.

Artigo 8. Órganos competentes

A Área de Internacionalización Galicia@World do Igape será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da bolsa, e corresponde ao titular da Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, por delegación do Consello de Dirección do Igape, ditar a resolución que poña fin ao procedemento administrativo.

Artigo 9. Instrución dos procedementos

9.1. As solicitudes de axuda serán avaliadas, en función dos datos declarados na solicitude de axuda e no formulario, por un comité de selección que estará presidido polo director da Área de Internacionalización Galicia@World (ou o seu suplente, en caso de necesidade) e integrado por outros tres membros de entre o persoal técnico da Dirección da Área (ou os seus suplentes, en caso de necesidade) designados polo presidente do comité de selección, actuando un deles como secretario.

9.2. Todos os aspirantes que presentasen a súa solicitude dentro do prazo establecido na resolución da convocatoria, serán convocados a unha proba eliminatoria de inglés e dos idiomas adicionais indicados na solicitude, que constarán dunha parte escrita e outra oral, na data, hora e lugar de realización que se comunicará no taboleiro de anuncios e na páxina web do Igape. As probas de idiomas terán lugar en Santiago de Compostela, correndo por conta do solicitante, se é o caso, os gastos de desprazamento, estadía e manutención.

Os aspirantes serán cualificados como aptos ou non aptos e dentro da cualificación de apto obterase unha puntuación segundo o nivel acadado.

Os aspirantes que non comparezan ou non acaden a cualificación de apto na proba de inglés quedarán excluídos do proceso de selección.

9.3. Os criterios de avaliación e baremo anteriores á entrevista serán os seguintes:

a) Coñecemento de inglés (básico: 2 puntos; bo: 3 puntos: excelente: 5 puntos).

b) Coñecemento de idioma adicional 1 (básico: 1 punto; bo: 2 puntos; excelente: 3 puntos).

c) Coñecemento de idioma adicional 2 (básico: 1 punto; bo: 2 puntos; excelente: 3 puntos).

d) Formación específica en comercio exterior, acreditada a maiores da mínima requirida no artigo 4.5 destas bases. Obterá 2 puntos por curso completo de 140 a 299 horas; 4 puntos por curso completo de 300 horas ou máis; 6 puntos por máster.

e) Experiencia laboral por conta allea ou por conta propia de calquera tipo. Obterá 1 punto de 0 a 6 meses; 2 puntos de 6 a 12 meses; e 3 puntos por máis de 12 meses.

9.4. Como resultado da valoración dos criterios anteriores e dos exames de idiomas, o comité de selección confeccionará unha lista provisional de candidatos admitidos e excluídos, na que constará o resultado do baremo aplicable e os motivos de exclusión das solicitudes (incumprimento dos requisitos establecidos no artigo 4 destas bases, presentación da solicitude incorrecta ou fóra de prazo).

A suma total destas puntuacións anteriores á entrevista será como máximo de 20 puntos.

9.5. A lista provisional será exposta no taboleiro de anuncios e na páxina web do Igape, e abrirase un prazo de 10 días hábiles para que os interesados poidan presentar alegacións respecto da puntuación obtida.

9.6. Finalizado o prazo de alegacións, o Igape publicará no taboleiro de anuncios e na súa web a lista definitiva de candidatos admitidos e excluídos, indicando a súa causa de exclusión. De entre os candidatos admitidos, os cen que tivesen obtido mellor puntuación global serán convocados á entrevista persoal, tendente a avaliar a adecuación do perfil do candidato ás tarefas que vai desempeñar durante o período de goce da bolsa. A entrevista persoal valorarase cun máximo de 5 puntos. As probas e entrevistas terán lugar en Santiago de Compostela, correndo a conta do solicitante, se é o caso, os gastos de desprazamento, estadía e manutención.

9.7. Unha vez realizada a entrevista, o Igape publicará no taboleiro de anuncios e na súa páxina web, no prazo máximo de 4 meses desde a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, a proposta de resolución provisional de todas as solicitudes presentadas.

Nesa proposta de resolución provisional incluirase a lista cos 20 candidatos propostos como adxudicatarios ordenados segundo os idiomas dos que se examinaron.

Sempre que haxa candidatos dispoñibles, a citada lista deberá estar composta por 10 candidatos de inglés, 2 de francés, 2 de portugués, 2 de chinés, 2 de alemán e 2 de ruso. No caso de non haber candidatos dispoñibles para algún dos idiomas, incrementarase no mesmo número a lista de inglés.

A lista cos 20 candidatos reserva terá a mesma repartición por idiomas que a lista cos 20 candidatos propostos como adxudicatarios.

En caso de empate na puntuación final obtida, o desempate realizarase por esta orde: maior puntuación na proba do idioma en cuestión, maior puntuación na proba de idioma inglés, maior puntuación en formación específica en comercio exterior, maior puntuación na entrevista persoal e maior puntuación na experiencia laboral.

Esta publicación producirá os efectos de notificación aos interesados, segundo o disposto no artigo 59 da Lei 30/1992, concedéndose aos interesados un prazo de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación, para presentar alegacións.

9.8. Nese mesmo prazo de 10 días hábiles, os 20 candidatos propostos como adxudicatarios e os 20 candidatos reserva serán requiridos para que presenten a seguinte documentación, con indicación de que, se non o fixesen, se lles terá por desistidos da súa solicitude, arquivándoa sen máis trámite (a documentación presentarase en orixinal ou copia compulsada e no caso de que estea redactada nunha lingua non oficial en Galicia deberase presentar acompañada de tradución realizada por intérprete xurado en soporte papel no Rexistro Xeral dos Servizos Centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común):

a) Acreditación dos requisitos mínimos segundo o expresado no artigo 4 destas bases.

i) Dúas fotografías tamaño carné co nome do solicitante ao dorso.

ii) No caso de que o solicitante sexa estranxeiro e non teña o número de identificación de estranxeiría (NIE), deberá achegar fotocopia compulsada do pasaporte.

iii) Acreditación do cumprimento de, polo menos, unha das seguintes condicións:

– Veciñanza administrativa en Galicia: orixinal ou fotocopia compulsada do certificado de empadroamento cunha antigüidade superior a 24 meses.

– Ser natural de Galicia: acreditarase mediante o DNI ou fotocopia compulsada do pasaporte. No caso de acreditarse mediante o DNI e co fin de evitar a súa achega o órgano xestor accederá ao Sistema de verificación de datos de identidade. No caso de que o solicitante denegue expresamente esta autorización deberá, obrigatoriamente, presentar o DNI.

– Ser fillo ou descendente directo ata o terceiro grao de emigrantes galegos no exterior: fotocopia compulsada da documentación oficial acreditativa da ascendencia natural de Galicia (fotocopia compulsada do pasaporte ou DNI do/s ascendente/s en que figure o lugar de nacemento ou, no seu defecto, a/s partida/s de nacemento).

iv) Fotocopia compulsada do título segundo o expresado no artigo 4.4, ou no seu defecto, do xustificante de ter pagadas as taxas para a súa obtención.

No caso de títulos expedidos por centros estranxeiros ou privados será preciso que os acrediten cunha fotocopia compulsada da homologación concedida polo Ministerio de Educación español.

v) Acreditación, se é o caso, da formación específica en comercio exterior segundo o expresado no artigo 4.5: fotocopia compulsada do certificado de realización dun curso completo no que conste o número de horas ou créditos do curso. O curso deberá estar finalizado na data de publicación destas bases reguladoras.

vi) Acreditación, se é o caso, da experiencia laboral en comercio exterior segundo o expresado no artigo 4.5:

– Por conta allea: orixinal ou fotocopia compulsada do informe de vida laboral emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social ou organismo equivalente estranxeiro e fotocopia compulsada do contrato laboral ou, no seu defecto, declaración emitida pola entidade contratante onde consten os labores de dedicación relacionados co comercio exterior.

– Por conta propia: orixinal ou fotocopia compulsada dos recibos do último ano de cotización no réxime especial de traballadores autónomos.

vii) Acreditación, se é o caso, da titulación universitaria en relacións internacionais ou comercio exterior segundo o expresado no artigo 4.5: fotocopia compulsada do título ou, no seu defecto, do xustificante de ter pagadas as taxas para a súa obtención.

viii) Certificado médico oficial de boa saúde para o normal exercicio da bolsa, emitido cunha antigüidade inferior ou igual a 30 días naturais desde a data de presentación da solicitude segundo o expresado no artigo 4.6 destas bases.

b) Acreditación dos requisitos baremables segundo o expresado no artigo 9.3 destas bases:

i) Acreditación, se é o caso, da formación específica en comercio exterior a maiores da mínima requirida no artigo 4.5: fotocopia compulsada do certificado de realización dun curso completo no que conste o número de horas ou créditos do curso. O curso deberá estar finalizado na data de publicación destas bases reguladoras.

ii) Acreditación, se é o caso, da experiencia laboral de calquera tipo:

– Por conta allea: orixinal ou fotocopia compulsada do informe de vida laboral emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social ou organismo equivalente estranxeiro.

– Por conta propia: orixinal ou fotocopia compulsada dos recibos do último ano de cotización no réxime especial de traballadores autónomos.

De acordo co disposto no artigo 35.f) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e o artigo 20.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, non será necesario presentar a documentación que xa se atope en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o que foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

Os titulares dos expedientes que aparezan como arquivados ou denegados na proposta provisional, tamén deberán presentar esta documentación no caso de que formulen alegacións, xa que, no caso de que estas se estimasen e dese lugar a unha resolución de concesión da bolsa e non constase presentada no expediente a documentación citada, teríaselle por desistido da súa solicitude arquivándoa sen máis trámite.

9.9. Adxudicación das bolsas:

a) Unha vez analizadas as alegacións e revisada a documentación presentada, o Igape publicará no taboleiro de anuncios e na súa páxina web a relación de países de destino, a contía da súa dotación económica e o idioma que será tido en conta para acceder a cada un deles e convocará os candidatos con mellor puntuación final para a elección de destino, segundo o seguinte procedemento:

i) Para destinos con idioma oficial distinto do español ou inglés, propoñerase a bolsa ao candidato de maior puntuación de entre aqueles que realizaron a proba de idioma correspondente ao dito destino.

Se non houbese candidato ao idioma do país de destino propoñerase a bolsa ao candidato de maior puntuación da lista de inglés.

ii) Para os destinos cuxo idioma oficial sexa español ou inglés propoñerase a bolsa ao candidato de maior puntuación da lista de inglés.

iii) Como se establece no punto 5.1.2), no transcurso da bolsa o Igape resérvase a posibilidade de cambiar os destinos dos bolseiros e a dotación correspondente, no caso de concorrer causa xustificada.

b) Unha vez preseleccionados o número de bolseiros indicado na resolución de convocatoria polo procedemento descrito na letra a), procederase a seleccionar entre o resto dos candidatos o mesmo número de reservas para cubrir posibles renuncias ou incidencias por orde de puntuación distribuídos por idiomas de xeito proporcional ao número de bolsas concedidas para cada idioma.

c) Unha vez elixidos os destinos, a Área de Internacionalización Galicia@World do Igape remitirá a proposta de resolución definitiva ao director xeral do Igape, que resolverá por delegación do Consello de Dirección do Igape.

O Igape publicará no taboleiro de anuncios e na súa páxina web a resolución definitiva de todas as solicitudes presentadas, na que se reflectirá o país de destino e a contía da bolsa concedida a cada solicitude e a lista de reservas para cubrir posibles revogacións ou incidencias e informará que a aceptación da bolsa implica a súa inclusión na lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) 1828/2006. A publicación terá os efectos da notificación, segundo o establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

9.10. Transcorridos 10 días hábiles a partir do seguinte ao da publicación da resolución definitiva sen que o adxudicatario comunique expresamente a súa renuncia á bolsa entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario. A aceptación por parte do interesado suporá a obriga de cumprir as condicións establecidas na resolución, nas bases reguladoras da axuda e nas demais disposicións legais e regulamentarias que sexan de aplicación. A renuncia á bolsa poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992. No caso de que o beneficiario renunciase á bolsa unha vez percibida, procederase conforme o artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia.

