Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Venres, 12 de xullo de 2013 Páx. 27873

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 8 de xullo de 2013 pola que se determinan as bases reguladoras e se convocan prazas de persoas colaboradoras-bolseiras para as residencias xuvenís dependentes desta consellería para o curso 2013/14.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 27, parágrafos 22, 23 e 24, que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva nas materias de promoción do deporte e a axeitada utilización do lecer, asistencia social, así como a promoción do desenvolvemento comunitario, que se aplicá, entre outros, ao ámbito da xuventude.

Así mesmo, polo Decreto 285/1989, do 16 de decembro, asúmense as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción sociocultural, no ámbito da xuventude e do desenvolvemento comunitario.

Coa aprobación do Decreto 227/2012, do 2 de decembro, estableceuse a actual estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e co Decreto, 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, estableceuse, no seu artigo 7, a estrutura básica da Consellería de Traballo e Benestar. A dita consellería conta cunha Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado á cal lle corresponde o exercicio das competencias e funcións en materia de xuventude, segundo dispón o artigo 33 do Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar.

O artigo 18.2.d) da Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia, trata dos servizos á mocidade, entre os que destacan as instalacións xuvenís, e no artigo 33.e) atribúenselle á consellería competente en materia de xuventude as funcións de coordinación e supervisión do funcionamento das instalacións xuvenís, tanto propias como dependentes doutras entidades, e a prestación da asistencia técnica necesaria para dar un servizo de calidade.

A Consellería de Traballo e Benestar dispón dunha serie de instalacións xuvenís entre as cales figuran as residencias xuvenís, que, ademais do aloxamento e a mantenza, ofrecen aos/ás mozos/as estudantes residentes unha serie de servizos e actividades convivenciais e educativas complementarias.

Coa realización desta convocatoria preténdese favorecer o acceso ao ensino universitario, aos estudos superiores en ensinanzas artísticas ou ciclos formativos de grao superior dos/das estudantes con escasos recursos, e, asemade, dotar de persoal de apoio no eido educativo e asistencial as residencias xuvenís que se relacionan nesta orde.

Neste marco xeral hai que incardinar esta orde, que ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se convocan prazas de persoas colaboradoras-bolseiras, en réxime de concorrencia competitiva, para as residencias xuvenís dependentes da Consellería de Traballo e Benestar, de conformidade co establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, tendo en conta as posteriores modificacións; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007; na Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia; para o ano 2013, e na normativa de desenvolvemento, na cal se establecen os requisitos e as normas necesarias e básicas para a xestión e actividade económico-financeira, normativa á cal, en consecuencia, se adaptará esta orde, tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Por todo isto, en virtude das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Convocar en réxime de concorrencia competitiva esta oferta de prazas para persoas colaboradoras-bolseiras nas residencias xuvenís dependentes da Consellería de Traballo e Benestar para o curso académico 2013/14, e establecer as bases para a súa concesión.

O número de prazas convocadas e a súa distribución por residencias é a seguinte:

Cidade

Residencia

Prazas

Lugo

Centro Residencial Xuvenil LUG

4 Home/muller

Ourense

Florentino L. Cuevillas

5 Home/muller

Vigo

Altamar

6 Home/muller

Artigo 2. Requisitos das persoas solicitantes

Poderán solicitar as bolsas para residencia todas as persoas físicas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Posuír nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea, ou ser estranxeiro/a residente en España no momento da solicitude de praza.

b) Ter unha idade mínima de 18 anos e menos de 30 en 31 de decembro do ano en curso.

c) Estar cursando estudos universitarios nunha facultade ou escola universitaria, estudos superiores en ensinanzas artísticas ou ciclo formativo de grao superior, que admitan polo seu contido e saídas profesionais a formación e a práctica a través de calquera das tarefas que se poden desenvolver nunha residencia xuvenil.

d) Non ter perdido con anterioridade a condición de colaborador/a por causa imputable á persoa solicitante.

e) Non padecer defecto físico ou psíquico que impida o desenvolvemento normal da actividade no centro.

