Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Venres, 23 de agosto de 2013 Páx. 33985

III. Outras disposicións

Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 19 de agosto de 2013 pola que se modifica o artigo 3 da Resolución do 7 de marzo de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para o ano 2013 de aforro e eficiencia enerxética para proxectos de renovación das instalacións de iluminación pública exterior existentes nos concellos de Galicia.

A Resolución do 7 de marzo de 2013, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 53, do 15 de marzo, establece as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvención a proxectos de renovación das instalacións de iluminación pública exterior existentes (ILE) nos concellos de Galicia, e procede á súa convocatoria para o ano 2013.

No seu artigo 3 establécese o importe previsto para o financiamento das ditas subvención, a procedencia dos fondos, así como a posibilidade de ampliar os créditos dedicados a esta convocatoria, logo da declaración de dispoñibilidade de crédito.

Por Resolución do 24 de abril de 2013, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 90, do 13 de maio, ampliouse en 350.000 €, procedentes de fondos propios do Inega, a dotación orzamentaria das bases reguladoras de aforro e eficiencia enerxética a proxectos de renovación das instalacións de iluminación pública exterior existentes (ILE) nos concellos de Galicia para o ano 2013, pasando a contar esta liña de subvención cun crédito total de 3.978.104 €.

Ante o atraso na transferencia no financiamento do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) para esta actuación e a dispoñibilidade de crédito procedente do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, cómpre, en aplicación do artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, modificar a distribución dos créditos orzamentarios consignados inicialmente.

Consecuentemente con todo o anterior e en exercicio das facultades que me confire o artigo 8 da Lei 3/1999, do 11 de marzo, de creación do Instituto Enerxético de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Modificar o artigo 3.1 das bases reguladoras no que se refire á redacción do último parágrafo e en canto á procedencia dos fondos, que queda coa seguinte redacción:

«Dos cales 1.537.447,44 € proceden do convenio asinado entre o IDAE e Inega 2008-2012 para o exercicio 2012, 1.275.963,57 € de fondos comunitarios derivados do programa operativo Feder-Galicia 2007-2013, 318.990,88 € de fondos de compensación interterritorial que cofinancian para o exercicio 2013, 495.702,11 € de fondos de compensación interterritorial libres para o exercicio 2013 e 350.000 € procedentes dos fondos propios do Inega. Trátase de actuacións desenvolvidas pola Xunta de Galicia (tramo autonómico) encadradas no eixe 4, medida 43, actuación 2, que se refire ao programa de axudas públicas para o uso racional da enerxía».

Segundo. Na táboa seguinte detállanse os fondos definitivos e a súa procedencia:

Procedencia dos fondos

Contía

Fondos IDAE 2008-2012

1.537.447,44 €

Fondos comunitarios Feder-Galicia 2007-2013

1.275.963,57 €

Fondos de compensación interterritorial que cofinancian 2013

318.990,88 €

Fondos de compensación interterritorial libres 2013

495.702,11 €

Fondos propios Inega 2013

350.000 €

Total fondos

3.978.104 €

Terceiro. Mantéñense vixentes todos os artigos da Resolución do 7 de marzo de 2013, pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións, de aforro e eficiencia enerxética a proxectos de renovación das instalacións de iluminación pública exterior existentes (ILE), para o ano 2013, nos concellos de Galicia (DOG nº 53, do 15 de marzo), agás as modificacións feitas en virtude desta resolución.

Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2013

Ángel Bernardo Tahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia