Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Luns, 12 de agosto de 2013 Páx. 32645

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

RESOLUCIÓN do 7 de agosto de 2013, da Dirección Xeral de Familia e Inclusión, pola que se actualizan os prezos públicos establecidos polo Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes da Consellería de Traballo e Benestar.

O Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, establece os prezos públicos das escolas infantís 0-3 dependentes da Consellería de Traballo e Benestar (DOG nº 17, do 25 de xaneiro).

Así mesmo, no seu artigo 1 establece que os prezos públicos se actualizarán cada curso escolar na mesma proporción que a variación interanual positiva experimentada polo índice xeral de prezos de consumo para a Comunidade Autónoma (IPC) no mes de xuño anterior.

Conforme os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística a variación interanual positiva experimentada polo índice xeral de prezos de consumo para a Comunidade Autónoma de Galicia no período transcorrido entre o mes de xuño de 2012 e o mes de xuño de 2013 é do 2,2 %.

Con base no exposto,

RESOLVO:

Artigo único

Actualizar os prezos públicos mensuais dos servizos prestados polas escolas infantís 0-3 dependentes da Consellería de Traballo e Benestar, segundo os tramos de renda per cápita da unidade familiar, con base no IPC acumulado durante o período transcorrido entre o mes de xuño de 2012 e o mes de xuño de 2013, de acordo coas tarifas que figuran no anexo da presente resolución.

Disposición derradeira primeira

Os prezos establecidos nesta resolución serán de aplicación a partir do día 1 de setembro de 2013.

Disposición derradeira segunda

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2013

P.A. (Disposición adicional 1ª b do Decreto 42/2013, do 21 de febreiro)
Coro Piñeiro Vázquez
Secretaria xeral de Política Social

ANEXO

1. Prezo da atención educativa.

O prezo pola atención educativa en xornada completa fíxase en 163,52 €.

Segundo o nivel de renda da unidade familiar, sobre este prezo aplicaranse as reducións que se especifican no número 3 deste anexo.

2. Prezo por servizos complementarios.

a) Servizo de comedor.

O prezo por este servizo fíxase en 71,54 €.

Segundo o nivel de renda da unidade familiar, sobre este prezo aplicaranse as reducións que se especifican no número 3 deste anexo.

No caso de nenas/os que non utilicen o servizo de comedor de maneira habitual e que, excepcionalmente e por motivos xustificados, desexen utilizalo algún día solto, o prezo será de 4,09 € por día.

b) Horario ampliado.

O prezo mensual de cada hora en que se incremente o horario de atención educativa adxudicado ao usuario ou usuaria será de 20,44 €.

3. Aplicación dos prezos públicos mensuais segundo os tramos de renda da unidade familiar:

a) Rendas inferiores ao 30 por cento do IPREM.

Prezo da praza con servizo de comedor 0 €, sen servizo de comedor 0 €.

b) Rendas comprendidas entre o 30 e inferiores ao 50 por cento do IPREM.

Prezo da praza: con servizo de comedor 16,86 €; sen servizo de comedor 0 €.

c) Rendas comprendidas entre o 50 e inferiores ao 75 por cento do IPREM.

Prezo da praza: con servizo de comedor 50,59 €; sen servizo de comedor 33,73 €.

d) Rendas comprendidas entre o 75 e inferiores ao 100 por cento do IPREM.

Prezo da praza: con servizo de comedor 93,00 €; sen servizo de comedor 67,45 €.

e) Rendas comprendidas entre o 100 e inferiores ao 125 por cento do IPREM.

Prezo da praza: con servizo de comedor 144,10 €; sen servizo de comedor 108,33 €.

f) Rendas comprendidas entre o 125 e inferiores ao 150 por cento do IPREM.

Prezo da praza: con servizo de comedor 179,87 €; sen servizo de comedor 128,77 €.

g) Rendas comprendidas entre o 150 e o 200 por cento do IPREM.

Prezo da praza: con servizo de comedor 203,38 €; sen servizo de comedor 142,06 €.

h) Rendas superiores ao 200 por cento do IPREM.

Prezo da praza: con servizo de comedor 235,06 €; sen servizo de comedor 163,52 €.