Artigo 3. Solicitudes e documentación

3.1. Lugar de presentación da solicitude.

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria. A solicitude, debidamente asinada pola persoa solicitante, efectuarase utilizando o impreso normalizado que figura no anexo I.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

3.2. Prazo de presentación.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

3.3. Deberá xuntar á solicitude a seguinte documentación:

A) Só no caso de que a persoa interesada non autorice expresamente na solicitude a comprobación dos datos por medio do acceso telemático ao Sistema de verificación de datos de identidade, fotocopia do DNI para persoas españolas ou equivalente para nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, ou tarxeta de residencia da persoa solicitante no caso de naturais doutros países.

B) Fotocopia de todas as follas do libro de familia onde figuren todas as persoas que compoñen a unidade familiar.

C) Fotocopia do título de familia numerosa, de ser o caso. Cando este título fose emitido pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, non será preciso achegalo sempre e cando se autorice expresamente na solicitude o acceso telemático a estes datos.

D) Só no caso de que a persoa interesada non autorice expresamente na solicitude a comprobación dos datos por medio do acceso telemático ao Sistema de verificación de datos de residencia, acreditación, a través dun certificado de empadroamento, no cal figurará a composición da unidade familiar a que pertenza o/a solicitante, de posuír a residencia familiar en Galicia ou ser fillo/a de emigrantes. No caso de producirse un cambio de domicilio nos últimos dous meses, o/a interesado/a deberá achegar o certificado directamente ou sinalar o concello para o cal efectuou o cambio.

E) Certificado de convivencia das persoas que compoñen a unidade familiar.

F) Xustificación de ingresos da unidade familiar: a persoa interesada, autorizará expresamente na solicitude a Consellería de Traballo e Benestar para obter da Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) e da Consellería de Facenda os datos de carácter tributario necesarios para a determinación da renda da unidade familiar, a través de medios informáticos ou telemáticos. As demais persoas con ingresos que compoñen a unidade familiar deberán asinar na autorización segunda do anexo II.

De non prestar consentimento expreso á Consellería de Traballo e Benestar para a obtención dos datos tributarios a que se refire o punto anterior, terán que presentar copia da declaración do IRPF, correspondente ao último exercicio, de cada persoa da unidade familiar obrigada a declarar ou, se é o caso, certificación emitida pola AEAT de non ter a obriga de declarar.

No suposto de que non sexa posible achegar a devandita certificación na data de presentación da solicitude, por non estar dispoñible, a selección quedará condicionada á presentación desta certificación con anterioridade á incorporación no centro.

No caso de que se produzan causas sobrevidas que afecten os recursos da unidade familiar poderán presentarse outros documentos que acrediten oficialmente a nova situación económica, sempre e cando as variacións de ingresos supoñan unha diminución ou incremento de máis do 20% no cómputo anual fronte aos declarados na solicitude de praza, variacións que deberán ter unha duración mínima de catro meses para seren tomadas en consideración.

G) Acreditación de ser muller xestante, se é o caso; presentarase certificación médica que acredite o embarazo no momento de presentación da solicitude de axuda.

H) No caso de violencia de xénero acreditarase por calquera dos medios recoñecidos no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, que son:

a) Certificación da orde de protección ou da medida preventiva, ou testemuño ou copia autenticada pola secretaria ou polo secretario xudicial da propia orde de protección ou da medida preventiva.

b) Sentenza de calquera orde xurisdicional que declare que a muller sufriu violencia en calquera das modalidades definidas nesta lei.

c) Certificación e/ou informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local.

d) Certificación dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local.

e) Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia.

f) Informe da Inspección de Traballo e da Seguridade Social.

g) Calquera outra que se estableza regulamentariamente.

