Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Xoves, 1 de agosto de 2013 Páx. 30589

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 22 de xullo de 2013 pola que se convoca un curso sobre intervención de unidades caninas de rescate na busca de persoas desaparecidas.

O artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que o persoal do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia estará formado tanto por persoal de carácter profesional de servizos que realicen algunha actividade relacionada coa xestión de riscos e de emerxencias como por persoal voluntario de entidades ou organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro que teñan como fin a protección de persoas, dos bens e do ambiente en situacións de xestión de riscos e de emerxencias. Segundo o artigo 44 da citada lei este persoal organizarase en grupos operativos.

Por Resolución do 2 de agosto de 2010 publicouse o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga), onde se establece a estrutura de dirección e coordinación e as unidades organizativas para facer fronte dun xeito coordinado ás emerxencias que poidan producirse en Galicia derivadas de riscos naturais, tecnolóxicos ou antrópicos.

Dentro das actividades programadas para o ano 2013, e conforme o establecido no artigo 46 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, e na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), anúnciase a convocatoria dun curso sobre intervención de unidades caninas de rescate na busca de persoas, con 2 edicións, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Tipo

Curso

Denominación

Intervención de unidades caninas de rescate na busca de persoas desaparecidas

Modalidade

Presencial

Edicións

2

Horas lectivas

24

Prazas por edición

25

2. Obxectivos e contido.

Obxectivos:

– Coñecer o funcionamento das unidades caninas de rescate.

– Entender as vantaxes do uso de cans adestrados na busca de persoas desaparecidas.

– Recoñecer os criterios para a intervención destas unidades.

– Proporcionar o material necesario para unha óptima actuación.

Contido: neste curso trataranse, entre outros, os seguintes temas:

1. Unidades caninas de rescate.

2. Busca en grandes áreas.

3. Busca en estruturas colapsadas.

4. Busca en avalanchas de neve.

5. Busca en escorrementos de terra.

3. Destinatarios/as.

Destinatarios/as: o curso vai dirixido a aquelas persoas susceptibles de desempeñar tarefas de responsabilidade nun operativo de busca:

– Persoal voluntario de agrupacións de voluntarios de protección civil.

– Persoal profesional dos servizos municipais e supramunicipais de protección civil.

– Persoal dos servizos de extinción de incendios e salvamento.

– Persoal técnico da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior.

– Persoal técnico da Axencia Galega de Emerxencias (Axega).

– Persoal dos corpos e forzas de seguridade do estado.

Este persoal forma parte do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia (artigos 43 e 44 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia).

4. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: Agasp (avda. da Cultura, s/n, A Estrada, Pontevedra).

Horario: mañá e tarde.

Datas:

Edición

Datas

24, 25 e 26 de setembro

18, 19 e 20 de outubro

Uniformidade: o alumnado deberá asistir ao curso co uniforme de traballo

Uso da residencia: no caso das edicións que se realicen nas instalacións da Agasp, os/as alumnos/as poderán solicitar aloxamento na residencia da Agasp, sempre que se cumpran todas as condicións seguintes:

• Que o curso se realice entre luns e venres.

• Que o/a alumno/a teña a súa residencia a máis de 80 km da Agasp.

• Que haxa cuartos dispoñibles.

5. Inscrición.

a) O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá inscribirse na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

b) Con carácter previo á inscrición é necesario darse de alta como usuario da páxina web da Agasp. Nesta alta previa é imprescindible facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

c) O prazo de inscrición é de 15 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

A inscrición poderá realizarse ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos do curso, poderá completarse o alumnado asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, con suficiente anticipación para que teña lugar unha axeitada selección das persoas candidatas.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través dos números de teléfono 886 20 61 12, 886 20 61 37 e 886 20 61 38, do fax: 886 20 61 23 ou do enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

e) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

6. Criterios de selección do alumnado participante.

1º. Os integrantes das agrupacións de voluntarios de protección civil e, dentro delas, as persoas de maior rango xerárquico.

2º. Os integrantes dos servizos municipais ou supramunicipais de protección civil e, dentro deles, as persoas de maior rango xerárquico.

3º. Resérvase un 32 % das prazas para o resto dos colectivos sinalados no punto 3 con prioridade para o solicitante con menor número de cursos feitos na Agasp no último ano.

4º. Reservarase o 50 % das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes. De non existiren suficientes solicitudes de participación de mulleres, as prazas sobrantes acrecentarán as da quenda xeral.

7. Publicación das relacións do persoal seleccionado.

A Agasp publicará na súa páxina web (http://agasp.xunta.es) unha relación das persoas seleccionadas para participaren en cada curso, así como un número axeitado de reservas, de acordo co disposto no artigo 59.6º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Ademais, para unha maior difusión, serán informados da súa selección a través do correo electrónico e tamén, para quen facilite un número de teléfono móbil, a través de mensaxe telefónica.

As persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con cando menos 48 horas de anticipación ao comezo desta. A devandita renuncia deberá comunicarse por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.emerxencias.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 23.

Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen para as que reúnan os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp).

8. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado por Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

9. Faltas de asistencia.

O Regulamento de réxime interior da Agasp, mencionado na base núm. 8 desta convocatoria, regula no seu artigo 16 as faltas de asistencia nos cursos:

«1. A asistencia ás clases e actividades comprendidas no programa do curso é obrigatoria. As faltas que as/os alumnas/os acumulen deberán xustificarse debidamente, e penalizaranse de forma disciplinaria, no caso contrario.

2. A/o alumna/o que, por enfermidade ou algunha outra causa xustificada, perda máis do 10 % das clases do curso de formación será declarado non apto, e poderá incorporarse ao curso seguinte ou cando a causa determinante llo permita.

De ser necesario, e só nos casos en que a falta ás clases estivese motivada por accidente ou lesión sufridos con ocasión da actividade académica, o director xeral poderá considerar a conveniencia ou a oportunidade de permitir ao/á alumno/a poder recuperar ata un determinado número de horas e participar posteriormente nun exame extraordinario para poder superar o curso sen ter que repetilo.

3. No entanto, aínda que as ausencias acumuladas non cheguen á porcentaxe sinalada, a/o alumna/o poderá verse obrigado a recuperar todas ou parte das horas perdidas ao longo do curso. Neste caso a xefatura de ensino propoñerá ao director xeral o número de horas que se van recuperar, tendo en conta en cada caso concreto o tipo de xustificación presentada para cada ausencia, así como o número total destas e o comportamento e actitude da/o alumna/o ao longo do curso».

10. Certificado de aproveitamento.

Ao finalizar a actividade entregaráselles un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada e superen a proba final.

11. Financiamento da actividade.

Esta actividade é cofinanciada nun 80 % polo Fondo Social Europeo dentro do programa operativo Fondo Social Europeo de Galicia 2007-2013, no eixe 3, tema prioritario 72.

12. Facultades da Agasp.

A Agasp poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir o curso, ampliar novas edicións ou suspendelo temporalmente, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia.

A Estrada, 22 de xullo de 2013

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública