Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Martes, 2 de xullo de 2013 Páx. 25846

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 21 de xuño de 2013, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas económicas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE), e se procede á súa convocatoria para o ano 2013.

O Estatuto de autonomía determina, no seu artigo 4, que lles corresponde aos poderes públicos de Galicia promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas, remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos e galegas na vida política, económica, cultural e social.

A Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, reforza o compromiso da comunidade autónoma na eliminación da discriminación entre mulleres e homes e na promoción da igualdade, establecendo como criterio xeral de actuación da Xunta de Galicia neste ámbito a colaboración coas asociacións e grupos de mulleres.

O VI Plan galego para a igualdade entre mulleres e homes ten entre os seus obxectivos fortalecer o tecido asociativo feminino de cara a propiciar a súa adaptación aos retos actuais e de futuro da participación das mulleres e a súa integración en igualdade de condicións no movemento asociativo xeral, consonte as necesidades de incremento cuantitativo da participación das mulleres en todos os ámbitos sociais e incremento cualitativo desta presenza en termos de visibilización e de compromiso social coa igualdade. Así mesmo, cómpre impulsar a participación das mozas no tecido asociativo, de xeito que se dea continuidade xeracional e un pulo innovador ás súas actuacións.

De conformidade co Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, correspóndelle á Secretaría Xeral da Igualdade, como órgano superior da Administración autonómica en materia de igualdade, entre outras funcións, propor medidas, programas e normas dirixidas á promoción do exercicio efectivo dos dereitos das mulleres, a incrementar a súa participación na vida económica, laboral, política, social e cultural e a eliminar as discriminacións existentes entre sexos.

Polo anteriormente exposto, a Secretaría Xeral da Igualdade considera necesario contribuír a estimular e, ao mesmo tempo, a dinamizar a vida interna das asociacións de mulleres, na procura da potenciación dos valores e finalidades destas entidades, para o que convoca axudas económicas dirixidas ás asociacións de mulleres e ás súas federacións, e que teñen como finalidade fortalecer e consolidar, e tamén dinamizar, o movemento asociativo feminino. Así mesmo, sendo conscientes do importante papel que o movemento asociativo das mulleres desenvolve na nosa sociedade, ademais da liña de axudas para a realización de actuacións relativas á prevención, sensibilización e concienciación social, que fagan fincapé en sensibilizar o conxunto da sociedade e destaquen os valores de igualdade e respecto como premisas básicas na prevención da violencia de xénero, e da liña de axudas destinadas á realización de accións que promovan hábitos de vida saudables e de actividade física entre as mulleres, por outra banda, establécese nesta convocatoria unha nova liña dirixida a realización de accións que presten atención á investigación e á recuperación da historia das mulleres, así como á xeración de referentes e xenealoxías de mulleres.

As subvencións concedidas a través da presente resolución estarán cofinanciadas polo Fondo Social Europeo a través do programa operativo do Fondo Social Europeo de Galicia 2007-2013, eixo 2, tema prioritario 69, e axustaranse ás normas sobre elixibilidade aplicables ás axudas financeiras con fondos comunitarios e, en particular, ao disposto no Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, que fixa normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión, no Regulamento (CE) nº 1080/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (DOUE L 45, 15.2.2007) ,e mais na Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2007-2013 e a Orde TIN/788/2009, que a modifica.

Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007 e, así mesmo, adáptase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos, e os demais requisitos exixidos Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónomo de Galicia para o ano 2013, existindo crédito axeitado e suficiente para o financiamento do gasto que se proxecta.

Por todo o exposto, unha vez obtidos os informes preceptivos na tramitación, no uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. A presente resolución ten por obxecto fixar as bases reguladoras e a convocatoria, para o ano 2013, de axudas económicas en favor das asociacións de mulleres e federacións constituídas por estas, coa finalidade de fortalecer e consolidar o movemento asociativo e potenciar a participación social e a calidade de vida das mulleres galegas, a través das seguintes liñas:

a) Liña 1: consolidación do movemento asociativo, destinada a compensar gastos correntes que orixine o mantemento e funcionamento das asociacións de mulleres e as súas federacións.

b) Liña 2: promoción de accións que presten atención á investigación e á recuperación da historia das mulleres, así como á xeración de referentes e xenealoxías de mulleres, destinada a compensar gastos correntes e/ou de persoal producidos polo desenvolvemento de programas dirixidos a calquera destas finalidades.

c) Liña 3: promoción de hábitos de vida saudables, destinada a compensar gastos correntes e/ou de persoal producidos polo desenvolvemento de programas destinados a esta finalidade.

d) Liña 4: promoción de accións de prevención da violencia de xénero así como de atención (protección, asistencia e/ou acompañamento) a mulleres que a sofren, destinada a compensar gastos correntes e/ou de persoal producidos polo desenvolvemento de programas dirixidos a calquera destas finalidades.

2. Estas axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 2. Financiamento

1. As axudas obxecto da presente convocatoria financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 05.11.313B.480.0 (código proxecto 2013 00176) por un importe total máximo de douscentos mil euros (200.000 euros), e poden estar cofinanciadas ao 80 % con fondos FSE no programa operativo de Galicia 2007-2013, eixo 2, tema prioritario 69, de acordo coa seguinte distribución:

– Liña 1, consolidación do movemento asociativo: ata 50.000 euros

– Liña 2, promoción de accións que presten atención á investigación e á recuperación da historia das mulleres: ata 50.000 euros.

– Liña 3, promoción de hábitos de vida saudables: ata 50.000 euros.

– Liña 4, prevención da violencia de xénero e atención ás vítimas: ata 50.000 euros.

De sobrar crédito nalgunha das catro liñas unha vez feita a valoración de todas as solicitudes presentadas, poderase destinar este remanente a subvencionar as outras liñas, sempre que quedasen solicitudes que, sendo susceptibles de seren subvencionadas, non o fosen por terse esgotada a dotación orzamentaria inicial. De atopárense as outras dúas liñas nesa situación, o crédito destinarase á liña na que quede un maior número desas solicitudes e, de seguir sobrando, á outra.

2. De acordo co disposto no artigo 30.2 do Regulamento de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que isto implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

3. O crédito asignado será obxecto de desconcentración nas xefaturas territoriais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza de xeito proporcional ao número de instancias presentadas en cada provincia.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta convocatoria as asociacións de mulleres e federacións constituídas por estas, domiciliadas na Comunidade Autónoma de Galicia, sen ánimo de lucro, que estean legalmente constituídas ao abeiro da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, e inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, na área de actuación de igualdade.

2. Para os efectos desta convocatoria é compatible a solicitude de subvención por parte dunha asociación coa pertenza a unha federación que, así mesmo, solicite a subvención.

3. Non se considerarán as solicitudes das entidades que non estean inscritas e coa totalidade dos seus datos actualizados na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

4. Tanto no caso das asociacións como das federacións as mulleres socias representarán, polo menos, o 90 % da totalidade das persoas asociadas.

5. Os fins e obxectivos das asociacións e das federacións solicitantes deberán contribuír a promover a igualdade entre homes e mulleres e a promover a participación e a presenza das mulleres na vida política, económica, cultural e social. Estes fins e obxectivos deberán estar recollidos nos estatutos da asociación ou federación ou desprenderse da súa actuación xeral, e non serán obxecto de consideración as solicitudes de entidades que non cumpran este requisito.

6. As entidades solicitantes deberán cumprir, en todo caso, ademais dos requisitos e obrigas para obter a condición de beneficiarias exixidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os seguintes:

a) Manter un sistema de contabilidade con codificación adecuada que permita identificar todas as transaccións realizadas relativas ao proxecto subvencionado e conservar os documentos xustificativos por un período de tres anos a partir do peche do programa operativo FSE Galicia 2007-2013.

b) Facilitarlle ao persoal designado pola Secretaría Xeral da Igualdade, para a verificación do cumprimento do disposto nestas bases, o acceso ás instalacións onde se leven a cabo as accións subvencionadas e a toda a documentación de carácter técnico, administrativo ou contable que teña relación coa subvención concedida. No caso de estar permitida a subcontratación de acordo co establecido no artigo 15, as/os subcontratistas están obrigadas/os a facilitasen ao persoal de auditoría e control toda a información necesaria relativa ás accións subcontratadas.

c) Dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e de acordo co disposto no Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, que fixa normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Feder, ao FSE e ao Fondo de Cohesión.

Artigo 4. Accións subvencionables

1. Liña 1: consolidación do movemento asociativo.

Poderán ser obxecto de subvención na liña 1 os gastos derivados do funcionamento ordinario da entidade.

2. Liña 2: promoción de accións que presten atención á investigación e á recuperación da historia das mulleres.

Poderán ser obxecto de subvención na liña 2 os gastos derivados de programas dirixidos á investigación e recuperación da historia das mulleres, así como xeración de referentes e xenealoxías de mulleres: ciclos de conferencias, xornadas ou seminarios.

3. Liña 3: promoción de hábitos de vida saudables

Poderán ser obxecto de subvención na liña 3 o desenvolvemento de programas dirixidos a:

a) Promoción do exercicio físico: ximnasia, ioga, tai chi, pilates, entre outros.

b) Promoción de hábitos alimenticios saudables: obradoiros, conferencias e actividades sobre cociña saudable, dietas equilibradas, consellos médicos e pautas de alimentación.

c) Prevención de enfermidades crónicas prevalentes nas mulleres e estímulo de condutas de autocoidado, tanto físico como psicolóxico: obradoiros, conferencias e outras actividades de prevención.

4. Liña 4: promoción de accións de prevención da violencia de xénero, así como de atención as mulleres que a sofren.

Poderán ser obxecto de subvención na liña 4, o desenvolvemento de programas dirixidos a:

a) Formación, sensibilización e información en materia de prevención e tratamento da violencia de xénero (xornadas, charlas, cursos, obradoiros, campañas e outras actividades análogas), incluída a elaboración e difusión de materiais para a dita finalidade.

b) Formación, información, asesoramento, orientación e/ou acompañamento das vítimas de violencia de xénero.

c) Promoción de actividades culturais e/ou artísticas que promovan a sensibilización social contra a violencia de xénero (exposicións, debates, teatro, cine, libroforum…), incluída a elaboración e difusión de materiais para a dita finalidade.

5. Os programas das liñas 2, 3 e 4 para seren susceptibles de ser subvencionados deberán ser complementados con outras actividades de sensibilización, información ou formación en materia de igualdade entre mulleres e homes. Así mesmo, deberán atender no seu deseño e/ou desenvolvemento as necesidades específicas das persoas con discapacidade, de ser o caso.

6. Cada asociación ou federación só poderá presentar solicitude de axuda para unha das catro liñas establecidas, e dentro das liñas 2, 3 e 4 para un só programa. As axudas previstas non poderán en ningún caso superar a contía de 3.000 euros por entidade.

Artigo 5. Gastos subvencionables

1. Liña 1: terán a consideración de subvencionables os gastos que orixine o mantemento ou funcionamento destas entidades, entre outros, os seguintes gastos correntes en bens e servizos:

a) Gastos correspondentes ao alugamento do local destinado a sede social da asociación ou federación.

b) Gastos de administración xeral e material funxible de oficina, material informático non inventariable, gastos de correo e outros análogos.

c) Gastos de persoal administrativo contratado pola asociación ou federación.

d) Gastos ocasionados por obras de conservación e mantemento e pequenas reparacións que non teñan o carácter de inventariables, por non implicar incremento do valor patrimonial da sede social.

e) Asesoramento xurídico, fiscal e contable da asociación ou federación.

f) Gastos derivados das subministracións de auga, electricidade e similares relativos ao local da sede social, así como gastos da liña telefónica.

g) Gastos de instalación e mantemento de liñas ADSL, mantemento de equipamentos informáticos e creación ou mantemento da páxina web da asociación ou federación.

2. Liñas 2, 3 e 4: terán a consideración de gastos subvencionables os seguintes:

a) Gastos de persoal necesario para a execución dos programas: serán subvencionables as retribucións totais do persoal contratado especificamente para a execución dos programas incluídos nas liñas 2 , 3 e 4 tendo en conta a contía establecida na normativa aplicable por xornada real de traballo para os correspondentes grupos profesionais nos respectivos convenios colectivos.

b) Gastos de relatoras/es: honorarios, aloxamento, transporte.

c) Gastos derivados da realización do programa subvencionado:

– Elaboración de materiais.

– Gastos de publicidade e propaganda específicos do programa.

– Material de oficina: papel, impresos e outro material de oficina.

d) Outros gastos correntes directamente derivados da realización do programa subvencionado que estean perfectamente xustificados e se consideren fundamentais para o seu desenvolvemento (servizo de atención a menores e outros). En ningún caso serán subvencionables gastos de protocolo ou representación (comidas) e gastos de agasallos.

3. Os gastos anteriormente mencionados deberán cumprir os seguintes requisitos: ser un gasto directo da acción, axeitado aos obxectivos, que exista constancia documental sobre a súa realización de xeito verificable, que se acredite mediante facturas ou documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa (ex. nóminas, boletíns de cotización á Seguridade Social), e que se realice e que sexa efectivamente pagado pola entidade beneficiaria entre o 1 de xaneiro e o 15 de novembro de 2013.

4. No caso de que o orzamento presentado pola entidade solicitante incluíse gastos considerados como non subvencionables, no presente artigo, estes non serán computados ao obxecto de determinar o orzamento de gastos subvencionables que será tido en conta para a determinación do importe da subvención.

5. Cando, de acordo co artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado por Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, para o contrato menor, o/a beneficiario/a deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención.

Artigo 6. Compatibilidade das axudas

1. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos, ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado. Non obstante, os gastos financiados ao abeiro desta resolución non poderán acollerse a outras axudas procedentes do Fondo Social Europeo ou doutros fondos ou instrumentos financeiros comunitarios.

2. O importe da subvención concedida non poderá en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas, superar o custo da acción que vai desenvolver a entidade solicitante.

3. No caso de entidades solicitantes que sexan perceptoras doutras axudas para o mesmo fin concedidas por outra entidade, deberán acreditar documentalmente a súa natureza e contía.

Artigo 7. Iniciación

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e no 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

3. A solicitude será subscrita pola persoa representante legal da entidade e dirixirase ao/á xefe/a territorial da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza competente, en función da provincia na cal a entidade solicitante teña establecida a súa sede social.