I) Orfandade: acreditación desta condición, se é o caso.

J) Acreditación da discapacidade igual ou superior ao 33% de calquera das persoas que compoñen a unidade familiar. No caso de documentos emitidos pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, non será preciso achegar a devandita acreditación se cada persoa da unidade familiar con discapacidade recoñecida, autoriza expresamente a Consellería de Traballo e Benestar para o acceso telemático dos seus datos. Así, cando a condición de discapacidade a teña o/a solicitante, abondará con marcar o recadro correspondente da solicitude, noutro caso deberase asinar a autorización primeira do anexo II.

K) Familia monoparental: acreditación mediante certificado de convivencia e sentenza de separación/divorcio, convenio regulador ou resolución de medidas paterno/filiais.

L) Certificación académica: orixinal ou copia na cal figuren as notas correspondentes ao último curso en que estivo matriculado ou, se é o caso, da proba de selectividade. Na certificación deberá constar a nota media.

M) Proxecto de actividades que pretenda desenvolver na residencia xuvenil de acordo coas funcións recollidas no artigo 10.3. Este proxecto deberá incluír: obxectivos, metodoloxía, actividades e a temporalización e custos destas. Como tal proxecto, deberá ter en conta a realidade, o centro en que se pretende desenvolver e as peculiaridades dos/as destinatarios/as.

N) Declaración de todas as solicitudes de axudas efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas.

3.4. Se na solicitude se aprecian defectos ou falta de documentación, a xefatura territorial correspondente requirirá a persoa solicitante para que no prazo de 10 días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo de resolución, que será ditada nos termos do artigo 42.

3.5. As solicitudes que non se presenten na forma, lugar e tempo sinalados nos números 3.1 e 3.2 serán inadmitidas, agás que o número de solicitudes sexa inferior ao número de prazas ofertadas, caso en que poderían admitirse e baremarse segundo o establecido no artigo 5.

Artigo 4. Comisións cualificadoras

4.1. A valoración das solicitudes para cada residencia efectuarase en cada xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar da provincia onde radica aquela, mediante comisións cualificadoras creadas para tales efectos e constituídas, cada unha delas, por:

Presidente/a: a persoa que exerza a xefatura do Servizo de Xuventude e Voluntariado da correspondente provincia.

Vogais:

– Unha persoa que exerza a xefatura de sección do Servizo de Xuventude e Voluntariado desa provincia.

– As persoas que exerzan a dirección das residencias xuvenís situadas nesa provincia.

Secretario/a: unha persoa funcionaria nomeada pola persoa titular da xefatura territorial correspondente.

A valoración de solicitudes polas distintas comisións seguirá unha interpretación única dos criterios establecidos no artigo 5.

4.2. As ditas comisións examinarán as solicitudes presentadas, reservando para si o dereito de solicitar a documentación que consideren necesaria para completar o expediente.

Artigo 5. Criterios de selección

5.1. Os criterios de selección que se terán en conta para conceder estas axudas serán os seguintes:

A) Proxecto de actividades. Este proxecto puntuarase de 1 a 7 puntos.

B) Situación económica da unidade familiar. A este respecto terase en conta a relación de ingresos/número de persoas que compoñen a unidade familiar.

A renda calcularase por agregación da base impoñible xeral coa base impoñible do aforro (cadros 465+455 da declaración de IRPF). Tomarase o importe do total dos ingresos da unidade familiar (suma das rendas do total de membros computables), e o resultado dividirase polo número de membros computables para obter así a renda media da unidade familiar.

O importe da renda enténdese referido á declaración do IRPF do exercicio anterior a aquel en que dea comezo o curso escolar en que se solicita a praza.

Non obstante, cando as circunstancias na data da declaración do IRPF antes indicada non coincidan coas circunstancias concorrentes no momento de presentación da solicitude, teranse en conta estas últimas, previamente xustificadas documentalmente, e sempre e cando cumpran as condicións establecidas no último parágrafo do artigo 3.3.F).

A renda media da unidade familiar puntuarase segundo o seguinte baremo:

– Inferior ao 50 % do IPREM: 4 puntos.

– Entre o 50 % e o 75 % do IPREM: 3 puntos.

– Superior ao 75 % e inferior ao 100 % do IPREM: 2 puntos.

– Entre o 100 % e o 125 % do IPREM: 1 punto.

– Superior ao 125 % do IPREM: 0 puntos.

C) Situación de familia numerosa:

– Categoría xeral: 0,25 puntos.

– Categoría especial: 0,50 puntos.

D) Orfandade:

– Condición de orfandade: 0,50 puntos.

– Condición de orfandade absoluta: 1 punto.

E) Discapacidade de calquera membro da unidade familiar: 0,50 puntos por cada membro da unidade familiar con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

F) Por ter a súa residencia familiar en Galicia: 2 puntos.

G) Por ser muller en estado de xestación: 1 punto.

H) Mulleres vítimas de violencia de xénero ou persoas solicitantes cuxas proxenitoras a sufrisen, sempre que a acreditación das ditas circunstancias fosen emitidas nos 12 meses anteriores á data da presentación da solicitude: 1 punto.

I) Outras circunstancias sociofamiliares: por calquera outra circunstancia sociofamiliar que sexa susceptible de valoración a xuízo da comisión cualificadora e axeitadamente acreditada, 1 punto ata un máximo de 2 puntos. En todo caso:

– Por ter algún/algunha irmán/á-áns/ás con praza renovada na residencia: 1 punto

– Por ter a condición de familia monoparental: 1 punto. Enténdese por familia monoparental a unidade familiar formada por un/unha único/a proxenitor/a que non conviva con outra persoa coa cal manteña unha relación análoga á conxugal e sempre que, de existir outro/a proxenitor/a, non contribúa economicamente ao sustento.

J) Rendemento académico segundo a nota media obtida no último curso ou na proba de selectividade (na proba de acceso á universidade terase en conta só a nota media da parte xeral). Cando o curso universitario sobre o cal se fai a media non é completo, teranse en conta o número de créditos cursados e ponderarase a nota media con base nos 60 créditos dos que conta o curso universitario segundo o plan Bolonia. A puntuación neste caso corresponderase coa dita nota media.

K) Entrevista persoal. A comisión cualificadora poderá citar as persoas solicitantes para a realización dunha entrevista persoal que se valorará de 1 a 5 puntos.

5.2. Para os efectos do disposto neste artigo, considéranse membros computables da unidade familiar:

– A persoa solicitante, o pai, a nai ou os/as titores legais, e os/as irmáns/irmás menores de idade que convivan no domicilio familiar ou os/as de maior idade incapacitados/as xudicialmente suxeitos/as á patria potestade prorrogada ou rehabilitada. Tamén se considerarán membros da unidade familiar os/as fillos/as menores de 30 anos que convivan no domicilio familiar, e non dispoñan de ingresos.

– En cumprimento do establecido no artigo 6.2 da Lei 5/2010, do 23 de xuño, pola que se establece e regula unha rede de apoio á muller embarazada, terase en conta o seguinte:

– Computarase que a unidade familiar de que forme parte a muller embarazada está integrada por un ou máis membros adicionais desde o momento da fecundación, dependendo do número de fillos/as que espere, sempre que na aplicación desta fórmula se obteña un maior beneficio.

– Se a nai xestante non forma parte da unidade familiar, entenderase que, polo feito de estar embarazada, a constitúe.

– No caso de divorcio ou separación legal do matrimonio non se considerará membro computable aquel/aquela que non conviva coa persoa solicitante, sen prexuízo de que nos ingresos de base de familia se inclúa a súa contribución económica. Non obstante, si terá a consideración de membro computable, se é o caso, o/a novo/a cónxuxe ou persoa unida por análoga relación de afectividade; terase que incluír a súa renda e o seu patrimonio.