9.11. O prazo máximo para resolver e publicar a resolución será de cinco meses contados desde a data de finalización do período de presentación das solicitudes. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 10. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución definitiva, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) De forma potestativa, recurso previo de reposición, que resolverá a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da publicación da resolución definitiva, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 11. Bolsa de traballo

Para facilitar o acceso de especialistas en comercio exterior ás empresas o Igape porá á súa disposición unha bolsa de traballo (Bolsa de Xestores de Exportación,
http://www.igape.es/xestores-de-exportacion-3.html) que publicará sen que consten os datos persoais dos devanditos e difundiraa entre empresas e organismos galegos.

Unha vez rematada a bolsa, os seus beneficiarios comprométense a formar parte desta bolsa de traballo publicada na web do Igape para efectos de recibir ofertas de traballo, durante un período mínimo dun ano desde o remate da bolsa. Poderán darse de baixa desta bolsa en calquera momento logo de solicitude por escrito ao Igape.

Artigo 12. Incidencias

Calquera alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión das axudas poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, ben por instancia do solicitante ou de oficio, pola Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, sempre que se cumpran os requisitos do artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

As renuncias que se produzan poderán ser substituídas pola Dirección Xeral do Igape de acordo coa lista de candidatos reserva.

Artigo 13. Obrigas dos bolseiros

Sen prexuízo doutras obrigas conforme estas bases e demais disposicións aplicables, os beneficiarios das bolsas quedarán suxeitos ás seguintes obrigas:

13.1. Incorporarse ao seu destino dentro do prazo fixado na resolución de concesión.

13.2. Cumprir as normas de conduta da oficina ou entidade de destino do bolseiro.

13.3. Elaborar e presentarlle ao Igape os estudos, informes ou traballos prácticos durante a duración da bolsa e, ao remate desta, presentar unha memoria final sobre os traballos realizados e, se for o caso, devolver o material non funxible entregado polo Igape para o desenvolvemento da bolsa.

13.4. Xestionar, tramitar e obter os visados, permisos ou autorizacións exixidos polas autoridades do país ou cidade de destino e presentar unha copia no Igape antes de ocupar o seu destino.

13.5. Vacinarse e recibir os tratamentos preventivos necesarios para o país ou cidade de destino.

13.6. Contratar un seguro de enfermidade e accidentes por unha duración equivalente á da bolsa e as súas posibles prórrogas e presentar unha copia no Igape antes de ocupar o seu destino.

13.7. Comunicar ao Igape a obtención doutras bolsas ou axudas de carácter similar, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade ao aboamento da bolsa.

13.8. Darlle publicidade ao financiamento polo Fondo Social Europeo da bolsa concedida, consistente na inclusión de que a bolsa foi cofinanciada polo Igape, pola Consellería de Economía e Industria e polo Fondo Social Europeo do Programa operativo FSE Galicia 2007-2013 no certificado final de beneficiario da bolsa.

13.9. Proceder ao reintegro da bolsa percibida, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

13.10. Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Xustificación e pagamento

14.1. A dotación da bolsa aboarase ao bolseiro en cinco pagamentos segundo o seguinte detalle:

a) Un 20 % da dotación a partir do momento de aceptación da resolución definitiva.

b) Un 20 % da dotación unha vez que se incorpore ao destino asignado.

c) Un 25 % da dotación ao termo do primeiro cuadrimestre.

d) Un 25 % da dotación ao termo do segundo cuadrimestre.

e) Un 10 % da dotación ao termo da vixencia da bolsa.

Exclúense dos anteriores pagamentos a contía anual máxima de 1.000 € por bolseiro indicada no punto 5.2.2, que será aboada polo Igape ao bolseiro unha vez sexan realizados os gastos e correctamente xustificados.

