Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Martes, 2 de xullo de 2013 Páx. 25981

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 25 de xuño de 2013, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publica a relación definitiva de admitidos/as e excluídos/as e os resultados provisionais de baremación no proceso de inscrición de aspirantes para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade, na categoría de técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría.

Mediante a Resolución da Dirección de Recursos Humanos do 21 de setembro de 2012 (DOG nº 186, do 28 de setembro) ábrese o prazo para a inscrición de aspirantes en listas para vinculacións temporais no ámbito das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade, na categoría estatutaria de técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría.

Na dita resolución prevese unha xeración de listas coas persoas inscritas ata a data do 31.10.2012 que cumpran os requisitos determinados na anterior resolución.

Mediante a Resolución do 9 de abril de 2013 (DOG nº 79, do 24 de abril) publicáronse as listas provisionais de admitidos/as e excluídos/as.

Finalizado o prazo de emenda previsto nesta última resolución, esta dirección, de conformidade coa base décima da Resolución do 21 de setembro de 2012, de inicio do prazo de inscrición,

RESOLVE:

Primeiro. Publicar a relación definitiva de solicitantes admitidos/as e excluídos/as e os resultados provisionais da baremación no proceso de inscrición de aspirantes para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade, na categoría estatutaria de técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría, iniciado por Resolución do 21 de setembro de 2012.

Segundo. As listas definitivas de excluídos/as e a lista definitiva de admitidos/as coa asignación da puntuación provisional e mais o número de orde acadados atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a solicitante no seu expediente electrónico persoal en «Fides/expedient-e/sección de procesos».

Terceiro. De conformidade coa base décima da Resolución do 21 de setembro de 2012, contra a lista definitiva de admitidos/as e excluídos/as, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, poderán interpoñer recurso de reposición ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación.

Cuarto. De conformidade coa dita base décima, as persoas admitidas, con respecto aos resultados da baremación, poderán presentar reclamación ante as direccións das estruturas organizativas de xestión integrada, direccións provinciais do organismo e direccións con competencias en xestión do persoal no suposto de entidades adscritas á Consellería de Sanidade, no prazo de dez días naturais contados a partir do seguinte ao da súa publicación.

As reclamacións presentadas entenderanse estimadas ou desestimadas na resolución pola que se publiquen as puntuacións e a orde de prelación definitivas.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2013

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos