Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Venres, 28 de xuño de 2013 Páx. 25324

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

ORDE do 20 de xuño de 2013 pola que se convoca proceso selectivo para o ingreso no corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, subgrupo A1, escalas de arquitectos/as, enxeñeiros/as industriais e biólogos/as.

De conformidade co establecido no Decreto 55/2011, do 31 de marzo, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011 (Diario Oficial de Galicia núm. 66, do 4 de abril) e na disposición adicional terceira do Decreto 262/2012, do 20 de decembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012 (DOG núm. 247, do 28 de decembro), esta consellería, no uso das competencias que lle atribúe o Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia (en diante TRLFPG),

DISPÓN:

Convocar os procesos selectivos para o ingreso no corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, subgrupo A1, escalas de arquitectos, enxeñeiros industriais e biólogos, con suxeición ás seguintes bases da convocatoria:

I. Normas xerais

I.1. O obxecto dos procesos selectivos será cubrir as prazas das escalas do corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, subgrupo A1, que se sinalan no anexo I desta orde, polas quendas de promoción interna e acceso libre. O sistema selectivo será o de oposición.

I.1.1. O número de vacantes reservadas á quenda de acceso libre e de promoción interna reflíctese no anexo I desta orde.

As prazas reservadas ao sistema de promoción interna que non se cubran, acumularanse á quenda de acceso libre.

I.1.2. De conformidade coa disposición adicional sétima do TRLFG e co Decreto 55/2011, do 31 de marzo, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011, do total de prazas convocadas reservaranse para ser cubertas por persoas con discapacidade cun grao de minusvalía igual ou superior ao 33 % o número de prazas vacantes sinalado para cada escala no anexo I.

Este cota de reserva aplicarase ao sistema de acceso libre.

No suposto de que as prazas cubertas por persoas con discapacidade alcancen a taxa do 3 % das prazas convocadas, as non cubertas acumularanse ás restantes de acceso xeral.

No suposto de que as ditas prazas cubertas non alcancen a taxa do 3 % das prazas convocadas, as non cubertas acumularanse á cota do 7 % da oferta seguinte, cun límite máximo do 12 %.

Se algún/algunha aspirante con discapacidade que se presente pola cota de reserva de persoas con discapacidade supera os exercicios, pero non obtén praza, e a súa puntuación é superior á obtida por outros/as aspirantes do sistema de acceso xeral, será incluído/a pola súa orde de puntuación neste sistema.

De conformidade co disposto no Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade, durante os procesos selectivos darase un tratamento diferenciado ás dúas quendas, no que se refire ás relacións de admitidos/as e excluídos/as, aos chamamentos aos exercicios e á relación de aprobados/as. Non obstante, ao finalizar o proceso, elaborarase unha relación única na que se incluirán todos/as os/as candidatos/as que superasen todas as probas selectivas, ordenados/as pola puntuación total obtida, con independencia da quenda pola que participasen.

I.1.3. Os/as aspirantes só poderán participar nunha das quendas citadas. Se da instancia que presenten non se deduce a súa opción, será excluído/a nas listas provisionais que se publiquen. De non emendar o defecto na solicitude, quedarán definitivamente excluídos. Tras a publicación da listaxe definitiva de admitidos e excluídos non se permitirá ningún cambio de quenda ou calquera tipo de corrección ou aclaración ao respecto.

Ao presente proceso selectivo seralle aplicable a Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público (en diante EBEP), o TRLFPG e demais normas concordantes, así como o disposto nesta convocatoria.

I.2. Requisitos dos/as candidatos/as.

Para seren admitidos/as aos procesos selectivos os/as aspirantes deberán posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes e manter ata o momento da toma de posesión como funcionarios/as de carreira os seguintes requisitos:

I.2.1. Para promoción interna.

I.2.1.1. Idade: non exceder da idade máxima de xubilación forzosa.

I.2.1.2. Titulación: estar en posesión ou en condición de obter o título que para cada escala se sinalan no anexo II.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro deberase estar en posesión da credencial que acredite a súa homologación ou validación, de ser o caso.

1.2.1.3. Pertencer como funcionario/a de carreira a algún dos corpos ou escalas integrados no actual subgrupo A2 da Xunta de Galicia (corpo de xestión ou corpo facultativo de grao medio).

Na escala de arquitectos tamén poderán participar os funcionarios que pertenzan ao corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, subgrupo A1, escala de inspección urbanística e que accedesen a ela pola opción técnica.

1.2.1.4. Ter prestados servizos efectivos como funcionario/a de carreira nalgún dos corpos ou escalas integrados no actual subgrupo A2 da Xunta de Galicia (corpo de xestión ou corpo facultativo de grao medio) desde o que participen durante polo menos dous anos, computados desde o ingreso ou desde a integración nel.

Este requisito tamén será necesario para os que participen desde o corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, subgrupo A1, escala de inspección urbanística.

Para estes efectos, consideraranse servizos efectivos os prestados na situación de servizos especiais e de excedencia para o coidado de fillos/as e familiares (artigos 54 e 57 do TRLFPG).

I.2.1.5. Capacidade funcional: non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

I.2.1.6. Habilitación: non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario do servizo de calquera das administracións públicas ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso a corpos ou escalas de persoal funcionario, nin pertencer ao mesmo corpo, escala ou especialidade a cuxas probas selectivas se presenten.

I.2.2. Para acceso libre.

I.2.2.1. Nacionalidade:

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ser nacional dalgún dos estados membros da Unión Europea.

c) Ser nacional dalgún Estado que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as.

d) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

I.2.2.2. Idade: ter cumpridos dezaseis anos e non exceder da idade máxima de xubilación forzosa.

I.2.2.3. Titulación: estar en posesión ou en condición de obter os títulos que, para cada escala, se sinalan no anexo II.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro deberase estar en posesión da credencial que acredite a súa homologación ou validación, de ser o caso.

I.2.2.4. Capacidade funcional: non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

I.2.2.5. Habilitación: non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario do servizo de calquera das administracións públicas ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso a corpos ou escalas de persoal funcionario, nin pertencer ao mesmo corpo, escala ou especialidade a cuxas probas selectivas se presenten.

No suposto de ser nacional doutro Estado, non atoparse inhabilitado/a ou en situación equivalente nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no seu Estado, nos mesmos termos, o acceso ao emprego público.