A concesión dos anticipos establecidos nas letras a) e b) serán obxecto de resolución motivada. O importe conxunto dos pagamentos a conta e dos pagamentos anticipados non excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario e pode acadar ata o 90 % da subvención previa autorización polo Consello da Xunta nos termos previstos nos artigos 62.2 e 62.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

14.2. Con carácter previo aos pagamentos a conta das letras c) e d) o bolseiro deberá presentar no Igape un informe das actividades realizadas no primeiro e no segundo cuadrimestre, respectivamente e para solicitar o último pagamento, o beneficiario, no prazo de 15 días naturais desde a data de finalización da bolsa, deberá cubrir previamente o formulario a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://tramita.igape.es. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente a solicitude de certificado de beneficiario da bolsa. Este IDEL estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.

O beneficiario deberá xuntar como documento ao formulario unha memoria final da bolsa e presentar a solicitude de certificado de beneficiario de bolsa que, a título informativo, se xunta como anexo II a estas bases. Na solicitude será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As que carezan do IDEL ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas, logo de requirimento formulado para tal fin.

O beneficiario presentará a solicitude de certificado de beneficiario da bolsa co IDEL no Rexistro Xeral dos Servizos Centrais do Igape, nas súas oficinas territoriais ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Así mesmo, poderá asinar electronicamente a solicitude de certificado de beneficiario da bolsa co IDEL e presentala no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No caso de que esta solicitude non se presente en prazo ou se presente de forma incorrecta, requirirase ao beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días. No caso contrario comportará a perda total ou parcial da bolsa concedida, a exixencia de reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento.

Con carácter previo ao pagamento, os beneficiarios deberán presentar unha declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma.

Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación presentada e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, se é o caso, das cantidades previamente aboadas.

14.3. A dotación correspondente á prórroga da bolsa que, se é o caso, se conceda aboarase segundo o seguinte detalle:

– O 60 % da dotación ao inicio da primeira metade da prórroga a partir do momento da recepción no Igape da aceptación da prórroga da bolsa e sinatura do correspondente compromiso de cumprimento das normas e obrigas que se establezan.

– O 30 % da dotación ao inicio da segunda metade da prórroga.

– O 10 % restante ao termo da vixencia da bolsa, para o que deberá cubrir o formulario de liquidación e presentar a instancia normalizada (anexo II) acompañada da memoria final da bolsa segundo o sinalado no artigo 14.1 anterior.

Exclúense dos anteriores pagamentos a contía anual máxima de 1.000 € por bolseiro indicada no punto 5.2.2, que será aboada polo Igape ao bolseiro unha vez sexan realizados os gastos e correctamente xustificados.

14.4. A dotación e o calendario de pagamentos das bolsas outorgadas por renuncias estableceranse na resolución de concesión da bolsa en función do período do seu goce.

Artigo 15. Certificado da bolsa

Tras a presentación no Igape da memoria final das actividades realizadas, o bolseiro terá dereito a recibir un certificado de beneficiario da bolsa concedida. Este certificado incluirá unha declaración na que se informe de que a bolsa foi cofinanciada polo Fondo Social Europeo dentro do Programa operativo FSE Galicia 2007-2013.

Artigo 16. Incumprimento.

16.1. Procederá a revogación da bolsa e, se é o caso, o reintegro das cantidades anticipadas e os seus xuros de demora devengados desde o seu pagamento, cando o bolseiro incumpra calquera das bases da convocatoria ou os compromisos contraídos na resolución de concesión, así como nos casos previstos nos artigos 33 e concordantes da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

En calquera momento o Igape poderá comprobar, mediante os mecanismos de inspección e de control que considere convenientes, as actividades formativas dos beneficiarios relativas á bolsa concedida.

16.2. Ao termo do primeiro semestre o Igape revisará o cumprimento do programa de formación asignado e resérvase a facultade de revogar a bolsa se o bolseiro incumpre as súas obrigas, sen que sexa por algunha causa xustificada ou motivo de forza maior.

16.3. No caso de que o bolseiro renuncie á bolsa concedida deberá comunicalo ao Igape por escrito con, polo menos, 15 días de antelación á data na que abandone o seu posto no organismo de destino. Este prazo establécese con carácter xeral sen prexuízo de que, por causas de forza maior, non poida cumprirse o dito prazo.

16.4. En todos os casos, a cantidade anticipada que se devolverá será obtida pola diferenza entre a dotación percibida ata o momento da renuncia e a que lle corresponde polos días efectivamente gozados.

16.5. O procedemento de incumprimento será iniciado polo Igape, de oficio, ben por iniciativa do órgano concedente, ou como consecuencia das actuacións de control da Intervención Xeral, por petición razoada doutros órganos que teñan atribuídas facultades de comprobación na materia ou por denuncia.

16.6. O órgano competente para iniciar, tramitar e resolver o expediente será aquel que ditou a resolución de concesión.

16.7. O procedemento iniciarase mediante a comunicación ao beneficiario das presuntas causas determinantes do incumprimento e as posibles consecuencias del. Os interesados poderán, en calquera momento do procedemento anterior ao trámite de audiencia, aducir alegacións ou achegar documentos e outros elementos de xuízo.

16.8. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, poñerase de manifesto aos interesados, que disporán dun prazo de quince días para alegar e presentar os documentos e xustificacións que estimen pertinentes. Poderase prescindir deste trámite cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

16.9. Presentadas as alegacións ou transcorrido o prazo de quince días sen contestación por parte do beneficiario, o Igape ditará a resolución que proceda, pronunciándose sobre o alcance do incumprimento e, se é o caso, a obriga de reintegro das cantidades percibidas.

16.10. O prazo máximo para resolver os procedementos sobre incumprimento será de doce meses computados desde o acordo de iniciación. Se pasado o dito prazo non se ditase resolución, entenderase caducado o procedemento sen prexuízo de que se notifique a resolución declarando a caducidade e ordenando o arquivo das actuacións.

16.11. O reintegro voluntario polo interesado, en calquera momento anterior á proposta de resolución, producirá a terminación do procedemento, sen prexuízo de que se dite resolución pola que se declare a dita circunstancia e da iniciación do procedemento sancionador cando os feitos que motivaron o procedemento de reintegro puidesen ser constitutivos de infracción administrativa.

16.12. En todo o non regulado nestas bases rexerá o disposto nos capítulos I e II do título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no título V, capítulos I e II do Decreto 11/2009, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 17. Control

Os beneficiarios someteranse ás actuacións de control que efectúe o Igape e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, ás previstas na lexislación do Consello de Contas e do Tribunal de Contas, así como ás que poidan efectuar os órganos competentes da Unión Europea e, en xeral, os encargados do control do Fondo Social Europeo. Neste senso, os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que sexa requirida polos ditos organismos.

Artigo 18. Interpretación

Correspóndelle ao director xeral do Igape a facultade de ditar as disposicións necesarias para a aplicación das axudas previstas nestas bases, así como para resolver as dúbidas concretas que se susciten na súa aplicación.

Artigo 19. Publicidade

19.1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía incluirán as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións, que como consecuencia delas puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

19.2. De acordo co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as axudas concedidas ao abeiro destas bases na páxina web do Igape, www.igape.es e no Diario Oficial de Galicia expresando a norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da axuda, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do beneficiario e da súa publicación nos citados medios. A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións.

Artigo 20. Remisión normativa

En todo o non previsto nestas bases, será de aplicación o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento, no Regulamento (CE) nº 1083/2006, Regulamento xeral de fondos (modificado polo Regulamento (CE) nº 846/2009), no Regulamento (CE ) nº 1081/2006, do 5 de xullo, do Parlamento Europeo e do Consello (DOUE L 210/1, do 31 de xullo) e no resto da normativa que resulte de aplicación.

En canto ao cómputo de prazos, haberá que aterse ao disposto no artigo 48 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

missing image file
missing image file