Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Xoves, 18 de xullo de 2013 Páx. 28616

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANUNCIO do 10 de xullo de 2013, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, polo que se comunica a apertura do prazo para solicitar prazas de interinidades e substitucións para impartir docencia na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, nas especialidades de canto aplicado á arte dramática (594441) e teoría teatral (594459).

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece no capítulo V, artigos 45 e 58, que os centros superiores de ensinanzas artísticas deben ser considerados como centros de formación superior, de acordo cos estudos de grao e posgrao que se poden cursar neles, e que tamén poderán organizar estudos de terceiro ciclo a partir de convenios coas universidades. O artigo 96 da dita lei orgánica establece no seu número 2 que o Goberno, logo de consulta ás comunidades autónomas, poderá determinar outras exixencias para o profesorado que as asuma, derivadas das condicións de inserción destas ensinanzas no Marco europeo da educación superior, que exixe un profesorado cun grao de cualificación similar ao que exerce a docencia universitaria, ao seren os títulos equivalentes para todos os efectos.

Coa aplicación da LOE, tendo en conta o alto nivel de especialización dos ditos estudos superiores e para garantir o maior nivel de excelencia nos procesos de ensino e aprendizaxe, é necesario regular de xeito específico a contratación de profesorado interino na Comunidade Autónoma de Galicia en función das necesidades da docencia que vaian derivando da implantación progresiva dos estudos superiores de arte dramática.

Atendendo ao nivel de especialización dos estudos, ás titulacións de grao e posgrao a que conducen e tendo en conta a disposición transitoria primeira do Real decreto 428/2013, do 14 de xuño, hai que establecer equivalencias entre a formación inicial alegada polos aspirantes e os perfís académicos e profesionais que se relacionan no Real decreto 989/2000, do 2 de xuño, polo que se establecen as especialidades do corpo de profesores de música e artes escénicas (BOE do 22 de xuño), que no anexo I determina as especialidades vinculadas ás ensinanzas de arte dramática e no anexo III a atribución de competencia docente aos profesores en función das especialidades. En consecuencia, este anuncio, no seu anexo I, establece as titulacións que deberán acreditar os aspirantes para participar nas diversas especialidades que se convocan en función das materias adscritas a cada especialidade e das disciplinas recollidas no Decreto 220/2005, do 7 de xullo, polo que se establece o currículo das ensinanzas superiores de arte dramática e se regula a proba de acceso a estes estudos (DOG do 8 de agosto).

Para lograr a maior adecuación entre o perfil académico e profesional e o perfil docente de cada praza, o baremo que se presenta no anexo II establece unha serie de criterios específicos determinados polas singularidades da docencia que se vai impartir, entre os cales destacan a experiencia profesional no campo artístico obxecto de concurso, a experiencia docente na mesma materia ou en materias afíns e a experiencia investigadora.

En consecuencia, esta dirección xeral anuncia:

Primeiro. Comunícase a apertura do prazo para posibles interinidades e substitucións para as especialidades de canto aplicado á arte dramática (594441) e teoría teatral (594459).

Segundo. O prazo de presentación de solicitudes será de dez días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. O modelo de solicitude estará á disposición dos interesados na páxina web da consellería, desde o día da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, no enderezo http://www.edu.xunta.es (xestión de profesorado; interinos e substitutos).

Cuarto. Comisión baremadora

A asignación da puntuación que lles corresponde aos concursantes será realizada por unha comisión baremadora nomeada polo director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e constituída polos seguintes membros:

Presidente: o director xeral de Centros e Recursos Humanos ou persoa en quen delegue.

Vogais:

O director da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.

Un/unha profesor/a da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.

O subdirector de Aprendizaxe Permanente e Ensinanzas de Réxime Especial.

O xefe da Sección de Cadros de Persoal da Subdirección Xeral de Recursos Humanos.

Un/unha funcionario/a da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que actuará como secretario ou secretaria, con voz pero sen voto.

Esta comisión estará cualificada na categoría primeira para os efectos do previsto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño), modificado polo Decreto 144/2008, do 26 de xuño (DOG do 18 de xullo).

A Comisión de Selección poderá solicitar a incorporación aos seus traballos de persoas expertas, que se limitarán a prestar a súa colaboración.

Poderá asistir un representante de cada organización sindical con presenza na Mesa Sectorial de Persoal Docente Non Universitario, con voz pero sen voto.

A Comisión poderá dispoñer a constitución de subcomisións técnicas para colaborar na valoración daqueles méritos e/ou proxectos de traballo que considere pertinentes.

Quinto. Requisitos dos candidatos e candidatas

1. Estar en posesión das titulacións que, para cada especialidade, se sinalan no anexo I deste anuncio.

2. Ter superado o curso Celga 4 de lingua galega ou validación equivalente.

Non obstante o anterior, poderán presentar solicitudes aquelas persoas que, posuíndo as titulacións sinaladas no punto primeiro, non posúan o curso de Celga 4 de lingua galega ou equivalente. Estes candidatos poderán ser seleccionados en defecto de candidatos que o acrediten. Neste caso, de seren seleccionados, os candidatos deberán superar, no prazo máximo de dous anos desde que sexan nomeados, o curso de Celga 4 de lingua galega ou equivalente.

A superación do dito curso deberá ser acreditada ante a Subdirección Xeral de Persoal da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Sexto. Os candidatos seleccionados terán un número de orde posterior á do persoal interino/substituto da mesma especialidade que foi seleccionado en convocatorias anteriores.

Sétimo. Baremo de méritos

1. Será considerado mérito preferente estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións: licenciatura en pedagoxía, licenciatura en psicopedagoxía, diplomatura en maxisterio, diplomatura en educación social.

2. A selección dos candidatos efectuarase aplicando o baremo de méritos relacionado no sinalado anexo II deste anuncio.

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2013

P.D. (Resolución 4.7.2013)
Jesús Oitavén Barcala
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

Especialidade e código

Requisitos de titulación

Canto aplicado á arte dramática (594441)

Título superior de canto.

Teoría teatral (594459)

Título superior en arte dramática, especialidade interpretación*.

Ver base sétima, punto 1

ANEXO II

I. Experiencia profesional docente e formación académica: máximo 10 puntos.

1.1. Experiencia docente previa: máximo 5 puntos.

1.1.1. Experiencia docente previa en centros oficiais na mesma especialidade: 0,5 puntos por ano (1 mes=0,0417 puntos).

Documentación acreditativa: folla de servizos certificada pola Subdirección Xeral de Persoal ou, no seu defecto, certificación do secretario do centro co visto e prace do director, na cal deben constar a data de toma de posesión e o cesamento na especialidade, así como os documentos xustificativos do nomeamento ou fotocopia compulsada deles en que conste a data de toma de posesión e do cesamento e a especialidade.

1.1.2. Experiencia docente previa en centros oficiais noutras especialidades dos estudos superiores de arte dramática: 0,25 puntos por ano (1 mes= 0,0208 puntos).

Documentación acreditativa: folla de servizos certificada pola Subdirección Xeral de Persoal ou, no seu defecto, certificación do secretario do centro co visto e prace do director, na cal deben constar a data de toma de posesión e cesamento na especialidade, así como os documentos xustificativos do nomeamento ou fotocopia compulsada deles en que conste a data de toma de posesión e do cesamento e a especialidade.

1.2. Expediente académico na titulación alegada: máximo 1 punto (6,5 a 7,5: 0,5 puntos; 7,5 a 10: 1 punto).

Documentación acreditativa: expediente académico persoal, orixinal ou fotocopia compulsada, en que consten as puntuacións obtidas en todas as disciplinas e os cursos exixidos para a obtención do título alegado.

1.3. Posgraos e doutoramentos.

1.3.1. Diploma de estudos avanzados, título oficial de máster, suficiencia investigadora ou calquera título equivalente na especialidade á cal se opta: 0,5 puntos.

Documentación acreditativa: no caso do DEA, suficiencia investigadora ou titulación equivalente, certificación académica ou fotocopia compulsada do diploma. No caso do máster, certificación orixinal ou copia compulsada da súa superación.

1.3.2. Diploma de estudos avanzados ou máster, suficiencia investigadora ou calquera título equivalente noutras especialidades dos estudos superiores de arte dramática: 0,25 puntos.

Documentación acreditativa: no caso do DEA, suficiencia investigadora ou titulación equivalente, certificación académica ou fotocopia compulsada do diploma. No caso do máster, certificación orixinal ou copia compulsada da súa superación.

1.3.3. Título de doutor na especialidade a que se opta: 2 puntos.

Documentación acreditativa: certificación académica ou fotocopia compulsada do título de doutor ou, se é o caso, do aboamento dos dereitos de expedición, conforme a Orde do 8 de xullo de 1988 (BOE do 13 de xullo).

1.3.4. Outros títulos de doutor: 1 punto.

Documentación acreditativa: certificación académica ou fotocopia compulsada do título de doutor ou, se é o caso, do aboamento dos dereitos de expedición, conforme a Orde do 8 de xullo de 1988 (BOE do 13 de xullo).

1.4. Outras titulacións:

Só serán puntuables como mérito neste punto aquelas titulacións que non sexan requisito para o acceso á especialidade correspondente.

a) Titulacións de primeiro ciclo: 0,25 puntos.

b) Titulacións de segundo ciclo: 0,5 puntos.

Documentación acreditativa: certificación académica ou fotocopia compulsada da titulación alegada ou, se é o caso, certificación do aboamento dos dereitos de expedición conforme a Orde do 8 de xullo de 1988 (BOE do 13 de xullo). No caso de estudos correspondentes ao primeiro ciclo, certificación académica en que se acredite a súa superación.

A puntuación máxima alcanzable polos puntos 1.2, 1.3 e 1.4 é de 5 puntos.

1.5. Actividade de formación: máximo 4 puntos.

1.5.1. Cursos superados relacionados coa especialidade á cal se opta, organizados polas administracións educativas que estean en pleno exercicio das súas competencias en materia educativa, polas institucións sen ánimo de lucro, que fosen homologados ou recoñecidos polas citadas administracións, así como os organizados polas universidades (valoraranse por esta epígrafe os cursos organizados polos centros oficiais ou recoñecidos de estudos superiores de arte dramática) (0,10 cada 10 horas).

Documentación acreditativa: certificado no cal conste de modo expreso o número de horas de duración do curso. No caso dos organizados polas institucións sen ánimo de lucro, deberá acreditarse de forma fidedigna o recoñecemento ou homologación.

1.5.2. Por cursos impartidos relacionados cos estudos de arte dramática organizados polas administracións educativas que estean en pleno exercicio das súas competencias en materia educativa, polas institucións sen ánimo de lucro, que fosen homologados ou recoñecidos polas citadas administracións, así como os organizados polas universidades (valoraranse por esta epígrafe os cursos organizados polos centros oficiais ou recoñecidos de estudos superiores de arte dramática) (0,10 cada 10 horas).

Documentación acreditativa: certificado no cal conste de modo expreso o número de horas de duración do curso. No caso dos organizados polas institucións sen ánimo de lucro, deberá acreditarse de forma fidedigna o recoñecemento ou homologación.

1.5.3. Por outras actividades de formación: 0,05 cada 10 horas (máximo 1 punto).

Documentación acreditativa: certificado no cal conste de modo expreso o número de horas de duración do curso.

II. Publicacións e experiencia profesional non docente: máximo 10 puntos.

2.1. Publicacións: puntuación máxima 3 puntos.

2.1.1. Por publicacións, artigos ou capítulos de libros directamente relacionados coa especialidade a que se opta: 0,15 cada publicación, artigo ou capítulo de libro.

2.1.2. Por libro publicado: máximo 0,5 puntos por libro.

As publicacións que non consignen o ISBN ou o ISSN en virtude do disposto no Decreto 2984/1972, do 2 de novembro, non serán valoradas, así como aquelas en que o autor sexa o editor delas.

Documentación acreditativa: os exemplares correspondentes ou fotocopias compulsadas deles. No referente a materiais publicados en soportes especiais como vídeos, CD-Rom, etc., será necesario achegar a documentación impresa que poida acompañar estas publicacións (portadas, folletos explicativos dos obxectivos e contidos, impresións etc.). No caso das publicacións que só teñen soporte electrónico, presentarase un informe oficial no cal o organismo emisor certificará que a publicación aparece na base de datos bibliográfica. Neste documento indicaranse a base de datos, o título da publicación, os autores, a revista, o volume, o ano e a páxina inicial e final.

2.2. Por postos e cargos desempeñados en institucións e organismos vinculados a estudos de arte dramática: máximo 2 puntos.

Documentación acreditativa: nomeamentos e cesamentos, expedidos pola autoridade competente ou, de ser o caso, certificación na cal conste que no momento de presentación da solicitude se desempeña o cargo correspondente.

2.3. Por participación en espectáculos como actor, actriz, autor escenógrafo, dramaturgo, se son da especialidade a que se opta: 0,25 por cada participación ata un máximo de 3 puntos.

Documentación acreditativa: contratos correspondentes ou copias compulsadas deles.

2.4. Organización de congresos, encontros, seminarios e outras actividades vinculadas coa especialidade a que se opta: 0,25 por cada actividade ata un máximo de 3 puntos.

Documentación acreditativa: certificación expedida pola autoridade competente.

III. Proxecto docente: máximo 10 puntos.

Proxecto docente orixinal cunha extensión máxima de 30 folios, formato DIN A-4, escritos por unha soa cara, a dobre espazo, cunha letra tipo Times New Roman, tamaño 12, que faga referencia aos seguintes aspectos: ámbito legal vixente que regula os diversos aspectos dos estudos de arte dramática, obxectivos, competencias básicas, contidos, metodoloxía pedagóxica, criterios de avaliación, bibliografía, recursos necesarios e calquera outra información relacionada cos estudos de arte dramática.

No proxecto docente deberá terse en conta a lexislación aplicable na Comunidade Autónoma de Galicia, en relación cos plans de estudos vixentes, así como a consideración de todas as materias vinculadas coa especialidade docente e sobre as cales as persoas aspirantes terían competencia docente.

Na actualidade están en vigor ensinanzas LOE. A lexislación vixente está recollida no Real decreto 630/2010 (BOE do 5 de xuño) e na Orde do 30 de setembro de 2010 (DOG do 11 de outubro), modificada pola corrección de erros publicada no Diario Oficial de Galicia do 17 de abril de 2012.

Non poderán ser seleccionados aqueles candidatos que non obteñan unha puntuación mínima de 5 puntos no proxecto docente.