I.2.2.6. Ademais dos requisitos anteriores, os aspirantes que se presenten pola cota de reserva de discapacitados terán que ter recoñecida a condición legal de persoa con discapacidade cun grao de minusvalidez igual ou superior ao 33 %.

I.3. Solicitudes.

As persoas que desexen participar no proceso selectivo deberán facelo constar no modelo de solicitude que será facilitado gratuitamente na internet e aboar a taxa que estea vixente no momento de presentala que esixe a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exacións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co procedemento que se sinala nos seguintes parágrafos.

O prazo para presentar as solicitudes será de vinte días naturais, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG).

1) Forma de cubrir a solicitude:

O modelo de solicitude estará á disposición de todas as persoas que desexen participar no proceso selectivo na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es), seguindo a ruta «Función pública»–«Procesos selectivos»–«Xeración e presentación de instancias», en dúas modalidades, segundo se dispoña ou non de certificado dixital da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT) ou DNI electrónico.

Despois de premer a modalidade de solicitude elixida, as/os solicitantes deberán consignar todos os datos que aparecen na pantalla e posteriormente validalos e confirmalos.

As/os aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, a que se refire a base I.2.2.6, deberán indicalo expresamente na solicitude, e especificar o grao de discapacidade recoñecido polo órgano competente. Estes aspirantes poderán solicitar as posibles adaptacións de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios en que esta adaptación sexa necesaria, todo isto conforme o contido na Lei 13/1982, do 7 de abril, e no Decreto 55/2011, do 31 de marzo (Diario Oficial de Galicia núm. 66, do 4 de abril), polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011.

Os/as solicitantes das adaptacións sinaladas poderán indicar na mesma epígrafe da solicitude a presenza durante a realización do exercicio de atención médica especializada. Neste suposto, deberán presentar antes do remate do prazo fixado, o orixinal ou a copia debidamente compulsada do informe médico que acredite a necesidade da dita medida.

2) Forma de aboar as taxas:

Unha vez confirmada a alta da solicitude, a/o solicitante, segundo estea ou non nos supostos previstos, deberá seguir os seguintes pasos:

• Exenta/o de pagamento: de acordo co sinalado no artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exacións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán exentos do pagamento:

Do importe total da taxa:

– As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

Do 50 % do importe:

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.

– As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data da convocatoria das probas selectivas en que soliciten a súa participación e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

Unha vez elixida esta opción a/o solicitante poderá imprimir a solicitude cuberta e deberá presentar, antes do remate do prazo fixado, orixinal ou copia debidamente compulsada dos seguintes documentos xustificativos da exención do pagamento segundo os supostos en que se atopen:

Discapacitados:

– Certificado de discapacidade.

Familia numerosa ordinaria ou especial:

– Certificado de familia numerosa de carácter ordinario ou especial ou carné familiar en que conste o dito carácter.

Demandantes de emprego:

– Certificación expedida pola oficina de emprego na que conste que a/o aspirante figura como demandante de emprego desde polo menos seis meses antes á data da convocatoria.

– Certificación do Servizo Público de Emprego Estatal na que conste que non está a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

A dita documentación deberá ser presentada nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia, oficinas de Correos e demais lugares previstos no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (LRX-PAC).

Nestes supostos, considerarase como data válida a de presentación dentro do prazo da documentación sinalada para acreditar a exención do pagamento.

• Non exenta/o de pagamento: a/o solicitante poderá realizar o pagamento dun dos seguintes xeitos:

Pagamento presencial:

– Deberá seleccionar esta opción na pantalla, imprimir o documento de pagamento (modelo AI) e realizar o ingreso do importe da taxa en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia, onde se lle facilitará un exemplar selado como xustificante.

Pagamento telemático:

Sen certificado dixital:

– Deberá introducir os datos da tarxeta de crédito ou débito na opción de pagamento telemático e nese momento obterá o xustificante 730 correspondente.

Con certificado dixital:

– Poderán realizar o pagamento con cargo á conta do/a titular do certificado desde a opción de pagamento telemático e nese momento obterá o xustificante 730 correspondente.

En ambos os casos considerarase como data válida de presentación da solicitude a de realización da operación de ingreso da taxa, sen que sexa necesario presentar ningún dos documentos xerados nos lugares previstos no artigo 38 da LRX-PAC.

Para a devolución da taxa aboada os/as solicitantes deberán figurar como excluídos/as nas listaxes definitivas e seguir o procedemento que se sinale na resolución pola que se aproben.

Non procederá a devolución do importe aboado en concepto de dereitos de exame nos supostos de renuncia a participar no proceso dos solicitantes admitidos provisional ou definitivamente.

O estado das solicitudes poderá ser consultado en calquera momento seguindo as instrucións iniciais e seleccionando na pantalla a opción de consulta.

Para calquera aclaración ou información sobre os procedementos anteriores, as/os solicitantes poderán poñerse en contacto telefónico co centro informático CIXTEC no número 981 54 13 00, das 8.30 ás 20.00 horas, de luns a venres e os sábados das 10.00 ás 14.00 horas.

I.4. Admisión de aspirantes.

I.4.1. Unha vez expirado o prazo de presentación de solicitudes, a/o titular da Dirección Xeral da Función Pública aprobará as listaxes provisionais de aspirantes admitidas/os e excluídas/os a través dunha resolución que será publicada no DOG e nos lugares determinados pola normativa vixente, con indicación dos seus apelidos, nome e número do documento nacional de identidade, das causas das exclusións que procedan e do lugar en que se atoparán expostas.

I.4.2. As/os aspirantes excluídas/os disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da dita publicación da resolución no DOG, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

A estimación ou desestimación das ditas peticións de correccións entenderase implícitas na resolución pola que se publique a listaxe definitiva de aspirantes admitidas/os e excluídas/os. Estas listaxes aparecerán na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es).

Unha vez transcorrido o prazo sinalado, o titular da Dirección Xeral da Función Pública ditará unha nova resolución pola que se aproben as listaxes definitivas de aspirantes admitidas/os e excluídas/os.

O feito de figurar na relación de admitidas/os non prexulgará que se lles recoñeza aos/ás aspirantes a posesión dos requisitos exixidos para participar no proceso selectivo. Cando da documentación que deben presentar tras superar a oposición se desprenda que non posúen algún dos requisitos, os/as interesados/as decaerán en todos os dereitos que puideren derivar da súa participación.

II. Proceso selectivo

II.1. Oposición.

O programa que rexerá as probas selectivas é o que figura como anexo III desta orde. Teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que no momento de publicación no DOG do nomeamento do tribunal do proceso conten con publicación oficial no boletín ou diario correspondente, aínda que a súa entrada en vigor estea diferida a un momento posterior.

II.1.1. Exercicios.

As probas da oposición consistirán na superación dos seguintes exercicios, todos eles eliminatorios e obrigatorios.

II.1.1.1. Primeiro exercicio. Consistirá en contestar por escrito un cuestionario de cento vinte (120) preguntas tipo test, máis tres (3) preguntas de reserva, con catro (4) respostas alternativas propostas polo tribunal, das que só unha delas será a correcta, correspondentes á parte común e especifica da respectiva escala.

O tribunal procurará que o número de preguntas garde a debida proporción co número de normas e temas que integran o programa.

Os/as aspirantes procedentes da quenda de promoción interna estarán exentos neste exercicio da parte común do programa.

O exercicio terá unha duración máxima de dúas (2) horas.

Ao remate da proba cada aspirante poderá obter copia das súas respostas. No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes publicarase o contido do exercicio e as respostas correctas no mesmo lugar no que se realizou e na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es).

O exercicio cualificarase de 0 a 20 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de 10 puntos. Corresponderalle ao tribunal determinar o número de respostas correctas exixido para acadar esta puntuación mínima, para o cal terá en conta que por cada tres (3) respostas incorrectas se descontará unha correcta.

Este exercicio realizarase no prazo máximo de corenta (40) días hábiles desde a constitución do tribunal que xulgue as probas.

A data de realización deste exercicio non será anterior ao 1 de novembro de 2013.

II.1.1.2. Segundo exercicio. Os aspirantes deberán desenvolver por escrito tres (3) temas, a elixir entre seis (6), obtidos mediante sorteo polo tribunal de entre os que forman a parte específica do programa.

O exercicio terá unha duración máxima de catro (4) horas e media.

O exercicio cualificarase de 0 a 20 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de 10 puntos. Corresponderalle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixido para obter esta puntuación mínima.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de 48 horas desde o remate do exercicio anterior e máximo de 40 días hábiles.

II.1.1.3. Terceiro exercicio. Os/as aspirantes deberán realizar por escrito un suposto práctico de desenvolvemento que elixirán entre dous (2) propostos polo tribunal sobre os temas que integran a parte específica do programa.

Para o desenvolvemento deste exercicio os aspirantes poderán servirse de textos legais sen comentarios, excluídos os libros de consulta.

O exercicio terá unha duración máxima de tres (3) horas.

O exercicio cualificarase de 0 a 20 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de 10 puntos. Corresponderalle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixido para acadar esta puntuación mínima.

No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes ao remate do exercicio publicarase na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es) o suposto práctico no que consistía o exercicio.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de 48 horas desde o remate do exercicio anterior e máximo de corenta (40) días hábiles.

II.1.1.4. Cuarto exercicio, que constará de dúas probas:

Primeira: tradución dun texto do castelán para o galego proposto polo tribunal.

Segunda: tradución dun texto do galego para o castelán proposto polo tribunal.

O exercicio terá unha duración máxima de unha (1) hora.

O exercicio valorarase como apto ou non apto e para superalo será necesario obter o resultado de apto. Corresponderalle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos esixido para acadar o resultado de apto.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de corenta e oito (48) horas desde o remate do exercicio anterior e máximo de corenta (40) días hábiles.

Estarán exentos de realizar este exercicio os/as aspirantes que acrediten que dentro do prazo sinalado para presentar a solicitude para participar no proceso selectivo posuían o Celga 4 ou o equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo).

Os documentos que xustifiquen a exención (orixinais ou fotocopias compulsadas) deberán ser presentados polos aspirantes que superen o segundo exercicio no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación no DOG da resolución pola que o tribunal faga públicas as cualificacións dese exercicio.

II.1.2. Desenvolvemento dos exercicios.

II.1.2.1. A orde de actuación dos/as opositoras/es iniciarase alfabeticamente polo/a primeiro/a da letra «L», de conformidade co establecido na Resolución da Consellería de Facenda do 1 de febreiro de 2011 (DOG núm. 25, do 7 de febreiro), pola que se publica o resultado do sorteo realizado segundo o disposto na Resolución da mesma consellería do 21 de xaneiro de 2011 (DOG núm. 16, do 23 de xaneiro), ao tratarse dunha convocatoria correspondente á oferta de emprego público para o ano 2011.

II.1.2.2. Os/as aspirantes deberán presentarse a cada exercicio provistos de DNI ou outro documento fidedigno que a xuízo do tribunal acredite a súa identidade.

II.1.2.3. Os exercicios realizaranse a porta pechada sen outra asistencia que a dos/as aspirantes, os membros do tribunal e as persoas designadas pola Dirección Xeral da Función Pública como colaboradores.

II.1.2.4. En calquera momento os/as aspirantes poderán ser requiridos/as polo tribunal coa finalidade de acreditar a súa identidade.

II.1.2.5. O chamamento para cada exercicio será único, de xeito que os/as aspirantes que non comparezan serán excluídos/as.

Non obstante, as mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización de calquera dos exercicios polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderán poñelo en coñecemento do tribunal, xuntando á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse dentro das corenta e oito (48) horas seguintes ao anuncio da data do exame e implicará o consentimento da interesada para permitir o acceso do tribunal ou do órgano convocante aos datos médicos necesarios relacionados coa súa situación.

O tribunal, baseándose na información recibida, acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Contra tal acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

II.1.2.6. O anuncio de realización dos exercicios publicarase no DOG, no Servizo de Información e Atención ao Cidadán da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es), con corenta e oito (48) horas, polo menos, de anticipación á sinalada para o seu inicio.

II.1.2.7. As puntuacións obtidas polos/as aspirantes nos exercicios da oposición publicaranse no lugar onde se realizou a proba da que se trate, no Servizo de Información e Atención ao Cidadán da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es). Concederase un prazo de dez (10) días hábiles para os efectos de alegacións, que se contarán desde a publicación no DOG da resolución do tribunal pola que se fan públicas as puntuacións do correspondente exercicio.

II.1.2.8. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento ou dúbidas fundadas de que algunha/algún aspirante non cumpre algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria, comunicarallo á Dirección Xeral da Función Pública para que esta lle requira os documentos acreditativos do seu cumprimento.

No caso de que o/a aspirante non acredite o cumprimento dos requisitos, a Dirección Xeral da Función Pública proporá a súa exclusión do proceso selectivo e o órgano convocante publicará a orde que corresponda.

II.1.2.9. Se o tribunal, de oficio, ou con base nas reclamacións que os/as interesados/as poden presentar nos tres (3) días hábiles seguintes á realización do exercicio, anulase algunha ou algunhas das súas preguntas publicarao no DOG.

II.2. A orde de prelación dos aspirantes virá dada pola suma da puntuación dos exercicios da fase de oposición. Non poderá superar o proceso selectivo un número superior ao de prazas convocadas.

Non obstante, para asegurar a cobertura das vacantes, se se producisen renuncias dos/as seleccionados/as antes do seu nomeamento ou toma de posesión, o órgano convocante poderá requirir unha relación complementaria das persoas que sigan por puntuación ás propostas. Para estes efectos, terán a mesma consideración que as renuncias os supostos dos/as aspirantes que, dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presenten a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos ou do seu exame se deducise que carecen dalgún deles e que, en consecuencia, non poidan ser nomeados/as funcionarios/as.

III. Tribunal

III.1. O tribunal cualificador do proceso será nomeado por orde da consellería competente en materia de función pública, e a súa composición será a determinada polo previsto no artigo 7 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, tendo en conta o previsto polo artigo 36 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

III.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 28 da LRX-PAC ou nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección aprobadas por Resolución do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 11 de abril de 2007 e no Acordo adoptado no Consello da Xunta do 8 de abril de 2010. A concorrencia de calquera das ditas causas deberá ser comunicada á Dirección Xeral da Función Pública.

O/A presidente/a deberá solicitar aos membros do tribunal e, de ser o caso, ás/aos asesores/as especialistas previstos na base III.9 e ao persoal auxiliar que incorpore aos seus traballos, unha declaración expresa de non atoparse incursos en ningunha das circunstancias reflectidas no parágrafo anterior.

En todo caso, os/as aspirantes poderán recusar os membros do tribunal cando concorran neles algunha das circunstancias referidas nos termos establecidos no artigo 29 da LRX-PAC.

III.3. A autoridade convocante publicará no DOG a orde correspondente pola que se nomeen os novos membros do tribunal que substituirán os que perdesen a súa condición por algunha das causas previstas na base anterior.

III.4. A sesión de constitución deberá realizarse nun prazo máximo de quince (15) días hábiles a partir da publicación do nomeamento do tribunal no DOG.

Na dita sesión o tribunal adoptará todas as decisións que lle corresponda para o correcto desenvolvemento do proceso selectivo.

III.5. A partir da sesión de constitución, a actuación válida do tribunal requirirá a concorrencia da metade, polo menos, dos seus membros, con presenza en todo caso do/a presidente/a e do/a secretario/a.

III.6. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto nestas bases, na LRX-PAC, nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección e ao resto do ordenamento xurídico.

III.7. Por cada sesión do tribunal levantarase unha acta, que, lida ao principio da sesión seguinte e feitas, de ser o caso, as rectificacións que procedan, será autorizada coa sinatura do/a secretario/a e o visto e prace do/a presidente/a.

III.8. O/A presidente/a do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios do proceso selectivo sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos/as aspirantes e utilizará para iso os impresos adecuados.

O tribunal excluirá aquelas/es candidatas/os en cuxos exercicios figuren marcas ou signos que permitan coñecer a identidade do/a opositor/a.

As decisións e acordos que afecten a cualificación e valoración das probas (determinación do número de preguntas correctas para acadar a puntuación mínima, fixación de criterios de valoración etc.) deberán adoptarse sen coñecer a identidade dos opositores aos que corresponden os resultados obtidos.

III.9. O tribunal poderá propoñer a incorporación aos seus traballos de asesores/as especialistas para as valoracións que estime pertinentes. Estes asesores/as deberán limitarse a colaborar nas súas especialidades técnicas e terán voz pero non voto. O seu nomeamento corresponderalle á Dirección Xeral da Función Pública.

III.10. O tribunal adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario para que os/as aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para realizar os exercicios que os/as restantes participantes. Para tal fin estableceranse para as persoas con discapacidades que o soliciten na forma prevista na base I.3 as adaptacións de tempo e/ou medios que sexan necesarias.

Se durante a realización das probas, o tribunal tivese dúbidas sobre a capacidade do/a aspirante para o desempeño das funcións propias do corpo o que opta poderá solicitar o ditame do órgano competente.

III.11. O tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Para os efectos do previsto no dito decreto, entenderase que a designación do tribunal cualificador realizada segundo o disposto na base III.1 implicará a autorización da orde de servizo para que os seus membros poidan desprazarse ao lugar acordado para cada unha das sesións convocadas dentro do número máximo autorizado.

A Dirección Xeral da Función Pública determinará o dito número máximo de sesións autorizado ao tribunal e poderá amplialo baseándose en causas xustificadas.

III.12. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superaron o proceso selectivo un número superior de aspirantes ao de prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados/as que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

III.13. Os acordos adoptados polo tribunal do proceso poderán ser obxecto de recurso de alzada ante o/a conselleiro/a competente en materia de función pública nos termos previstos nos artigos 114 e 115 da LRX-PAC.

III.14. As comunicacións que formulen os/as aspirantes ao tribunal dirixiranse á Consellería de Facenda, Dirección Xeral da Función Pública (Edificio Administrativo San Caetano, Santiago de Compostela).

IV. Listaxe de aprobados/as, presentación de documentación e nomeamento de funcionarios/as de carreira

IV.1. A cualificación do proceso virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nos exercicios da oposición.

No suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes na escala de arquitectos e na escala de biólogos, acudirase por orde aos seguintes criterios ata que se resolva:

– Puntuación obtida no primeiro exercicio.

– Puntuación obtida no segundo exercicio.

– Orde alfabética recollida na base II.1.2.1.

No suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes na escala de enxeñeiros/as industriais, acudirase por orde aos seguintes criterios ata que se resolva:

– Criterio de desempate recollido no artigo 37 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, segundo o cal, ao existir infrarrepresentación feminina nesta escala, o empate resolverase a favor da muller.

– Puntuación obtida no primeiro exercicio.

– Puntuación obtida no segundo exercicio.

– Orde alfabética recollida na base II.1.2.1.

IV.2. Unha vez rematado o proceso selectivo, o tribunal publicará no DOG a relación de aspirantes que o superaron por orde de puntuacións acadadas, con indicación do seu documento nacional de identidade. Na mesma resolución proporá o seu nomeamento como funcionarios/as.

A partir do día seguinte ao da publicación no DOG da relación de aprobados/as, estas/es disporán dun prazo de vinte (20) días naturais para a presentación dos seguintes documentos:

A) Fotocopia cotexada do título exixido na base I.2 ou certificación académica que acredite ter realizado todos os estudos para a súa obtención ou, de ser o caso, documento que acredite fidedignamente a súa posesión ou homologación.

B) Declaración baixo a súa responsabilidade de non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario do servizo de calquera das administracións públicas ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso a corpos ou escalas de funcionarios/as, nin pertencer ao mesmo corpo, escala ou especialidade a cuxas probas selectivas se presenten.

No suposto de ser nacional doutro Estado, declaración xurada ou promesa de non atoparse inhabilitado/a ou en situación equivalente nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no seu Estado, nos mesmos termos o acceso ao emprego público, segundo o modelo que figura como anexo IV a esta convocatoria.

C) Informe sobre o estado de saúde que acredite que o/a aspirante non padece enfermidade nin está afectado/a por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

D) Os/as aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % que superen o proceso selectivo deberán, ademais, acreditar tal condición mediante certificación dos órganos competentes da Consellería de Traballo e Benestar e, de ser o caso, da administración correspondente.

A consellería competente en materia de función pública solicitará ao órgano competente a documentación que acredite que os/as aspirantes que accedan por esta cota de reserva reúnen os requisitos de compatibilidade co desempeño das correspondentes funcións.

IV.3. Os que tiveran a condición de funcionarios de carreira da Administración da Xunta de Galicia estarán exentos de xustificar documentalmente as condicións e demais requisitos xa probados para obter o seu anterior nomeamento.

Deberán presentar certificación do servizo de persoal da consellería ou organismo de que dependesen para acreditar tal condición.

IV.4. Os/as que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presentasen a documentación ou do exame dela se deducise que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base I.2 non poderán ser nomeados/as funcionarios/as e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

IV.5. Unha vez acreditada a posesión dos requisitos exixidos, os/as aspirantes serán nomeados/as funcionarios/as de carreira mediante unha orde do/a conselleiro/a competente en materia de función pública que se publicará no DOG e indicará o destino adxudicado.

IV.6. Unha vez publicado o nomeamento, se os/as nomeados/as funcionarios estivesen participando no proceso extraordinario de consolidación para o ingreso na mesma escala serán excluídos deste último. A orde acordando a exclusión se publicará no DOG.

IV.7. A adxudicación das prazas ás/aos aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación sinalada na base IV.1

Os/as aspirantes que ingresen pola quenda de promoción interna terán preferencia sobre os/as da quenda de acceso libre para cubrir as vacantes correspondentes, de acordo co disposto no artigo 22.2 do Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna.

No sistema de promoción interna, os aspirantes que superen o presente proceso selectivo tomarán posesión da praza que viñeran desempeñando con carácter definitivo, cando esta, de conformidade cos requisitos exixidos nas relacións de postos de traballo, poida ser desempeñada por funcionarios/as pertencentes aos corpos ou escalas a que accedan, de acordo co disposto no artigo 63 do TRLFPG.

IV.8. A toma de posesión dos/as aspirantes que superen cada proceso selectivo efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do seu nomeamento no DOG, de conformidade coas disposicións do TRLFPG e demais normas concordantes.

V. Disposición derradeira

Esta orde pon fin á vía administrativa e contra ela os/as interesados/as poderán presentar recurso potestativo de reposición ante a/o conselleira/o competente en materia de función pública no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido na LRX-PAC, ou impugnala directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2013

Elena Muñoz Fonteriz
Conselleira de Facenda

ANEXO I
Prazas

Escala

P. interna

A. libre

Discapacitados

Total

Enxeñeiros/as industriais

7

6

1

14

Arquitectos

8

7

1

16

Biólogos/as

3

1

1

5

ANEXO II
Títulos exixidos

Escala

Titulación universitaria

Enxeñeiros/as industriais

Enxeñeiro/a industrial, máster en enxeñería industrial

Arquitectos/as

Arquitecto/a, grao en arquitectura

Biólogos/as

Licenciado/a en bioloxía, grao en bioloxía

ANEXO III
Programa que rexerá as probas selectivas para o ingreso no corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, subgrupo A1, escalas de arquitectos, enxeñeiros industriais e biólogos

– Parte común ás tres escalas:

1. Constitución española, do 27 de decembro de 1978.

2. Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, Estatuto de autonomía de Galicia.

3. Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia: títulos I a V.

4. Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común: títulos I a X.

5. Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia: títulos preliminar, I, II e III.

6. Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal: títulos I, II, III e VI.

7. Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público (Lei 30/2007, do 30 de outubro): título preliminar e títulos I (agás o capítulo VI) e II do libro I.

8. Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia: títulos preliminar I, II e III.

9. Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público: títulos I a V.

10. Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia: títulos I a V.

11. Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade: capítulos I a III.

12. Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia: títulos preliminar a IV.

13. Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes: títulos preliminar e II.

14. Tratado da Unión Europea: títulos I a III.

15. Tratado de funcionamento da Unión Europea: primeira parte, segunda parte e capítulos 1 e 2 do título I da sexta parte.

– Parte específica da escala de arquitectos:

1. A Lei 38/1999, de ordenación da edificación. Exixencias técnicas e administrativas da edificación. Axentes. Responsabilidades e garantías.

2. Disposicións relacionadas coa edificación. Normas, regulamentos e instrucións.

3. Disposicións sobre redacción de proxectos e dirección de obras. O libro de ordes e visitas. O certificado final de obras. Responsabilidade profesional do arquitecto. Intervencións dos colexios profesionais de arquitectos. O visado colexial.

4. O Código técnico de edificación. Ámbito de aplicación. Partes e contidos. Xeneralidades e exixencias básicas.

5. Seguridade estrutural na edificación. DB-SE. Resistencia e estabilidade. Aptitude ao servizo. Relación con outras normativas estruturais. Normativa de accións na edificación. DB-SE-AE. Cimentacións na edificación. DB-SE-C.

6. Cimentacións na edificación. DB SE C.

7. Estruturas de aceiro en edificación. DB-SE-A.

8. Estruturas de fábrica en edificación. DB-SE-F.

9. Estruturas de madeira en edificación. DB-SE-M.

10. Seguridade en caso de incendios na edificación. DB-SI.

11. Seguridade de utilización na edificación. Exixencias básicas SUA1 a SUA 8.

12. Condicións de salubridade na edificación. DB-HS.

13. Aforro de enerxía na edificación. DB-HE.

14. A Certificación de eficiencia enerxética.

15. Condicións acústicas na edificación Normativa técnica. DB-HR.

16. Estruturas de formigón na edificación. EHE.

17. Condicións mínimas de habitabilidade. A normativa galega de habitabilidade.

18. Normativa estatal vixente en materia de accesibilidade. Aspectos básicos da Lei 51/2003, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade. Real decreto 505/2007. Exigencia básica SUA 9.

19. Orde VIV/561/2010.

20. Normativa autonómica vixente en materia de accesibilidade. Conceptos básicos. Niveis de accesibilidade. O Código de accesibilidade.

21. O control de calidade na edificación. As entidades e laboratorios de control de calidade na edificación. Normativa autonómica. Exixencias de control de recepción e execución no Código técnico de edificación.

22. Seguridade e saúde nas obras de construción. Real decreto 1627/1997.

23. Organización de obras: técnicas de programación. Plan de obra. Control do proceso construtivo.

22. Organización de obras: técnicas de programación PERT e GANTT. Plan de obra. Control do proceso construtivo.

23. O contrato de obras: tipos de expedientes de contratación. Formas de adxudicación. Formalización do contrato. Comprobación da implantación.

24. Execución do contrato de obras. Dereitos o deberes dos contratistas. Abonos ao contratista. Modificación do contrato de obras. Recepción e liquidación. Revisión de prezos.

25. Lexislación actual sobre vivendas de protección oficial. Normas xerais. Normas de deseño e calidade. Requisitos, calificación e tipo de promoción. Vivendas de protección autonómica. Normativa autonómica.

26. Actuacións protexidas en materia de rehabilitación. Lexislación estatal e autonómica. Rehabilitación de vivendas e edificios no medio rural e en conxuntos históricos. Remate exterior de vivendas rurais. Infravivenda. Requisitos, condicións e tramitación.

27. Dereito urbanístico: evolución histórica da lexislación urbanística en España. Evolución da lexislación galega sobre urbanismo e ordenación do territorio. Principios básicos do ordenamento urbanístico vixente.

28. A organización administrativa do urbanismo: o urbanismo como función pública. Competencias da Administración do Estado. Competencias da Administración autonómica. Competencias da Administración local, en particular, os concellos. Procedemento de elaboración e aprobación do planeamento urbanístico.

29. Réxime xurídico do solo: dereitos e deberes dos propietarios do solo. A clasificación urbanística do solo.

30. Planeamento urbanístico: os plans como figuras centrais do ordenamento urbanístico. As normas provinciais. O Plan xeral de ordenación municipal.

31. O planeamento do desenvolvemento: plans parciais, plans de sectorización e plans especiais. Os estudos de detalle.

32. Execución do planeamento: principios xerais. Áreas de repartición e polígonos. Os sistemas de actuación: expropiación, cooperación, compensación, concerto e concesión da obra urbanizadora. Obtención de terreos dotacionais.

33. Disciplina urbanística: principios xerais. As licenzas urbanísticas. A protección da legalidade urbanística, infraccións urbanísticas e as súas sancións. A inspección urbanística.

34. Ordenación do territorio: principios xerais. Os plans territoriais integrados. Os programas coordinados de actuación. Os plans e proxectos sectoriais. Os plans de ordenación do medio físico.

35. As directrices de ordenación do territorio (Decreto 19/2011). O Plan de ordenación do litoral (Decreto 20/2011).

36. Estradas e ferrocarril: lexislación estatal e autonómica.

37. Costas e portos: lexislación estatal e autonómica. O dominio público marítimo terrestre e a súa protección. Planificación urbanística da franxa litoral e dos portos. Distribución de competencias entre as administracións estatal, autonómica e local.

38. Espazos naturais: lexislación estatal e autonómica. Espazos naturais de interese comunitario: a Rede Natura 2000. Usos permitidos e prohibidos nas zonas de especial conservación. Significado das actividades vinculadas aos usos tradicionais.

39. O patrimonio cultural: evolución do concepto do patrimonio a través de documentos e cartas internacionais. Criterios de intervención nos conxuntos histórico-artísticos e nos edificios históricos. Materiais e sistemas construtivos tradicionais aplicados á conservación e restauración.

40. Lexislación estatal e autonómica de protección do patrimonio cultural. Competencias e obrigas das distintas administracións na protección do patrimonio cultural.

41. Lei 3/1996, de protección dos Camiños de Santiago. A protección do Camiño de Santiago, as determinacións e os criterios aplicables nos informes e autorizacións aos plans, programas e proxectos que se desenvolvan nos ambitos afectados pola delimitación do Camiño de Santiago francés, aprobada polo Decreto 227/2011, do 2 de decembro, e o Decreto 144/2012, do 29 de xuño.

42. Principios legais de protección do patrimonio cultural e a súa vinculación coa lexislación vixente en materia de ordenación urbanística e protección do medio rural.

43. Sistemas de valoración segundo o obxectivo de valor: método do custo, método de comparación, método residual e método de actualización de rendas. A depreciación: clases.

44. Valoracións urbanísticas e expropiatorias. Regulación contida no texto refundido da Lei do solo (Real decreto lexislativo 2/2008) e no Regulamento de valoracións (Real decreto 1492/2011).

45. Valoracións fiscais. Valor catastral (normativa técnica estatal para o seu cálculo). A comprobación de valores de prezos medios de mercado aplicable a determinados inmobles rústicos e urbanos situados na Comunidade Autónoma de Galicia (normativa técnica autonómica para o seu cálculo).

46. A lexislación de arrendamentos urbanos. Principios xerais.

– Parte específica da escala de enxeñeiros industriais:

1. A política industrial española antes e despois da crise enerxética. Principais problemas económicos e medidas adoptadas. Reconversión e reindustrialización: antecedentes doutros países e en España, lexislación xeral e principais instrumentos. A Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI): antecedentes e funcións. O proceso de liberalización e privatización do sector público industrial.

2. A política industrial rexional española antes e despois da integración na CEE. Os incentivos de localización industrial. As sociedades de desenvolvemento rexional. A Lei 50/1985, de incentivos rexionais. A participación da Unión Europea na definición e execución da política de desenvolvemento rexional. A participación da comunidade autónoma nesta política.

3. Lei 13/2011, do 16 de decembro, reguladora da política industrial de Galicia.

4. Aspectos xurídicos básicos da empresa. Clases de empresas segundo a súa forma xurídica. Especial mención á sociedade anónima. O rexistro mercantil. Outros tipos de empresas. Sociedades limitadas. Empresas cooperativas.

5. Os estados financeiros da empresa. Balance. Conta de resultados. Ordenación de contas. Masas patrimoniais do activo e pasivo.

6. Análise e diagnóstico económico-financeiro. Obxectivos financeiros da empresa. Rendibilidade, liquidez e risco. Obxectivos do diagnóstico. Análise patrimonial. Esquema de orixe e aplicación de fondos.

7. Medidas da liquidez. Cash-flow e o seu financiamento. Rotación do activo circulante e os seus compoñentes. Flotación de provedores. Medidas da solvencia e a liquidez. Fondo de manobra e capital de traballo necesario.

8. Rendibilidade sobre fondos propios e rendemento sobre activo total. Descomposición da rendibilidade: marxe, rotación, apancamento financeiro. Análise de custos: fixos e variables. As relacións custo-volume-beneficio. O punto morto.

9. Planificación estratéxica e operativa. Programación e orzamentos. Modelos e instrumentos de planificación, programación e elaboración de orzamentos. Funcións directivas: planificación, organización, dirección, motivación e control.

10. Estrutura financeira da empresa. Fontes de financiamento: propias e alleas. O concepto de custo dos recursos e a súa utilización na selección de proxectos de investimentos. Fontes de financiamento máis comúns no noso sistema financeiro, inscrición, utilización, custos e mercados subministradores.

11. O plan de investimentos. Investimento inicial, custos relevantes, fluxos de custos anuais. Criterios económicos de decisión para a aceptación de proxectos de investimentos e a súa priorización.

12. O concurso. Declaración de concurso e os seus efectos sobre as empresas. A Administración concursal.

13. Sétimo Programa marco de investigación e desenvolvemento tecnolóxico (7PM). Marco comunitario sobre axudas estatais de investigación, desenvolvemento e innovación para o período 2007-2013.

14. Plan galego de investigación, innovación e crecemento 2011-2015.

15. Lei 11/1986, do 20 de marzo, de réxime xurídico de patentes de invención e modelos de utilidade: títulos I, II, III, IV e V. Lei 17/2001, do 7 de decembro, de marcas: títulos I, II e III. A Oficina Española de Patentes e Marcas. O Servizo Galego de Propiedade Industrial.

16. Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia.

17. Real decreto 1836/1999, do 3 de decembro, polo que se aproba o Regulamento sobre instalacións nucleares e radioactivas. Empresa Nacional de Residuos Radioactivos (Enresa). O Consello de Seguridade Nuclear. Competencias da Comunidade Autónoma de Galicia nesta materia.

18. Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia: títulos I, II, III e V.

19. A Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia. Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

20. Lei 9/2006, do 26 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente.

21. Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos.

22. A Lei 1/1995, de protección ambiental de Galicia. Graos de protección aplicables aos proxectos. Decreto 442/1990, de avaliación do impacto ambiental de Galicia. Decreto 327/1991, do 4 de outubro, de avaliación de efectos ambientais para Galicia.

23. Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio.

24. Lei 3/1985, do 18 de marzo, de metroloxía. Real decreto 889/2006, do 21 xullo, que regula o control metrolóxico do Estado sobre instrumentos de medida: capítulos do I ao VI.

25. Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais. Real decreto 486/1997, do 14 de abril, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde nos lugares de traballo: anexo I.

26. Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

27. Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica: títulos do I ao VII. Real decreto 222/2008, do 15 de febreiro, polo que se establece o réxime retributivo da actividade de distribución de enerxía eléctrica: capítulo IV.

28. Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas ITC LAT-04 e LAT-05.

29. Real decreto 661/2007, do 25 de maio, polo que se regula a actividade de producción de enerxía eléctrica en réxime especial.

30. Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

31. Decreto 138/2010, do 5 de agosto, polo que se establece o procedemento e as condicións técnico-administrativas para a obtención das autorizacións de proxectos de repotenciación de parques eólicos existentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

32. Decreto 42/2009, do 21 de xaneiro, polo que se regula a certificación enerxética de edificios de nova construción na Comunidade Autónoma de Galicia.

33. Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos.

34. Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural: títulos do I ao IV.

35. Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas ICG 01, 03, 04 e 07.

36. Lei 21/1992, do 16 xullo, de industria. Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, polo que se aproba o Regulamento da infraestrutura para a calidade e a seguridade industrial.

37. Lei 9/2004, do 10 de agosto, de seguridade industrial de Galicia.

38. Avaliación da conformidade e marcado CE. Vixilancia do mercado. Cláusula de salvagarda.

39. Real decreto 559/2010, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento do rexistro integrado industrial. O Rexistro Industrial de Galicia.

40. Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión e as súas ITC BT-04 e BT-05.

41. Real decreto 3275/1982, do 12 de novembro, sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en centrais eléctricas e centros de transformación.

42. Real decreto 1027/2007, do 20 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de instalacións térmicas nos edificios e a súa ITC 04.

43. Real decreto 2085/1994, do 20 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de instalacións petrolíferas e a súa ITC MI-IP 02.

44. Real decreto 2060/2008, do 12 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de equipos de presión e as súas ITC EP-1 e EP-2.

45. Real decreto 379/2001, do 6 de abril, polo que se aproba o Regulamento de almacenamento de produtos químicos e a súa ITC APQ-1.

46. Real decreto 138/2011, do 4 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de seguridade para instalacións frigoríficas: capítulos I, II, III, IV e V.

47. Real decreto 1457/1986, do 10 de xaneiro, polo que se regulan a actividade industrial e a prestación de servizos nos talleres de reparación de vehículos automóbiles, dos seus equipos e compoñentes. Real decreto 2042/1994, do 14 outubro, que regula a inspección técnica de vehículos.

48. Real decreto 1942/1993, do 5 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de instalacións de seguridade contra incendios.

49. Real decreto 2267/2004, do 3 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de seguridade contra incendios nos establecementos industriais.

50. Aparatos de elevación e manutención dos mesmos: Real decreto 1314/1997, do 1 de agosto, sobre ascensores. Real decreto 57/2005, do 21 de xaneiro, polo que se establecen prescricións para o incremento da seguridade do parque de ascensores existente.

51. Aparatos de elevación e manutención dos mesmos: Real decreto 836/2003, do 27 de xuño, polo que se aproba a Instrución técnica complementaria MIE-AEM-2. Real decreto 837/2003, do 27 de xuño, polo que se aproba a Instrución técnica complementaria MIE-AEM-4.

52. Real decreto 1254/1999, do 16 de xullo, polo que se aproban as medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves nos que interveñan substancias perigosas.

– Parte específica da escala de biólogos:

1. Medio físico e bioxeográfico de Galicia. Principais ecosistemas e hábitats. Hábitats de interese comunitario presentes en Galicia.

2. Inventario, caracterización e seguimento de poboacións de fauna e flora. Técnicas de censo e estima. Estudo da dinámica das poboacións.

3. Espazos naturais protexidos: Rede Galega de Espazos Naturais Protexidos. Instrumentos de planificación dos espazos naturais protexidos en Galicia. Normativa. Procedemento de declaración.

4. A paisaxe galega. Lexislación aplicable. Conservación e medidas de protección. Estratexia da paisaxe galega.

5. A bioloxía da conservación. Factores que actúan sobre as poboacións e hábitats ameazados. Diagnose e ameazas. Instrumentos de conservación da biodiversidade.

6. Caracterización e catalogación de especies ameazadas. Aplicación a Galicia. Estratexias e plans de conservación e recuperación.

7. Directiva Marco da Auga. Lei de augas. Lexislación de augas estatal e autonómica.

8. A planificación hidrolóxica. Plans hidrolóxicos de conca. A planificación hidrolóxica nas concas de Galicia-Costa.

9. Calidade das augas superficiais. Indicadores de calidade para a clasificación e seguimento do estado. Redes de control e seguimento. Normativa.

10. A xestión da auga. Planificación sectorial. Autorización e control das verteduras. Normativa.

11. Tratamento de augas. Normativa.

12. Lei de costas. Normativa de protección. Plan de ordenación do litoral de Galicia.

13. A contaminación mariña. Fontes de contaminación. Plans de continxencias por contaminación mariña en Galicia. Normativa.

14. Xestión e tratamento de residuos. Normativa.

15. Calidade dos solos e das augas subterráneas. Redes de control e seguimento. Normativa.

16. Calidade do aire. Emisións atmosféricas e o seu tratamento. Normativa.

17. A caza e a pesca fluvial en Galicia. Normativa de protección das especies cinexéticas e piscícolas.

18. Xestión das poboacións sometidas a aproveitamento cinexético e piscícola. Aplicación en Galicia. Plans de xestión das especies cinexéticas e piscícolas de Galicia.

19. Invasións biolóxicas: problemática asociada. Normativa. Especies exóticas invasoras máis problemáticas en Galicia. Medidas de xestión e seguimento.

20. Lei de protección ambiental de Galicia. As avaliacións de incidencia ambiental, de impacto ambiental e de plans e programas. Normativa.

21. Prevención e control integrados da contaminación. Normativa. Mellores técnicas dispoñibles. O rexistro europeo PRTR.

22. Os incendios forestais. Causas e efectos sobre os ecosistemas. Medidas de xestión.

23. Condicións ambientais dos sistemas de explotación agrogandeiras. Ordenación do monte galego. Multifuncionalidade das explotacións.

24. A política pesqueira comunitaria. Lei de pesca de Galicia.

25. A frota pesqueira galega. Modalidades de pesca. Artes e aparellos de pesca. Normativa de xestión.

26. O marisqueo en Galicia. Principais especies explotadas. Métodos de captura. Plans de explotación marisqueira. Aplicación de técnicas de cultivo a bancos marisqueiros.

27. As algas macrofitas de interese comercial en Galicia. Principais especies e aplicacións. Explotación e cultivo.

28. Mostraxes bentónicas de especies recurso. Mostraxe de recursos ícticos.

29. A acuicultura en Galicia: continental e mariña. Normativa. Estratexia Galega de Acuicultura.

30. Cultivo de peixes: principais especies. Métodos e instalacións.

31. Comercialización dos produtos pesqueiros. Control da comercialización. Estatísticas e trazabilidade.

32. Cultivo de moluscos: principais especies. Métodos e instalacións.

33. Condicións sanitarias de invertebrados mariños. Depuración e reinstalación. As mareas vermellas e o seu control. Normativa.

34. A industria de transformación no sector pesqueiro galego. Instrumentos de apoio ao sector.

35. A investigación mariña en Galicia. A formación náutico-pesqueira en Galicia.

36. Reservas mariñas de interese pesqueiro en Galicia. Plans de xestión.

37. Organizacións sectoriais do sector pesqueiro. Organizacións de produtores. Confrarías. Normativa.

38. A promoción dos produtos pesqueiros e agrarios. Calidade diferenciada. Agricultura ecolóxica. Normativa.

39. O cambio climático en Galicia. Seguimento e control. Medidas de xestión.

40. Interpretación do medio natural. A educación ambiental. O dereito de acceso á información ambiental. Estratexias de comunicación e participación pública.

41. A responsabilidade ambiental. Normativa.

42. Instrumentos financeiros comunitarios para o ambiente, a pesca e a agricultura. Normativa.

ANEXO IV

Don/Dona ..., con domicilio en ..., con DNI/pasaporte ..., declara baixo xuramento ou promete, para os efectos de ser nomeado/a funcionario/a do corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, subgrupo A1, escala de ..., que non se atopa inhabilitado/a ou en situación equivalente nin foi sometido/a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no Estado de ..., nos mesmos termos, o acceso ao emprego público.

En (país e localidade) ..., ... de ... de 2013