Artigo 8. Documentación

1. Xunto coa solicitude, anexo I, presentarase a seguinte documentación, que será imprescindible para a súa valoración:

a) Anexo II: certificación expedida pola secretaría da entidade, acreditativa da identidade da súa representación legal.

b) Anexo III: memoria explicativa da entidade, non sendo admitidas aquelas memorias que non sexan realizadas segundo o dito anexo.

c) Anexo IV: memoria das actividades realizadas no ámbito das políticas de igualdade nos últimos dous anos, en que deberá constar, cando menos, o nome da actividade realizada, o ano, o número de horas, o número de persoas participantes, os contidos impartidos, e os obxectivos.

d) Anexo V: declaración responsable asinada pola/o representante legal da entidade en que se exprese:

– Que a entidade cumpre todos os requisitos para obter a condición de beneficiaria das axudas reguladas nesta convocatoria e non está incursa en ningunha das circunstancias a que se refire o artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Que a entidade está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ten pendente ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

– Que a entidade está de acordo coas actuacións de control e supervisión destas axudas que leven a cabo o Fondo Social Europeo, a unidade administrativa do FSE do Ministerio de Emprego e Seguridade Social e do órgano concedente.

– Que a entidade se compromete á utilización da lingua galega, de ser o caso.

– Que o número de mulleres socias representan, polo menos, o 90 % da totalidade das persoas asociadas.

– Que a entidade autoriza expresamente a Secretaría Xeral da Igualdade para que realice as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos ou documentos achegados.

– O número de socias menores de 40 anos incorporadas á asociación nos últimos dous anos.

– O número de mulleres con discapacidade incorporadas á asociación nos últimos dous anos.

e) Anexo VI: declaración do conxunto de todas as solicitudes de axudas concedidas e/ou solicitadas para o mesmo proxecto procedentes das distintas administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

f) Anexo VII: orzamento desagregado onde consten os custos estimados dos conceptos para os cales se solicita a subvención.

g) Anexo VIII: programa que se vai realizar. Só se a entidade solicita a subvención para o desenvolvemento de programas de promoción de accións que presten atención á investigación e á recuperación da historia das mulleres, así como á xeración de referentes e xenealoxías de mulleres (liña 2), de promoción de hábitos de vida saudables (liña 3) ou de programas de promoción de accións de prevención da violencia de xénero, así como atención ás vítimas (liña 4).

h) Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal da entidade.

i) Fotocopia dos estatutos da entidade.

j) Para o caso das federacións de asociacións de mulleres, achegarase certificación da secretaría da federación en que conste a relación nominal de asociacións que a compoñen, así como o número de asociadas de cada unha das ditas asociacións.

k) Para o caso de non autorizar a Secretaría Xeral da Igualdade para obter os datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, fotocopia compulsada do DNI da/do representante legal que asina a solicitude.

Os documentos h), i), j), k), así como calquera outra documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e no 22.3 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. As entidades ateranse ás especificacións destas bases para a elaboración e presentación da súa solicitude, empregando os anexos normalizados para os documentos sinalados neste artigo.

3. A inscrición da entidade no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais será verificada de oficio por parte do órgano instrutor do procedemento.

Artigo 9. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras e comporta a autorización da entidade solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificacións telemáticas. Cando da actuación de oficio resultase que a entidade solicitante ou beneficiaria non se atopa ao día das súas obrigas tributarias e sociais, será requirida para que regularice a situación e presente por si mesma o correspondente certificado. Para o trámite de adxudicación, estes certificados poderán ser substituídos por declaración responsable do órgano competente da entidade solicitante, que se presentará xunto coa solicitude.

De conformidade co artigo 20.3 da Lei 9/2007, se a persoa solicitante indica que certa documentación que se deba usar neste procedemento xa figura no poder da Administración, a presentación da solicitude implica a autorización ao órgano instrutor para acceder a ela. Para estes efectos, a documentación débese manter vixente e identificarase no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o que foi presentada.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a entidade solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade no devandito rexistro dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Secretaría Xeral da Igualdade publicará na súa páxina web oficial a relación de entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

4. A Secretaría Xeral da Igualdade velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para eses efectos procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, adoptándose tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas.A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación dos expedientes correspondentes e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega. Os datos non serán obxecto de cesión a terceiras persoas; non obstante, a Secretaría Xeral da Igualdade revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e lle sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso.

Decláranse recoñecidos os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición, que poderán exercerse ben mediante escrito en que se achegue identificación suficiente, dirixido ao seguinte enderezo: Secretaría Xeral da Igualdade, Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para estes efectos dispoñible na Guía do cidadán da páxina web da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Instrución dos procedementos

1. A instrución dos procedementos corresponde ás unidades de igualdade das delegacións territoriais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos na presente convocatoria, o órgano instrutor requirirá as persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixesen, se terán por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución.

3. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59, 60 e 61 da indicada Lei 30/1992, os citados requirimentos de emenda poderanse facer ben a través de notificación individualizada, ben mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade, a cal producirá os mesmos efectos que a devandita notificación.

4. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir á entidade solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

5. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo 11.

6. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nesta resolución ou na normativa de aplicación, que non conteñan a documentación necesaria, ou, de ser o caso, non a presenten nos modelos normalizados, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta. En todo caso, non se admitirán a trámite, e procederase ao seu arquivamento sen posibilidade de emenda, as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido nesta convocatoria.

Artigo 11. Comisión de valoración

1. Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, crearase en cada xefatura territorial unha comisión de valoración para estes efectos, a cal estará presidida pola/o xefa/e territorial da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e da que formarán parte ademais dúas/dous traballadoras/es designados polo/a respectivo/a xefe/a territorial. Actuará como secretario/a un/unha traballador/a da xefatura territorial. Se por calquera causa algunha das persoas que a compoñen non puidese asistir ás reunións, será substituída por quen designe o órgano competente para o outorgamento da axuda.

2. Avaliadas as solicitudes seguindo os criterios establecidos no artigo 12, a comisión de valoración emitirá un informe con base no cal o órgano instrutor elevará unha proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión ou denegación da subvención solicitada. Nesta proposta figurarán as solicitudes propostas para obter a axuda e o importe para cada unha delas, ata esgotar o crédito dispoñible. O resto das solicitudes consideradas subvencionables quedarán en reserva para seren atendidas no suposto de quedar crédito libre por producirse algunha renuncia ou de producirse un incremento do crédito inicialmente dispoñible, de acordo co establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Para estes efectos poderanse realizar sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

Artigo 12. Criterios de avaliación

1. Na valoración das solicitudes presentadas polas entidades peticionarias que, en todo caso, deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 3 da presente resolución, teranse en conta os seguintes criterios, e de acordo coas ponderacións sinaladas a seguir:

1.1. Liña 1: consolidación do movemento asociativo.

a) Actividades organizadas pola entidade peticionaria nos últimos 2 anos no ámbito das políticas de igualdade. Para os efectos de valoración teranse en conta só aquelas actividades relacionadas no anexo VI, que acrediten a súa inequívoca vinculación coa información, sensibilización e/ou formación en materia de igualdade e cuxa duración total sexa de 5 horas como mínimo.

– Ata 25 puntos (0,20 puntos por cada hora de duración)

b) Domicilio social en municipios pequenos (segundo o último padrón municipal publicado polo IGE no momento da solicitude):

– Poboación entre 2.500 e 5.000 habitantes: 10 puntos.

– Poboación inferior a 2.500 habitantes: 15 puntos.

c) Achega de fondos propios para o mantemento e/ou funcionamento da entidade. Ata 15 puntos segundo a seguinte desagregación:

– Ata o 25 % do orzamento total: 5 puntos.

– Máis do 25 % e ata o 50 % do orzamento total: 10 puntos.

– Máis do 50 % do orzamento total: 15 puntos.

d) Incorporación de socias menores de 40 anos de idade, nos últimos dous anos: ata 5 puntos.

e) Incorporación de mulleres con discapacidade, nos últimos dous anos: ata 5 puntos.

f) Apoio a asociacións de nova ou recente creación: 4 puntos para aquelas que teñan unha antigüidade non superior a 4 anos na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

g) Emprego da lingua galega: 1 punto.

1.2. Liña 2 (promoción de accións que presten atención á investigación e á recuperación da historia das mulleres, así como á xeración de referentes e xenealoxías de mulleres), liña 3 (promoción de hábitos de vida saudables) e liña 4 (promoción de accións de prevención da violencia de xénero, así como de atención ás vítimas):

a) Calidade técnica do programa presentado, o cal deberá recoller de modo expreso, de ser o caso, como se atenden necesidades específicas das persoas con discapacidade no seu deseño e/ou desenvolvemento. Ata 30 puntos segundo a seguinte desagregación:

– Xustificación da súa necesidade: ata 8 puntos.

– Formulación de obxectivos: ata 4 puntos.

– Metodoloxía e desenvolvemento do programa: ata 4 puntos.

– Duración: ata 10 puntos.

– Indicadores de avaliación: ata 4 puntos.

b) Actividades organizadas pola entidade peticionaria nos últimos 2 anos no ámbito das políticas de igualdade. Para os efectos de valoración teranse en conta só aquelas actividades relacionadas no anexo VI, que acrediten a súa inequívoca vinculación coa información, sensibilización e/ou formación en materia de igualdade e cuxa duración total sexa de 5 horas como mínimo.

– Ata 20 puntos (0,20 puntos por cada hora de duración).

c) Domicilio social en municipios pequenos (segundo o último padrón municipal publicado polo IGE no momento da solicitude):

– Poboación entre 2.500 e 5.000 habitantes: 10 puntos.

– Poboación inferior a 2.500 habitantes: 15 puntos.

d) Achega de fondos propios para a realización do programa. Ata 15 puntos segundo a seguinte desagregación:

– Ata o 25 % do orzamento total: 5 puntos.

– Máis do 25 % e ata o 50 % do orzamento total: 10 puntos.

– Máis do 50 % do orzamento total: 15 puntos.

e) Número de persoas destinatarias das accións. Ata 10 puntos segundo a seguinte desagregación:

– Ata 25 persoas: 3 puntos.

– De 26 a 50 persoas: 6 puntos.

– Máis de 50 persoas: 10 puntos.

f) Incorporación de socias menores de 40 anos de idade, nos últimos dous anos: ata 5 puntos.

g) Apoio a asociacións de nova ou recente creación: 4 puntos para aquelas que teñan unha antigüidade non superior a 4 anos na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

h) Emprego da lingua galega: 1 punto.

2. Á solicitude que acade maior puntuación corresponderalle, dentro dos límites establecidos no artigo 5.6, unha axuda do 100 % do orzamento elixible; en caso contrario, a contía da axuda reducirase proporcionalmente. No suposto de que máis dunha proposta obteña a mesma puntuación e non sexa posible por razóns orzamentarias adxudicar axuda a todas elas, o desempate establecerase en función das puntuacións máis altas segundo as epígrafes parciais dos criterios empezando pola letra a).

Artigo 13. Resolución e notificación

1. Avaliadas as solicitudes segundo os criterios establecidos no artigo 12 da presente resolución, o órgano instrutor, á vista do informe da comisión de valoración, elevará unha proposta de resolución á/ao xefa/e territorial da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que resolverá a concesión ou denegación da axuda solicitada ao abeiro desta convocatoria por delegación da secretaria xeral da Igualdade.

2. A/o xefa/e territorial da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, resolverá dentro das dispoñibilidades orzamentarias sen que, en ningún caso, o importe total das axudas poida superar o límite establecido no artigo 2 desta resolución.

3. A resolución da subvención será notificada no prazo máximo de catro meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrido o dito prazo non se notificasen as resolucións, as solicitudes entenderanse desestimadas. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, a entidade beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como as solicitudes desestimadas con expresión dos motivos da desestimación.

4. Na resolución de concesión as entidades beneficiarias serán informadas de que a obtención de axuda comunitaria implica a aparición na lista pública de persoas beneficiarias que a autoridade de xestión do programa operativo publicará conforme o previsto no artigo 7.2.d) do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006 (DOUE L/45, do 15 de febreiro de 2007), e de que na devandita lista figuran os datos de identidade ou denominación social, das operacións e da contía de fondos públicos asignada a cada operación.

Artigo 14. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas ditadas ao abeiro da presente resolución poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o órgano que ditou o acto no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ben recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 15. Modificación da resolución de concesión das axudas

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, tal e como se establece no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Subcontratación

1. Para os efectos previstos nesta convocatoria, a subcontratación poderá chegar ao 100 % da acción subvencionada correspondente ás liñas 2, 3 e 4 das establecidas no artigo 1 desta resolución, entendendo por esta a concertación con terceiras persoas da execución total ou parcial da acción que constitúe o obxecto da subvención.

2. Todo procedemento de contratación deberá respectar os principios de transparencia, publicidade e libre concorrencia.

3. Os/as subcontratistas quedarán obrigados/as soamente ante a entidade beneficiaria, que asumirá a total responsabilidade da execución da actividade fronte á Administración. As entidades beneficiarias das subvencións serán responsables de que na execución da actividade subvencionada concertada con terceiras persoas se respecten os límites establecidos nesta resolución en canto á natureza e contía dos gastos subvencionables e exixiranlles aos/ás subcontratistas os documentos acreditativos dos pagamentos correspondentes. Así mesmo os/as subcontratistas están obrigados/as a lles facilitar aos organismos de auditoría e control toda a información necesaria relativa ás accións subcontratadas.

4. En ningún caso poderá concertar a entidade beneficiaria a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con:

a) Persoas ou entidades incursas nalgunha das prohibicións do artigo 10 da Lei 9/2007.

b) Persoas ou entidades que percibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto de contratación.

c) Intermediarios/as ou asesores/as cuxos pagamentos se definan como unha porcentaxe do custo total da operación, agás que o dito pagamento estea xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou dos servizos prestados.

d) Persoas ou entidades vinculadas coa entidade beneficiaria, agás que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado e que se obteña a autorización previa do órgano concedente nos termos que se fixen nestas bases reguladoras.

e) Persoas ou entidades solicitantes da axuda ou subvención na mesma convocatoria e programa que non obtivesen subvención por non reunir os requisitos ou non alcanzar a valoración suficiente.

Artigo 17. Responsabilidade

A organización e materialización das accións obxecto de subvención será responsabilidade exclusiva da entidade beneficiaria. A actuación da Secretaría Xeral da Igualdade quedará limitada ao seu outorgamento e a garantir o cumprimento da normativa en materia de axudas públicas.

Artigo 18. Xustificación

1. Conforme o establecido no artigo 48 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para os efectos de xustificación, a entidade beneficiaria deberá presentar a seguinte documentación nos lugares sinalados no artigo 7 da presente resolución, tendo como prazo máximo para presentala ata o 15 de novembro de 2013.

a) Solicitude de cobramento asinada segundo o modelo do anexo IX.

b) Unha relación dos gastos realizados, onde conste a natureza e o importe de cada un deles, coa identificación do acredor e do documento, data de emisión e data de pagamento, expedida pola secretaría da entidade co visto e prace da súa presidencia, segundo o modelo que se achega como anexo X.

c) As facturas orixinais ou documentos de valor probatorio equivalente dos gastos realizados. Estes documentos deberán estar emitidos conforme a normativa aplicable e acompañaranse dos xustificantes bancarios de pagamento e, de ser o caso, dos xustificantes de ter aboado as cotas, taxas ou impostos correspondentes. As facturas deberán traer o IVE desagregado.

d) Declaración de axudas actualizada na data de xustificación (anexo VI).

2. No suposto de que a subvención fose para a realización de programas correspondentes ás liñas 2 , 3 e 4 das establecidas no artigo 1 desta resolución achegarase ademais:

a) Memoria de execución do programa, que deberá recoller como mínimo:

– Descrición das actividades desenvolvidas (datas de realización, duración, contidos e metodoloxía empregada no seu desenvolvemento).

– Valoración do cumprimento dos obxectivos.

– Indicación de como se atenderon as necesidades das persoas con discapacidade (se fose o caso).

– Publicidade e divulgación que se realizou.

– Número de persoas participantes desagregadas por sexo.

– Número de mulleres participantes con algún tipo de discapacidade.

– Número de mulleres participantes maiores de 65 anos.

b) No suposto de que se contraten monitoras/es para a realización dos programas, a xustificación deste gasto farase por calquera das seguintes formas: se as actividades as desenvolven empresas externas e/ou profesionais autónomos/as, achegaranse facturas ou recibos de honorarios, onde consten, de forma detallada as actividades desenvolvidas; no caso de que a entidade solicitante contrate directamente o monitor/a das actividades, será necesario achegar as nóminas da persoa ou persoas contratadas, así como acreditar o ingreso en concepto de retención á conta do IRPF e os documentos xustificativos de ingreso dos seguros sociais.

c) Os tres orzamentos que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado a entidade beneficiaria.

d) Declaración de que as actividades foron desenvolvidas en lingua galega, de ser o caso.

e) Copia do material impreso usado para a difusión do programa subvencionado, que incorporará, de forma visible, o logotipo do Fondo Social Europeo (FSE), o cal levará debaixo a seguinte inscrición: «O Fondo Social Europeo inviste no teu futuro», e o logotipo da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, de acordo co establecido no artigo 23.1 da presente resolución.

f) Un exemplar de todos os materiais elaborados (carteis, folletos, enquisas, material didáctico, fotografías ou outra documentación elaborada ad hoc e que complemente a xustificación do programa subvencionado).

3. Para os efectos do establecido nesta convocatoria, a condición de elixibilidade do gasto imputable a unha actuación deriva do cumprimento dos seguintes requisitos: que sexa un gasto directo da acción, que sexa axeitado aos obxectivos da medida á cal pertence a actuación, que exista constancia documental sobre a súa realización de xeito verificable e que se realice dentro do período establecido, que se acredite mediante facturas ou documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa (ex. nóminas, boletíns de cotización á Seguridade Social) e que sexa efectivamente pagado pola entidade beneficiaria dentro do prazo de xustificación, agás que se trate de gastos correspondentes a impostos ou cotas por seguros sociais relativos a gastos directos da acción liquidables con posterioridade a esta data; neste caso, o período de elixibilidade excede o prazo de xustificación e abrangue ata o derradeiro día do mes seguinte ao último trimestre do exercicio da convocatoria. En todo caso, observarase o cumprimento das condicións establecidas na Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2007-2013 e na Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo, que a modifica.

4. Sen prexuízo do indicado no parágrafo anterior, admitirase a acreditación de gastos realizados mediante tícket, como documento substitutivo das facturas, sempre que se cumpra o disposto no Real decreto 1496/2003, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

5. As facturas, documentos de valor probatorio equivalente e/ou documentos substitutivos, presentaranse en orixinal para a súa conformidade e para seren selados, pola unidade tramitadora correspondente, cun selo que indicará o procedemento para o que se presentan e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención, indicando neste último caso a contía exacta que resulte afectada.

6. A xustificación do pagamento das facturas, documentos equivalentes e/ou substitutivos, farase mediante xustificantes bancarios (xustificante de transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo por portelo, certificación bancaria etc., no caso de pagamentos mediante cheque bancario, que será sempre nominativo, xuntarase a este a copia do extracto bancario onde figure o cargo na conta do dito cheque) nos cales consten o número de factura obxecto de pagamento, a identificación da persoa pagadora e da destinataria do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emite a factura. No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberán identificarse no documento do pagamento as facturas de que é obxecto.

7. As entidades beneficiarias deberán acreditar, na xustificación, de maneira documental, material e/ou gráfica (fotografías, fotocopias, captura de pantallas...) o cumprimento da obriga de información e publicidade do financiamento público da acción subvencionada.

8. No caso de que a xustificación fose incorrecta e/ou incompleta requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, advertíndolle que, de non facelo, se procederá, logo de resolución, á revogación da subvención e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de demora.

Artigo 19. Pagamento

1. As xefaturas territoriais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de atoparen conforme a documentación xustificativa, proporán o pagamento do importe concedido ou do resultante da minoración determinada conforme o número 3 deste artigo.

2. Antes de proceder ao pagamento da liquidación final o órgano xestor incorporará ao expediente a acreditación de que as entidades adxudicatarias están ao día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración da Comunidade Autónoma.

3. Nos supostos en que o custo total definitivo da acción subvencionada sufra unha minoración respecto do que se tomou en consideración para calcular a subvención, ou cando a cantidade xustificada mediante documentos acreditativos do gasto (facturas, tíckets etc.) fose inferior á da axuda concedida, efectuarase a correspondente e proporcional diminución no montante da subvención.

Artigo 20. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta operativa do Tesouro nº 2080 0300 87 3110063172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 21. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

3. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 22. Control

1. A Secretaría Xeral da Igualdade poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das axudas reguladas nesta convocatoria.

2. Sen prexuízo do indicado no punto anterior, a Secretaría Xeral da Igualdade poderá realizar, ben con persoal propio ou a través de empresas auditoras, actuacións de comprobación e control para verificar sobre o terreo o cumprimento das condicións para a percepción das axudas. As comprobacións incidirán sobre todos aqueles aspectos que garantan a realización dos compromisos adquiridos e o cumprimento dos requisitos fixados nesta resolución.

3. O persoal encargado da verificación levantará acta da actuación de control, que asinará a entidade á cal se lle entregará unha copia, e presentaralla ao órgano competente da Secretaría Xeral da Igualdade xunto co informe de verificación. A entidade queda obrigada a facilitarlle ao persoal asignado copia da documentación que se lle solicite relativa ao expediente obxecto de control.

4. Ademais do anterior, todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 23. Publicidade e información

1. As entidades beneficiarias deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do programa, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En concreto, deberán facer constar, na súa publicidade ou na información que xeren en relación co programa subvencionado, o financiamento dos seus activos con fondos da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral da Igualdade e do Fondo Social Europeo. Para isto, na sede da asociación, se se recibe subvención pola liña 1 das establecidas no artigo 1 desta resolución, ou no lugar onde se realicen as actuacións, se a subvención corresponde ás liñas 2, 3 e 4, deberá figurar, de forma visible, un cartel informativo en que aparezan os anagramas da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia e do Fondo Social Europeo, en aplicación do disposto na normativa aplicable. Na páxina web oficial da Secretaría Xeral da Igualdade informarase das características do dito cartel e dos logos e lendas de obrigada inclusión.

Cando o proxecto teña publicidade nun sitio da internet, deberán figurar na súa páxina de inicio e en lugar visible as citadas referencias; cando se materialice nunha aplicación informática, deberán facerse as citadas referencias na zona de inicio ou menú principal da aplicación informática, así como na epígrafe de información da aplicación (axuda, acerca de ou similares).

Toda a documentación a que dea lugar o programa (cadernos, enquisas, folletos, notas informativas, CD-Rom) deberá conter as citadas referencias, que se colocará na contraportada no caso das publicacións.

2. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, as xefaturas territoriais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza publicarán no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, entidade beneficiaria do programa e crédito orzamentario, contía e finalidade da axuda, en aplicación do disposto no artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión. Igualmente, nos cinco días seguintes á notificación da concesión publicarase na páxina web oficial da Secretaría Xeral da Igualdade a relación de beneficiarias con expresión da entidade beneficiaria, a contía e a finalidade, segundo indica o artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

3. As entidades beneficiarias, coa presentación das solicitudes, autorizan a Secretaría Xeral da Igualdade a incluír e facer público, nos rexistros de axudas, subvencións, e convenios e de sancións, regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos á axuda recibida así como ás sancións impostas.

A reserva que a entidade solicitante poida facer no sentido de non autorizar a obtención de datos ou a publicidade de datos nos rexistros, que en todo caso terá que ser expresa, poderá dar lugar a exclusión do proceso de participación para obter a subvención ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe concedido.

Artigo 24. Remisión normativa

Para todo o non previsto nesta resolución observarase o disposto no Regulamento (CE) nº 1081/2006, do 5 de xullo, relativo ao Fondo Social Europeo; no Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión; no Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, que fixa normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; no disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento; na Orde do 21 de decembro de 2009, da Consellería de Facenda, pola que regulan as normas para a execución, seguimento e control dos programas operativos Feder de Galicia 2007-2013 e FSE de Galicia 2007-2013; na Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2007-2013, e na Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo, que a modifica, e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Artigo 25. Información ás persoas interesadas

Sobre o procedemento administrativo asociado a esta resolución, que ten o código SI437A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional nas unidades de igualdade das delegacións territoriais da Vicepresidencia e Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, http://www.xunta.es/resultados-da-guia-do-cidadan, ou da Secretaría Xeral da Igualdade, http://www.igualdade.xunta.es.

Disposición adicional

Apróbase a delegación de atribucións nos/as xefes/as territoriais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, nos ámbitos competenciais respectivos, para resolver a concesión, denegación, modificación das subvencións previstas nesta resolución, así como para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta dos pagamentos, e as relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira

Correspóndelle á secretaria xeral da Igualdade ditar as instrucións que sexan necesarias para o adecuado desenvolvemento desta resolución.

Disposición derradeira segunda

A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2013

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file