– Cando a persoa solicitante constitúa unidade familiar independente, tamén se considerarán membros computables o/a cónxuxe ou persoa con que estea unido/a por análoga relación, así coma os/as fillos/as, se os ten. Neste caso deberá acreditar suficientemente esta circunstancia e o seu domicilio, así como o pagamento do aluguamento da vivenda, se é o caso, e dos medios económicos con que conta. De non xustificar suficientemente estes datos, a solicitude será sometida a exame pormenorizado con comprobación da renda e a situación real do/da solicitante.

Artigo 6. Dereitos das persoas adxudicatarias

6.1. A concesión da bolsa comporta aloxamento e mantenza gratuítos na residencia xuvenil durante o seu período de funcionamento, incluíndo o curso académico e o período de vacacións, que abrangue os doce meses do ano. O aloxamento será de tal xeito que lle permita ao/á bolseiro/a a normal realización dos seus estudos.

6.2. O recoñecemento da súa condición de colaborador/a-bolseiro/a ante o resto das persoas residentes.

6.3. Contar coa asistencia dun titor ou titora que coordine e dirixa a actividade que desenvolva como bolseiro/a na residencia.

Artigo 7. Financiamento

As actuacións recollidas nesta orde constitúen unha subvención en especie, regulada na disposición adicional terceira da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 3.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, que se financiará con cargo aos gastos correntes da Consellería de Traballo e Benestar.

Artigo 8. Resolución da convocatoria e adxudicación de praza

8.1. Relación de admitidos/as e lista de espera.

A selección das solicitudes efectuarase en función da puntuación acadada segundo o baremo establecido no artigo 5. Cada comisión cualificadora confeccionará unha lista, por orde de puntuación, coas solicitudes recibidas para a respectiva residencia e elevará proposta de selección ao/a xefe/a territorial da Consellería de Traballo e Benestar, que será quen resolva por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar.

A relación provisional de admitidos/as e mais a lista de espera, coa puntuación obtida, farase pública na páxina web http://xuventude.net e poderá consultarase nas xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar e nas propias residencias xuvenís, así como na Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e no Centro de Información Administrativa e Atención ao Cidadán de Santiago de Compostela.

As persoas interesadas terán o prazo dos 10 días naturais posteriores á data da exposición pública da relación provisional para efectuar as reclamacións que consideren oportunas. As ditas reclamacións entenderanse resoltas coa publicación da lista definitiva

A lista de espera estará formada polas persoas solicitantes avaliadas que non obtivesen praza por quedar fóra do corte debido ao número de prazas convocado, e estará ordenada segundo a puntuación obtida en aplicación do baremo indicado no artigo 5.

8.2. Resolución de adxudicación da bolsa, notificación e recursos.

Unha vez comprobadas as reclamacións presentadas contra a relación provisional, elevarase a relación definitiva á xefatura territorial.

A proposta de resolución de adxudicación da praza e mais a relación definitiva de admitidos/as e a lista de espera coa puntuación obtida, será aprobada polo/a xefe/a territorial, por delegación da conselleira de Traballo e Benestar, no prazo máximo de dous meses, contados desde o día da publicación desta convocatoria As ditas relacións faranse públicas na páxina web: http://xuventude.net e poderán consultarse nos mesmos lugares indicados para a relación provisional.

A proposta de resolución definitiva será motivada e expresará a persoa solicitante ou a relación de persoas solicitantes para as cales se propón a concesión da subvención e, se é o caso, os criterios de valoración seguidos para efectuala.

Unha vez resolta a presente convocatoria para cada unha das residencias xuvenís, os servizos de xuventude das xefaturas territoriais respectivas notificaranlles ás persoas interesadas a resolución no prazo máximo de tres meses, contados desde o día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que recaia resolución expresa, entenderase desestimada a petición correspondente. Na resolución farase constar expresamente que se adopta por delegación e que se considera ditada polo órgano delegante.

Esta resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse o recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que resolveu, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou, no caso de silencio administrativo, no prazo de tres meses, contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, na forma e condicións que determina a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ser impugnadas directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, ou, no caso de silencio administrativo, no prazo de seis meses, contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

8.3. Con posterioridade á primeira proposta de resolución, poderanse realizar outras sen necesidade de que se reúna de novo a comisión cualificadora, sempre que se respecte a orde da lista de espera definida no último parágrafo do número 1 deste artigo.

As prazas vacantes que se vaian producindo durante o curso serán cubertas por rigorosa orde de puntuación entre os/as solicitantes da lista de espera.

8.4. Na notificación da resolución de adxudicación requiriranse as persoas beneficiarias para que presenten a seguinte documentación, necesaria para formalizar a bolsa, advertíndolles que no caso de non atender o requirimento se entenderá decaídas no seu dereito á praza e que se redactará nova proposta de resolución segundo o disposto no artigo 8.1:

a) Fotocopia da tarxeta sanitaria, ou no seu defecto calquera outro documento de asistencia médica e farmacéutica.

b) Certificado médico en que se faga constar que a persoa solicitante non padece enfermidade infecto-contaxiosa, nin defecto físico ou psíquico, que impida o normal desenvolvemento da súa actividade no centro.

c) Dúas fotografías tamaño carné.

d) Fotocopia do xustificante de matrícula correspondente aos estudos que vai cursar ou, no caso dos alumnos do 3º ciclo, certificado da persoa que exerza a xefatura do departamento universitario correspondente conforme a persoa interesada está realizando o doutoramento naquel.

A documentación a que se refire o punto anterior terán que presentala no Servizo de Xuventude da xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar da provincia onde radique a residencia xuvenil correspondente, ou na mesma residencia adxudicada, no prazo de 10 días hábiles contados desde aquel en que reciban a comunicación de admisión, excepto a fotocopia do xustificante de matrícula ou o certificado da persoa que exerza a xefatura do departamento universitario correspondente, que poderán presentala ata o 31 de outubro de 2013. No caso de que o/a interesado/a non poida presentar a fotocopia do xustificante de matrícula no referido prazo por causa imputable ao centro en que vaia cursar os seus estudos, deberá comunicar esta circunstancia por escrito, presentando unha fotocopia da preinscrición na facultade ou escola universitaria correspondente; non obstante, deberá presentar a fotocopia do xustificante de matrícula no momento en que a faga.

Artigo 9. Xustificación da axuda

– No mes seguinte ao remate da bolsa, a persoa interesada deberá presentar na xefatura territorial correspondente unha memoria final indicativa dos obxectivos acadados en relación co proxecto de actividades proposto e desenvolvido na residencia. Unha copia da dita memoria será remitida pola xefatura territorial á Subdirección Xeral de Promoción de Actividades da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, para o seu arquivamento no correspondente expediente.

– No mesmo prazo remitirase á xefatura territorial un certificado emitido pola persoa que exerza a dirección da residencia, en que conste que a persoa bolseira permaneceu na dita residencia desde a data en que se lle concedeu a bolsa ata o remate do curso académico.

Artigo 10. Obrigas dos/as colaboradores/as-bolseiros/as

10.1. A condición de persoa colaboradora-bolseira obriga esta nos termos previstos no artigo 14.1º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 11 da Lei 9/2007 do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

10.2. Obriga de incorporarse ás residencias xuvenís o día de inicio do curso académico, segundo o plan de estudos de cada persoa beneficiaria e como máximo o 15 de outubro de 2013, salvo causa de forza maior debidamente acreditada.

En caso contrario perderán o dereito á praza adxudicada, e procederase a cubrir a vacante conforme a lista confeccionada pola comisión cualificadora.

A xefatura territorial correspondente emitirá certificación da incorporación dos/das bolseiros/as ás residencias xuvenís.

10.3. Obriga de participar en todas as tarefas e cometidos relacionados coa dinamización do centro en actividades de: información xuvenil, biblioteca, informática e deporte, entre outras, e correspóndelle ao/á director/a da residencia asignar estas tarefas en función do proxecto de actividades previsto no artigo 3.3.M) da orde.

Artigo 11. Natureza da relación bolseiros/as-Administración

A solicitude da bolsa e a súa posterior aceptación, no caso de adxudicación, implicarán a aceptación do disposto nesta orde.

As persoas seleccionadas adquirirán exclusivamente a condición de bolseiras, sen ningunha relación laboral ou administrativa.

Artigo 12. Revogación ou interrupción no desfrute das bolsas previas

12.1. O/a xefe/a territorial, cos informes pertinentes previos, e logo da audiencia ao interesado, motivando a resolución, procederá á revogación da resolución de outorgamento das bolsas nos casos previstos no capítulo I do título II da Lei de subvencións de Galicia, así como cando as persoas adxudicatarias:

a) Incumpra as condicións, obrigas e incompatibilidades previstas nos artigos 2 e 10 desta orde.

b) Incorra en ausencias reiteradas e inxustificadas.

c) Incumpra a disciplina do centro.

12.2. Como axuda en especie, no caso de que se declare a procedencia do reintegro da bolsa, considerarase como cantidade recibida e haberá que reintegrar un importe equivalente ao prezo de adquisición do servizo, sendo exixible o xuro de demora correspondente. Todo o anterior de acordo co disposto no artigo 3.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 13. Autorizacións

13.1. De acordo co previsto no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, e da Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 7 de xullo de 2009 pola que se desenvolve este, as persoas solicitantes poderán facer constar no formulario de solicitude o seu consentimento expreso para que a Administración verifique, de xeito telemático, os seus datos de identidade e residencia no Sistema de verificación de datos do ministerio da Presidencia.

13.2. En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro de protección de datos de carácter persoal, infórmase de que os datos persoais recollidos na solicitude se incorporarán a un ficheiro coa finalidade da xestión deste procedemento e non serán cedidos a terceiros, agás a outras administracións públicas que exerzan as mesmas competencias e no caso de que unha lei o previse. De acordo co establecido na Orde do 15 de decembro de 2011, o dito ficheiro, denominado “Relacións administrativas coa cidadanía e entidades” é responsabilidade da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, perante a que se poderán exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición previstos na Lei dirixíndolle un escrito ao enderezo: edificio administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña).

Cando a persoa solicitante facilite datos dunha terceira persoa, aínda que se trate de menores de idade, sempre que sexan maiores de 14 anos, será a encargada de informar do contido desta cláusula a persoa titular dos datos e con carácter previo á súa inclusión no devandito ficheiro, no caso de menores deberá expresalo nunha linguaxe facilmente comprensible para eles/elas.

Disposición adicional primeira. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar nos/nas xefes/as territoriais desta consellería, para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamento, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición adicional segunda. Réxime de infraccións e sancións

As persoas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previstas para esta materia na Lei de subvencións de Galicia e demais normas de procedente aplicación.

Disposición adicional terceira. Transparencia e boas prácticas

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Traballo e Benestar publicará na súa páxina web a relación das persoas beneficiarias polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos/das beneficiarios/as e da súa publicación na citada páxina web.

Disposición adicional cuarta. Publicidade de axudas e subvencións

De acordo co establecido no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a persoa beneficiaria autoriza a Consellería de Traballo e Benestar a incluír e facer público, nos rexistros regulados neste decreto, os datos referentes ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas.

Disposición derradeira primeira. Autorización para o desenvolvemento do establecido

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado para ditar as normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor desta orde

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2013

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file