Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Venres, 19 de xullo de 2013 Páx. 28726

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

RESOLUCIÓN do 10 de xullo de 2013, da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo entre a Xunta de Galicia e as organización sindicais CIG e CC.OO., relativo á aplicación ao persoal do V Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia do réxime de vacacións, permisos e licenzas do persoal funcionario.

Visto o acordo relativo á aplicación ao persoal do V Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia do réxime de vacacións, permisos e licenzas do persoal funcionario, subscrito na xuntanza que tivo lugar o 5 de xullo de 2013, e de conformidade co disposto no artigo 90.2 e 3 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 26 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo.

Esta dirección xeral

ACORDA:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia, creado mediante Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG nº 222, do 18 de novembro).

Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2013

Odilo Martiñá Rodríguez
Director xeral de Traballo e Economía Social

ANEXO

Aplicación ao persoal do V Convenio colectivo único do persoal laboral
da Xunta de Galicia do réxime de vacacións, permisos
e licenzas do persoal funcionario

En aplicación do disposto no artigo 21.4 do V Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia, o pasado 25 de xuño de 2013, na xuntanza entre a Admi-nistración da Xunta de Galicia e o Comité Intercentros do persoal laboral acordouse o seguinte:

1. Aplicar ao persoal laboral da Xunta de Galicia o réxime de vacacións, permisos e licenzas establecido para o persoal funcionario no vixente texto do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia e na Resolución do 12 de marzo do 2013, da Dirección Xeral da Función Pública pola que se ditan instrucións sobre o réxime de vacacións, permisos e licenzas; ou logo de negociación, en normas posteriores que as substitúan.

2. Queda sen efecto o disposto no V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia sobre o réxime de vacacións, permisos e licenzas, agás o establecido para as vacacións nos suposto de peche do centro de traballo e de ausencia masiva de asistidos, e a determinación da consideración de día inhábil no goce dos vinte e dous días de vacacións do persoal que desenvolva o seu traballo a quendas.

3. Acordar a creación dunha comisión de seguimento, de composición paritaria entre os representantes da Administración da Xunta de Galicia e os representantes das organizacións sindicais presentes no Comité Intercentros do persoal laboral da Xunta de Galicia, encargada de estudar e propoñer as medidas necesarias para a súa resolución.

4. O presente acordo quedará recollido como anexo IV bis do dito convenio colectivo.